Feijóo non decepciona a ninguén

Ó contrario do que fixeron outros. Aínda resoa nos meus oídos o piano, piano co que respondían os responsables do bipartito ó fronte da Xunta de Galiza cando dende sectores afíns se lles metía presión para executar os seus programas (pensaban, tal vez, que tiñan 16 anos por diante. Algúns, de feito, estaban totalmente convencidos de que así sería). Decepcionaron a todos: ós seus propios votantes e mesmo a oposición, que tivo que buscar polémicas artificiais, como a da lingua, o gasto, …, para poder facer o seu papel, dada a política continuísta de PSOE e BNG.

Sen embargo, o PP non decepciona a ninguén. Está facendo exactamente o que se esperaba que fixese, levar a práctica todas aquelas cuestións que incidiron de xeito máis ou menos determinante na súa vitoria electoral: a enquisa da lingua no ensino, a venda do coche de Touriño, a derrogación do Plan eólico, a depuración de nomes e símbolos identitarios de Galiza, como as Galescolas (aínda que o da Galiña Azul a min non deixa de parecerme un acrónimo de ‘escoliña galega’), a proliferación de licenzas para novas e ampliación de vellas piscifactorías e minicentrais, a subvención de entidades privadas que operan no ámbito social, a vez que reduce custos de marcado carácter social dende o sector público -gratuidade de libros, eliminación das ‘peonadas’ na sanidade, paralización de axudas a dependentes, …-, ou a subvención de grupos ultracatólicos que,  entre outras medidas polémicas adoptadas que, nos gusten ou non, entran dentro do que se podía esperar.

E por suposto, tampouco renunciou este goberno a ampliar as axudas aqueles fieis colaboradores, maila política de redución de gastos da que presume, como son os grandes grupos mediáticos de Galiza, outorgando outro millón de euros, dos de tódolos galegos, para o Grupo de La Voz de Galicia -o equivalente a 5 coches de Touriño-, pouco máis do que lle viña dando o bipartito, iso si, pero que, dado o contexto socioeconómico e a liña pregoada polo novo goberno, resulta incoherente e incomprensible pois, digo eu, que si os recursos son escasos, estes deben concentrarse nos servizos sociais -que, amais, son unha fonte fundamental para a creación emprego- e non na prensa escrita, un sector abocado a unha reconversión para afrontar os efectos que sobre eles ten as novas tecnoloxías da información. Estas axudas resultan tan incoherentes como subvencionar a industria automobilística para a fabricación de coches de gran cilindrada en plena crise enerxética. Podería agora referirme a algún suposto ficticio, mais sobran exemplos reais (sobre a estupidez humana recomendo o artigo de Michael Moore, Adeus General Motors). Non sei si se está cometendo a mesma estupidez ou, simplemente, mantendo con recursos públicos a unha caste afín politicamente.

Amais, o PP está actuando con intelixencia ó afrontar dende un principio as políticas máis controvertidas socialmente, pois ten por diante catro longos anos para que se vaian calmando os ánimos. A outros, pola contra, ocorréuselles a última hora ir molestar ós poderes fácticos de Galiza (promovendo un xornal que competise co máis lido, o concurso eólico, …), así como continuar cos ataques a sectores afíns, defensores dunha economía produtiva tradicional e menos agresora co noso entorno, sectores que, por outra banda, eran o auténtico caladoiro de votos da esquerda galega. Estupidez ó cadrado. Un erro de cálculo do que, sen dúbida, o equipo de Feijóo tomou boa nota.

4 comentarios en “Feijóo non decepciona a ninguén”

  1. Aguda reflexom sobre as diferências entre o governo bipartito e o de Feijóo: “o PP está actuando con intelixencia ó afrontar dende un principio as políticas máis controvertidas socialmente, pois ten por diante catro longos anos para que se vaian calmando os ánimos. A outros, pola contra, ocorréuselles a última hora ir molestar ós poderes fácticos de Galiza (…)

  2. Quero facer varios apuntamentos a este post. Afírmase que a política do bipartito foi contuista. Discrepo, as áreas que levou o BNG non foron continuistas, todo o contrario. A proba está en que os ataques, durante a campaña, e as reformas, xa no goberno, do PP céntranse nesas áreas: o concurso eólico, o Bantegal, as Galescolas, xuventude, e cultura.
    Por outra parte o bipartito perdeu as eleccións en áreas moi localizadas, en segmentos de votantes moi localizados, cuns resultados moi axustados, como ben se pode comprobar cos resultados actuais e anteriores, e estudos pre e postelecotariais que se fixeron.
    O PP está a practicar unha política xa prevista. Tampouco estou de acordo. Este non é o PP de Fraga (conservador), este é un novo PP (neocon); se callar para min pode haber diferenzas de matices, mais para outras persoas hai un abismo.
    En consecuencia, o deriva reaccionaria non fixo máis que comezar. O gordo está por vir en desmantelamento do sector público, impostos, creacionismo, privatizacións, españolismo, liberalismo, etc. Tempo ao tempo.
    Este PP é especialmente torpe, e poño dous exemplos: a cuestión da consulta do galego (cuxos resultados eran previsíbeis) e o escandalo da directora xeral de formación e colocación.
    Finalmente, creo que empregar o termo “peonadas” para referirmonos ás horas extras estruturais do sistema sanitario público é desafortunado. “Peonadas” serán as da privada, pero as da pública son horas extras estruturais que amosan carencias estruturais do sistema público. É moi importante loitar polo sergas en tanto que público e para iso cómpre impedir que inoculen este tipo de termos.
    Despois de tanta leña, dar os parabéns polo blogue, queda moi pelota, outra vez será.
    Un saúdo.

  3. Eu também concordo com o que di que esta reflexom é agudissima:
    “o PP está actuando con intelixencia ó afrontar dende un principio as políticas máis controvertidas socialmente, pois ten por diante catro longos anos para que se vaian calmando os ánimos. A outros, pola contra, ocorréuselles a última hora ir molestar ós poderes fácticos de Galiza (…)”

    A reflexom é superinteligente, tudo o contrario do caso que se fala nela onde os seus protagonistas forom máis burros que o que assa a manteca.

Os comentarios están pechados.