Propiedade, terra e traballo

Esta semana tocoume dar un módulo de creación de empresas a un obradoiro no Concello de Os Blancos (Ourense), unha materia nova para min, pois non son economista, en substitución dun compañeiro que está de vacacións e si o é. Como non pretendo pasar por especialista nunha materia na que non o son plantei o módulo dun xeito totalmente diferente ó que viña sendo habitual [explicar como se elabora un balance e como crear unha empresa a partir dunha franquicia: BEEP (sic)], comezando cun tanque de ideas, logo madurando e analizando esas ideas para rematar facendo un plan de empresa, sen pasar por alto a importancia de realizar estes tres pasos antes de por en marcha calquera proxecto empresarial.

Teño que destacar a participación de todos na reportación de ideas que, amais de numerosas eran acordes coas potencialidades da zona e, case todas, coas posibilidades dos participantes. O problema xorde en forma de desconfianza, coma sempre, cando finalmente falamos de crear sociedades e realizar reportacións ós proxectos. Falamos abertamente desa barreira psicolóxica máis non logramos derrubala aínda que si, recoñecela. Hai tempo que lin un estudo que falaba da confianza que as persoas teñen nos seus socios de empresa nas diferentes comunidades. Segundo este, os cataláns son os que máis confianza depositan e os galegos os que menos. Non fai falla que engada nada máis.

Máis este post non ía por aí. Quería falar de riscos, o outro medo que nos atenaza a hora de crear unha empresa: perder o diñeiro invertido. Preguntei ós compoñentes do obradoiro por que si estarían dispostos a arriscarse a hora de comprar unha vivenda e, sen embargo, non o están para crear unha empresa. A resposta máis usual é que todos necesitamos unha vivenda na que vivir -o que eu respondín que tamén necesitamos un traballo para pagala… e para vivir- e que, de ter que pagar por ela é mellor comprala que alugala, pois así terían algo que deixarlle ós seus fillos.

Aquí comezou un novo debate. Que é o que os país deberían deixarlle ós seus fillos? Propiedades ou traballo? Estando como estabamos nun entorno rural pregunteilles a todos si tiñan terras, ó que responderon afirmativamente e logo enlacei a súa resposta con outras dúas preguntas: que credes que vos estaban deixando os vosos antergos cando invertían en terras? Unha propiedade ou un medio de vida, isto é, traballo?

Coido que aquí é onde comprendemos todos, incluído eu, cal era a verdadeira importancia da terra para os nosos antecesores: era o medio que nos garantiría traballo no futuro. A propiedade da terra era a ‘empresa’ que un cidadán galego, nunha sociedade baseada nunha economía primaria, podía deixar ós seus descendentes.

Nalgún intre da evolución da nosa sociedade, tan preocupada sempre por deixar algo, esquecemos que era o mellor para deixar ós nosos descendentes [propiedade (vivenda, diñeiro,…) ou traballo (empresa)], porque no pasado unha cousa -propiedade (terra)- e a outra -traballo (terra)- eran o mesmo.

4 comentarios en “Propiedade, terra e traballo”

  1. Interessante reflesom 🙂 Acavas-me de fazer pensar a min também pois creio que muitas vezes tambèm cheguei a caer nesse erro de mitificar a terra dos meus ancestros…
    Em quanto o tema do trabalho estes días topei cumha iniciativa que desconhecia mas que seguro que ti conheçes que é a da banca ética que busca máis ó trabalho que á especulaçom. Em Galiza há algumhas como http://www.opeto.org

    Umha aperta!

  2. Si coñecía a este tipo de banca, mais non esa asociación (grazas polo apuntamento). De feito, e en aras de promover o cooperativismo entre os membros deste obradoiro, animábaos a buscar financiamento noutras cooperativas como coop57 Galicia, unha iniciativa que tivo moito éxito en Catalunya e que agora chegou aquí.

  3. A min os meus pais deixáronme un rodillo de amasar de pau preto, procedente de Moçambique, unhas fotos, algún libro e os esforzos que fixeron por darme estudos. E nunca llelo agradecerei bastante.
    Vexo que andas a pensar no papel da terra como herdanza en man morta e a perda de sentido nestes tempos. Alégrome.
    Saúdos.

  4. Claro que penso… e amais gústame oír o que pensan esas persoas que, polo que vexo, xa é moi distinto do que pensan seus pais ou avós.

    A conclusión a que chegamos neste obradoiro é que os nosos antepasados invertían en terras porque iso nos garantiría a supervivencia e nos daría liberdade (pola contra, a súa falta en tempos non moi lonxanos, levaba a fame e/ou a escravitude polo señorito de quenda), o mesmo que busca un empresario coa súa empresa. Aínda hoxe, moitos dos máis vellos e coa crise que está caendo, ven na terra un refuxio seguro para os seus descendentes. Quen sabe si levarán razón… cando menos, quen ten terra e ganas de traballar non pasa fame.

Os comentarios están pechados.