O Capital

Ao fin rematei a lectura deste libro agasallado polo compañeiro e amigo Lino tras unha conversa na que, polo visto, amosei -non só eu- certas carencias en canto o dominio de conceptos básicos de economía. É ben certo que non hai mal que por ben non veña. 

Michel Husson di na introdución a esta versión resumida de “O Capital” que hai que aprender a ser radical, e dicir, que hai que ir a raíz das cousas. É por iso que para comprender o mundo capitalista actual faise necesario acudir a obra de Karl Marx porque este autor analizou, coma ninguén o fixo endexamais, con acertada sagacidade éste fenómeno.

Pode dicirse que “O Capital” é unha obra moi actual a pesares do paso do tempo, pois léndoa decátase un de que moitos dos perigos que no capitalismo viu Marx no seu tempo e se crían esaxerados son hoxe en día unha realidade, pois é ben certo que o capital domina e condiciona o funcionamento da sociedade moderna, creando de xeito continuo novas necesidades e enrolándonos nunha espiral consumista.

Non ía moi errado Marx cando chegou a comparar o capitalismo co feudalismo ou ca escravitude. Aínda así estes dous fenómenos parecíanlle a Marx máis nobres; pois quen traballaba para o señor feudal era consciente de cando traballaba para el e cando non; o mesmo sucedía co escravo que era consciente de que traballaba sempre para o seu amo. Na actualidade chegamos a ter a falsa crenza de que sempre traballamos para nós, cando en realidade adicamos unha parte do noso tempo para o sustento propio e o restante para o capitalista, pois a diferencia do que creemos o capital por si mesmo non pode producir mais capital, senón que é o traballo non pagado o que xera proveito para o empresario.