Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (IV- os egos)

Nunha organización ampla, ou que pretenda selo, os relevos deben estar a orde do día. De feito así é nas cooperativas deste ámbito que mellor funcionan, onde os cargos non acostuman a durar máis de dúas lexislaturas consecutivas. Unha das miñas propostas de actualización dos estatutos de Nosa Enerxía ía por ese camiño: duración máxima nos cargos de dúas lexislaturas, de dous anos cada unha, renovación por metades dos cargos, para non dar lugar a cambios traumáticos dos órganos de goberno, e unha relación de incompatibilidades das persoas electas para estes cargos que garantan que as persoas que os ocupan só teñan un interese: a cooperativa e os seus socios usuarios. Somos unha cooperativa de usuarios e a defensa dos seus intereses non é só un obxectivo, é unha obriga.

Para a miña sorpresa, esta reforma de estatutos que limitan a permanencia nos órganos da Coop. só foi mal acollida por aqueles que máis tempo levan ocupando postos no CR, mentres que foi ben acollida polos que acababamos de chegar (e hoxe dimitidos). Para o meu asombro, ao falar sobre o fondo da cuestión deste asunto, algún dos que levan tempo no seu cargo chegou a dicir que a renovación dos cargos é necesaria, pero que noutras Coops. as persoas que pasaron por estes cargos acabaron contratados na súa cooperativa, é dicir, entenden que o cargo, voluntario, é un mérito, por si, para acabar sendo persoal laboral da Coop. Lamentable. Si ben, explica un pouco o que sucedeu coa primeira oferta de emprego de Nosa Enerxía, da que falarei no seguinte artigo.

Entendo que as persoas que no seu día formaron parte dos consellos reitores de GOIENER e SOM ENERGIA -sináloas porque eran as Coops. ás que se refería- están contratados hoxe en día nas súas organizacións polo bo traballo que fixeron, non polo feito de estar no seu CR. Repito, estas persoas foron contratadas polas súas organizacións polo bo traballo feito, non polo feito de estar nun cargo. Lembremos GOIENER ten arredor de 9000 socios, SOM ENERGIA 50.000. Algo farían ben eses conselleiros que non se fixo en Nosa Enerxía.

As cooperativas están gobernadas por un órgano colexiado, o Consello Reitor. Así o establece a Lei de Cooeprativas de Galicia. As funcións do presidente son escasas: presidir a Coop., presidir o Consello Reitor, representar a Coop., conducir a Asemblea Xeral, convocar ao Consello Reitor, que non decidir a orde do día, como chegou a suceder recentemente, negando a un conselleiro a introdución de puntos na orde do día… e pouco máis. Sen embargo, Nosa Enerxía é unha Coop. totalmente presidencialista: todo pasa lo presidente e practicamente todo o decide el.

Fai máis dun ano someteuse a consulta dos socios a que asociación de cooperativas queríamos sumarnos. Había tres opcións: ESPAZO COOP, REAS e RESCOOP. Gañou a primeira. Na información que se achegaba sobre cada unha das cooperativas dicíase cal era o custe de sumarse a unha ou outra: os socios elixiron a máis barata, si ben o precio definitivo no era o que se deu: informabase que o custo estimado sería de 72 €/ano, cando rematou a constitución definitiva de Espazo Coop, puxeron unha cota de 96 €… pero este ano acabamos pagando 600 €, iso si, sen sometelo a consulta dos socios nin do Consello Reitor.

Outro asunto que o presidente non someteu ao Consello Reitor nin aos socios é a pertenza, aprobación e/ou reforma de estatutos da Unión Renovables. Iso si, o seu custo, 900 € ao mes, pagámolo todos do noso peto. Dous chiringuitos máis que nos encarecen o recibo da luz, pero que nos aportan pouco como consumidores da nosa Coop.

Por certo, puiden estar presente na última reunión da Unión Renovables que se celebrou no Concello de Moaña e tódolos socios da Unión traían instruccións do que debían votar en cada punto da orde do día, dadas polos seus consellos reitores e/ou asembleas xerais. Soamente o representante de Nosa Enerxía chegou a esta reunión sen facer consulta algunha aos socios ou ao seu Consello Reitor. Inaudito! Aínda a día de hoxe non se nos achegou acta da reunión ou copia dos estatutos da Unión Renovables que, como socios, tamén nos obriga. Entre estas obrigas da Unión Renovables está a paridade dos seus representantes na mesma, é dicir, debe enviarse un representante de cada sexo as súas reunións. Isto obrigaríanos a facer modificacións estatutarias, obrigando a que presidente e vicepresidenta ou presidenta e vicepresidente, representen aos nosos socios na Unión… e non como consta agora mesmo, onde só a presidencia é a representante legal, ou a vicepresidencia na súa ausencia. É dicir, dun xeito totalmente personalista adóptanse decisións que afectan a toda a nosa estrutura como Coop. sen consulta previa algunha e logo restrínxese a posibilidade de presentar modificacións estatutarias, estas si, someténsoas ao parecer d@s soci@s.

Do mesmo xeito, dende o Consello Reitor non temos coñecemento algún de que asuntos se tratan no Consello Reitor da Unión Espazo Coop. nin cal é o sentido do voto do noso representante, descoñecemos pois como defende os intereses da nosa Coop. nestas organizacións, si é que os defende, ou está a outra cousa.

Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (III- o caos)

Cando decidín presentarme ao Consello Reitor tiña curiosidade por saber porque Nosa Enerxía non funcionaba como outras cooperativas coas que compartía proxecto, o mesmo proxecto: consumidores de enerxía que procuran a súa propia enerxía, renovábel, en forma de cooperativa. A escusa é sempre que Catalunya ou Euskadi son diferentes, que imos moi por detrás, etc. etc.

Como a min eses argumentos non me convencen acerqueime máis a coñecelas a volta de clic, por onde realmente se coñecen as organizacións, polos textos que os regulan. A diferencia é brutal! Goiener e SomEnergía dan moito máis poder de fiscalización ao socio: dispón de órganos de recursos e de intervención independentes do Consello Reitor, aos que calquera socio pode recorrer no caso de ter algún problema. En Nosa Enerxía só nos queda acudir ao xulgado si algún socio se sinte agraviado.

Mais, esa carencia de textos legais propios, máis aló de escaso desenvolvemento dos estatutos, afecta ao día a día da cooperativa. Non dispor dun Regulamento de Réxime Interno implica, por engadido, non dispor dun réxime de funcionamento do Consello Reitor e o resto de órganos, sequera previstos estutariamente, como son o Comité de recursos ou o Órgano de intervención, non dispor dun réxime de sancións, nin dun protocolo de contratación de persoal, nin dun regulamento de elección de cargos, etc. de modo que, cando toca realizar algunha desas accións todo queda sometido a improvisación. Este sábado toca elixir a membros para o Consello reitor, como se fará? Pois non sabemos, xa a asemblea decidirá.

O 30 de xuño celebrouse a última Asemblea Xeral Ordinaria. Dos tres puntos da orde do día que se levaban tan só puido debaterse e aprobarse o primeiro, as contas da Coop., aprobadas en precario pois, formalmente, non se poden presentar tal e como se presentaron, malia levar meses advertindo un problema de forma: as contabilidade dunha cooperativa de usuarios debe ser dobre, por un lado a facturación a socios, polo outro a facturación a persoas non socias. O asesor afirmou que descoñecía que se facturase a terceiros. Ninguén lle dixo nada? É responsabilidade do asesor ou da Coop. ter un lista de clientes socios e outra de clientes non socios? Existe esa lista? Dubido que a día de hoxe se corrixira este despropósito que só serve para que acabemos apandando con outra multa máis.

Pero, ao que ía, quen puido asistir a esta asemblea, e a anterior, e a anterior,… amais de comprobar a falta de participación dos socios, puido comprobar a escasa organización da mesma (deica agora, nin se acreditou que as persoas asistentes sexan socios), falta de temporización e de tempo para abordar os asuntos, o que obriga logo a deixalos de tratar porque, literalmente, nos botan do lugar,… xa non falamos de levar un regulamento de funcionamento da propia asemblea ou, como mínimo ter a man estatutos sociais e lei de cooperativas para resolver incidencias. Claro que chegar a unha asemblea require un traballo previo do Consello Reitor que, si nen sequera é que de reunirse, dificilmente pode facelo.

A sensación que me deixa Nosa Enerxía é a dunha comuna hippy mal organizada (porque as hai ben organizadas) e non a dun proxecto empresarial en forma de cooperativa para os seus socios e clientes.

E dentro dese desorde é onde quero colocar os proxectos que acompañaban ao plan de traballo de 2018 de Nosa Enerxía porque, si non se ten en conta o marco legal que ordena unha actividade, calquera proxecto relacionado coa mesma, nace no caos.

Isto é un proxecto de xeración de enerxía (PDF e web) e isto non pasa de ser un bosquexo do que algún día podería ser un proxecto de enerxía (PDF). A diferencia entre o que é un proxecto é o que non salta a vista; coa lectura dos índices abonda para ver as carencias de Nosa Enerxía en materia enerxética, económica, legal, social, estratéxica, etc. E outro tanto se podería dicir do que se deu en chamr “proxecto”, sen selo, “de mobiidade de Nosa Enerxía” (PDF). Ambos bosquexos esconden a clara intención de desviar cartos do sobrecusto do prezo da enerxía que pagan os socios -e non socios- para o beneficio duns poucos, pois… como se pode compartir, materialmente, un coche eléctrico, entre máis de 500 socios, moitos deles separados por centos de kilómetros? Esta e moitas outras preguntas fíxenllas ao relator dos bosquexos, o presidente Pablo Álvarez. A súa resposta foi: “está todo controlado”. Xa puidemos velo no artigo anterior.

Atención a isto:

Eu son unha das persoas que afirmou que estaría disposta a investir nun proxecto de xeración. Era a resposta a unha pregunta aberta, non sobre un proxecto concreto. Desas 140 persoas, moi poucas coñecían o proxecto que se lles ía presentar. Pero é que, responder a unha pregunta así, aínda coñecendo o proxecto, que non era o caso, é unha cousa e outra poñer os cartos. Volvamos ao principio…  a esas outras sociedades máis avanzadas, Catalunya: Som Energía con 50.000 socios, cun proxecto de xeración que xenera 10Gw de enerxía/ano, cantos inversores ten? Podedes velo aquí: Generation Kw. Non chegan a 3.500 persoas, é dicir, non chega o número de inversores nin ao 10% da súa masa social, eles, que son os que van por diante nisto todo. Con estas contas, cun proxecto serio, Nosa Enerxía podería ter uns 40 potenciais inversores… pero con este bosquexo, nin iso. Outra cousa é que se pretenda trasladar fondos do sobreprezo da comercialización de enerxía a proxectos de xeración. Pois xa veremos até onde a xente está disposta a pagar a enerxía máis cara do mercado.

I´M OKAY!

Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (II- a multa)

Unha das taras máis grandes de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega é a participación. Na última Asemblea Xeral Ordinaria non chegabamos a 40 persoas presentes, que con votos delegados sumabamos un total de 69 socios. 69 de 550 socios non é moito para un acto, o de asistir, que é obrigatorio para todo socio polo mero feito de selo. Claro que as facilidades de participación son poucas (período estival, longos desprazamentos,…).

É por iso que a maioría dos socios descoñecen moitas das cousas que ocorren na súa Coop., porque se lle nega esta información malia que algún membro do Consello Reitor solicite o envío desta. É o caso da multa que comentaba no post anterior. A día de hoxe podemos dicir que a cantidade é irrisoria (1.800 €) pois a primeira comunicación estimaba unha multa entre 600.001 euros e 6.000.000 de euros. Finalmente a multa foi de 3.000 € e quedou reducida nun 40% por pronto pago. É evidente que non poderíamos facer fronte a multa mínima coa que nos ameazaban na primeira comunicación cos fondos da Coop. e que, de non ser polo recurso presentado, probablemente, a día de hoxe a Coop. tería que por fin a súa actividade.

Tanto na carta na que se nos comunica a incoación do procedemento (tamén na CNMC)como na carta na que se nos confirma a sanción da CNMC, queda de manifesto a falta de dilixencia dos responsables da Coop. e, nomeadamente, do seu presidente, en cuxo domicilio figura a sede da Coop. e onde é que esta recibe a correspondencia. Esta falta de dilixencia evidenciase no feito de que a carta na que se nos advirte a necesidade de inscribir a Coop. nos rexistros da OMIE xamais apareceu, por máis que se lle insistira ao presidente para poder preparar o recurso axeitadamente. Xamais!

Comunicación da incoación do procedemento sancionador pola CNMC

 

Comunicación da sanción a Nosa Enerxía por parte da CNMC

Esta non é a primeira multa que recibe a Coop. Descoñezo as circunstancias en que se produciron as outras multas anteriores, pois xamais aos socios se nos presentaron as devanditas resolucións, pero si sei por esta, cando menos por esta, a pouca dilixencia coa que actuaba o anterior Consello Reitor. O problema para Coop. non son agora mesmo eses 1800€ que tivemos que pagar os socios pola falla de dilixencia do Presidente, o problema é ter un presidente que pretende ocultarnos estes feitos, tanto a multa como as circunstancias nas que se produce: un descarada falta de dilixencia. O problema, insisto, é que esa forma de proceder se repita no futuro como xa se repitiu no pasado.

Outro caso que deixa de manifesto tanta indolencia é o feito de que, unha vez preparado o recurso e ante a obriga de presentalo na sede electrónica da CNMC, encontrámonos con que tiñamos o certificado dixital caducado. Tivemos que recorrer a un terceiro, a Coop. En Común, para que o presentase por nós.

Como comentaba máis arriba non é a contía dunha multa asumible pola Coop., senón as circunstancias nas que se producen e que, atendendo a feitos recentes, como a presentación de novos proxectos por parte da Coop., sen memoria económica, sen ter estudado o marco legal no que se van a desenvolver, custa crer que esteamos libres de novas multas no futuro. A modo de exemplo, preséntase un proxecto de produción de enerxía solar en Paradela, con data de inauguración e todo para este mesmo mes, cando nin sequera se iniciaron por parte da Coop os trámites burocráticos para ser produtores, trámites que requiren un longo período até sermos autorizados para producir enerxía. Unha autorización que é indispensábel! Autorización que tamén é necesaria para ser simplemente intermediarios… e nese proxecto tamén se fala de que seremos intermediarios. Todo un despropósito que obriga a por en dúbida a viabilidade de Nosa Enerxía, pois dubido que as autoridades reguladoras do mercado eléctrico non sempre van ser tan condescendentes connosco como o foron coa multa que aquí se relata.

A comunicación desta multa tiña que chegar a tódolos socios xunto coa convocatoria da asemblea extraordinaria, tal e como solicitei no derradeiro Consello Reitor, sen que ninguén se opuxese a isto, é máis, entendo que co apoio maioritario dos presentes, si ben é algo que non chegou a votarse. A miña sorpresa é que non aparece este documento nin na convocatoria nin na seguinte corrección de erros, onde se achegan documentos que non se van tratar nesta convocatoria.

O motivo da miña petición é o anuncio no derradeiro Consello Reitor da presentación dunha acción de responsabilidade (artigo 51 da Lei de Cooperativas de Galicia) contra o Presidente e o resto de membros do anterior Consello Reitor con motivo desta multa e para que todos os socios tivesen de antemán toda a información relativa ao asunto. Unha vez máis, a resposta do presidente é censura ao conselleiro discrepante e ocultación de información aos socios. Pero isto non é todo…

Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (I- a dimisión)

Este é o inicio dun fío que probablemente nunca debería ter existido se as cousas en Nosa Enerxía se fixeran con transparencia e respecto a tódolos seus socios. O 29 de xuño deste ano presentei a miña dimisión ante o Consello Reitor, malia solicitar que a miña carta de renuncia fose enviada a tódolos socios, non se fixo así. Entendo que existe, pois un clara vontade de silenciar o que ocorre no interior da Cooperativa. A miña carta dicía así:

A través deste correo presento formalmente a miña dimisión do Consello Reitor de Nosa Enerxía coa finalidade de por fin a un bloqueo do mesmo que dura xa máis de seis meses, para facilitar a convocatoria dunhas novas eleccións ao Consello Reitor e por fin a parálise actual da coop. provocada polas continúas ausencias dalgúns dos seus membros e polo incumprimento reiterado de convocalo coa periodicidade acordada no primeiro Consello Reitor que celebramos en Santiago de Compostela o 19 de xuño de 2017.

Sacar adiante os asuntos da coop. polo órgano de goberno, o Consello Reitor, é unha misión imposible se este nin sequera se reúne, cando menos facelo mediante as competencias que nos autooutorgamos no primeiro Consello Reitor celebrado. Son varios asuntos os que están nunha situación de parálise dende fai meses e, mesmo a asemblea xeral ordinaria, foi convocada a última hora, a présa e correndo, para cumprir cos prazos estipulados pola lei.

Tampouco o ambiente do grupo é o máis adecuado para sacar nada adiante. A incapacidade para asumir erros, limitacións, fracasos, responsabilidades,… O apego aos postos fai crer que a coop. fose cousa duns poucos e non de case 550 socios, socios que si, iso si, cargan co custo das neglixencias dos seus directivos e que se pretenden ocultar. O bo funcionamento dun equipo pasa por unha boa organización, por un reparto de tarefas, por asumir cada un as responsabilidades que lle son propias, por respectar as competencias atribuídas ao resto, por confiar no bo facer de cada un, etc. Pero nada disto se dá.

A coop. é hoxe unha organización na que só o seu presidente sabe que ocorre. O resto do Consello Reitor enterámonos, no mellor dos casos, pola prensa, que ocorre. Non sabemos nada da nova páxina web, non sabemos que será da plataforma de facturación, non sabemos que fai o presidente nas organizacións das que formamos parte, Espazo Coop ou Unión Renovables, pois non se nos dá conta de nada, etc. E por suposto, esta situación ten o seu reflexo na marcha da coop. que freou o seu crecemento considerablemente este ano. Onde está a campaña de “trae a un socio” que se ía lanzar de novo entre os socios e que tan bos resultados dera o ano anterior? Bloqueada polas ausencias e non convocatorias do CR.

E o último, as manifestacións de Pablo no derradeiro CR: a exhibición dun documento, que agora covardemente oculta, que di que conten información sobre a miña persoa e das organizacións, políticas, nas que participei, informe que di ter recibido de Espazo Coop, para xustificar a miña non contratación nunha bolsa. Isto, con todas as letras, chámaselle delito contra os dereitos dos traballadores, e Pablo é cómplice disto… E a súa exhibición o outro día non deixa de ser unha conducta máis propia dun gánster da mafia que dun presidente dunha coop. parece mentira que se poida caer tan baixo e se traizoe así o aprecio que sempre lle tiven. Agardo que recapacites sobre este feito e acto seguido solicites a túa dimisión.

Aportei canto puiden sobre a base dos meus coñecementos, que non son mellores nin peores que os de ninguén, pero que, afortunadamente son diferentes. Non tiven boa fortuna a hora da receptividade dos mesmos. A veces todos cremos entender de todo e non é así. Logo vén os problemas. Exemplo: seguimos tendo un auxiliar administrativo con un contrato de “administrativo” e categoría de oficial con titulación universitaria. En comunicación, cada quen fai o que lle peta cando lle peta. O exército de Pancho Villa era máis organizado. Nos textos presentados agradezo as aportación feitas, sempre interesantes, e que abren a vía da dúbida para melloralos, e repudio a falta de aportación doutros nalgo que é tan vital como os textos que deben regularnos… É como si fosen felices no caos, no baleiro. Non o podo entender… Seis anos despois e aínda seguen tan verdes como o primeiro día. E queren seguir aí… Para que? Digo eu…

E fan e din que fan… Traballo non é facer horas, é obter resultados. Calquera traballo feito sen resultados é unha perda de tempo. Eu non estou por perder o meu tempo… Nin gosto ver como outros o perden.

Esta carta pretende ocultar a toda a masa social varias cousas que nela se mencionan e que máis adiante irei detallando:

1- Unha multa da CNMC pola falta de dilixencia do presidente da Cooperariva, Pablo Álvarez (ver)
2- O ineficaz traballo do actual Presidente, que ten paralizada a posta en marcha da nova web da Coop, unha verdadeira aposta pola industria 4.0 e non as entrevistas baldías de contido que se dedica a dar sobre este asunto.
3- O nulo compromiso con decisións estratéxicas adoptados en pasadas asembleas, como a elaboración dun plan de comunicación.
4- O desinterese en dotar a cooperativa dunha regulación máis axeitada a súa natureza: mellorar os estatutos, desenvolver órganos de garantías e recursos para os socias, crear o órgano de intervención de contas, restrinxir o Consello Reitor a quen teñan intereses persoais que defender, etc.
5- O presidencialismo de Pablo Álvarez, que actúa como si o presidente fose un órgano independente da Coop, e non un membro máis dun órgano colexiado, o Consello Reitor, que é quen marca directrices e toma decisións. Todo isto foi usurpado nos últimos meses polo presidente ao resto de membros. Lamentablemente, a algúns, parece non importarlles.
6- Entre esa regulación imprescindíbel, atópase un protocolo de contratación de persoal, necesario para abordar futuras contratacións e, cuxa ausencia, xerou malestar xa no pasado entre socios polo que que consideraron un “tongo” a que deica agora é a única contratación da coop.
7- A incapacidade de prever problemas e resolvelos en tempo e prazo. Isto ocorreu xa coa renovación, precisamente, desa persoa contratada.
8- A filtración aos medios de falsas noticias en momentos importantes, como sucedeu antes da última asemblea xeral ordinaria, como que “Nosa Enerxía vai comezar a producir enerxía” cando nin sequera está aprobado pola asemblea nin polo Consello Reitor realizar a longa e ardua tramitación burocrática, e imprescindíbel, para converterse en produtores.
9- Unha das cousas que máis nos debería preocupar aos socios-consumidores, porque aquí somos fundamentalmente consumidores, é a ineficiencia do Consello Reitor para conseguir bos prezos da luz para tódalas persoas socias, xa que unha vez máis, nos convertemos nunha das comercializadoras máis caras do mercado.

Sobre os discursos do emprendemento

O emprendemento está de moda, emprender é super cool. Non hai tertulia de emprego, curso de formación, noticias sobre economía, etc. na que non se fale de emprendemento. Non hai dúbida… alguén trata de convencernos de que a única saída laboral é o emprendemento ou a emprendizaxe. Recomendo a lectura destes dous artigos, dos cales xurde parte dos razoamentos que vou a expor:

Non debería pasarnos inadvertido a facilidade coa que nos colocan no discurso os conceptos de “autónomo” e “emprendedor” como si foran sinónimos. A propia lexislación recoñéceos como iguais, sinala J.J. González, a efectos de Seguridade Social. Unha persoa pode ser un traballador por conta propia e non ser un emprendedor e, viceversa, pode haber traballadores por conta allea que son emprendedores. Polo tanto, dita afirmación non é certa. O artigo de J.J. González fala do auxe dos traballadores autónomos e, ao mesmo tempo, da moda do emprendizaxe, reforzando este concepto con datos de altas de autónomos, estudios sociais sobre preferencias dos mozos (“Actualmente un de cada tres mozos españois aspira a ser funcionario, outro a emprendedor e o terceiro desexa ser traballador por conta allea[1]”), etc. Por iso, pregúntome se, cando falamos de emprendedores, sabemos de que falamos.

O discurso do emprendizaxe é constante en calquera acción divulgativa relacionada coa economíae o emprego: formación ocupacional, seminarios, xornadas informativas, artigos de opinión, etc. É obvio que existe una estratexia para crear unha cultura do emprendizaxe nas sociedades occidentais. Entre esas acciones, cabe destacar a continua presentación nos medios de masas a estes emprendedores destacados que triunfan en grandes empresas, como é o caso que nos ocupa máis abaixo. Son as figuras modelo que nos tratan de impor. Non acostuman a ser noticia aquelas persoas que se lanzaron á aventura do emprendizaxe e se arruinaron ou sobreviven precariamente, persoas que crearon o seu propio traballo precario.

“Innovación e risco” son as dúas palabras clave que usa o Presidente de IBM España, J.A. Zufiria, para explicar o éxito desta empresa; conceptos estes que serven, entre outros, como “audacia” ou “ambición”, para definir a un emprendedor. Seguro que este traballador, por conta allea, considerase a si mesmo un emprendedor. Zufiria, amais, representa como ninguén a filosofía thatcherista ao manifestar que “a posibilidade de resolver a crise está en cada un de nós”. Recordemos que para M. Thatcher “Non hai alternativa, a sociedade non existe, só existen os individuos. Só son pobres os que queren selo[2]”. O neoliberalismo persigue a individualización do social e estao conseguindo a medida que vai transformando o traballo asalariado por traballo autónomo (a maioría, economicamente dependentes dun pagador).

Ser emprendedor implica, amas de posuír as características citadas anteriormente, “descubrir, avaliar e explotar oportunidades para introducir novos produtos e servizos, novas formas de organización, mercados, procesos e materias primas” (Shane e Venkataraman, 2000)[3]. Sen embargo, a maioría dos autónomos non cumpren estas premisas, posto que os traballos que pasan a desempeñar acostuman a ser os mesmos que anteriormente realizaron por conta allea nunha empresa, iso si, agora pasan a ser eles mesmos quen deben buscar os clientes, que poden ser un ou varios. Por exemplo, o fontaneiro que pasa a selo seu propio xefe, polo feito de ser autónomo non ten traballo, debe buscar persoas ou empresas que precisen dos seus servizos, o cal xa supón un coste engadido (como o de xestionar a súa empresa). Por iso non pode falarse de emprendedores cada vez que un traballador decide traballar por conta propia.

Moitos destes novos autónomos van atopar a súa oportunidade de traballo nas empresas que buscan enfraquecer a súa estrutura interna. Claro que, estas empresas o que pretenden é abaratar custes (case sempre que falamos de abaratar custes, referimonos a reducir a masa salarial que abona unha empresa, e non precisamente ao salario dos seus directivos), de modo que procurarán contratar estes servizos moi por debaixo do que anteriormente lle costaba manter no cadro de persoal aos seus propios profesionais, coa vantaxe de que agora non estarán suxeitos a ningún convenio laboral. Pode dicirse que as empresas atoparon na subcontratación (outsourcing) o filón de ouro para vencer o dereito á negociación colectiva dos traballadores, pois estes novos empresarios, lonxe de chegar a acordos entre eles, compiten no mercado por ofrecer mellores servizos a prezos máis baixos para conseguir carga de traballo. Así, danse situacións como o traballo gratuíto ou remuneracións inferiores ao salario mínimo, non dispor de vacacións ou o dereito a ser remunerado ao estar de baixa. Un autónomo non pode enfermar, non pode ter vida persoal, non pode descansar; el é a súa empresa e debe estar sempre a disposición do seu cliente. Amais, coas novas tecnoloxías, desconectar do traballo faixe cada vez más difícil. Sen embargo, e en relación co prezo do servicio prestado, é curioso que a lexislación  permita aos traballadores por conta allea negociar colectivamente (Estatuto do Traballador, artigos 82 e adiante), algo que a todos nos parece algo natural, pero que llo prohibe cando estes mesmos traballadores se converten en autónomos, ao ser estes asimilados a empresarios (Lei de Defensa de la Competencia, artigo 1: “. Entón, de que ferramenta dispón un profesional autónomo para defender os seus dereitos laborais? A folga?

Nin sequera a folga é un recurso útil para un autónomo. Si un día un profesional non traballa, o traballo estarao agardando ao día seguinte, no mellor dos casos. Pode suceder que o cliente prescinda dos seus servicios, por incumprimento de contrato, sen ningún tipo de indemnización, a diferencia do que ocorrería de ser un traballador por conta allea, cando estaba protexido polo dereito de folga. Pero, que efecto pode ter una folga realizada por un traballador invisible para a sociedade que, en moitos casos, nin sequera dispón dun centro de traballo ao que faltar? De facer folga, na maioría de casos pasaría totalmente desapercibida para a sociedade, como se apunta en “La Huelga Invisible”

A estratexia de enfraquemento das empresas non parece que vaia remitir. Na actualidade unha empresa non está concibida de arriba cara abaixo para producir un produto; na actualidade, deseñase o produto para, a posteriori, buscar terceiras empresas que fabriquen as pezas, outras para o transporte, outras para ensamblar, outras para a distribución, outras para o marketing, etc. Diferentes empresas traballan realizando diferentes tarefas para a realización do produto final, baixo a dirección da empresa que  ideou o produto. Por iso se fala de reorganización da produción, de división do traballo entre empresas, especialmente, de división espacial do traballo. Esta distribución da man de obra en diferentes empresas, distribuídas por diferentes países, divide a man de obra necesaria para a elaboración do produto, baixo diferentes empresarios e lexislacións, rompendo a unidade de acción dos traballadores respecto ao empregador. Vemos pois, que a defensa dos dereitos do traballador por conta allea, debido ás políticas de deslocalización da produción tamén se fai complicada no marco da economía global.

É esta situación a que empurra a moitas persoas a emprender ou traballar por conta propia, a desenvolver un proxecto propio, persoal, que non dependa das decisións que unha multinacional tome en calquera outra parte do mundo, allea ás súas necesidades de empregabilidade. O problema que van a ter estas persoas é que se meten nun mercado sen protección algunha á parte débil, a diferenza do traballador por conta allea que, pese ás diferencias entre lexislacións entre estados, no dereito comparado acostuma a estar protexido dado que calquera relación entre empresario e traballador non é recoñecida como unha relación entre iguais senón entre dúas partes, unha forte e outra máis débil. Sen embargo, o traballador autónomo que accede ao mercado laboral na mesma situación de debilidade que o traballador por conta allea, non dispón da mesma protección ante os abusos das grandes empresas. É máis, moitas veces este traballador autónomo atopase ante unha situación de debilidade respecto aos traballadores que poida contratar, pois estes van ter a seu favor unha lexislación que lle outorga unha forza perante un empregador, o autónomo, moi débil. Por riba, dende os poderes fácticos alentase a súa división, potenciase o seu individualismo, premiase ao máis competitivo.

O futuro do traballo por conta propia pasa, inevitablemente, por equilibrar forzas entre grandes empresas, pequenas empresas, autónomos ou emprendedores. Aquelas persoas que venden a súa forza de traballo de forma individual ou a través de pequenas sociedades necesitan a mesma protección que calquera outro traballador, necesitan negociar o prezo da súa forza de traballo de forma colectiva, necesitan, sobre todo, unha administración que vele polo cumprimento dos acordos, pois só o peso das administracións públicas ten capacidade para facer fronte ás grandes corporacións.

Conseguir todo isto pasa por repensar o actual modelo social, reformular o obxectivo dos sindicatos, que tradicionalmente marxinaron ao traballador autónomo, fortalecer as asociacións de traballadores autónomos dende todos estes pequenos movementos que van xurdindo con carácter sectorial ou territorial ao largo da xeografía, e viceversa, dende estas asociacións dar apoio loxístico, xurídico ou económico a estes incipientes movementos que ten unha gran importancia na concienciación das persoas nas distancias curtas, única fórmula para superar a constante propaganda institucionalizada nos medios de comunicación de masas que, faise necesario lembrar, están en mans das mesmas corporacións multinacionais coas que competimos no mercado de traballo e contra os que é moi difícil competir coas mesmas ferramentas, a pesar do avance das novas tecnoloxías.

[1]Autónomos por obligación. Quienes antes soñaban con ser funcionarios, hoy quieren ser sus propios jefes

[2] “Culturas de la innovación y el emprendizaje.” Cassián, Nizaiá. . FUOC. 2015.

[3] “Culturas de la innovación y el emprendizaje.” Cassián, Nizaiá. . FUOC. 2015.
[4] Ley 15/2007, de 3 de julio, de Defensa de la Competencia
[5] La Huelga Invisible, 2012

Permítenos o emprego ocupar o noso lugar como cidadáns?

empleo201411_29A European Anti Poverty Network – EAPN (Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social) publicou no ano 2015 o “V Informe sobre O estado da pobreza (podes lelo aquí ) segundo o cal “aumenta o número de traballadores pobres desde o 11,7% en 2013 ao 14,2% no 2014, o que ven a mostrar, outro ano máis, que non calquera traballo protexe da pobreza. Esta cuestión está moi relacionada coa evolución crecente da xornada parcial que, para o segundo trimestre do 2015, chega ao 16% do total de ocupados”. Algúns traballos non nos permiten traspasar o limiar da pobreza de modo que, dificilmente se pode exercer de forma efectiva a cidadanía por parte dos individuos que sofren estas situacións. O mesmo informe liga a pobreza coa precarización dos empregos, coa evolución crecente da xornada parcial que, si, serve para maquillar as estatísticas de persoas desempregadas, pero non para resolver a súa situación económica e, polo tanto, dar resposta ás súas necesidades como cidadán.

Esta situación fora analizada anos atrás pola Fundación 1º de Maio, nun informe chamado Traballadores pobres e empobrecemento en España (2012), elaborado por  Jorge Aragón, Jesús Cruces, Luís de la Fuente, Alicia Martínez, Amaia Otaegui e Elvira S. Llopis, onde se manifesta que a “pobreza afecta dun xeito máis acusado a aquelas persoas que quedan fora do mercado laboral ou que perderon o seu emprego, aínda que ten un emprego non exime da probabilidade de ser vulnerable a a pobreza”.

Como se chega a esta situación

O avance da pobreza está directamente relacionado co crecemento da desigualdade, é o prezo que o 99% da poboación ten que pagar para que o 1% sexa cada vez máis rico. Esta é a tese do premio Nóbel Joseph E. Stiglitz, quen non dubida en responsabilizar aos estados de crear, de forma premeditada un marco legal, para fomentar a desigualdade: “a desigualdade en EEUU non apareceu porque si. Foi creada. As forzas do mercado desempeñaron un papel, pero non foron as únicas responsables” posto que “as políticas gobernamentais determinan esas forzas do mercado” [O precio da desigualdade]. Lamentablemente, no proceso de mundialización da economía, aquelas teses políticas estendéronse e impuxeron na maioría de estados, incluídos os europeos, onde, tradicionalmente os mercados estaban máis regulados e eran máis protectores co cidadán (estado do benestar). Como afectan estas políticas ao mercado laboral? Para Stiglitz “As políticas macroeconómicas determinan a precariedade do mercado laboral, o nivel de desemprego, e, por conseguinte, a forma en que operan as forzas dp mercado para cambiar a participación dos traballadores”.

Estas políticas consisten fundamentalmente no aumento da flexibilidade na contratación laboral e, ao tempo, a contracción das medidas que dotaban de seguridade ao traballador (tende a reducirse a indemnización por despedimento, os subsidios de desemprego, etc.), xustificadas ambas pola crise económica. Sen un sostén de seguridade económica, o mercado laboral flexible crea irremediablemente estes resultados. A destrución das redes de seguridade xunto á rápida acumulación de capital é, en palabras de Santiago Álvarez e Yayo Herrero, “a principal forza de expulsión e ameaza para os pobos e comunidades”.

Efectos da pobreza

A pobreza nas sociedades actuais é o resultado do fracasado estado de benestar, un tipo de estado que non cumpre o seu cometido, como afirma Roger Senserrich. Por iso, “cando falamos de pobreza (…) non estamos falando de vivir en pisos pequenos, comer mal, no ir ao cine ou estar nun barrio feo da cidade. Estamos falando de medo, angustia e temor constantes, a miúdo en solitario, sen que ninguén se digne a prestarche atención”. Fala o autor deste artigo, non só dos efectos da pobreza sobre as persoas adultas, senón tamén do ambiente tóxico que significa para os seus fillos, pois limita a formación persoal e académica das futuras xeracións, nun mundo no que o cambio é constante, arrastrándoos tamén á pobreza. No ano 2006 a Fundación FOESSA saca á luz baixo o título A transmisión interxeracional da pobreza: factores, procesos e propostas para a intervención un estudio no que conclúe que o status laboral representa un claro factor de transmisión de pais/nais a fillos/as, ao constatarse unha clara relación entre as dificultades económicas sufridas na infancia co nivel de estudos alcanzado, tanto que, o 81% das persoas que sufriron serias dificultades económicas na súa infancia volven sufrilas na súa vida adulta, converténdoas nas persoas máis susceptibles aos ciclos económicos. “Este estudo permite comprobar como a pobreza presente xera a pobreza futura”.

No ano 2008 o INE publica un estudo similar, sobre Transmisión interxeracional da pobreza, baseado na Enquisa de condicións de vida no ano 2005, relacionando a situación do adulto actual coa súa adolescencia. “As taxas de pobreza (….) aumentan coa frecuencia das dificultades económicas no fogar durante a adolescencia. No grupo de adultos que nunca tiveron dificultades a proporción de pobres é do 13,1% e chega a ser o 19,8% no caso de adultos que sufriron dificultades moi a miúdo. Polo tanto, podería concluírse que o ambiente económico na pubertade ten unha influencia clara nos ingresos futuros e na probabilidade de caer na pobreza, aínda que o feito de non ter sufrido dificultades económicas na etapa adolescente non exime de pertencer ao grupo de adultos actualmente clasificados como pobres”.

A pregunta que nos facemos

A pregunta é si o emprego nos permite ocupar  o noso lugar como cidadáns. A resposta é ambigua: “si” e “non”. Dependerá do tipo de  cualificación requirida para o emprego, a súa estabilidade, a renda, a evolución tecnolóxica, moitas veces imprevisible. Dependerá de que ese emprego nos permita ter acceso á propiedade, aos dereitos derivados do traballo ou, nesta nova era, moi importante, acceso ao coñecemento. Dependerá, pois, de que o emprego sirva ao individuo como catapulta cara a súa propia emancipación e independencia.

A actual escaseza de emprego, a súa racionalización mediante a imposición de xornadas parciais, a precarización de salarios, son elementos que xogan en contra. Empregos que manteñan ou conduzan ao traballador cara una situación de pobreza serán un serio condicionante para acadar unha cidadanía efectiva.

Velaquí unha noticia que nos debe facer pensar sobre a importancia do acceso ao coñecemento: “Algunhas firmas xa estiman que para 2025 unha cuarta parte dos empregos queden obsoletos ou estean automatizados e que esta porcentaxe ascenda ao 40% dentro de 20 anos”. Outra nova: “KR-180: O obreiro que nunca falla” sobre a unha máquina soldadora de última xeración que vén a revolucionar o sector metalúrxico. Sería un desastre tratar de manter empregos nunha empresa cando a competencia realiza ese traballo con máquinas, estaría abocada á ruína, pero sería un desastre tamén prescindir de traballadores sen sequera establecer un sistema de seguridade que lles permita ocupar un novo posto de traballo no futuro, pois serían conducidos á pobreza. Si na modernidade, coa chegada da industria, como relata Albert Salas, os pobres podían supor un problema si aceptaban a súa condición e non ambicionaban traballar, na actualidade pode suceder outro tanto, pois o traballador, amais de sela man de obra, é o consumidor dos novos produtos no mercado. Antes as empresas pensaban na lóxica “si non queren traballar, non podemos producir” pero agora deberían pensar que “si non ofrecen traballo, non ten consumidores”. A nova ética do traballo debe facer sentir responsable aos empresarios, amais de ás institucións, aos propios traballadores e colectivos que os representan, da situación de acceso aos recursos por parte dos traballadores, que non deixa de ser o acceso aos seus propios produtos.

Todo traballador ten a necesidade de formarse ao longo da vida para ir adecuándose aos cambios tecnolóxicos que definen a sociedade actual. Non cabe dúbida de que o traballador que non sexa consciente deste feito ten moitas posibilidades de verse desprazado do mercado de traballo e caer na pobreza, pero incluso aquel que o conserve pode caer na precarización do seu salario se non mellora a súa cualificación. Faise necesario comprender o novo paradigma económico para non caer na pobreza, principal escollo para ocupar un lugar no mundo como cidadán.

Gonzalo Jácome, o Antialcalde

Comezou a anterior lexislatura escoitando do concelleiro do BNG, Fernando Varela, que era “el niño que no pinta nada aquí”. Dende logo, non tivo un bo comezo. Poida que necesitara tempo para familiarizarse co novo entorno no que se ía a mover, coñecer o funcionamento da administración local, as normas que a rexen, as persoas que moven os fíos,… Pero, pasado ese momento de adaptación, a fera, adaptada xa, comezou a ser quen máis pintaba alí, cando menos, quen máis aireou os trapos que os partidos do goberno, presentes (PSOE e BNG) e pasados (PP), trataban de agochar. Foi quen de marcar a axenda ao resto de grupos, tanto aos que gobernaban, como aos que non.

Concordo con el en que esa non é a verdadeira labor da oposición; tamén en que esa labor corresponde aos covardes órganos xudiciais (xuíces e fiscais) e policiais. Covardía, cando non complicidade, demostrada. Non foi en Ourense onde se descubriron, por actuacións xudiciais, casos de corrupción política na nosa administración local, senón dende fóra, en investigacións levadas a cabo por xuíces de A Coruña, Lugo ou Vigo. Aquí, os de aquí,  están por estar… Quizais, cando non gobernen os de sempre, os seus, para que volten, comezarán a funcionar. Quizais…

O éxito de Gonzalo Jácome nas eleccións municipais é indiscutible: triplicando os votos cuadriplicou os concelleiros. Seu éxito non pode illarse desa canle de TV local que o ten presente as 24h do día, sete días da semana, 365 días ao ano, ao estilo norcoreano. Era, antes do 24M, o candidato máis coñecido, sen ser, iso si, o máis valorado. Fíxose bo o dito “máis vale malo coñecido…”. Ese éxito tamén ten que ver co fracaso da confluencia cidadá. Fracaso ou torpedeo, non sei, case isto último. O certo, é que unha maré de xente do común, ben organizada, sen siglas partidarias, sen leas internas, puidera terlle roubado a Gonzalo Jácome todo ese protagonismo, como sucedeu noutras cidades galegas. Pero, un par de grupiños, como foron Anova e Compromiso por Galicia, non se resistiron a impoñer, polas bravas, as súas siglas por diante do proxecto común, utilizando medios pouco ortodoxos para erguer aos seus artificialmente. Si, artificialmente, porque o liderado destes ía contra natura, contra a lóxica organizativa, contra os principios fundacionais de Ourense en Común. E o éxito de Gonzalo Jácome está tamén no fracaso do Bloque Nacionalista Galego, un Bloque descoñecido, rancio, incapaz de atopar conexións coa realidade política e social na que convive.

Mais o éxito de Gonzalo Jácome non foi completo. Non foi a forza máis votada, senón a segunda, polo tanto, non é quen para autoproclamarse alcalde, nin moito menos, sen a autoridade que ten os votos das outras opcións políticas. Resulta cómico proporlle a forza máis votada, o PP, que lle ceda a alcaldía, aínda que sexa media lexislatura. Non menos cómico podería resultar unha coalición co PSOE, a forza a que atacou e ridiculizou durante catro anos. E non se trata só do trato que dispensou aos seus representantes no Concello, senón aos seus votantes… Que ían pensar si Gónzalo Jácome, logo de todas as tropelias, acaba alcalde de Ourense cos seus votos, os do PSOE… Ou viceversa, Vázquez Barquero cos de DO. Pero o máis triste da situación é que aquí o único que realmente se está negociando é a alcaldía duns e outros… xa os programas políticos pasan a un segundo plano, xa as promesas son esquecemento. Alcaldía a cambio de concellarías, reparto do pastel, bo, enorme, manexar un orzamento de 100 millóns de euros. Lamentable…

Gonzalo Jácome dá mostras de desesperación por ser Alcalde da cidade. Como xa o dixo nunha ocasión, “como si hai que pactar con el diablo”. O mesmo lle presenta un pacto ao PP, como acusa a estes de ter xa un “pacto pola corrupción” co PSOE, como acto seguido convida a PSOE e OUeC a formar un tripartito para gobernar a cidade, con el de Alcalde. Para el, todo pasa por ser el alcalde… Ser tan teimudo non é unha cualidade que deba reunir un bo alcalde, por non falar da falla total de coherencia. Todo isto, en canto ao fondo.

As formas tampouco son as máis axeitadas. Mentres se produce un proceso negociador pola alcaldía, non ten moito sentido estar criticando a quen pretendes ter como socio. E esta crítica é constante. Non ten sentido para quen, irremediablemente, necesita o entendemento con alguén (PP ou PSOE) e cando, para estes, o entendemento con el non é unha necesidade, caso do PP. Crerse o gañador nunhas eleccións onde tan só pode proclamarse como tal quen acada unha maioría absoluta resulta rídiculo. Por ser, non é sequera, como segundo, o primeiro dos perdedores. Tampouco resulta moi apropiado saltarse os procesos internos das organizacións a que un se dirixe… Si en OUeC consta no seu código de gobernanza que non se vai a proceder a un reparto de cadeiras  con ninguén, resulta insultante que che presenten unha proposta nese senso, ofrécendoche cadeiras, namais. Debería OUeC incumprir os seus documentos para facer a Gonzalo Jácome Alcalde? Nin un só dos votantes de OUeC o comprendería e moito menos o perdonaría. A carencia de cualidades na negociación tamén se evidencia co PSOE, saltandose a súa estrutura, dirixíndose ao PSdeG directamente, obviando a dirección local. E isto faino el, que tanto critica que os partidos clásicos non fagan máis que seguir directrices de órganos superiores. Por estas razóns, e moitas máis, que me obrigarían a escribir un libro no lugar dun artigo, é que considero que Gonzalo Jácome, máis que dar o perfil de Alcalde, encaixa perfectamente no de Antialcalde, pois acumula moitas das eivas que xamais debería reunir a figura dun Alcalde, cando menos a do Alcalde que eu quero para miña cidade.