intuicións
Tiña un poder acochado,
acháchelo ti, que les
a verdade nos ollos alleos,
privilexio reservado a quen non olla cara si mesmo,
o poder de intuír,
atallo do coñecemento,
e así adianteime aos teus desexos.
Intuín un día que precisabas de min
e aparecín.
Sería por intuición ou pola sincronicidade
que tanto obsesiona
a Cid Cabido
“nunha historia que non vou contar”
As miñas verbas
foron de “amor e desexo”
foron codificadas a ceros e uns
foron decodificadas logo a sons
e as agardadas palabras “amor e desexo”
mesturáronse en concordado afán.
Chegaron a ti a velocidade da luz
polo aire, contra o vento,
esquivando as rochas das montañas,
ignorando o rumor dos pinos,
tallando na húmida e espesa néboa,
viaxando a cegas
na intimidade da escuridade
daquela noite negra…
na que me entreguei a ti.
Aquel espontáneo frenesí
confirmáchesmo nada máis
cruzar as nosas miradas
imantadas polo tempo.
Teño máis poderes…
ben arroupados,
que aínda descoñeces
por galbana, supoño,
un deles que
de coñecelo
provocaría arreguizos
nesa aloucada cabeza e
maltratado corpo
por galbana, supoño,
o poder da sinceridade.
Pero agora teño unha intuición
que te fará tremer,
vou facer uso dese outro poder
que te fará rosmar…






