Carta a Anxo Quintana

Este é o correo que lle fixen chegar a semana pasada a Anxo Quintana o fío dun artigo publicado no seu blog. Por suposto, e maila que presume abertamente de respostar a tódolos correos, a min non me respondeu. Reproduzo integramente a carta:

Prezado compañeiro:
Non podo estar de acordo coa análise feita por vostede destes tres anos na Xunta de Galiza, polo menos como militante do BNG. Dende que o BNG forma parte do Goberno da Xunta o noso partido non amosou ningún avance relevante nos distintos comicios electorais celebrados.
Sacamos peito, moi a miúdo, da perda de poder do PP, como si iso tivese algo que ver coa nosa labor. A realidade é ben amarga: onde o PP perde cotas de poder, gáñaas o PSOE, iso si, coa nosa complicidade. Véxase o caso de Ourense nas últimas xerais onde o PSOE gaña un deputado a conta do PP… e celebrámolo coma un éxito propio!?. Agora lémbrolle o mitin de Ourense, onde vostede afirmaba que nos eramos os “especialistas en parar ó PP” afirmación que pon de manifesto a falla de identidade que sofre na actualidade o noso partido. Eu non formo parte deste partido por estar en contra do PP senón por defender un ideario propio, nacionalista, soberanista e de esquerdas. O que fagan PSOE e PP tanto me ten.
Na actualidade non somos mais que o brazo tonto do PSOE. Dámoslles o mando alá onde non ten forza suficiente para acadar maiorías absolutas a cambio de pequenos migallos de poder… todo polo poder. Non teño ningunha dúbida de que si estivésemos todo este tempo na oposición creceríamos moito máis electoralmente, repito, moito máis.
Estar na Xunta –e nos concellos das grandes cidades- permitiu o BNG ter un feixe de altos cargos distribuídos por toda a nación, certo, pero que beneficios electorais sacou o BNG de todo iso? Deica agora ningún; os únicos beneficiados son eses altos cargos. Por riba nunca soubemos vender a nosa labor de goberno; mentres, o noso socio non soamente é capaz de facer chegar a cidadanía o seu traballo si non tamén a nosa como si lles fose propia. E quedamos tan tranquilos.
O que convence é a convicción –dicía Cicerón- e niso andamos parcos. As mensaxes que diriximos a cidadanía non nolas cremos nin nos mesmos. Falamos de que o PP é un partido hermético, co que non se pode dialogar nin pactar, sen embargo, esa afirmación non fai mais que amosar o noso propio ofuscamento. Cando falamos de ter máis autogoberno, de pedir transferencias do Estado a Galiza defendemos que xestionándoas nós, dende aquí, seremos máis efectivos e a cidadanía estará mellor atendida; sen embargo, cando os que defenden ese autogoberno son os concellos -referíndose a certo solapamento da Xunta en vivenda, servizos sociais,…- dicimos que o que queren os cidadáns son máis servizos, non máis autonomía. Haber si nos aclaramos!
A mensaxe que mandamos a cidadanía é que soamente estamos dispostos a chegar a acordos co PSOE é o que esta percibe é que PSOE é BNG son unha mesma cousa –a nosa identidade para o carallo!-. Unha vez esta cre que as dúas opcións son o mesmo, a quen se achegan máis? Está claro… xa o dicía Cicerón: “os seres humanos móvense coma rabaños e, o igual que as ovellas, sempre corren cara a seguridade que lles proporciona o vencedor”. O vencedor é, como non, o PSOE de Zapatero.
En política hai poucas forzas máis difíciles de resistir que a sensación de que algo é inevitable –isto tamén o dicía Cicerón, hoxe déuseme por aí- e agora mesmo atopámonos co seguinte panorama: un PSOE a alza, un PP que non resiste o empuxe e un BNG en estado de vexetación.
A todo isto Ciceron tamén nos propón unha solución pois afirmaba que “cando en política te atopas nunca situación sen saída, o que tes que facer é empezar unha pelexa, empezar unha pelexa aínda que non saibas si vas a gañala, porque soamente cando a empezaches e todo se puxo en marcha, xorde a esperanza de ver a luz o final do túnel”.
Claro que é moito mais cómodo quedarse quedo, esperar a ver si subimos unhas décimas nas próximas eleccións galegas para facer unha valoración positiva dos resultados porque o PP vai perder varios enteiros… en fin!
Remato con outra cita de Cicerón: “en política un pode facer tantos plans como queira pero o final é a sorte a que decide”. Sorte!

Non entendo porque non me contestou, tampouco fun tan duro, non? Aínda que imaxino o que pasa na realidade. JRR Tolkien di no seu libro “O señor dos aneis” que “máis vale desconfiar de palabras inmerecidas que de palabras irreflexivas”. Anxo debe estar de rodeado dunha tropa que o enchen cada día de eloxios inmerecidos… e o peor de todo e que el confía nela.