Unha alternativa en conflito permanente

Velaí a situación da esquerda e pseudo-esquerda galega: puro conflito. Diferentes formacións que viven unha situación de interdependencia na que as ganancias de uns soamente poden proceder do que consigan arrebatar aos outros. Claro que tamén hai quen cre dirixirse a un espectro diferente, aquel que non vota porque no mercado político non hai unha formación coa que se identifique. Eu teño as miñas dúbidas. Quen se abstén non cre en ningunha forza política, independentemente das ideas que representan. O dito de que “todos son iguais” está moi interiorizado e a inmensa maioría considerámola unha afirmación certa xa que ningunha formación fixo nada para demostrar o contrario.

Hoxe en día hai un bloque de dereita en Galicia cunha maioría absoluta, unha organización na que, malia as diferenzas internas, fundadas en personalismos, non en ideas, reman sempre nunha mesma dirección, a que marca a dirección do partido. O que favorece esta unidade é que eses personalismos están a anos luz da forza que emana da formación política á que pertencen. O outro bloque, é un dicir, o de esquerda e pseudo-esquerda, non é que cada un dos grupos remen en direccións opostas, por seguir co símil, senón que baten entre si coas pás. Que exista un alto grado de hostilidade e conflitividade entre estas forzas sendo oposición a outro goberno non representa un problema social, é seu en particular, pero que poidan mantela sendo goberno pode por en perigo a estabilidade de toda a administración do país e, consecuentemente, a dos cidadás que dela dependen.

A percepción desa situación conflitiva pola sociedade non vai mudar en función de si a dereita obtén ou non outra maioría absoluta. Esa situación, real, si non son capaces de resolvela antes duns comicios electorais non é crible unha proxección pácifica cara o futuro. Cal é o problema logo? Ideolóxico? Non creo. O abano no que se moven os escindidos, perpetuos antagonistas estridentes (Raiffa), é moi variado, dende a esquerda marxista dos irmandiños ate a socialdemocracia de +G ou AG, a esquerda e a pseudo-esquerda, dende o nacionalismo soberanista ate o galeguismo fraguiano, respectivamente. Cal é o problema? O problema é sempre o reparto de postos orgánicos e a, previa e utópica, configuración de listas unitarias ou, dito doutro xeito, o problema son as aspiracións persoais, os egos de cada quen. Estas persoas utilizan estratexias de contido enganoso ou manipulador (afiliacións, simpatizantes, seguidores nas redes sociais, asistentes a conferencias, impacto mediático,…) coa finalidade de influenciar as percepcións, crenzas e expectativas dos outros contendentes respecto aos distintos elementos do bargaining set, de maneira que tal percepción manipulada determine un comportamento dos outros a seu favor. O que se lle escapa é que boa parte da sociedade galega asiste dende fai tempo, perplexa, como testemuña destes feitos enganosos, golpes baixos, manipulacións, trucos,… afastándoa cada vez máis dos seus obxectivos. Os enganos resisten mal o paso do tempo.

Unha imaxe do recente debate das eleccións presidenciais de Francia chamou a miña atención: un candidato sorrinte, o outro serio. Isto pode ser froito da casualidade ou non. Como creo que eses candidatos invisten o suficiente en asesores como para que cada un deles deixe algo ao azar, senón que son conscientes de cada xesto que realizan, máxime antes de comezar un debate decisivo, pousando para os medios, debo crer que ese semblante serio ten un obxectivo determinante estratéxico: empatizar coa parte do electorado máis esixente, enfadada e/ou indignada. As poses son unha estratexia, polo tanto, non ten que ser necesariamente sinceras e, menos aínda, inxenuas. Logo, os que se comportan de xeito conflictivo e enganoso, con quen pretenden empatizar? Poida que, como defenden, exista un espectro social que se vexa reflectido neles, mais coido que a sociedade na que vivo é moito máis pacífica e honesta do que esta esquerda proxecta de si mesma.