Sobre o “pulo” á empresa e ao emprego en Ourense e Galicia


Artigo publicado en MundoGaliza, actualizado.

Un exemplo do que vou falar podemos atopalo na Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e no xeito en como esta restrinxe a formación tanto de emprendedores como de desempregados. O domingo día 14 de agosto o diario local de Ourense publica unha nova relativa a CEO na que anuncia que “A CEO forma parados para que creen empresas”.

Esta nova está  falseada e, estou seguro, non obedece a erro algún, senón que ten unha clara intencionalidade manipuladora: facer crer a sociedade que os empresarios ourensás apostan pola creación de novas empresas, cando a realidade é reveladoramente contraria, co afán de conservar a súa posición de dominio social bloquean calquera iniciativa emprendedora que poida amezarlos, agás cando esta proveña do seu círculo familiar ou social. Vexamos: a formación a que fan referencia nesta noticia está financiada polo Fondo Social Europeo (75%) e pola Consellería de Traballo e Benestar (25%), polo tanto non é a CEO quen forma, senón a UE e a Xunta de Galicia a conta dos impostos de tódolos cidadáns. Este feito que é de sobra coñecido por este diario, xa que cada domingo publican innumerables anuncios deste tipo de accións formativas, é ignorado. Sen embargo, malia a aparecer como unha noticia do xornal local ese domingo, cabe supoñer que é a propia CEO quen lle proporciona dita información, e malia contar o curso con seis vacantes dun total de 15 prazas, ao prover o Servizo de emprego alumnos insuficientes, a CEO non inseriu anuncio algún para propalar ese curso de acordo coa normativa vixente (ver páxina 9 da guía 2011 do plan AFD ou artigo 18 da orde da convocatoria). Porque non o fai? Porque se oculta a orixe dos fondos? O diario non  sinala nada respecto ao financiamento pero si se desprende da nova un aura de gabanza á actividade da entidade, á que os empresarios asociados aportan máis ben pouco ou nada, pois todo canto gastan -ou dilapidan- son cartos públicos dos cales boa parte rematan no haber deste xornal. Para a CEO o de menos son os desempregados. O de menos son a orixe dos fondos. O de menos é o resultado do investimento. O importante é consumir fondos públicos porque así sempre algún dos seus saca beneficio.

Di M.  M. Barreiro en A novísima dereita e nós que en Galicia hai tempo que a depresión económica recluíu aos empresarios nos seus cuarteis de inverno, alí lamben as súas feridas e coidan dos seus minguados beneficios na espera de tempos mellores. Oxalá esta afirmación, coa que concordo, fose completa. Oxalá a súa actitude fose tan pasiva. Seguindo coa metáfora empregada por Barreiro podería engadirse a mesma que os empresarios invernan cun ollo e co outro están a espreita para que ninguén lles usurpe o seu dominio sobre a cidadanía. O ollo esperto dos empresarios son as súas organizacións empresariais, unhas infraestruturas pesadas de persoal pouco cualificado que se encargan de manter unha esculca permanente sobre calquera ávido emprendedor que poida abeirar do control da manada e por en perigo os seus privilexios imperecedoiros (pasados, presentes e futuros), ou iso cren. Ante un nimio perigo a encomenda da organización é sempre pexalo, dilapidando se for preciso cantos recursos sexan necesarios, recursos sempre alleos, recursos que provén –ironías da vida- de todos os contribuíntes, de fondos públicos que deberían, polo tanto, estar destinados ao ben xeral do conxunto da poboación, como é neste caso a administración ineficaz de fondos públicos dirixidos a formación ocupacional e, para máis inri, fondos públicos destinados ao emprendemento e, repito por se non fun suficientemente claro, fondos públicos que as entidades empresariais consumen ao seu antollo, sempre en beneficio propio, económico e persoal (a súa soberbia) e nunca, insisto, nunca, na procura dun efecto positivo (demostrable) para o conxunto da sociedade; de feito, non se realizan estudos de impacto para que ninguén poida demostrar o contrario (a nulidade de impacto). Poucos emprendedores logran zafarse deste asexo acosador permanente. Abonda con mirar de xeito paisado ao redor: temos os mesmos empresarios de sempre. A inacción é palpable. A inanicción é demostrable.

Os nosos empresarios teñen unha concepción moi equivocada do que lles é propio. O capital é seu. A man de obra é súa. Os beneficios son seus. Os fondos públicos son seus. Cren. Nestes lares os empresarios non rematan de ver os efectos positivos de ofertar unha boa formación a cidadanía, soamente ven perigos, crendo que formando persoas criarán os corvos que lle comerán os ollos, ollos espertos, ollos dormentes. Para os nosos empresarios os fondos públicos sonlles propios, pois entenden que é un contributo expropiado dos beneficios do capital que eles arriscaron, como si, de non facelo, lles reportase algo. Así, os empresarios loubáns que temos procuran o reintegro de canto achegaron as arcas públicas prestando estes servizos que non prestan, formando emprendedores que non emprenden e desempregados que non se empregan. As organizacións empresariais galegas, como a de Ourense, sequera contan cun plan de formación para os seus empregados, tampouco para as empresas que a conforman, moito menos para a sociedade na que residen; un feito inaudito si ollamos a cantidade de millóns de euros que xestionan e dilapidan cada ano neste apartado. Forman Téncnicos de Formación, pero non os contratan (cando menos aos que forma). Forman Formadores Ocupacionais pero non os contratan (facendo con outros docentes de dubidosas capacidades cara a materia que imparten). Forman empregados administrativos pero non os contratan. E un largo etcétara de ocupacións. É un xeito coma outro calquera de tirar cartos ao lixo. Por estes lares coñecemos ven como dende que formamos parte da UE eses fondos minguantes foron destinados para fornecer o seu dominio a conta do desenvolvemento social, utilizándoos para manter unha infraestrutura pesada e clientelar -e tamén, todo hai que dicilo, incapacitada para resolver os problemas que nos atinxen- da propia organización e dos paridos políticos (PP sobre todo) que máis se dobran aos seus intereses.

Na acción formativa a que se refire a nova do cabezallo a CEO saltouse un paso fundamental, como son as garantías na selección do alumnado ao non respectar pautas de obrigado cumprimento, como son a publicidade do curso, ao non dar a coñecelo divulgando nos medios locais, aínda cando existían seis vacantes previamente ao seu inicio, dando comezo logo sen  a totalidade dos alumnos, cando si existen demandantes para a súa realización. Si realmente a CEO quixera formar empresarios faríao a súa conta e sen tanta publicidade pero, obstaculizar, como fai, a formación de novos emprendedores debería custarlle, amais do rexeitamento social, a devolución dos fondos públicos destinados a semellante. Iso non sucederá, nin unha cousa nin a outra. Como di o protagonista de 1984, George Orwell, “mentres non adquiran conciencia non poderán rebelarse, mentres non se rebelen non poderán adquirir conciencia”. É unha roda que os empresarios teñen ben engraxada.

Esta acción formativa comezou o pasado día 16 deste mes de agosto sen que o curso contase cos 15 alumnos estipulados (non é a primeira vez nin será a última, é costume da casa). Ao preguntar aos técnicos da CEO por este feito din que agardan que eses alumnos que faltan se incorporen o a seman seguinte (sería ap rimeira vez que o fan pois noutras ocasións as prazas quedaron baleiras). É inaceptable que habendo verdadeiros emprendedores interesados en realizar ese curso, dende a CEO soamente existan trabas para quen amosou un interese real en facelo.

Entendo o como pero non entendo o porque”. 1984, George Orwell. Outra vez.

Carta pública a emprendedora ourensá do ano

Asunto: tanto me valoran tanto vallo

Ola Belén, bo día!

Vin reflexionado de camiño a casa sobre a entrevista de hoxe. Camiñar só pola cidade reláxame moito, ábreme a mente e permíterme ver con maior claridade a realidade. Debería probar. Polo camiño tan só saín dese estado de meditación cada vez que pasaba diante dunha librería e rematei por parar en dúas delas, e nas dúas merquei libros. En Novel chamoume a atención libro un sobre cuxa temática estivemos falando, a estatística. Trátase dunha obra clásica de Darrel Huff: “Como enganar con estatísticas“. Virame moi ben, no vindeiro semestre teño unha asignatura sobre estatística: “Técnicas cuantitativas aplicadas ás Ciencias de Traballo”. Nesta asignatura utilizaremos un potente programa: MiniTab 16.0.

Logo noutra librería, Torga, máis do meu gusto, merquei “NOLOGO“, un dos clásicos do marketing, xunto con outros dous máis relacionados coas ciencias políticas e as redes sociais: “Non penses nun elefante” e “Das nacións as redes” … Servirame para reflexionar sobre a realidade social deste lugar, Ourense, tan atrasado e afastado da mesma… Encamiño de novo cunha enchenta de libros na man, mentres penso, cun sorriso na faciana que, seguramente, vostede xa se esqueceu do libro que lle recomendei, ignorante, iso si, do que semellante recomendación levaba implícito.

Escribir o que se pensa tamén axuda a facer valoracións sobre a propia reflexión,… e por aquí comezo:

Un dos libros que estou lendo na actualidade é “Coaching” de Jhon Whitmore e claro, cando me falan diso nunha conversa meus ollos acenden, tiña que velos… Si alguén que sabe pronounciar “cowchin” se dirixe a min a través dunha rede social, Linked In, para ofertarme emprego, xa ten que estar interesada, non si? Sentime coma o neno que lle gaña por primeira vez unha partida a seu pai,… Ese é un dos exemplos que pon Jhon Whitmore para explicar a función do coaching directivo, o exemplo do pai que deixa gañar a seu fillo para que senta esa satisfacción persoal única, así como a do propio pai ou nai cando, a seu tempo, se comprace ao ver que un fillo consegue superalo de verdade. Un bo xefe coma un bo coaching deberían sentir o mesmo cada vez que un empregado seu ou un pupilo seu conseguen os obxectivos que lle marcaran. Claro que tamén pode suceder o contrario, a situación na que o mal xefe ou xefa, neste caso, critique aos seus empregados diante dun candidato a formar parte do cadro de persoal, por seren estes pouco produtivos cando o xefe non está diante.

Eu hoxe decateime de que non dou conseguido ese obxectivo. Vou explicalo: hoxe “meu pai” díxome o que realmente vallo eu e toda a miña formación: o SMI. Dende logo algo estou facendo mal. Moi mal. Debería tomarme máis en serio o meu personal branding,  e así evitar que unha “experta” en RRHH, termo que define máis ao reclutador que ao reclutado, meta a zoca ao dirixirse a min. Quizais debería por o meu futuro nun verdadeiro coaching, non nun destes do tres ao cuarto que inzan por Ourense, un deses que estean ao día, actualizados, non dos que levan anos afastados do coñecemento (TIC, libros, etc.). Realmente eu cría que valía máis e quero pensalo aínda. Pode tamén que estea errado, non sei…

Que un xefe te vaia buscar a túa casa, como se me veu buscar a min é un bo sinal, pois eu non lle enviara meu CV a esta empresa -que nin sabía que existise-, para dicirme que valio o mesmo que unha persoa que se adica a encher caixas de correo de publicidade (o SMI) con todos os coñecementos que aporto. Si debo ser sincero non considero esa actitude o mellor coaching da historia, dende logo, nen a mellor forma de reclutamento: xa antes de contratar a un empregado o rebaixan ao escalón máis baixo que a lei lle permite… que futuro pode agardar a alguén nunha empresa así?

Unha empresa que di adicarse a ofrecer servizos de consultaría de RRHH (non a DDPP) e Formación Continua ten que saber mellor que ningunha outra empresa da necesidade de ter uns perfís profesionais ben definidos -pois iso é o que vende-. ten que valorar a actualización de coñecementos de cada traballador -pois iso é o que vende- e ten que estar disposta a pagar polo perfil adecuado e pola formación do profesional -pois iso é o que vende-. Pois non. Non é así. E esta empresa a que me refiro –global servi– nin ten os seus propios perfís profesionais ben definidos -pois vostede mesma afirma na primeira toma de contacto que todos fan un pouco de todo pero pouco do que realmente poden facer (esta última afirmación é miña)- nin se albiscan perspectivas de definilos. Cando menos eu non as vexo. Non vexo que vostede poida facelo porque realmente vostede é coma todos eses empresarios aos que durante hora e media de entrevista criticaba, empresarios parásitos que non están dispostos a pagar polo servizo que se lle presta, a saber, formación e selección.

Sinceramente, eu non sabería como venderlle a un empresario un servizo que nin miña propia xefa compraría, isto é, un profesional adecuado para o desempeño das funcións dun determinado PT (posto de traballo). Que vostede quere darse o capricho de ter un Licenciado en Dereito na rúa vendendo uns  servizos que nin vostede mesma compraría, que podo engadir eu, dese o capricho! Como non! Pero cando menos asuma a súa categoría e páguelle o que realmente vale, pois ese Licenciado en Dereito tivo que pagarse unha carreira e romperse o coco para tela. Si simplemente quere un vendedor, contrate a un comercial, e si quere un administrativo, pois unha persoa co ciclo medio de Administrativo. Non necesita un Licenciado en Dereito para que faga labores de administrativo-comercial.

Persoalmente creo que se equivoca. Con esa mentalidade tan cativa chegará tan lonxe como o conxunto do empresariado ourensá: a cola de tódalas clasificacións económicas. Velaí outro motivo para a Repulsa!

Nunha cousa si concordo con vostede: un empregado ten que gañarse o soldo, me dixo. Como non ía estar de acordo. Si vostede oferta un PT cun soldo do SMI non poderá obter -moito menos, esixir- máis rendabilidade que a que poida ofrecer unha persoa coa capacidade dun camareiro, por por un exemplo. Sinceramente, polo SMI prefiro traballar nesta profesión que na que me oferta global servi, polo menos é moito máis agradable e rómpome menos os cornos. Si vise esta realidade fai anos probablemente non seguise estudando… total…

Quero pensar aínda que vallo máis, non o que vostede di que vallo. Quero pensar que seus empregados valen máis, non o que lles paga. Probablemente o seu rendemento este directamente relacionado co valor que vostede lles dá, de xeito que, si como vostede me comentou na primeira chamada que tivemos, baixan o rendemento cando vostede non está presente, algunha responsabilidade terá que haber na dirección da empresa -súa- para que esa sexa a súa conduta. Eu hoxe xa puiden decatarme porque baixa o seu rendemento na súa ausencia. Lóxico! Só vostede non o ve… e si non o ve na súa empresa como se pode agardar que o vexa noutras?

Gustoume que falara de extender a súa empresa a outras cidades, pero logo de pensalo, non creo que sexa máis que un farol. As outras cidades de Galicia non son Ourense, aquí é suficiente con nomear a catro amiguetes -vostede fixo hoxe comigo, creo lembrar que nomeu a Bermello, a Pérez Rumbao, a Yolanda e Cesar de Cimo e algún máis-, noutras cidades cumpre rendir ao máximo para competir, para iso cumpre ter vos profesionais, e para telos, recoñecerlles a súa valía.

Resumindo: non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que non le libros, non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que degrada a seus empregados dende a mesma entrevista de traballo, non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que non ten claros os seus obxectivos nin os da súa empresa, non me imaxino traballando cun xefe ou xefa que non sabe recoñecer a valía dos servizos que el ou ela mesma vende.

Hoxe aprendín moito con vostede, sen que vostede se decatase.

Un saúdo Belén,

xosé antón vázquez dorrío

Estes son os libros que menciono no post e que por suposto recomendo ler. Ler non mata. Créanme. Quizais non servan para “estar” pero serven para algo moito máis importante: SER!

A verdadeira liberdade acadarase a través da cultura
Gustavo Bueno

Como mentir con estadísticasComo mentir con Estadísticas

Darrel Huff

Non penses en elefantes Non penses en elefantes

J. M. Rodríguez Porras

NOLOGO NOLOGO

Naomi Klein

Das nacións as redes Das nacións as redes

David Ugarte, Peré Quintana, Enrique Gomez, Arnau Fuentes

Precisan dos servizos de Ana Belén Vázquez Cruz? Pois comparto con vostedes a súa tarxeta de visita:Ana Belén Vázquez Cruz

Plan Repulsa Ourense

A CEO percibe que Ourense «perde forza» en Galicia, di o titular da nova onde os empresarios de Ourense confirman a perda de competitividade desta provincia, que é a última de Galicia, e Galicia das últimas de España e España ocupa o posto 42 no mundo, logo de Tunisia. Imos ben! Ese é o resultado do Plan Repulsa Ourense que os empresarios desta provincia teñen activado dende tempos inmemoriais.

Repudiando o talento a favor da mediocridade queren que súas empresas sexan punteiras, competitivas e produtivas, con traballadores sen cualidades para o posto que ocupan, iso si, moi ben recomendadiños todos, que así funciona a captación e selección de persoal na empresa ourensá; certamente crer que ese é o camiño é de tolos e iso é o que temos.

Estou lendo a Jay Elliot, man dereita de Steve Jobs, e no capítulo 4 fala do aproveitamento do talento. Eles si o teñen claro: o talento chama ao talento. Non soamente concordo, senón que engadiría, a mediocridade chama a mediocridade. Soamente así se pode explicar a marcha da economía ourensá. Deste libro teño anotadas moitas citas sobre liderado e creación de equipos, sería difícil quedarme con unha, pero dado o contexto no que me atopo, un país de caciques, fago boa a seguinte: “unha das cousas de atopar xente boa é que se converten nos mellores recrutadores”. Esa xente boa debe atoparse, por suposto, dende o cumio da pirámide. Non é o caso das empresas desta provincia.

Outra actitude moi mal valorada, neste pais atrasado e retrasado, é a crítica, sen embargo, para os equipos de Apple son necesarias persoas “que pensen diferente”, estes, din,  son a chispa da empresa. Aquí o que prevalece é o mamoneo e os equipos de dirección das empresas desta provincia están compostos por verdadeiros mamóns, literalmente. Non hai máis que ler a nova que encabeza este artigo. Cal é a solución dos empresarios de aquí? Máis inversión das administracións públicas, máis estradas, máis vías,… para que? Para apañar máis fondos públicos para ás súas facendas particulares. O beneficio está na subvención, na axuda pública. Para que máis fondos, si non teñen a capacidade de sacar rendemento a nada do que se lles ofrece?

Xa falara doutra do negocio da Formación Ocupacional e Continua. Aí está a CEO tamén, formando traballadores empregados e desempregados con recursos públicos, traballadores que forma e logo nunca emprega en ningunha das súas empresas, sinxelamente porque para acceder a ese posto concreto o necesario non é a formación, senón unha boa recomendación. Actualmente estou realizando o curso de Técnico/a de Formación. Cando se lles pregunta a confederación cantas empresas están interesadas en contratar a un traballador destas características a resposta é: ningunha.

Suponse, iso di a teoría, que os cursos de Formación Ocupacional responden a unhas necesidades formativas previas por parte do mercado laboral. Mentira! Non existe tal estudo de necesidades formativas nin empresario que o avale. É todo un negocio que serve, unicamente, para afundir diñeiro público nun pequeno número de entidades, todas elas de carácter privado.Si ate ASPANAS que non ten unhas instalacións adecuadas para impartir cursos oferta cursos AFD, ou iso di a persoa responsable, Rosa Carrera Carballo, nun dos seus emails: “…en canto ao proxecto formativo non reunimos requisitos de aulas e medios para a homologación”. Agora si? Outro tanto sucede coa maioría dos centros que aparecen nesta lista… Todos se arranxa enchendo o cazo dalgún inspector. E a empresa, a gran perxudicada, nin chio, soamente laios. Así nos vai.

De patético peloteo pode describirse o artigo que hoxe asina a editorial de La Región, gabando as andanzas da CEO e do seu presidente e calificando de certeiro a análise da situación actual realizada pola entidade. Será sobre todo para que continúen inserindo anuncios neste xornal a conta de fondos públicos… todo ten o seu porqué.

A única análise certeira para acadar metas é a que fai Steve Jobs: “tes que ter moi boa xente. Tes que construir moi bos produtos. Necesitas crear un espiritu espontáneo e de celebración do éxito”. Os editores de La Región o único que celebran neste bochornoso artigo é a análise do fracaso e o alento da mendicidade.

A CEO censura a crítica e restrinxe a liberdade de expresión

Logo de criticar a CEO (Confederación de Empresarios de Ourense) por enésima vez polo uso continuado do castelán na súa páxina de Facebook e na súa conta de Twitter decidiron eliminar primeiro os meus comentarios, logo a conversa enteira, quizais avergonzados polo que eles mesmos afirmaban. Lamentablemente a conversa é imposible reproducila na secuencia en que se produciu.

Na súa páxina informaba da conferencia que hoxe ía dar @marcvidal na sede da CEO para falar de oportunidades de negocio nas redes sociais as sete da tarde. Como se pode apreciar, polas mensaxes recibidas no meu correo, ao mesmo tempo que esta persoa falaba de redes o “community manager” da CEO (xúrovos que escacho de risa) eliminaba unha conversa miña da páxina da CEO en Facebook, unha páxina que é publica e, polo tanto, as súas conversas públicas.

Dígolle que estaría moito mellor que editasen esta páxina en galego, pois reciben moitos cartos anualmente para normalizar a lingua galega na sociedade.

Resposta: “A Confederación non dispón de servizo de normalización lingüística e non é beneficiaria de ningún tipo de subvención da Xunta por ese concepto xa que as axudas para as actividades deses equipos remataron no ano 2009”.

Alucino! Minten! Vou a súa páxina web, a sección servizos, e alí hai un servizo que se chama “normalización lingüística” e afirman que ese servizo se presta grazas aos convenios asinados pola CEG coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Amais, que non tivesen axudas este ano non significa que non teñan equipos de normalización lingüística, que os ten, outra cousa é que non realicen o seu traballo.

Ben, respóndolle que “… non mo creo” pois cónstame a existencia dese equipo, por unha conversa que tiven fai uns meses en facebook con un dos seus membros e que non reproduzo aquí por ser, esta si, unha conversa privada. A continuación copio e pego a ligazón na que está o servizo de “normalización lingüística”: http://www.ceo.es/pagina.aspx?p=2.9 e que agora desapareceu.

Aínda que eles borrasen de inmediato esa páxina da súa web o cache de google continúa gardándoa (ver) e para cando desapareza da memoria do buscador aquí queda gardada unha impresión de pantalla para a posterioridade.

Como poño unha ligazón da páxina da CEO, a miña fonte de información, que os deixa en evidencia o que fan é borrar ese comentario. Acto seguido, eliminan a información sobre ese servizo da súa web, e respóndenme: “Non é cuestión de crer ou non crer, basta con consultar as axudas convocadas pola Xunta ao longo do ano 2010 e poderá verificalo”.

Pero si acababa de verificalo na súa propia web e mandarlle o enderezo e ten a vergoña de pedirme que o verifique de novo!? E por riba censuran o comentario onde ligaba ese servizo! Indignado (o que sente violentada a súa dignidade, e dicir, que a ten) volvo a facer outro comentario: “Chegades a ser máis senvergoñas e non nacedes. Non so eliminades as ligazóns a vosa web: http://www.ceo.es/pagina.aspx?p=2.9 senón que agora eliminades o contido da web, onde se oferta os servizo de normalización lingüística e se especifica como se financia. Sodes uns FASCISTAS! E digo así, berrando, sabedor de que axiña o borraredes, que para iso tedes censores en nómina. Non sabedes encaixar que non tendes razón e queredes impola. Non poderedes facelo nin no meu perfil nin nas miñas páxinas e blogs. XA está ben de manter chiringuitos como a CEO a conta dos IMPOSTOS DE TODOS”.

Por suposto, agardaba que o borrasen, pero non sen antes responder: “O que on se pode facer é borrar os meus comentarios ao seu antollo e moito menos ligazóns nas que se verifica o que eu afirmo. Iso é FASCISMO, iso é TOTALITARISMO, que nesta organización SOBRA! Sodes unha rede de caciques mantidos con fondos públicos…. Sen sindicatos e sen patronais a este país iríalles moito mellor porque cuentistas coma vós estarían no PARO. Borrade, borrade, borrade todo! Censores do reino!”. Non era para menos a miña indignación, tanto que se me esqueceu engadir un montón de cualificativos. E borrárono, claro. E volven a responder: “Como comprenderá a Confederación non deixa de prestar un servizo por levarlle a contraria, pode resolver un erro de actualización da súa web sen ningún tipo de mala fe pero dende logo os seus calificativos están fora de lugar e agradeceríalle que antes de seguir facendo este tipo de comentarios verificase as afirmacións que indica sobre as subvencións que recibimos para servizos de normalización”.

Cumpre ser cínicos! Falaban para o gran público claro, non para min, a min non me enganaban e xa llelo demostrara. Pouco máis se pode engadir… ou non.

Non contentes con eliminar os meus comentarios remataron por eliminar os seus propios, retirando a cita sobre a conferencia de Marc Vidal. Logo puxen outro comentario noutra cita e borrárono outra vez e logo retíranme o permiso de publicar no seu blog. Comezo a mandar mensaxes ao seu Twitter,… e fan o mesmo.

Censuran e silencian a crítica. Restrinxen o uso da lingua galega e a liberdade de quen a defende. Esa é a caste de empresarios que ten este país atrasado? Acoden as redes sociais a que? Aínda non comprenderon que na sociedade das TIC todos temos oportunidade de falar, nuns ou noutros foros? Aínda non se decataron que xa non se pode amordazar a ninguén? Atrasados están… e con eles todos, que llelo permitimos.

Xa foi noticia

Ía titular este artigo como “Curso de ética periodísticaao estilo CQC pero, finalmente decidinme por outro clásico dos medios de comunicación, unha sección que nos lembra o que xa sucedera fai 25, 50 ou 100 anos. Desta vez non foi necesario que transcorrese tanto tempo para dar é quitar razóns.

Esta semana produciuse unha situación que fixo que valorase aínda máis a este medio que é internet e que nos abre cada día unha fiestra a realidade, realidade que antes nos daban debuxada os medios de comunicación. Agora calquera de nós somos un medio de comunicación; cun blog persoal e a combinación deste coas redes sociais e os avanzados sistemas de mensaxería podemos chegar a máis destinatarios que co clásico, caduco e pouco fiable xornal de papel. Aínda así, será romanticismo, precisamos que as noticias que elaboramos rematen nese medio, como si neles se atopase a fonte da credibilidade. Non tal…

A denuncia que asinaba fai uns días neste blog mandeina a varios medios de comunicación galegos, tal e como se recolle aquí. Chegou a tódolos destinatarios aos que directa e indirectamente me podía dirixir, circulando por e-mail e as redes sociais. Estaba asinada con nome e apelidos e achégase unha proba do que afirmo, a foto roubada, e aínda así ningún mas media estimou que iso debería ter cabida no seu medio. Non me sorprende, pois creo coñecer como funcionan os medios tradicionais, por iso afirmo que están caducos e son pouco fiables.

Fai unhas semanas diferentes xornais publicaban nas súas edicións de Ourense unha noticia que tiña como orixe unha denuncia anónima. Non daba creto! Como é posible iso si logo ignoran a quen asina co seu nome e apelidos? Ten unha explicación… ou varias: a entidade denunciada, a cor política das persoas involucradas, o investimento en publicidade que faga a entidade, etc.

O peso da entidade na sociedade na que radica é importante e, sobre todo imaxe da que goza, a relación cos demais axentes sociais e importancia dos mesmos. Denunciar a unha institución como a CEO que reúne aos empresarios de Ourense, que logo insiren os seus anuncios nos xornais (tamén a propia CEO: estes días podedes ver un anuncio que ocupa toda a páxina do xornal local), é moi arriscado. Os medios tradicionais mantén o negocio por diante da información polo cal, amais de caducos e pouco fiables podemos engadir que son inservibles para acadar a súa finalidade que non é outra que a de informar. Parece máis que se adicasen a desinformar

Así o entendín polo mes de xaneiro, cando varios medios publicaban nos seus soportes a nova de que “Traballo investirá 6,3 millóns de euros na contratación de 288 axentes de emprego”. Parecía un regalo de Reis, pois o anuncio fora feito nesa xornada de Nadal. Hoxe, máis de nove meses despois o DOG pariu a convocatoria. Por suposto, volve a ser noticia no portal da Xunta de Galicia e, como non, atopara un oco nos medios de desinformación. Logo pasará a situación de baixa por “maternidade” (prazo de solicitudes, reclamacións, publicación,…) e, con sorte, un ano despois de ser anunciado farase efectivo aquel anuncio… como, por certo, xa sucedía tódolos anos. Logo, onde está a noticia?

Ah! que se me esquecía, agora non serán 288 axentes como se afirmaba daquela, senón 260, e sen mudar o orzamento. Botaran mal as contas tal e como denunciaba eu no meu blog. Un acerto casual… que obriga a rebaixar o número de contratacións (28) no lugar de subir o orzamento.



Foto roubada

Que triste!

Si. A foto que aparece no post anterior foi roubada. Ao parecer isto é o que máis lle preocupa aos responsables da CEO (Confederación de Empresarios de Ourense). En absoluto lles preocupa a acusación de non contar cos medios necesarios para a impartición deste curso -e outros-. Non lles debe preocupar porque ten as administracións de súa parte, todos forman parte do mesmo círculo caciquil o que lle garante que non haberá unha inspección seria, rigorosa e coa capacidade e independencia suficiente para imporlles unha sanción (devolver as axudas cobradas irregularmente por estes cursos) e retirarlle a autorización de centro homologado FPO.

Con retranca!

– “Estes deben olhar moitos programas do corazón , e por iso falan de “roubado” . Si se lle avisara antes e colocaran os útiles que lle faltan , aparecería tamén un Director Xeral na foto , e daquela sería un “posado” , moito mais institucional !!!! onde vai parar”. Un amigo en Facebook.

– Mea culpa!… por non avisar con tempo 😉

Para esmendrellarse!

Outro amigo, hippie tamén, dime que está facendo un curso e que a el soamente lle deron unha carpeta e un lápiz. Creo ben. A maioría das entidades que se adican a formación ocupacional non che dan nin a benvida. Dime tamén que “non me queixe tanto, que a CEO é un paraiso”. E engade:  🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂 🙂


O gran negocio da formación ocupacional e continua

Fai case dous meses pregúntabame que ocorría coa formación ocupacional. Porque detrás dun traballador que se forma non existe unha empresa realmente interesada en contratar a ese traballador, mellor preparado? Na utilidade destes cursos soamente cren seres inocentes coma ZP, quen chegou a afirmar que “os parados que existen a cursos de formación traballan para o país“. HA!

Vouvos presentar a aula na que realizo o curso de “Formador ocupacional“:

foto “roubada” da sede segreda da CEO

Contade ben: 10 ordenadores para 15 alumnos. Non é o título dunha película. Isto é a CEO (Confederación Empresarial de Ourense), unha entidade, en teoría, sen ánimo de lucro, unha das entidades que máis cursos de formación ofertan e de mellor calidade -como serán as outras …-. Sen embargo, dende o comezo deste curso -e cónstame que noutros- non dispomos do material esixido na convocatoria pública que di, respecto ao material e ás instalacións, que contará (ver páxina tres da ligazón do parágrafo anterior) co seguinte:

Equipo e material:
Equipo:

  • Retroproxector
  • Pantalla
  • Presentador gráfico
  • 15 ordenadores e periféricos.
  • Proxector de diapositivas
  • Equipo de video (cámara, reproductor e monitor)
  • Simuladores
  • Teléfono
  • Fax
  • Máquinaria de tipo standard en función das necesidades do curso

Ferramentas e utillaxes

  • Pizarra
  • Pizarra electrónica
  • Rotafolios
  • Pantalla de cristal líquido
  • Paquetes didácticos
  • Software
  • Manuales de especificación según rama e sector
  • Revistas especializadas, informes, manuales, dossiers…

Material de consumo:

  • Material funxible:

Folios, transparencias, diapositivas, rotuladores, bolígrafos, lápices, gomas, grapas, clips, tiza, cinta mecanográfica, toner, cinta adhesiva, líquido corrector, cartulinas, carpetas, cinta de audio y video, disquettes, clasificadores, separadores, fichas, pegamento, papel continuo, canutillo de encuadernar, agenda calendario.

  • Material non funxible:

Grapadora, taladradora, borrador, tixeiras, cutter, regra, arquivadores, ficheiros.

Como se pode apreciar son poucas as cousas que faltan, pero relevantes. Os PC, que non chegan para o número de alumnos da acción formativa, noviños de paquete, veñen co posto de fábrica e os alumnos non poden instalar o software que precisan, porque para facelo se necesitan permisos de administrador, e a persoa encargada de instalarlle o software -privativo (seguramente pirateado)- debe levar dous meses de vacacións. E dicir, que non dispomos das ferramentas necesarias para o mellor aproveitamento do curso,… para traballar para o país. Pero isto non sucede só neste curso, senón tamén noutro da mesma acción formativa que comezara dúas semanas antes na mesma organización.

Como sei isto, sen sequera coñecer a un dos alumnos dese curso? Porque Adelmo, o inspector da Consellería de Traballo, na última charla que nos veu a dar, na que non tomou nota algunha das queixas dos alumnos, nin preguntou, nin pasou enquisa algunha -seguramente as cubra logo el na oficina-; dicía que nos deu a charla porque veu a nosa aula a criticar aos compañeiros da outra que lle pediron os medios informáticos que recolle a orde. Algúns alucinávamos! Chegou a dicir que neste pais -dáme a risa só ao lembralo- se abusa das TIC e se prescinde de medios tradicionais -este home debe pensar que vive en Silicon Valley!-. Amais tivo a consideración de chamarnos hippies aos IPI, todo un detalle!. Pero destas queixas non hai quen tome nota… a formación ocupacional e continúa é un fraude consentido polas administracións, polas entidades que ofrecen formación e, moitas veces, polos traballadores desempregados que facilitan esa estafa. Que non permitirá o bo de Adelmo noutras entidades? Porque permite isto si a súa labor é precisamente denunciar as deficiencias? Onde están os 5 portátiles que faltan? Quen os ten?

Sobre as linguas, unha das primeiras cousas que che preguntan na CEO é si alguén precisa apuntes en castelán. A ninguén lle preguntan si quere manuais en galego, cando tódolos manuais que entregan son en castelán, pese a ducias de protestas. Por suposto, eses PC que non se poden aprobeitar, coma tódolos da CEO están configurados, por defecto, en castelán… para iso dispón a entidade dun equipo de normalización lingüistica,… será para redactar as tarxetas de protocolo para os actos políticos que se celebran na CEO, porque si algo se percibe suficientemente nesta organización é unha orientación elitista dos recursos públicos, en detrimento da maioría dos socios, dos usuarios e dos traballadores, actuais e potenciais.