O factor visible da invisibilidade na estatística

Hai un factor que me fai dubidar dos resultados dos enquisas que se publican en diferentes medios, o xeito en que se realiza: sondaxe telefónica.

As eleccións de 1936 ou 1948 son unha proba tanxible do que acabo de afirmar. En 1936 deuse un fracaso ben soado por parte dunha revista lendaria, a Literary Digest, agora desauciada, na que se realizara unha entrevista entre os seus subscritores e persoas posuidoras de teléfono. Segundo a sondaxe Landon acadaría 370 representantes e Roosevelt 161. Gañou o último.

Que pasou? Poi que os subscritores a revistas e persoas que posuísen unha liña telefónica naquel tempo formaban un grupo especial, economicamente, e pouco representativo da sociedade do seu tempo. Pero houbo máis erros. En 1948 a enquisa de opinión realizada por Gallup (reforzada por outras sondaxes como as da Axencia Roper) para as eleccións dese ano, cometeu un erro estatístico que acadou gran difusión, ao outorgar a vitoria de entre 5 e 15 puntos porcentuais de Dewey sobre Truman. Gañou este último.

O erro foi debido, segundo Gallup, a que se deixaron de recoller datos tres semanas antes do día da votación. No Reino Unido, as sondaxes fallaron ao prognosticar as vitorias electorais dos conservadores en 1970 e 1992, e a vitoria dos laboristas en 1974. En España erraron tamén coa vitoria de Mariano Rajoy no 2004. Neste caso tamén debido aos sucesos anteriores á xornada de votación.

É moi probable que a enquisa realizada por Filipe Díez no seu blog, enredando, de ao traste coas ilusións dos seus lectores maioritarios e ao final o BNG non acade unha maioría absoluta no Estado español. Porque? Doado, os lectores do seu blog tampouco son representativos do conxunto do Estado. Pero o mesmo pode dicirse doutras sondaxes realizadas a través da rede por diversos xornais ou plataformas. Significa iso que non son válidas? Claro que non, o que non son é extrapolables, como tampouco o pode ser, penso, unha sondaxe realizada a través dun teléfono publicadas nos xornais, baixo seu encargo.

O cliente sempre ten a razón… e hai que darlla. Non ía ser menos neste tipo de negocios. As mostras actuais, aleatorias, son realizadas telefonicamente e a un teléfono fixo, para verificar a que circunscrición se está chamando. Sen embargo, a mobilidade dos novos aparellos telefónicos foi crecendo ano a ano e lévanos a abandonar os vellos, agora arrombados na casa, mentres nós nos movemos co móbil no peto polas rúas. A última sondaxe que lin, de Sigma Dos, dicía que fora realizada telefonicamente entre 7800 persoas.

Tampouco estaría de máis coñecer datos relevantes desas persoas sobre as que se realizan as sondaxes: autónomo, empresario/a, traballador/ra por conta allea, desempregado/a, estudante, pensionista, xubilado/a, idade, xénero,… ou, por exemplo, a que tipo de teléfono ao que se chama. Son esas pequenas cousas invisibles que non sempre aparecen reflectidas. Por iso me custa tanto crer que se poida dar cun grupo representativo, por máis extenso que sexa, da sociedade ao carón dun teléfono fixo, nun xornal ou nun blog. Pois quen lle pregunta ás persoas que están nun aeroporto, nun tren, nun autobús, camiñando pola rúa ou simplemente sentado no banco dun parque un día calquera como si fose un luns ao sol? Non se lles pregunta, abofé, pero tense en conta nos laboratorios de estatística.

E debería facerse, sobre todo nestes tempos de crise, nos que millón e medio de fogares non contan con ingreso algún, o que obriga a moitas familias a eliminar gastos como o teléfono, e de ser este o elixido antes se prescindiría do fixo que do móbil, pola cantidade de funcionalidades que nos ofrece: axenda, directorios, cámara de fotos, reprodutor de música, internet,… Internet! O outro factor invisible que se atopa entre as persoas que usan as TIC para comunicarse e non son tidas en conta polas sondaxes, que continúan usando os mesmos criterios e procedementos dende fai décadas. Aí está o crecemento na venda de smartphones, tabletas, portátiles,… instrumentos visibles das redes que se tecen no ciberespacio, cada día máis real que imaxinado, cada día máis decisivo. As sondaxes ignoran as persoas que utilizan este medio de comunicación, ignoran os fluxos de información e opinión que crean, opinión tamén sobre o voto. Isto faime aventurar para o 20N outro cisco semellante ao de Literary Digest ou Gallup… ou quizais sexa un desexo.

Publicado en Galicia Confidencial

Mitins, bandeirolas e hooligans ardentes

Asistín a moitos mitins na miña vida e víame sempre rodeado de argaos, de xente que non escoitaba, berraba cando se lles pedía que o fixeran, ou instintivamente cando se ventaban valores identitarios, ou calaban ao falar de conceptos políticos, económicos, mesmo filosóficos que nos afectan.

 

Coches pola rúa rebentando oídos aos viandantes, cartaces arrincados polas treboadas enchendo de lixo parques, xardíns, cunetas. Programas de partidos políticos enchendo os baldes do lixo, baleiros de contido ideolóxico, prometendo o que non fixeron cando tiveron a oportunidade de gobernar. Titulares de prensa que se converten en argueiros que penetran polos ollos deica os cerebros menos esixentes, frases impactantes para acochar ante os mass media a ausencia de proxectos reais e activar instintos primarios, como a paixón, no votante e desactivar aqueles outros que nos converteron no que nos define como animais: a razón. Seres pensantes, seres críticos.

Iso é unha campaña política na actualidade: a mala praxe no uso da mensaxe, dirixida integramente ás emocións humanas, esquivando a razón; a utilización dunha imaxe falsa, finxida, para chegar cunha mirada ao que o “votante medio” considera “candidato normal” logo de anos e anos perfilando esa imaxe na mente humana: traxes caros, garabatas, postas en escena milimetricamente estudas, con predominio masculino (imaxe de fortaleza) sobre o feminino (debilidade),… aínda con esas, espremendo o zume dunha educación patriarcal. O importante é sacar o máximo proveito a eses minutos, quizais segundos, de televisión para enganar ao espectador que ignora como todo iso se logra: a punta de pistola.

Os locais onde se imparten charlas ou mitins énchense recrutando concello a concello ás persoas, como si fosen ovellas para unha feira de animais. Lembro cando sendo Responsable Local do BNG de Xunqueira de Ambía me chamaba o Responsable Comarcal, hoxe candidato do BNG ao Congreso polo Senado, para dicirme cantas persoas debían acudir a cada acto: trae como mínimo a dez, dicía. Non é preciso moita imaxinación para saber que en cada mitin que dan neste ou noutro partido os candidatos chegan co seu séquito ao lugar elixido cunha ducia ou centos de persoas. Crean un teatriño no que cada quen cumpre co seu papel, incluídos os pseudoespectadores, para chegar a vostede, que está na súa casa fronte a un televisor e descoñece estas tropelías maliciosamente argalladas.

Non lles contarán a xente, a ese conxunto de persoas ás que lle estafan o voto, a verdade do que levan feito, moito menos do que farán no futuro. Soamente lle ensinarán a mensaxe que exalta os seus sentimentos, a imaxe da resposta dunha multitude embebida no cinismo político que nos abrangue e espallan os que se din nosos representantes, escoitaremos e leremos as acusacións mutuas de corrupción, normalizándoas socialmente -a propia, claro-, provocando medo social ao que ven (máis paro, máis terrorismo, máis desaucios, máis pobreza,… tamén máis contaminación, pero isto non o din) si o outro goberna, sen ofertar alternativa algunha,… pero nada, nada de política, nada de solucións reais aos problemas que nos afectan: a crise financeira, o desemprego, os desaucios, a perda continuada de dereitos persoais, vencellados ao estado de benestar, e laborais e por suposto a contaminación do noso contorno que nos obriga a respirar un aire contaminado, beber de augas sucias, comer alimentos envelenados… A humanidade actual parece non preocuparlle a supervivencia da civilización creada durante milleiros de anos. Estamos dando, irremediablemente, un paso atrás no proceso evolutivo da nosa especie.

eQuo e a invasión dos alieníxenas verdes

Pódese pedir un cambio ao tempo que se vota pola permanencia dos de sempre? O cambio represéntao o movemento e soamente del pode xurdir unha realidade anovada, máis xusta, máis igualitaria, máis solidaria. Por iso eu non confío en ningunha formación política que nacese antes do #15M

 

A de cousas que se ten dito sobre a irrupción de eQuo no panorama político, co agustiño que se estaba cos de sempre –e a renovación obrigada da esquerda abertzale, claro-. Teño lido que eQuo é unha aposta dos verdes de todo Europa que seica queren afacerse pola calada coas administracións deste país; teño lido en certos artigos, de dubidoso criterio, que os verdes son neoliberais que andan en bicicleta, cousa que dubido, porque si son verdes e de dereitas e van sobre rodas, podería ser a Garda Civil ; teño lido que eQuo é unha marca branca do PSOE; todo son rumores fomentados maliciosamente para ocultar a verdadeira realidade: detrás dos verdes están hordas invasoras de alieníxenas, que como todos sabemos, de sempre, sempre foron verdes. Polas miñas veas corre sangue verde. Postos a dicir barrabasadas para qué quedarse curtos, va que si!

Que non é eQuo?

eQuo por definición non é nada do que digan aqueles que o ven como un inimigo e non como unha alternativa democrática. Polo tanto, nin son neoliberais en bicicleta nin gardas civís, nin un complot de verdes europeos nin alieníxenas, nin a marca branca do PSOE nin unha aposta da CIA e, por suposto, non son o brazo político do #15M, que é un movemento social, namais, onde cada membro vota a quen lle peta si é que lle dá a gana.

Que é eQuo?

Para saber non hai como preguntar, buscar información ou beber da súa fonte: eQuova. Quizais aí se poida ir perfilando de que vai este proxecto que vota a andar, todo este movemento verde e, como grazas ao traballo cooperativo dunha comunidade ampla -milleiros de persoas- e ben organizada se foi capaz de transformar ese movemento cívico e ecoloxista en formación ecopolítica, demostrando unha capacidade de crecemento sen precedentes.

“Recupera a ilusión” “Rexenera a democracia” “Reutiliza o teu voto” REINICIA

Semellante capacidade de mobilización e autorrexeneración pode verse, unha e outra vez, na esquerda abertzale ou nos movementos cívicos cataláns, promotores de continuas alternativas políticas; pois agora tamén o logrou o movemento ecosocialista eQuo dando conta, unha vez máis, do inmobilismo que atinxe a boa parte desta sociedade, sempre tan de costas ás persoas. Aquí en Galicia ninguén deu un paso por mudar o panorama político, si ben algo se debateu, primeiro na “Rolda de Rebeldía” (agora tan desactivada como o seu dominio), logo “Novos camiños para a esquerda galega”, ambas xornadas nas que se tivo como referente aos movementos sociais, ignorados tanto tempo nesta terra, chegando amofarse deles e calificándoos de sectores ultraminoritarios; pois ben, dicía que nestas xornadas se debateu con todos estes movementos sobre solucións á crise que nos afecta, ao territorio, á sustentabilidade,… unha xornada, a última delas, moi rica en ideas (merece a pena volver ver e, sobre todo, escoitar eses vídeos), mais sen resultados materiais. A este debate de ideas fixeron oídos xordos os partidos xa asentados no territorio, incluído un si case ultraminoritario BNG. Non queren ideas novas, xa teñen as súas vellas, ideas que abondan, ideas perennes, ideas das cales cren que son válidas para calquera tempo e circunstancia; son estas ideas súas, sen embargo, caducas -pois non as pon en práctica- alí onde gobernan. Moitas persoas xa se decataron que o partido dos desencantados non opta máis que a ser oposición ou, o que é peor, ser unha formación parasita doutro partido, o PSdeG. A este nacionalismo galego si se lle podería por o alcume de “marca branca do PSOE”, só hai que botar unha ollada polo mapa político de Galicia alí onde goberna o PSdeBNG. Son unha caste de parásito estrano, xa que o habitual é que creza e se desenrrole a costa do hospedador, sen embargo non, neste caso o parásito acaba sendo chuchado.

Sen embargo, eQuo é un partido novo que xorde directamente do movemento ecoloxista, non do #15M, do cal si forma parte como tantos outros colectivos e persoas. Non sei desta, pero a historia dinos que é o movemento o que declina, unha e outra vez, a balanza para unha ou outra parte nuns comicios electorais, sexan xa movementos pola defensa dos dereitos humanos e cívicos, pola preservación da natureza, pola igualdade de xénero, contra o dilapidamento económico na devastación bélica, etc. Un deses movementos decidiu dar o salto a política. Polo que ollei dende fora, primeiro, e logo dende dentro, existe entre tódolos membros un entusiasmo tan contaxioso como esperanzador, así como unha forte implicación de cada persoa no proxecto eQuo, froito do liderado, visión e carisma de Juan López de Uralde, candidato que conta cunha traxectoria exemplar na defensa do medio ambiente e cunha capacidade inxente para comprometer as persoas que voluntariamente se uniron a ao este proxecto facendo tamén que súas miras sexan máis amplas.

De autista político a político 2.0

A persoa da que falo coñecina fai moitos anos. Sempre chegaba á cafetería da miña familia, pedía café, collía un xornal, agachaba a cabeza e nin miraba para quen tiña ao lado. Por suposto non dicía máis que as palabras necesarias: “café” e “canto é?” cando non traía xusto. Nunca o vin falar con outra persoa. As veces viña con algunha persoa -dos seus, benega– e entón si, falaba con ela do único que unha persoa así pode falar: política. Xamais lle escoitei falar doutro tema que non fose iso: política. Como responsable local dun dos concellos da comarca na que esta persoa é responsable comarcal coincidín con el en varias ocasións, tamén nalgunha visita ao noso concello para tomar uns viños. Seguíase a falar do mesmo: política. Daba igual que o viño estivese bo ou malo, bebía del sen moumear un laio. Viño e política. Namais. Nin cuns viños enriba era (e segue sendo) incapaz de dirixir unha palabra a outra persoa que non fose aquel reducido grupo de nacionalistas. Agora sígome cruzando con esta persoa noutra cafetería, coa mesma pose de sempre, cara á porta (será por si ten que liscar) un café e un xornal no que acochar a mirada da xente, levantándoa levemente de cando en vez para asexar quen pasa a súa beira. Nunha destas, ao guichar, ten cruzado a súa ollada coa miña, e coma un lóstrego medorento volve á sección de política do papel que trae entre mans.

Onde queira que viva, xa en Porqueira, en Ourense ou agora na Valenzá non amosou o máis mínimo interese polos veciños. Nin sequera saúda ao andar agás, agás que sexa alguén do benega, entón si, non ten medo a abrila boca e falar daquilo que só sabe falar: política.

Por iso se lle valora, pola seu talante entre os seus. Tamén por moitas traizóns aos seus. Ese talante, si se lle pode chamar así cofear o lombo de Quintana, levouno ao Senado. E como senador seguiu sendo o mesmo autista político que outrora: aberto no seu contorno nacionalista, cerrado ao resto da humanidade. Segue sen saudar a xente na rúa, nin sequera aos veciños da súa actual vivenda. Nin un sorriso sequera. Xamais o atoparedes falando cun descoñecido si vai só, do xeito en que o fai cando o acompaña un fato de benegallos. Entón si, rodeado da manda saca valor para enfrontarse a un simple mortal.

Xaora, por imperativo do Consello Nacional do BNG todos os candidatos deben ter perfís públicos nas redes sociais. Non porque gusten deles. Por obriga. Alguén lles debeu advertir que por aquí, nas redes andamos moitos votos perdidos e veñen na súa procura. Quizais descoñecen o perfil das persoas que por aquí nos movemos: socialmente críticas, pouco dadas ao adoutrinamento que dende os partidos tradicionais adoitan, sobradamente informadas e preparadas e multidisciplinarias. Os cualificativos, ben sei, quedan curtos. Estas características que posuímos os usuarios das novas tecnoloxías foron aprendidas con anos de práctica: como usar cada rede social e para que serve, é algo que só se coñece cometendo multitude de erros, erros de lóxicos principiante que, por suposto, non se deben cometer cando o que se vende é un mesmo.

Twitter, por exemplo non é un chat, aínda que moitos o usen como tal. Coidar a linguaxe é importante, aquí non vale a linguaxe SMS. Non se tolera o spam. Existen moitas outras normas que a comunidade foi creando ao largo de anos e que recolle moi ben José Luis Orihuela en Mundo Twitter, si ben aquí os cambios son continuos e calquera teoría pode quedar desfasada en días.

O peor xeito de comezar nesta e calquera outra rede social é seguindo ou solicitando amizades de xeito indiscriminado, para amosar publicamente quen a ten máis larga… a lista. Logo danse casos como o de Isabel Pérez Alcaldesa que chegou ao 22M con máis amigos que votos. Este do que falo vai polo mesmo camiño, seguindo ou solicitando amizade a persoas coas que logo nin se fala na rúa e rematan en situación coma esta:

@xOsse: Unha proba de que os políticos non administran as súas contas nas redes sociais é que o pailán de @PerezBouza me siga a min 😉

A resposta non tardou,… de quen fose:

 @PerezBouza: @xOsse O teu non ten remedio, sempre insultando. Xa se ve cal è o teu talante. Q magoa!!!

Que mágoa! Que talante! Que arrogancia! Que cinismo! Si… cinismo arrogancia mágoa talante… talante?

@xOsse:@PerezBouza Si alguén se cruza comigo na mesma cafetería e me torce a mirada e logo me sigue no twitter é un pailán… tonto vaia

Outubro… longo outubro

E aínda non rematou. E xa agroman os toxos nos montes negros, verdes e tenros os toxos, cincentos os montes. Aínda non comezara este mes cando se puxo a andar a idea de constituír a Asociación de Vítimas do Caciquismo. Aos medios pareceu interesarlles a nova… máis ou menos. En setembro solicitouse o Salón de Actos da Deputación de Ourense e ante a negativa desta a cedérnolo decidín comunicarllo a un medio que non dubidaría en facer deste feito unha noticia de interese nacional: La Voz de Rogelio. Así lle chaman por estas terras á delegación do xornal coruñés en Ourense. Darían conta da nova simplemente para atacar por enésima vez ao baltarismo, coma sempre sen deixar tocado ao feijooismo. Este pensamento quedou corroborado cando poucos días máis tarde, logo dunha nova negativa a outra solicitude realizada en nome da AVC, desta vez do Salón de Actos de Caixa Ourense (paso de utilizar nomes de usar e tirar), tamén propiedade da cidadanía. É comprensible. As caixas gastan moitos cartos dos aforradores en publicidade neste (e outros) xornal e o dono deste xornal (el non protesta), en concreto, está endebedado ate as cellas co que quede das caixas galegas, agardando que entre tanto cambio de personalidade e nomes se perdan as anotacións das débedas. O caso foi que da negativa da Deputación de Ourense convertérona nunha nova de nivel nacional e a segunda negativa foi ocultada, cousa que non só non me sorprende, senón que agardaba. O que non agardaba, quizais, foi todo o rebumbio inicial ao que se prestaron tódolos medios de Santiago Rey para acosar -que acusar xa o facía eu- a Baltar: prensa, radio e televisión.

Outros medios como El País, a priori interesados neste movemento cívico, decidiron non dicir nada, en tanto que dende a AVC tamén se denuncian irregularidades noutras administracións gobernadas por partidos “amigos”. Ou iso ou, simplemente, non encaixaba coa súa liña editorial. Tanto dá, agora trato de analizar canto deu de si a goma mediática. A medios como La Región nin me molestei en enviarlle nada.

Outros medios, galegos e en galego, tamén fixeron que a AVC fose noticia: Galicia Confidencial e Radiofusión, aos cales lle estou enormemente agradecido. En Galicia Confidencial tamén asinei algún artigo de opinión sobre o caciquismo. Aquí si houbo total liberdade de expresión, sen cortes, sen ocultar información,… do mesmo xeito que eu sempre fixen, facendo chegar novas a diferentes medios. Logo cada quen dálle a relevancia que lle parece, sempre, entendo, según os propios intereses. O exemplo máis claro sobre isto é o do Grupo Voz, ao observar como tratan a mesma noticia (negación dun salón de actos) cando os suxeitos son diferentes (nun caso a Deputación de Baltar, no outro a caixasenfondosnova). Dende o Grupo Voz non dan fe das cacicadas de Rogelio Martínez, argalladas na escuridade da trama mafiosa que pretende derrubar o baltarismo, que non é menos, para o cal decidiron combater coas mesmas armas: favor para uns, discriminación para outros. Afortunadamente sempre nos quedarán recunchos coma este nos que poder dicir o que nos pareza e chegar ate as persoas que non se conforman coa realidade que lle pintan os medios de comunicación.

Secuelas da desamortización de ZP

As superestruturas económicas internacionais (FMI, BM, BCE,…) fai décadas que viñan avisando: as caixas de aforros eran un encordio para a libre competencia amoucando os beneficios das grandes financeiras mundiais. Os directivos das caixas axiña captaron a mensaxe, cumpría que afundisen, cumpría quebralas ou, cando menos, que o parecese. Así poderían seren absorbidas polo gran capital financeiro, polas grandes fortunas de aquí e de acolá, os verdadeiros decisores do sistema oligárquico que nos goberna, os que mandan non soamente sobre o pequeno capital, senón tamén sobre as persoas, nós en quen seica reside a soberanía, e ao que eles chaman capital humano. No fondo todo e capital (económico e humano). E ao final, chegará o día, non da rebolta senón no que nos obrigarán a axeonllarnos ante eles por térennos salvado.

O capital que nos goberna atopou na crise financeira o escenario perfecto, unha cicloxénese económica explosiva onde cadran no mesmo tempo e lugar a ambición duns poucos co arrombamento doutros e a desesperación e angustia dos que máis, o escenario perfecto, dicía, para espoliarnos a todos: primeiro, aos estados solicitándolle axudas para sanear a súa ineptitude (como si iso tivese cura), axudas que, pola contra, xamais serían concedidas a un simple cidadán en circunstanciais iguais; e segundo, forzando unha desamortización do patrimonio do pobo, acadado a base de suor, sangue e lágrimas por cada recuncho do mundo. Falo do erario baldeiro que contiña os impostos que pagamos, endebedándonos a nós e ás xeracións vindeiras. Falo do patrimonio das nosas caixas, das nosas empresas, das nosas edificacións, do noso aforro persoal e colectivo. Grandes cousas se construíron coas remesas chegadas de onde for que estivesen nosos paisanos, acompañados sempre pola señardade dos emigrantes cara súa terra, unha terra que querían levantar financiando grandes e pequenos proxectos. Máis dos primeiros, pois o acceso ao financiamento daquela como agora tamén estaba restrinxido aos máis podentes. Ao usuario común dábaselle o necesario para poder investir no produto que puña no mercado o usuario excelente, financiándolle, polo xeral, a compra dunha vivenda baixo a usura duns intereses que superaban o quince por cento. Prestamos que servían tamén para calmar ao movemento obreiro, que ao estaren endebedados deixaron de ser feros a converterse na xente mansa que somos xaora. Cartos enviados por milleiros de emigrantes obrigados pola mesma presión caciquil que se fixo dona aquí do seu traballo no alén, usando eses cartos para soster e fornecer á organización criminal caciquil que agora segue a explotar aos seus propios paisanos, aos fillos daqueles pobres que fuxiran entón, obrigándonos a unha nova e irremediable escapada sen retorno… deixalos aí, que se coman entre eles, que se fodan os uns aos outros. Inconscientes de nós! que diría a raposa que nos garda.

Mirade si os tempos mudaron: agora mexan por nos e dicimos que e cocacola, tragamos ese líquido noxento e dourado e dicimos que é negro e sabe ben, tomamos outro trago e gabamos a textura esponxosa e burbullante que nos deixa no padal. Queima pero refresca. Apuramos o mexo pola gorxa abrindo a comisura dos beizos ate o seu límite para apouvigar a excitación do desacougo. E entón acougamos sentados na cadeira dalgunha terraza agardando quizais que nos cuspan na cara o fume tranquilizante que lle sobra a algún fumador. Si. Agora todo vai ben.

Oito anos de Blogomillo, ou o que puido ser a identidade conversacional galega, e non foi

O 29 de setembro de 2003 nacía Todonada, o blog da xornalista María Yáñez, que a autora pechaba case tres anos despois, o 8 de xullo de 2006. Logo verían máis… pero para non saturar a rede con contido repetido remítome ao que di a Galipedia sobre o Blogomillo. Logo virían moitos outros e cada chegada era recibida coa expresión “outro blog no millo”, de aí ao “blogomillo” un paso, outro neoloxismo creado por María Yañez para denominar a aquela crecente comunidade.

Todos nós somos o que falamos, somos tamén con quen falamos, con quen nos relacionamos lendo e compartindo información. Somos, xa no apoxeo da era dixital, persoas que coñecemos a moitas outras coas que apenas temos contacto físico pero coas que grazas as redes sociais mantemos unha relación conversacional e comparticional diaria. Estas relacións permítennos construír doadamente novas comunidades nun espazo virtual que rematarán nun momento dado “por precipitarse ao mundo real, tanxible, e por tanto verdadeiramente humano” (Das nacións as redes, VVAA, Editorial 2.0). Erraban os que falaban da rede como un universo paralelo. Non o era, nin o é. A galegofalante somos unha comunidade ampla, activa, formada e comprometida entre moitos outros adxectivos. Somos xa, transcorridos oito anos do xermolar do blogomillo, unha comunidade real.

No seu inicio formaban a comunidade do blogomillo tanto bloggers como lectores. Ser blogger ou lector non mudaba o estatus dentro da comunidade, todos eles, persoas activas ou pasivas, suman o mesmo (+1) porque en calquera intre, calquera dos que conforman esta comunidade, sexa blogger ou lector, dábaselle a posibilidade de expresarse (os trolls e as censuras chegaron logo). Ser galego e relacionarse preferentemente con persoas galegofalantes son trazos do perfil das persoas que forman esta comunidade, que me nego a chamar virtual, sen endogamia, sempre aberto a novas propostas culturais, ideolóxicas e cognitivas blogrroleando de blog en blog. Esta realidade fixo que a miña comunidade imaxinada –a que vou chamar “maxín #gz”— teña un común denominador: a lingua galega. A lingua galega foi o eixo sobre o que se forxou unha comunidade lingüística en galego máis ampla do que endexamáis fora imaxinada. Esta comunidade non se limitou –de feito non o fai– ao espazo físico que debuxa no mapa a Galicia senón a galegofalantes de todo o globo; toda a blogomillo foi e é o mellor compañeiro que atopan moitos galegos lonxe das nosas fronteiras, xa que permite que calquera persoa galegofalante, onde queira que se atope, teña a posibilidade de expresarse en galego grazas a esta colectividade en rede e poder así comunicarse na súa lingua e establecer así relacións -incluídas as comercias- que consideren facendo uso das novas tecnoloxías, boa parte delas de uso gratuíto.

O valor desta comunidade imaxinada engorda cada día co gotexar de novos contidos de diferente temática e ideoloxía achegados ao galego dende o coñecemento compartido por outras comunidades lingüísticas, sen as cales o valor da nosa comunidade conversacional sería ben pobre. Esa diversidade global fornece a nosa pequena comunidade e favorece a metamorfose do virtual ao tanxible. Os blogs que chegaron ao millo non estaban moi ben posicionados no seu inicio, pero eran moitos e a interrelación entre eles grande, compartindo ligazóns axiña acadaron as primeiras páxinas nos resultados de busca. Quen editaba un blog amosábase tamén moi activo noutros, xa como estratexia de posicionamento xa por ansias colaborativas, deixando vencellos para permitir facer blogrroll, permitindo aos usuarios ir choutando duns blogs a outros.

A liberdade de expresión era elevada, pois na rede 2.0 non tiña nin ten moito sentido censurar o que logo se pode dicir noutro espazo ou no persoal. O crecemento do blogomillo foi propiciado pola necesidade de información dunha sociedade que deixara de confiar nos medios de comunicación tradicionais, tralo afundimento do Prestige que tinguiu de petróleo as costas galegas. Os movementos sociais como Nunca Máis (aínda que tempo despois do seu xurdimento), logo Hai Que Botalos e máis tarde, co bipartito, Galiza Non Se Vende ou xa na actualidade o #15M fixeron uso desta ferramenta, onde máis que nunca se fixo oír o clamor da rebeldía.

O blogomillo moveu os marcos sociopolíticos da Galicia conservadora de xeito espontáneo e sen pretendelo, chegando a proactividade desta comunidade a crear unha corrente de opinión progresista onde, por primeira vez tiñan voz os silenciados, nós os cidadáns anoxados. Esta corrente que aínda segue viva, aínda que máis feble, pasou do maxín a realidade tendo unha incidencia significativa no cambio de goberno de 2005 (tamén no 2009), coincidindo co punto máis álxido do blogomillo, xa non pola súa capacidade de influír na sociedade galega, senón pola mobilización entre un sector progresista desmobilizado. Movéronse e elimináronse moitos marcos e concentráronse as eiras virtual e real nunha soa parcela. As TIC proporciónannos unha liberdade que nos permitía e permiten estar nun eido, noutro ou en ambos a un tempo. É unha elección persoal da que antes careciamos.

Certamente, somos máis libres coas TIC, pois podemos expresarnos sen as barreiras de sempre nos constrinxiron, as duns medios de comunicación que contan a súa historia xa por centos. Sen embargo, unha vez máis, estes medios gañaron a batalla comunicativa, introducindo entre a comunidade un novo marco: información de calidade; entendendo por tal aquela que proviña dos medios de comunicación tradicionais e con sinaturas de soleira. E callou. Funcionou ate tal punto que os membros desta comunidade imaxinada comezaron a tirarse os cacharros entre si cun tópico longamente repetido: “quen te cres que es”. A opinión persoal deixou de interesar e volveuse a promover non as propias opinións senón aos artigos de opinión e novas dos poucos medios en galego e de moitos españois e portugueses.. A expresión “información de calidade” en linguaxe orwelliana, se lle podería denominar “liña editorial”. Non deixa de ser un método de censura pero soa moito mellor. A comunidade de Chuza! foi e é un bo exemplo deste enfrontamento, como amosa a súa actual anemia, favorecida pola conversa unidireccional, na que todos queren expresarse pero non escoitar aos demáis, pola falla de orixinalidade no discurso, verdadeiros plaxios das webs de certos partidos políticos (ultraminoritarios), polos discursos zafios, balerios e lavados, carentes de personalidade propia (ollai para o que dá).

En Chuza! censurase na actualidade a La Voz de Galicia, sen embargo, os diarios que desaparecen son outros, os que nesta rede se fomentan. Censúranse No chuzadas e opinións contraditorias coa “liña editorial” que marca unha minoría moi activa. Sen embargo o mundo non para e o que sucede nesa comunidade parece afectarlle ben pouco aos embargados polos seus ideais (a xornal coruñes), máis ben ao contrario, aféctalle a outros medios máis da órbita do “maxín #gz”. A endogamia mata. Todo ten a súa lóxica dentro dos marcos conversacionais (recomendo a lectura de “Non penses nun elefante”, George Lakoff, 2.0 Editora). Unha vez a propia comunidade diferenza contidos de calidade (os periodísticos) e de baixa calidade (a dos que forman o blogomillo) desaparecen da grella de chuza! moitos blogs, limitase o número de fontes de contido en galego, interactúase menos, e remata ferida de morte a interdependencia que outrora lles daba valor. Así, unha vez caído o maior medio colaborativo de Galicia, os blogs, e acadado o obxectivo dos medios máis influentes do país co xermolar dese pensamento –contido de baixa calidade- espállase a onda afectado a outros medios de comunicación menos influentes: GZNación, A Peneira, Vieiros, GaliciaHoxe, Xornal, A Nosa Terra e o que virá.

Concordo con Lakkof cando afirma que non abonda con investir en medios de comunicación, senón en “enmarcado e linguaxe”. E nisto, xa de pouco vale laiarse, non se investiu nada e o resultado é a perda de influencia da comunidade lingüística galega, que a medida que deixou de retroalimentarse comezou a perder masa muscular e de aí a súa febleza actual, soamente comparable coa fortaleza dun morto-vivinte. Concordo tamén con Manuel M. Barreiro (A nova dereita e nós, 2011, 2.0 Editora) cando afirma que na rede está a reserva da cidadanía. Está tamén o seu ego. Son dúas cuestións distintas pero deberán ir da man para repetir no futuro movementos que, noutra ocasión, sendo casuais e espontáneos fixeron virar o rumbo da política galega.