O factor visible da invisibilidade na estatística

Hai un factor que me fai dubidar dos resultados dos enquisas que se publican en diferentes medios, o xeito en que se realiza: sondaxe telefónica.

As eleccións de 1936 ou 1948 son unha proba tanxible do que acabo de afirmar. En 1936 deuse un fracaso ben soado por parte dunha revista lendaria, a Literary Digest, agora desauciada, na que se realizara unha entrevista entre os seus subscritores e persoas posuidoras de teléfono. Segundo a sondaxe Landon acadaría 370 representantes e Roosevelt 161. Gañou o último.

Que pasou? Poi que os subscritores a revistas e persoas que posuísen unha liña telefónica naquel tempo formaban un grupo especial, economicamente, e pouco representativo da sociedade do seu tempo. Pero houbo máis erros. En 1948 a enquisa de opinión realizada por Gallup (reforzada por outras sondaxes como as da Axencia Roper) para as eleccións dese ano, cometeu un erro estatístico que acadou gran difusión, ao outorgar a vitoria de entre 5 e 15 puntos porcentuais de Dewey sobre Truman. Gañou este último.

O erro foi debido, segundo Gallup, a que se deixaron de recoller datos tres semanas antes do día da votación. No Reino Unido, as sondaxes fallaron ao prognosticar as vitorias electorais dos conservadores en 1970 e 1992, e a vitoria dos laboristas en 1974. En España erraron tamén coa vitoria de Mariano Rajoy no 2004. Neste caso tamén debido aos sucesos anteriores á xornada de votación.

É moi probable que a enquisa realizada por Filipe Díez no seu blog, enredando, de ao traste coas ilusións dos seus lectores maioritarios e ao final o BNG non acade unha maioría absoluta no Estado español. Porque? Doado, os lectores do seu blog tampouco son representativos do conxunto do Estado. Pero o mesmo pode dicirse doutras sondaxes realizadas a través da rede por diversos xornais ou plataformas. Significa iso que non son válidas? Claro que non, o que non son é extrapolables, como tampouco o pode ser, penso, unha sondaxe realizada a través dun teléfono publicadas nos xornais, baixo seu encargo.

O cliente sempre ten a razón… e hai que darlla. Non ía ser menos neste tipo de negocios. As mostras actuais, aleatorias, son realizadas telefonicamente e a un teléfono fixo, para verificar a que circunscrición se está chamando. Sen embargo, a mobilidade dos novos aparellos telefónicos foi crecendo ano a ano e lévanos a abandonar os vellos, agora arrombados na casa, mentres nós nos movemos co móbil no peto polas rúas. A última sondaxe que lin, de Sigma Dos, dicía que fora realizada telefonicamente entre 7800 persoas.

Tampouco estaría de máis coñecer datos relevantes desas persoas sobre as que se realizan as sondaxes: autónomo, empresario/a, traballador/ra por conta allea, desempregado/a, estudante, pensionista, xubilado/a, idade, xénero,… ou, por exemplo, a que tipo de teléfono ao que se chama. Son esas pequenas cousas invisibles que non sempre aparecen reflectidas. Por iso me custa tanto crer que se poida dar cun grupo representativo, por máis extenso que sexa, da sociedade ao carón dun teléfono fixo, nun xornal ou nun blog. Pois quen lle pregunta ás persoas que están nun aeroporto, nun tren, nun autobús, camiñando pola rúa ou simplemente sentado no banco dun parque un día calquera como si fose un luns ao sol? Non se lles pregunta, abofé, pero tense en conta nos laboratorios de estatística.

E debería facerse, sobre todo nestes tempos de crise, nos que millón e medio de fogares non contan con ingreso algún, o que obriga a moitas familias a eliminar gastos como o teléfono, e de ser este o elixido antes se prescindiría do fixo que do móbil, pola cantidade de funcionalidades que nos ofrece: axenda, directorios, cámara de fotos, reprodutor de música, internet,… Internet! O outro factor invisible que se atopa entre as persoas que usan as TIC para comunicarse e non son tidas en conta polas sondaxes, que continúan usando os mesmos criterios e procedementos dende fai décadas. Aí está o crecemento na venda de smartphones, tabletas, portátiles,… instrumentos visibles das redes que se tecen no ciberespacio, cada día máis real que imaxinado, cada día máis decisivo. As sondaxes ignoran as persoas que utilizan este medio de comunicación, ignoran os fluxos de información e opinión que crean, opinión tamén sobre o voto. Isto faime aventurar para o 20N outro cisco semellante ao de Literary Digest ou Gallup… ou quizais sexa un desexo.

Publicado en Galicia Confidencial

Mitins, bandeirolas e hooligans ardentes

Asistín a moitos mitins na miña vida e víame sempre rodeado de argaos, de xente que non escoitaba, berraba cando se lles pedía que o fixeran, ou instintivamente cando se ventaban valores identitarios, ou calaban ao falar de conceptos políticos, económicos, mesmo filosóficos que nos afectan.

 

Coches pola rúa rebentando oídos aos viandantes, cartaces arrincados polas treboadas enchendo de lixo parques, xardíns, cunetas. Programas de partidos políticos enchendo os baldes do lixo, baleiros de contido ideolóxico, prometendo o que non fixeron cando tiveron a oportunidade de gobernar. Titulares de prensa que se converten en argueiros que penetran polos ollos deica os cerebros menos esixentes, frases impactantes para acochar ante os mass media a ausencia de proxectos reais e activar instintos primarios, como a paixón, no votante e desactivar aqueles outros que nos converteron no que nos define como animais: a razón. Seres pensantes, seres críticos.

Iso é unha campaña política na actualidade: a mala praxe no uso da mensaxe, dirixida integramente ás emocións humanas, esquivando a razón; a utilización dunha imaxe falsa, finxida, para chegar cunha mirada ao que o “votante medio” considera “candidato normal” logo de anos e anos perfilando esa imaxe na mente humana: traxes caros, garabatas, postas en escena milimetricamente estudas, con predominio masculino (imaxe de fortaleza) sobre o feminino (debilidade),… aínda con esas, espremendo o zume dunha educación patriarcal. O importante é sacar o máximo proveito a eses minutos, quizais segundos, de televisión para enganar ao espectador que ignora como todo iso se logra: a punta de pistola.

Os locais onde se imparten charlas ou mitins énchense recrutando concello a concello ás persoas, como si fosen ovellas para unha feira de animais. Lembro cando sendo Responsable Local do BNG de Xunqueira de Ambía me chamaba o Responsable Comarcal, hoxe candidato do BNG ao Congreso polo Senado, para dicirme cantas persoas debían acudir a cada acto: trae como mínimo a dez, dicía. Non é preciso moita imaxinación para saber que en cada mitin que dan neste ou noutro partido os candidatos chegan co seu séquito ao lugar elixido cunha ducia ou centos de persoas. Crean un teatriño no que cada quen cumpre co seu papel, incluídos os pseudoespectadores, para chegar a vostede, que está na súa casa fronte a un televisor e descoñece estas tropelías maliciosamente argalladas.

Non lles contarán a xente, a ese conxunto de persoas ás que lle estafan o voto, a verdade do que levan feito, moito menos do que farán no futuro. Soamente lle ensinarán a mensaxe que exalta os seus sentimentos, a imaxe da resposta dunha multitude embebida no cinismo político que nos abrangue e espallan os que se din nosos representantes, escoitaremos e leremos as acusacións mutuas de corrupción, normalizándoas socialmente -a propia, claro-, provocando medo social ao que ven (máis paro, máis terrorismo, máis desaucios, máis pobreza,… tamén máis contaminación, pero isto non o din) si o outro goberna, sen ofertar alternativa algunha,… pero nada, nada de política, nada de solucións reais aos problemas que nos afectan: a crise financeira, o desemprego, os desaucios, a perda continuada de dereitos persoais, vencellados ao estado de benestar, e laborais e por suposto a contaminación do noso contorno que nos obriga a respirar un aire contaminado, beber de augas sucias, comer alimentos envelenados… A humanidade actual parece non preocuparlle a supervivencia da civilización creada durante milleiros de anos. Estamos dando, irremediablemente, un paso atrás no proceso evolutivo da nosa especie.

eQuo e a invasión dos alieníxenas verdes

Pódese pedir un cambio ao tempo que se vota pola permanencia dos de sempre? O cambio represéntao o movemento e soamente del pode xurdir unha realidade anovada, máis xusta, máis igualitaria, máis solidaria. Por iso eu non confío en ningunha formación política que nacese antes do #15M

 

A de cousas que se ten dito sobre a irrupción de eQuo no panorama político, co agustiño que se estaba cos de sempre –e a renovación obrigada da esquerda abertzale, claro-. Teño lido que eQuo é unha aposta dos verdes de todo Europa que seica queren afacerse pola calada coas administracións deste país; teño lido en certos artigos, de dubidoso criterio, que os verdes son neoliberais que andan en bicicleta, cousa que dubido, porque si son verdes e de dereitas e van sobre rodas, podería ser a Garda Civil ; teño lido que eQuo é unha marca branca do PSOE; todo son rumores fomentados maliciosamente para ocultar a verdadeira realidade: detrás dos verdes están hordas invasoras de alieníxenas, que como todos sabemos, de sempre, sempre foron verdes. Polas miñas veas corre sangue verde. Postos a dicir barrabasadas para qué quedarse curtos, va que si!

Que non é eQuo?

eQuo por definición non é nada do que digan aqueles que o ven como un inimigo e non como unha alternativa democrática. Polo tanto, nin son neoliberais en bicicleta nin gardas civís, nin un complot de verdes europeos nin alieníxenas, nin a marca branca do PSOE nin unha aposta da CIA e, por suposto, non son o brazo político do #15M, que é un movemento social, namais, onde cada membro vota a quen lle peta si é que lle dá a gana.

Que é eQuo?

Para saber non hai como preguntar, buscar información ou beber da súa fonte: eQuova. Quizais aí se poida ir perfilando de que vai este proxecto que vota a andar, todo este movemento verde e, como grazas ao traballo cooperativo dunha comunidade ampla -milleiros de persoas- e ben organizada se foi capaz de transformar ese movemento cívico e ecoloxista en formación ecopolítica, demostrando unha capacidade de crecemento sen precedentes.

“Recupera a ilusión” “Rexenera a democracia” “Reutiliza o teu voto” REINICIA

Semellante capacidade de mobilización e autorrexeneración pode verse, unha e outra vez, na esquerda abertzale ou nos movementos cívicos cataláns, promotores de continuas alternativas políticas; pois agora tamén o logrou o movemento ecosocialista eQuo dando conta, unha vez máis, do inmobilismo que atinxe a boa parte desta sociedade, sempre tan de costas ás persoas. Aquí en Galicia ninguén deu un paso por mudar o panorama político, si ben algo se debateu, primeiro na “Rolda de Rebeldía” (agora tan desactivada como o seu dominio), logo “Novos camiños para a esquerda galega”, ambas xornadas nas que se tivo como referente aos movementos sociais, ignorados tanto tempo nesta terra, chegando amofarse deles e calificándoos de sectores ultraminoritarios; pois ben, dicía que nestas xornadas se debateu con todos estes movementos sobre solucións á crise que nos afecta, ao territorio, á sustentabilidade,… unha xornada, a última delas, moi rica en ideas (merece a pena volver ver e, sobre todo, escoitar eses vídeos), mais sen resultados materiais. A este debate de ideas fixeron oídos xordos os partidos xa asentados no territorio, incluído un si case ultraminoritario BNG. Non queren ideas novas, xa teñen as súas vellas, ideas que abondan, ideas perennes, ideas das cales cren que son válidas para calquera tempo e circunstancia; son estas ideas súas, sen embargo, caducas -pois non as pon en práctica- alí onde gobernan. Moitas persoas xa se decataron que o partido dos desencantados non opta máis que a ser oposición ou, o que é peor, ser unha formación parasita doutro partido, o PSdeG. A este nacionalismo galego si se lle podería por o alcume de “marca branca do PSOE”, só hai que botar unha ollada polo mapa político de Galicia alí onde goberna o PSdeBNG. Son unha caste de parásito estrano, xa que o habitual é que creza e se desenrrole a costa do hospedador, sen embargo non, neste caso o parásito acaba sendo chuchado.

Sen embargo, eQuo é un partido novo que xorde directamente do movemento ecoloxista, non do #15M, do cal si forma parte como tantos outros colectivos e persoas. Non sei desta, pero a historia dinos que é o movemento o que declina, unha e outra vez, a balanza para unha ou outra parte nuns comicios electorais, sexan xa movementos pola defensa dos dereitos humanos e cívicos, pola preservación da natureza, pola igualdade de xénero, contra o dilapidamento económico na devastación bélica, etc. Un deses movementos decidiu dar o salto a política. Polo que ollei dende fora, primeiro, e logo dende dentro, existe entre tódolos membros un entusiasmo tan contaxioso como esperanzador, así como unha forte implicación de cada persoa no proxecto eQuo, froito do liderado, visión e carisma de Juan López de Uralde, candidato que conta cunha traxectoria exemplar na defensa do medio ambiente e cunha capacidade inxente para comprometer as persoas que voluntariamente se uniron a ao este proxecto facendo tamén que súas miras sexan máis amplas.

Golpe de Estado dos mercados

Sen blindados na rúa, sen revolta social, sen covardes fuxindo do país, sen declaracións reais, sen condenas internacionais. O golpe de estado perfecto: o dos mercados.

O 2 de Setembro será unha data para lembrar, tanto que debería celebrarse nela o día da Nova Constitución. Entramos pois nunha nova ditadura: a dos mercados.

Os mercados son ese ente difuso ao que non se lle atopa flanco definido polo que atacar, están por todas partes, son todas partes. Son eles, somos nós. Como atacarnos a nós mesmos? Mellor deixalo estar. Os mercados non son de aquí ao tempo que si son de aquí e de alá. Como imos atacar aos de aquí? Mellor quedar quietos. É un bo invento iso dos mercados, agora o inimigo do que defendernos é o mesmo que nos dá de comer, o que nos emprega, o que inviste en nós, o que nos vende produtos, o que leva a plusvalía do noso esforzo, non para a metrópole (España, único inimigo aos ollos do nacionalismo pailán) senón para os seus países de orixe e paraísos fiscais, dende os cales non reinvestirán nada en servizos sociais nin en infraestruturas para o noso pobo colonizado.

Viva o Mercado! Viva España! Viva o Rei!

A Constitución dos mortos que goberna aos vivos

6 de decembro de 1978. A un total de 26.632.180 españois dáselle a oportunidade de decidir, non soamente o seu presente e futuro, senón tamén o pasado, presente e futuro das 47.021.031 persoas censadas e con dereito a voto nas recentes eleccións municipais de 2011. Daqueles que tiveron semellante privilexio en 1978, e que agora se nos nega, votaron que SI a pregunta de “Aproba o proxecto de Constitución?” 17.873.271 persoas, o que representa o 67,11% do total, e que viría sendo o 38,01% da poboación actual si todos eles se atopasen aínda con vida, cousa que é pouco probable. Como creo na improbabilidade dese feito, considero que a maioría daquelas persoas que tiveran a oportunidade de votar entón, dando un SI maioritario ao proxecto do texto constitucional, xa non se atopan entre nós 33 anos despois -case un cristo-. Así, a porcentaxe de persoas sobreviventes que ratificaron en referendo aquelas leis, leis que gobernan aos vivos de agora, representa unha porcentaxe ridícula da poboación actual. O peor, ou o mellor, segundo se mire, é que esa porcentaxe se irá reducindo día a día. Lei de vida.

Aquela norma, a norma dos maiormente mortos, segue rexendo as vidas de millóns de persoas sen que tivésemos xamais a oportunidade de ratificalas na súa totalidade en momento algún. Sen embargo, aínda hai que manifesta que esa caduca Constitución é a de tódolos españois. Demagoxia aparte, esa Constitución non é a nosa; esa Constitución non é máis que un instrumento das actuais castes gobernantes: as persoas que dominan os mercados internacionais. Nin sequera aos políticos, disque nosos representantes, lles corresponde ese papel. Son os mercados quen lle sacan todo o xugoa Constitución para espremelos osos de cada cidadán, ate non deixar nada. Para entón recollerán tódolos trebellos –como xa fan agora moitas empresa- e a zugar a outra parte. Sempre haberá un sitio neste mundo global a quen escravizar, disposto tamén a deixarse escravizar sempre en nome do progreso, co valor engadido da democracia ou non.

Para cando nos decatemos esta praga de lagostas dirixentes xa non nos terán deixado máis que desertos, acuíferos secos, ríos contaminados e un ar irrespirable. Quizais entón decidamos que é o momento dunha nova Constitución. Quizais o decidan os que queden. Para entón xa nós, os vivos de agora ou mañá, os mortos do futuro, teremos decidido xa como non será o seu mundo. A súa liberdade para decidir verase constrinxida polos estragos causados polas nosas decisións ou non decisións (inacción e silencio), os homes e mulleres dagora, do pasado futuro, dos xa mortos para entón.

Eses textos constitucionais que agora son instrumentalizados polos mercados globais, pasando por riba do estado-nación, convertéronse en verdadeiras barreiras para as liberdades da cidadanía, sando ao cidadán cartóns vermellos cada vez que esixe un dereito. Curioso, restrínxense liberdades en nome dos nosos propios dereitos. Obríganos a calar en nome da liberdade da expresión. Exprópiannos en nome do dereito a propiedade privada e ao dereito a unha vivenda. Restrínxenos o dereito a decidir en baseándose nos que xa decidiron por nós. Ese é o poder das verbas consagradas nas constitucións. So verbas. Verbas deformadas e mil veces interpretadas no beneficio da oligarquía mercantilista que nos goberna. Xa agora, ninguén pode dicir que votou aquela Constitución de 1978, nin sequera os que puideran ter metido un SI na furna, pois os axustes feitos tanto polos sucesivos gobernos, como polo Tribunal Constitucional, como polos medios de comunicación, probablemente a peor intromisión de todas cara o espírito daquel texto, fan que o que queda, nada se lle pareza.

O gran negocio da formación ocupacional e continua

Fai case dous meses pregúntabame que ocorría coa formación ocupacional. Porque detrás dun traballador que se forma non existe unha empresa realmente interesada en contratar a ese traballador, mellor preparado? Na utilidade destes cursos soamente cren seres inocentes coma ZP, quen chegou a afirmar que “os parados que existen a cursos de formación traballan para o país“. HA!

Vouvos presentar a aula na que realizo o curso de “Formador ocupacional“:

foto “roubada” da sede segreda da CEO

Contade ben: 10 ordenadores para 15 alumnos. Non é o título dunha película. Isto é a CEO (Confederación Empresarial de Ourense), unha entidade, en teoría, sen ánimo de lucro, unha das entidades que máis cursos de formación ofertan e de mellor calidade -como serán as outras …-. Sen embargo, dende o comezo deste curso -e cónstame que noutros- non dispomos do material esixido na convocatoria pública que di, respecto ao material e ás instalacións, que contará (ver páxina tres da ligazón do parágrafo anterior) co seguinte:

Equipo e material:
Equipo:

  • Retroproxector
  • Pantalla
  • Presentador gráfico
  • 15 ordenadores e periféricos.
  • Proxector de diapositivas
  • Equipo de video (cámara, reproductor e monitor)
  • Simuladores
  • Teléfono
  • Fax
  • Máquinaria de tipo standard en función das necesidades do curso

Ferramentas e utillaxes

  • Pizarra
  • Pizarra electrónica
  • Rotafolios
  • Pantalla de cristal líquido
  • Paquetes didácticos
  • Software
  • Manuales de especificación según rama e sector
  • Revistas especializadas, informes, manuales, dossiers…

Material de consumo:

  • Material funxible:

Folios, transparencias, diapositivas, rotuladores, bolígrafos, lápices, gomas, grapas, clips, tiza, cinta mecanográfica, toner, cinta adhesiva, líquido corrector, cartulinas, carpetas, cinta de audio y video, disquettes, clasificadores, separadores, fichas, pegamento, papel continuo, canutillo de encuadernar, agenda calendario.

  • Material non funxible:

Grapadora, taladradora, borrador, tixeiras, cutter, regra, arquivadores, ficheiros.

Como se pode apreciar son poucas as cousas que faltan, pero relevantes. Os PC, que non chegan para o número de alumnos da acción formativa, noviños de paquete, veñen co posto de fábrica e os alumnos non poden instalar o software que precisan, porque para facelo se necesitan permisos de administrador, e a persoa encargada de instalarlle o software -privativo (seguramente pirateado)- debe levar dous meses de vacacións. E dicir, que non dispomos das ferramentas necesarias para o mellor aproveitamento do curso,… para traballar para o país. Pero isto non sucede só neste curso, senón tamén noutro da mesma acción formativa que comezara dúas semanas antes na mesma organización.

Como sei isto, sen sequera coñecer a un dos alumnos dese curso? Porque Adelmo, o inspector da Consellería de Traballo, na última charla que nos veu a dar, na que non tomou nota algunha das queixas dos alumnos, nin preguntou, nin pasou enquisa algunha -seguramente as cubra logo el na oficina-; dicía que nos deu a charla porque veu a nosa aula a criticar aos compañeiros da outra que lle pediron os medios informáticos que recolle a orde. Algúns alucinávamos! Chegou a dicir que neste pais -dáme a risa só ao lembralo- se abusa das TIC e se prescinde de medios tradicionais -este home debe pensar que vive en Silicon Valley!-. Amais tivo a consideración de chamarnos hippies aos IPI, todo un detalle!. Pero destas queixas non hai quen tome nota… a formación ocupacional e continúa é un fraude consentido polas administracións, polas entidades que ofrecen formación e, moitas veces, polos traballadores desempregados que facilitan esa estafa. Que non permitirá o bo de Adelmo noutras entidades? Porque permite isto si a súa labor é precisamente denunciar as deficiencias? Onde están os 5 portátiles que faltan? Quen os ten?

Sobre as linguas, unha das primeiras cousas que che preguntan na CEO é si alguén precisa apuntes en castelán. A ninguén lle preguntan si quere manuais en galego, cando tódolos manuais que entregan son en castelán, pese a ducias de protestas. Por suposto, eses PC que non se poden aprobeitar, coma tódolos da CEO están configurados, por defecto, en castelán… para iso dispón a entidade dun equipo de normalización lingüistica,… será para redactar as tarxetas de protocolo para os actos políticos que se celebran na CEO, porque si algo se percibe suficientemente nesta organización é unha orientación elitista dos recursos públicos, en detrimento da maioría dos socios, dos usuarios e dos traballadores, actuais e potenciais.

Altruismo ou negocio

Evo Morales dixo fai un tempo que “as ONG usan aos pobres para vivir ben”. Esta afirmación non é de todo certa, ao revés, as ONG’s realizan unha importante labor humanitaria tanto a nivel planetario como local, sen embargo, moitas veces, as excepcións non fan máis que confirmar aquela regra.
Vexamos as previsións das contas da asociación a que me refería no artigo anterior:

Orixe dos recursos

Euros

Recursos propios

69.900

Cotas

35.000

Doazóns

15.000

Inscripcións a cursos

11.300

Subvencións

167.520

Administración Central

25.000

Administración Autonómica

82.520

Administración Local

60.000

TOTAL

237.320

Destino dos recursos

Euros

Apoio a ONG do sur

55.000

Formación

6.500

Actividades e programas

60.820

Compras de comercio xusto

10.000

Administración

105.000

TOTAL

237.320

A priori todo normal, non?, mais si nos fixamos podemos decatarnos que se gasta máis na administración da propia organización (aproximadamente o 45% do orzamento) que nos fins para os que foi concibida (menos do 25% do orzamento). Tamén se pode observar que a suma de doazóns máis as cotas dos socios suman case tanto como o que envían ás ONG’s do sur. Alguén pode pensar, para que todo o demais?

Certamente, contar cunha directiva profesionalizada permitirá á asociación acceder a novos recursos ao ocuparse estas persoas á procura de axudas públicas, xestionar solicitudes, negociar con administracións, empresas, etc., desenvolver novos proxectos, estruturar unha entidade en continuo crecemento, seleccionar e contratar persoal e moitas outras tarefas que sen un equipo profesional sería moi difícil levar a cabo, pero tamén pode ser visto pola sociedade como un gasto superfluo ou excesivo, máxime si temos en conta a relación entre custo e obxectivos acadados.

Tamén se pode entender como unha desviación dos obxectivos fundamentais da asociación ao adicarse esta -e as persoas que a forman-, pola súa necesidade de expandirse para sobrevivir, a crear novos proxectos (neste caso plantexábasenos a posibilidade de por en marcha unha axencia de turismo responsable) cada vez menos altruístas e con máis vocación de xerar beneficios.