teu lado escuro

 

Non te cría

cando me dicías “ter un lado escuro”,

sería un recurso poético, coidaba,

mais non, miña amante poeta,

era unha pexa vella,

un atranco, quen non carrea algún?

Acoharse da aldraxe converteute na fada negra

escorregadiza fera

que es.

 

Encaralo

refreará o abafento,

non agochalo,

só entón retornará a branca fada

que me embelecou.

 

Serán os seres

máis queridos por TI

aqueles que te arrodean cada día

pai, nai, nenos, primos,

parella, amigos, tías,…

quen gozarán contigo da túa ledicia.

 

Non se supera adiando

trauma algún,

agardando que se esvaeza

coa soidade ou co tempo.

Agrávanse, sempre,

agromando negro valume.

Coñezo a soidade, sei de que falo,

convivo con esa tarabela rutineira,

non a temo como o fas ti,

ate comparala co mesmo inferno,

máis sei que calquera bobada

que bule na cabeza dunha persoa

na íntima soidade,

convértese nun bulebule

piar central sostén do propio mundo

espallando ao mesmo universo.

 

Non digo máis, tranquila.

Teu segredo está a salvo destes versos.

Terás que ser ti quen o propale,

ou deberías,

adiar a escolla estate matando

corroe teu interior

e nin te decatas.

 

Non quixera dicir nada a ninguén,

mais si provocar a carraxe,

facer fluír a sinceridade que evades,

forzar que ti mesma o fagas

desleixando para sempre o remuíño de mentiras

que te envolve e co que envolves

levedando descontrolada dor,

permitirche retomalo control de quen es

non ese ser simulado.

 

É triste ter que vivir así

mais ti elixíchela dor polo gozo.

En ti mora a forza para darlle a volta.

Impele e érguete!

 

Pedíchesme tempo un día.

Decidiras xa entón, cando mo pedías:

dicías necesitar da soidade,

a soidade que tanto temes e repudias,

unha boa tempada a sóas.

Debín decatarme. Na contradición está mentira!

 

TI e as túas mentiras

TI non tes lado escuro, como túa admirada lúa,

onde non só mora túa alma.

 

As ánimas non deixan pegada ao andar

TI si, ao pisar, ao pisarme.

Non ves canto esmagado estou?

 

Sigo crendo contra miña vontade,

que existe esa muller da que me namorei,

nalgún lugar do pasado, perdida

de onde nunca retornou,

ao que nunca se enfrontou,

porque soa non podía,

e nunca máis axuda quixo que a do silencio

ese truán enchido de nugalla

que cada día todo o deixa para mañá.

 

Moito lamento ter que ser eu,

quen debulle ese ourizo protector.

Igual me dá o odio e xenreira que poida provocar

si logo abrolla en ti a felicidade.

 

Agardo, cando menos,

que a diferenza do amor,

agora si sexas capaz

de sentir coa mesma intensidade

coa que sento eu… o que sento.

 

Mais, si optas pola fuxida,

pola negación, unha vez máis…

has de saber que algún día terás que botar fora

toda ese anguria que gardas dentro,

mesquindade e falacias

xuntas aformigan a gorxa,

rebordan, abafan, ate afogarte.



arquivo de mOendo

Febreiro 2012
L M M X V S D
« Nov    
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
272829  

fontes/feeds


Anota o teu enderezo:

Delivered by FeedBurner

Powered by FeedBurner

arquivo, mes a mes