Tipo de xuro legal do diñeiro para o ano 2009

Baixa ó 4%, con efecto dende o 01 de abril de 2009; baixando o xuro da mora procesal ó 6%

O Real Decreto-ley 3/2009, de 27 de marzo, de medidas urxentes en materia tributaria, financeira e concursal…, no seu artigo 1º modifica o tipo de xuro legal do diñeiro que queda establecido no 4% dende o 01/04/2009 ata o 31/12/2009.

Como consecuencia do anterior, dende o 01/04/2009, o tipo de xuro da mora procesal previsto no artigo 576 da Lei de Enxuizamento Civil pasa a ser do 6%.

Xuros: Os intereses procesais ou disuasorios arrancan da sentencia mesma, sempre que esta condene ó pago de cantidade líquida determinada.

A súa finalidade é distinta da dos intereses moratorios pois frente ó carácter retributivo e resarcitorio destes, orixinada por unha situación de mora solvendi, os procesais ten un carácter disuasorio, de recargo a fin de que a resolución condenatoria ó pago de cantidade líquida apareza singularmente potenciada na súa executoriedade.

Estes intereses nacen ope legis, sen necesidade de previa petición de parte e independentemente que na sentencia se condene ou non expresamente a pagalos.

O Padre Sarmiento e a lingua

O catedrático non ha deixar pasar un día sen adquirir unha nova voz galega ou de viva voz ou por escrito, para aumentar o onomástico galego. En segundo lugar, cada discipulo debe telo encargo de concorrer cada día con media ducia de voces galegas das que sente, xa de cousas naturais, xa de cousas artificiais. Antes era delito que un estudante galego soltase unha voz galega… Iso no meu sistema ha de ser moi loable.

En Santiago hai confesores lenguaraces (intérpretes) que saben linguas estranxeiras para confesa-los peregrinos (pero non os hai que confesen en galego). Xa é hora de acabar co absurdo e desatinado de admitir en Galicia por cregos uns lambóns que nin son galegos nin saben unha palabra desa lingua (…). Este asunto é de moita substancia e pide pronto remedio ou en sínodo ou en concilio. Se os veciños dun lugar se arrepoñen para non admitir por cura de almas o aventureiro que non é galego nin sabe esa lingua con perfección, non habería tanta broza en Galicia de curas aventureiros.

O que digo do cura que non entende a lingua dos seus fregueses e dos fregueses que non entenden a lingua do seu cura, poderá aplicarse a outros moitos que teñen que tratar con galegos rústicos sen entenderen ben a súa lingua… Uns e outros (deberán aterse) ós inviolables e loables  costumes do país, pois un costume establecido inmemorial e que non é malo, ten tanta forza coma unha lei extemporanea e transitoria, e tódolos que non saben nin a lingua galega nin os costumes respectivos son ineptos para os ditos empregos.

A minoría innovadora

Cando Salomon Asch trataba de demostrar como os individuos non se deixaban manipular con facilidade descubriu todo o contrario: o xuizo dun individuo pode ser fácilmente manexado por unha maioría… pero tamén por unha minoría. Para que isto suceda, para que unha minoría sexa capaz de xerar preocupación polas súas posturas, ten que darse unha serie de condicións:

A primeira é o conflicto que provoca o feito de que un grupo de persoas cuestione a situación dada e definida a priori pola maioría: v. g. as pseudoasembleas de delegados do BNG. O conflicto require dunha segunda condición: que sexa visible (tense que provocar nun espazo público, xa sexa físico, mediático ou ideolóxico). Un conflicto aberto obriga as persoas que o viven, directa ou indirectamente, a posicionarse dun lado ou de outro. O obxectivo da minoría debe ser manter o conflicto aberto, o ser éste un espazo no que sempre se pensa, reflexiona, crea, innova e se desenrolan argumentos, un espazo, por tanto, favorable as minorías, non polas persoas que as forman senón polas súas ideas. O mantemento deste conflicto provoca un conflicto cognitivo na maioría e a visibilidade da minoría.

A segunda condición para ser influinte será a consistencia coa que a minoría se amose ante a maioría. Aquí temos que falar de consistencia diacrónica, a que se da cando a minoría consegue manter os seus postulados con coherencia ó largo do tempo, e a consistencia sincrónica, cando as diferentes persoas que conforman a minoría manten a mesma postura dun xeito coherente. Canto máis elevado sexa o grado de consistencia que os membros da maioría perciben na minoría, máis elevada será a influencia por parte desta.

En terceiro lugar, será preciso que a minoría se amose autónoma (xerar a percepción de que as opinións da minoría non se deben a intereses externos ó movemento senón opinións as que se chegou mediante un proceso de reflexión interno) e sexa capaz de xerar confianza (a capacidade de manter posicións independentes é moi valorada na sociedade e o feito de oporse a maioría é un bo paso para ser considerado digno de confianza). Tamén é importante amosar que non se actúa por intereses persoais ou para obter privilexios para o propio grupo.

Por último, e non menos importante, cabe considerar o estilo negociador da minoría, que pode ser ríxido ou flexible, segundo a disposición a ceder que uns poidan deducir dos outros. Para a minoría, o feito de amosarse flexible en determinados momentos pode servirlle para amosar que as súas posicións non son dogmáticas e cerradas e que busca o mellor para todos. Sen embargo, tamén lle convén amosarse ríxida para exteriorizar a súa consistencia e manter vivo o contacto.

Novidades lexislativas febreito

NOVIDADES LEXISLATIVAS FEBRERO/2009

1) Baremo Tráfico. Resolución de 20 de xaneiro de 2009, da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións, pola que se da6 publicidade ás contías das indemnizacións por morte, lesións permanentes e incapacidade temporal que resultarán de aplicar durante 2009 o sistema para valoración dos danos e perxuizos causados ás persoas en accidentes de circulación. BOE 02/02/2009

2) Seguridade Social. Resolución de 20 de xaneiro de 2009, da Intervención Xeral da Administración do Estado, pola que se modifica a adaptación do Plan Xeral de Contabilidade Pública ás Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social, aprobada por Resolución de 22 de decembro de 1998. BOE 03/02/2009

3) Seguridade Social. Corrección de erratas de la Orden TIN/41/2009, de 20 de xaneiro, pola que se desenrolan as normas de cotización á Seguridade Social, Desemprego, Fondo de Garantía Salarial e Formación Profesional, contidas na Lei 2/2008, de 23 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2009. BOE 11/02/2009

4) Mutuas de accidentes de traballo. Orden TIN/221/2009, de 10 de febreiro, pola que se modifica a Orde TAS/3859/2007, de 27 de decembro, pola que se regula a contraprestación a satisfacer polas mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social polos servizos de administración complementaria de la directa. BOE 12/02/2009

5) Rexistro Central para a Protección das Vítimas de Violencia Doméstica. Orde JUS/242/2009, de 10 de febreiro, pola que se aproban os modelos de remisión o Rexistro Central para a Protección das Vítimas de Violencia Doméstica da información que debe inscribirse no mesmo. BOE 14/02/2009

6) Persoas en situación de dependencia. Real Decreto 99/2009, de 6 de febreiro, polo que se modifica o Real Decreto 614/2007, de 11 de maio, sobre nivel mínimo de protección do sistema para a autonomía e atención á dependencia garantido pola Administración Xeral do Estado. BOE 19/02/2009

7) Medidas de fomento do emprego. Real Decreto 100/2009, de 6 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a adaptación laboral do sector de fabricación e compoñentes do calzado, curtidos e marroquinería ós cambios estruturais no comercio mundial. BOE 24/02/2009

8) Medidas de fomento do emprego. Orden TIN/429/2009, de 24 de febreiro, pola que se prorroga a vixencia durante o ano 2009 das medidas sociolaborais contempladas nos artigos 3 e 4 de la Orden TAS/3243/2006, de 19 de outubro, pola que se dispón medidas necesarias para o desenrolo parcial do previsto no Acordo do Consello de Ministros de 9 de xuño de 2006, sobre determinadas medidas financeiras e sociolaborais integradas no Plan de apoio ó sector téxtil e da confección, e modifícanse ditos preceptos. BOE 27/02/2009

9) Seguridade Social. Orde TIN/442/2009, de 24 de febreiro, pola que se modifica a Orde TAS/3623/2006, de 28 de novembro, pola que se regulan as actividades preventivas no ámbito da Seguridade Social e a financiamento da Fundación para a Prevención de Riscos Laborais. BOE 28/02/2009

AVANCE NOVIDADES LEXISLATIVAS MARZO/2009

Desenrolo regulamentario TRADE. Medidas urxentes emprego. Prevención Riscos Laborais.

1) Traballadores autónomos. Real Decreto 197/2009, de 23 de febrero, polo que se desenrola o Estatuto do Traballo Autónomo en materia de contrato do traballador autónomo económicamente dependente e o seu rexistro e créase o Rexistro Estatal de asociacións profesionais de traballadores autónomos. BOE 04/03/2009

2) Medidas urxentes emprego. Real Decreto-lei 2/2009, de 6 de marzo, de medidas urxentes para o mantemento e o fomento do emprego e a protección das persoas desempregadas. BOE 07/03/2009

3) Prevención de riscos laborais. Real Decreto 298/2009, de 6 de marzo, polo que se modifica o Real Decreto 39/1997, de 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos Servizos de Prevención, en relación coa aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e da saude no traballo da traballadora embarazada, que dera a luz ou en período de lactancia. BOE 07/03/2009.

Ultraminoritarios

A quen primeiro lle vin empregar este termo foi a Anxo Quintana nun documento que non fixo máis que acender a boa parte das bases do nacionalismo galego, nunha interpretación dos resultados electorais un tanto peculiar, na que afirmaba que “si o BNG tivo un erro na apreciación da realidade social do país máis equivocado sería facer caso a sectores ultraminoritarios que non so teñen esa mesma lectura equivocada si non que ofrecen como receita máxica converter ao BNG na representación política da marxinalidade facendo oídos xordos a unha sociedade cunhas clases populares nas antípodas deses posicionamentos políticos e dibuxando un país non só imposible se non tamén non desexable”.

Este argumento é moi semellante ó que están utilizando no PSOE, máis recentemente por Pachi Vázquez, cando afirmou que “o BNG tentou impor as súas ideas a maioría“. Efectivamente, para o PSOE o nacionalismo tamén é un sector ultraminoritario ó que non se lle debe facer moito caso.

O argumentario de Anxo Quintana foi recollido, tal cal, polo Consello Nacional do BNG e aprobado logo da dimisión de todos eles e, seguro, que foi repetido, como dogma de fe, en tódalas asembleas comarcais que se celebraron por toda Galiza nestes derradeiros días. Tanta insistencia faime pensar que todas estas persoas esqueceron cal é a verdadeira función dun partido político; para min a misión dun partido político non é só representar a unha parte da sociedade, máis ou menos ampla, senón tratar de influir na totalidade da sociedade -tamén nos ultraminoritarios-. Para iso hai que convencer, non ser convencidos, e para facelo compre convicción; e dicir, hai que empezar por crelo un mesmo. O nacionalismo é unha minoría social, guste ou non guste, e non debe caer no erro de adaptarse a unha sociedade que non é nin nacionalista nin de esquerdas, co único fin de atopar un abano máis grande de electores. Máis ben ó contrario, debe ter como obxectivo transformar a sociedade e convencela de que as súas propostas son máis beneficiosas para a prosperidade de todos.

Mais, a que ven esa fobia repentina polo que eles denominan ultraminoritarios? Non se referirán a aqueles sectores que levaron a derrota do PP no ano 2005? Pode que si, ten que ser eles… os mesmos que os desaloxaron do poder no 2009. Coido que se refiren con ultraminoritarios a unha parte da sociedade galega que posúe unha gran cultura política, unha sociedade comprometida cos dereitos individuais e colectivos da nación (sociais, medio-ambientais, culturais, productivos, …). A esta xente, de principios rexos e dignidade íntegra, non é doado meterlle os dedos nos ollos.

O curioso deste asunto é que quen trata de convencernos disto son precisamente os Ultraminoritarios do Pobo Galego (daquí en diante UPG), sector ultraminoritario dentro do BNG, e moito máis ultraminoritario na sociedade galega, que conseguiu conformar dentro do grupo nacionalista do Parlamento Galego unha maioría de representantes da UPG. Si non fora porque son eles os que defenden esta teoría, ben podería pensarse que ós ultraminoritarios aqueles dos que din “máis equivocado sería facer[lle] caso” son precisamente a UPG.

Medio Rural e SEAGA discriminan o parque natural do Xurés

Unha das razóns fundamentais para a situación da Base Helitransportada do Xurés (BHX) é o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. O parque natural do Xurés-Gêres é o único parque nacional do lado portugués e o parque natural máis grande da parte de Galiza que, en total, abrangue un territorio de máis de 33.000 hectáreas. Agárdase que no mes de abril o parque sexa declarado Reserva da Biosfera.

Tradicionalmente a Xunta de Galicia destinaba neste enclave helicópteros con capacidade para brigadas amplas (PZL-Swidnik W3 AS “sokol”, con capacidade para once pasaxeiros ou Eurocopter SA 330 J “puma”, para quince pasaxeiros), sen embargo, no ano 2008 SEAGA e Medio Rural destinaron para a zona helicópteros máis pequenos (Dell 407 para seis pasaxeiros ou Eurocopter AS 350 “B3” para cinco pasaxeiros). Isto obrigou tamén a reducir o tamaño das brigadas que quedaron configuradas por un técnico e catro peóns.

Durante o primeiro mes da campaña 2008 na BHX houbo un só emisorista o que obrigou o responsable da base a deixar a un dos peóns realizando esa función (feito que se repetiu no mes de setembro cando un dos emisoristas estivo de baixa) o cal lles creou serios problemas de coordinación na realización de embarque e desembargue, nun periodo, o inicial, donde se debe formar o equipo para a extinción.

Si a falla de emisorista obriga a reducir o equipo nunha unidade, esta situación agrávase cando ademáis se suma a baixa dalgún dos peóns, o cal é algo habitual. O grave deste asunto é o feito de que SEAGA nunca suplía as baixas con outras persoas e deixaba o equipo de extinción en mínimos (dunha ocasión o helicóptero partiu da base cara un indendio con un técnico e un peón), pondo en risco a integridade dos membros da brigada ó serén menos integrantes do debido e, por suposto, reducindo as posibilidades de éxito contra o lume. Afortunadamente choveu máis do que se esperaba.

No ano 2009 os responsables de SEAGA e Medio Rural xa poden rezar ós deuses para que chova pois parece ser que se vai seguir a mesma política que a o ano pasado. Non sei como estarán as demáis bases, pero na BHX, na que comezaron a precampaña o pasado día 5 de marzo, fixéronno sen ningún emisorista. Así as brigadas, formadas por catro peóns e un técnico, terán que empezar a traballar sen un dos seus membros que se fará cargo da emisora. Pregúntome si lles importa algo ós responsables de SEAGA e Medio Rural o Parque Natural do Xurés ou os propios traballadores que forman os equipos de extinción.

Deixade que decidamos nós

Segundo publica hoxe o diario El Pais Anxo Quintana está disposto a celebrar unha Asemblea Nacional Extraordinaria para o mes de Abril ante o alzamento continuo de voces proferidos dende as bases do nacionalismo galego, unha Asemblea a que poidan asistir tódolos militantes do BNG. Na mesma nova sinálase que o portavoz nacional pretende configurar unha lista única para a nova executiva na que non figure ningún dos líderes das distintas correntes do BNG. Isto si que é difícil de asumir, vale que non esté el e F. Rodríguez, responsables da desfeita electoral pero, que razóns obxectivas existen para excluir ós responsables de outras correntes e partidos políticos? Ningunha. O único que buscan quinigás é upegás é debilitar a capacidade de arrastre que xera o líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras.

Primeiro trataron de controlar  as Asembleas Nacionais mediante o filtrado das Asembleas comarcais e, agora, o que pretenden é que non poidamos elixir libremente a quen nos pareza. O Sr. Quintana e o Sr. Rodríguez son moi libres de autoexcluirse de calquer lista –mádia leva!-, pero non teñen autoridade moral algúnha para sacar desas listas a terceiros, menos a persoas que non teñen responsabilidade algúnha da situación actual do nacionalismo galego. Na vindeira Asemblea deben ser os afiliados os que decidan o futuro do BNG non os dirixentes. Eles xa o fixeron nos últimos anos… así nos foi!