memoria

Mneiae,

foi teu primeiro nome,

callada lembranza,

recordo,

memoria doutros tempos.

Invócote coa chamada de Rivas,

ronco berro

furia miña

carraxe sostida perante a traxedia

e turro da gorxa un berro herdado

“Memoria, maldita memoria!”

 

Asolágasme o pensamento

Mneiae

coas túas musas, nove

nove nada máis,

atadas coa corda da acordanza

transformadas en bardo verso.

Hei botalas!

Hei botarvos a todas!

Todas vos!

Gardiáns da esencia

do amor que me rexeita.

 

Clío énchesme a alma

con miúdas historias

narradas para o goce doutros,

rexouba inocente sorrisos mantidos

nun tempo imperecedoiro.

 

Talía empatía prendida

na intuitiva presenza

tralo pano do escenario baleiro

florecendo risos no teatro,

imitando árbores brotando

nun xaneiro florido

 

Erato reflictes na túa poesía,

triste,

escura,

doente,

unha chea de verbas que falan por min

de min.

 

Euterpe provócame o deleite

da arpa silandeira do calado da alma

da muller

que tanto desexo,

facendo soalo himno da serenidade.

 

Polimnia evócala letra da cantiga vella

rapsodia coa que ELA me falaba,

verba emprestada,

noutra hora esquecida

recuperada para min.

 

Caliope lémbrame a dozura da súa voz,

lendo un conto infantil,

aboiando fantasía

realidade ao maxín dun neno

que non era eu.

 

Terpsícore es para min o gozo,

latente ao vela

entre os meus miolos bailando

esa danza infinita.

Aínda aí, dende entón,

logo de tantas noites

de esquecemento truncado

polo coro que recita un mesmo soño

sen parar,

versos enchidos con arume de flor, pétalos de seu nome.

 

Urania aparece

cada vez que miro ao firmamento,

e preséntaste diante miña

como facía ELA

axeonllada figura espigada sombría

lendo,

sen sequera miralos,

os astros que anegan a noite clara

mentres a lúa máis eu te ollamos

ela dende o seu lado claro

eu, dende o que teño.

 

Melpómene cántame

cada mañanciña

o drama

deste fracasado amor.

 

Abonda!

Hei botalas!

Hei de botarvos a todas!

Para nunca máis volver,

para nunca máis volver…

… caer.



arquivo de mOendo

Febreiro 2012
L M M X V S D
« Nov    
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
272829  

fontes/feeds


Anota o teu enderezo:

Delivered by FeedBurner

Powered by FeedBurner

arquivo, mes a mes