a beira da Lagoa
Croan as ras da Lagoa
na noite serena
a serea da noite
que miro e me mira.
Zoa
funga,
funga o tremedoiro
axitando forte na boscaxe
que nos aperta no curral das súas gallas,
imitándoas, apértote e apértasme,
mentres lóstregos
de amor longamente contido
entroncan o tremor espontáneo dos nosos corpos.
Outra noite, escoitase o silencio …
aveciña tormenta,
acóchanse as rás na flora da veiga,
os paxaros na foresta andan buscando acubillo
choutando de pola en pola
entre toxeiras e silveiras,
e cando ao fin a choiva chega,
coa primeira pingada
dunha nube escura
ate na negrura da noite
sinto a humidade dos teus beizos
premer nos meus, pexándome a TI.
Outro día… no quente luscofusco
escoitamos ao cuco cucar no val,
cuca por nós, xa lle tardamos,
quere vernos xuntos bulir na follaxe
baixo a ramaxe da súa árbore
na tenue noite de luar.
Só entón calará.
Nin lúa, nin estrelas nos ollarán,
soamente o luceiro de seus ollos
satisfarán a curiosidade e nutriran de envexa
de ver como envurullados os dous
nos amamos, TI máis eu,
ao son do miañar dunha gata salvaxe
e noso bafexar,
sen parar
ate que o sol comeza a espreguizar.






