ser un escritor de éxito
Ser un gran escritor. Eu soño.
Soños fendidos
a esperanzas vagas, copas baleiras.
Cando o leo di:
“hai que follarse a moitas mulleres,
moitas e fermosas”
Concreta pouco
para marcala liña do éxito.
Mais non!
Tivo que dicir moitas.
Retorcido
cal vello verde, retorto carabullo!
Carabullo verde riscado manando verbas envoltas en seiva:
“Non fagas caso”.
“Non fagas caso” e non fixen
Pois coido que estiven con poucas
-sinto ser tan difuso eu
agora-.
Comezou un son cadente a pulsar letras.
“Rebelde Tanya, musa traizoada
conversa máquina de follar. Namoradiña”.
Retruca coa felona fermosura,
que é iso Buk?
Eu a muller que quero
véxoa fermosa
sempre, sempre,
as demais,
a veces,
ás outras,
ás que me follei
e ás que non, tamén.
Mais, terse tirado
tantas e tantas mulleres fermosas…
non lle abonda.
Para acadar o éxito
Bukowski considera necesario
“escribir uns poucos poemas de amor
decentes”.
Decentes!?
Abstraído en conceptos abstractos
confundido coa poalla nocturna
perdido, doído, ollándome nunha focha
cristalizada a luz da Lúa
escintilando entre marcos de marcada imprecisión.
Dixen da “fermosura”,
dixen de “moitos”,
non vou dicir de “poucos”
Apréixame un silencio boreal
libérame un austral berro
que fende este aloucado
apoucado peito.
Decencia ou indecencia.
Quen marca a liña que separa
indecencia de decencia
moito ou pouco,
fermosura e fealdade.
Que queres que diga dun poema,
que é un poema?
Isto é un poema?
E o amor?
O amor é aquelado acougo
o choroso desamor o desacougo
escorregando pola pel
bágoa a bágoa, letra a letra
ate converter estes pulsos en poema.
Perseguir éxito sen fuxir do fracaso
acharse fronte a fronte no ring,
soltando destras e repetidas palabrapalabraverba
combinacións perfectas imperfectas
esgotado eu rival. Derrubando. Derrubándome.
Levantarme só un e unha idea clara:
“o fracaso sempre está garantido”






