Os presupostos de Galiza para 2009

Bueno! Bueno! Bueno! Esta forma tan expresiva de abrir este post débese, por unha parte, para apoiar a campaña de alemá a prol da legalización da interxección ‘bueno’ na lingua galega, pola outra, pola sorpresa que me levei onte cando lle estaba botando unha ollada os presupostos que se están debatindo no Parlamento Galego para o vindeiro ano. Non é que me aburra, só quería ver cantas sociedades públicas dependen da Xunta de Galiza. Contei 38 entre ‘Entes de Dereito Público‘ e ‘Sociedades Mercantís e Fundacións Públicas‘, ainda que vexo que non están todas.

Onte falaba de SEAGA e como me picou a curiosidade acerquéime pra mirala máis polo miudo. Xa coñecía a plantilla que a empresa tiña en 2007 –velaquí parte dese informe (quen o queira ver completo, só ten que pedirmo). que medrou no 2008 ata superar os 2.400 empregados. Non se aclara no documento cantos fixos e cantos temporais, ainda que sabemos, polas convocatorias, que so se crearon 6 postos fixos en 2007, ainda que nese informe aparecen 7 -a saber quen será o sétimo!-, ningún en 2008.

A miña curiosidade débese tamén a provisión de postos de traballo que fará SEAGA para 2009, así que vóume a gastos de persoal (páx. 190) on di que “Está previsto que a plantilla media da sociedade se manteña, en liñas xerais, nos índices do 2008. Incrementando únicamente 2 prazas no persoal fixo, 13 en persoal interino e unha diminución de 26 en persoal de obra ou servizo”. Que unha empresa que ten unha porcentaxe superior o 99% de persoal temporal cree tan só 2 postos fixos é unha barbaridade, pero que esa mesma empresa cree 13 postos de persoal interino cando ten tan so 6 ou 7 -a saber- traballadores fixos, amais dunha barbaridade é de ignorantes, imprudentes e neglixentes, como diría Juan Gervás.

Contrato de interinidade: Este contrato ten lugar cando se trata de sustituir a traballadores con dereito a reserva de posto de traballo, sempre que no contrato de traballo se especifique o nome do sustituido e a causa da sustitución. Tamén se pode celebrar o contrato de interinidade para cubrir temporalmente un posto de traballo durante o proceso de selección ou promoción para a sua cobertura definitiva.

Onde están os traballadores fixos que van ser sustituidos por interinos? A ver, o mátematico, sáia ó encerado. Primeiro problema: si temos 6 -ou 7- traballadores fixos e se da a casualidade de que os seis -ou sete- piden unha excedencia, cantos interinos necesitamos para sustituilos?. O problema é faciliño, non?. Outro problema a resolver: si convocamos 2 postos fixos para o ano 2009, cantos interinos necesitaremos para desempeñala función do posto mentres dura o proceso de selección? Este ainda é mais doado.

Noticia relacionada:

O SEAGA non sabe cantos parados vai contratar

A externalizacion da Xunta

Si por algo pasará a historia o actual goberno da Xunta de Galiza será por batilo record de creación de empresas públicas. Crear empresa pública é un factor desivo no desenrrolo dunha sociedade -certo- sempre e cando non se faga a conta de externalizar servizos públicos que xa se ofrecían directamente pola Administración. A derradeira é Galaria, “unha empresa creada por Sanidade para “explotar” centros sanitarios” calificada polos síndicatos como un “chiringuito”. Non é o primeiro, xa houbo outros antes: SEAGA, Consorcio Galego do Benestar,… Todo o que o PP fixo mal en 16 anos o bipartito agravouno, di Feijoo. Todo non, pero moitas cousas si.

Externalización: descentralización das competencias cara a axentes -entes públicos ou privados- alleos á organización mátriz que se descentraliza ainda que esta poida participar parcialmente. Este sería o caso das sociedades anónimas vinculadas a administración como empresas públicas ou sociedades de capital mixto.

Estas iniciativas non perseguen otra cousa que non sexa burlar os controis que a Administración establece sobre a actividade pública, representando ademais, a privatización de servizos, unha transferencia á iniciativa privada da propiedade de activos públicos e de responsabilidades na provisión, a financiación, a producción e a adquisición de servizos públicos. Estas prácticas levan a cabo tamén unha certa superposición ou confusión no desempeño do servizo.
Un exemplo disto é o Servizo de Extinción de Incendios de Galiza que o realizan ó mesmo tempo empregados da Xunta e da empresa pública SEAGA, estándo todos baixo a dirección da Xunta de Galiza, e dicir, que si hai un lume no Carballiño e alí hai unha brigada de SEAGA, non serán os mandos desta empresa quen lle dean a orde de ir apagalo, o contrario, a orde virá da Xunta; polo cal, tampouco sorprenden certas declaracións dos sindicatos cando manifestan abertamente que se trata unha ETT. E que o é!! O único que fai SEAGA é aportar traballadores a Xunta, como o faría calquer outra ETT e, todo isto, sen ter que pasar polos rigorosos controis que se prevén na contratación pública o que lles permitirá levar a cabo unha política clientelar-ou o que é o mesmo: enchufar ó parente, ó amigo ou ó veciño- ademais de encarecer a prestación do servizo ó ter que crear unha estructura organizativa paralela á da Xunta de Galiza (co seu consello de administración, presidente, vicepresidenta, director xerente, directores provinciais,…). Claro que a unha ETT esíxeselle ter un mínimo de 12 traballadores con contratos estables ou de duración indefinida. Pero de contas quen sabe é o Conselleiro, que para iso é matemático, e eu non pasei de ser una alumno do montón… nesa faceta. Das subcontratacións que SEAGA fai a certas empresas “amigas” no rural falarei máis adiante.

Noticia… relacionada?

Es posible un mundo sin políticos?

Esa é a idea que defende Jaques Fresco en Zeitgeist. Para o director do Proxecto Venus, seguindo un razoamento moi simple, hai que recoñecelo, “non son os políticos os que resolven os problemas, eles non ten capacidade técnica, non saben como resolver problemas. Incluso si fosen sinceros. Son os técnicos quen producen as plantas de desalinización, son os técnicos que che dan electricidade, quen che dan vehículos a motor, quen che dan calefacción no teu fogar ou o refresca no verán. É a tecnoloxía a que resolve os problemas, non os políticos”.

Lóxica participativa vs Lóxica representativa

Hoxe no diario El País aparacía unha nova cun titular deses que merecen ser encadrados para a posteridade: “Feijóo promete liberar Galicia de las “prácticas caciquiles“. En quen primeiro pensei foi no pobre José Luis Baltar, o presidente da Deputación de Ourense. Díxenme: este xa non come as uvas. Sigo lendo… e vexo que fala en Madrid, nun almorzo deses, no que os políticos se cofean os uns ós outros. Sería cousa do roce. Pero dixo máis barbaridades: que Barack Obama nunca gobernaría Galiza tendo unha maioría (esta é boa), voltou a criticar o gasto do bipartito (son estas tonterías as que xeran desafectación política, logo quéixanse) e, como non podía ser doutro xeito, falou de bilingüismo cordial -aplausos!-,…

O caciquismo en Galiza é un mal endémico, soamente superable quitando responsabilidades de goberno os nosos representantes políticos nas administracións en favor da cidadanía. Cantas máis decisións tome o pobo directamente menos posibilidades existirán de argallar cacicadas. É o que se ten dado en chamar a derradeira revolución democrática, a chegada da nova ola participativa, o triunfo da lóxica participativa sobre a lóxica representativa.

Lóxica participativa: sería aquela que busca a máxima implicación dos cidadáns nas institucións e nas decisiones políticas. Concibese ós individuos coma un decisorio político, cunha vontade política definida e capaces de formar parte directa da decisión política colectiva.

Lóxica representativa: as decisiones políticas son tomadas polos representantes que ocupan os organismos públicos e encarganse de reunir e interpretar as preferencias e vontades dos cidadáns. Eiquí ós individuos simplemente se lles considera aptos para elexir os seus representantes.

O BNG estaba chamado a liderar a implantación da democracia participativa en Galiza pois foi este, tradicionalmente, un partido no que a lóxica participativa dominaba sobre a lóxica representativa. Os seus órganos máis importantes eran -e son- as asambleas, nas que podían aceder tódolos seus militantes e, todos e cada un, eran, co seu voto individual, os que formaban a decisión colectiva. Iso foi así ata que o BNG chegou o goberno da Xunta. En lugar de trasladar este sistema as institucións galegas, especialmente ós concellos, o que se fixo foi todo o contrario, deuse unha involución democrática dentro do partido e mudóuse ó sistema representativo, pasando a Asamblea Nacional a celebrarse con representantes –que non delegados-.

Pero hai máis. Botándolle unha ollada ó Programa marco das eleccións municipais 2007 (páxinas 42 e 43 do documento) vexo un apartado titulado REXENERANDO A POLÍTICA E AFONDANDO NA DEMOCRACIA PARTICIPATIVA -soa interesante! verdade?- no que se adican tan só duas liñas a mellor ferramenta participativa da que dispón os cidadáns nunha democracia: os orzamentos participativos. A min gostaríame utilizar polo menos unha liña para nomear tódolos concellos gobernados polo BNG que aplican este sistema… pero ata o de agora non coñezo ningún.

O Alcalde de Porto Alegre decide moito menos que calquer outro, pero as suas decisións foron fundadas en decisións colectivamente articuladas e iso faino un alcalde moito máis forte que os outros. Renuncia a decidir moitas cousas, pero iso amplía extraordinariamente a sua representación política

Tarso Genro, alcalde de Porto Alegre (1993-96 e 2001-02) e ministro de educación de Brasil

Estados fallidos

No ámbito político, a difusión deste termo foi en boa parte resultado do 11 de setembro de 2001. Os ataques foron directamente relacionados polo goberno de Bush co colapso do estado en Afganistán, feito que facilitou o entrenamento e a organización de grupos terroristas nesa rexión. Neste contexto, a identificación de estados a punto de desintegración ou fallidos pasou a ser un obxectivo da seguridade nacional para Estados Unidos.

Estados fallidos: con este concepto alúdese a aqueles estados incapaces de prover os bens políticos fundamentais asociados á idea de estado: seguridade física, institucións políticas lexítimas, administración da economía e benestar social (Patrick, 2006).

Entre as iniciativas que analizan o grado de estado fallido dun listado de países está a promovida pola organización Fund for Peace, que toma en consideración 12 criterios (movementos masivos de refuxiados e desplazados, suspensión ou aplicación arbitraria do estado de dereito, deterioro dos servizos públicos, severo declive económico, etc.).

Nestes derradeiros días, logo da morte de dous soldados nun atentado en Afganistán, a moitos dos políticos deste país, entre eles o nacionalista Francisco Jorquera, faltóulles tempo para pedir contas ó goberno pola presenza das tropas españolas en Afganistán. A ningunha destas formacións políticas se lles ocurriu preguntar, non agora, en ningún momento, polas labores de reconstrucción do estado fallido de Afganistán. Eu non son para nada inocente, ben sei que o feito de que as tropas internacionais estén en Afganistán e non en Somalia, Sudán, Congo,… por exemplo, está directamente relacionado cos intereses gasísticos e petrolíferos de Halliburton, empresa estreitamente relacionada co actual vicepresidente dos EEUU, Dick Cheney.

Do mesmo modo que rexeito moitos dos argumentos para a presenza de tropas internacionais en Afganistán, tampouco podo aceptar a demagoxia e insolidariedade que se agocha detrás de todas estas manifestacións oportunistas que se suceden trala morte de alguén neste tipo de misións. O que se debería facer nestes casos é gabar a quen tivo a firmeza, valentía e solidariedade de acudir en axuda daqueles que máis o necesitan, porque, non ó esquezamos, quen forma parte do exercito é plenamente consciente de cal é a labor que vai realizar… e hoxe en día, ninguén vai obrigado.

Os europeos -galegos incluidos- dende a descolonización vivimos mirándonos para o embigo. Ese proceso descolonizador xurdiu trala segunda guerra mundial co fin de asentar os estados europeos sobre unha base territorial máis concentrada e gobernable, sen territorios alén do mar, o que deixou a estes novos estados -en América, África e Asia- sen ningún tipo de infraestructura básica, sen unha verdadeira identidade de país, froito da diversidade étnica, lingüística e relixiosa, pero cunha economía totalmente dependente da vella Europa. Nestes estados fallidos, especialmente en África, sucedéronse as guerras, as epidemias, a fame,… e todo tipo de catastrofes, ante a cegueira dos que noutra época foran os seus colonizadores. Por iso, as preguntas axeitadas deberían ser: porqué non están as tropas internacionais no corno de África? porqué non están no Nepal ou en Myanmar? porqué non están en Centroáfrica, no Congo, Chad, Zimbahue… ou no Sáhara? Hai moitas preguntas boas que agardan resposta.

O que eu espero é que as tropas internacionais non se retiren de Afganistán ata que este estado se converta nunha democracia capaz de prover ós seus cidadáns, xa non dos mesmos servizos que temos nos en Europa, pero si daqueles máis básicos: infraestructuras, administracións públicas, sanidade, xustiza, seguridade, etc. É unha débeda que o mundo occidental e desenrolado ten contraída co mundo subdesenrolado… e xa vai sendo hora de que a pague!

Texto en duas columnas

Grazas ó blog de Gema puiden facer este post con dúas columnas, de tal xeito que as imaxes non se perden na entrada ata o infinito. Se queredes saber como facelo teredes que seguir esta ligazón.

Gracias al blog de Gema he podido hacer este post con dos columnas, de tal modo que las imágenes no se pierden en la entrada hasta el infinito. Si quereis saber como hacerlo tendreis que seguir este enlace.