As Conchas, encoro

Artigo publicado en MundoGaliza, actualizado.

O verdor das montañas do Xurés reflicte sobre as transparentes augas do Río Limia, escintilando raiolas entre a follaxe, dende o ollar caladiño dun dos cristais lixeiros da habitación da casa vella. Ao abrir a ventá entra o arrecendo salvaxe e doce da drupa madura e escura do acereiro que cubre as sestas de verán e que cerca a horta e o xardín asolagado.

Esperto co asolagamento dun soño fuxidío cara o abismo dun pesadelo e vou axiña ate a ventá, agora da casa nova, abro os grosos cristais illantes e o cheiro xa non é o mesmo, agora podre fedor, mais esas raiolas de sol que se meten polas raias das contras parecen dicirme que o olfacto me engana, e alimentan no meu maxín un verdoso esperanzador. Empurro. Non vai. As lembranzas rexouban no pensamento. Empurro, agora vai. Pecho os ollos coa luminosidade do sol madrugador ergueito enfronte miña. Só podo respirar e fago con fondura, enchendo os folgos sen reparar ate que… Agora si, noto esa rareza no aire da materia descomposta rascando nos pulmóns coma si o demo mesmo remexera no meu interior cun toxo arnau en brasa. Trouso. Volvo a espertar. Un novo espertar. O espertar que nos leva do soño a realidade, a triste realidade dun encoro que cubre a casa vella e lava a pequena ventá de cristal e rega os acereiros sen flor, sen froito, onde xa non durme ninguén.

Verdes augas si,
mais verde veleno,
verde cheirento,
verde invasor,
verde mortal poderoso verde
dos poderosos homes,
case todos homes.

A morte chegou ao Encoro das Conchas como chega sempre a auga, baixando, e parou alí como para sempre, freado polas comportas do Encoro, máis desta chega espesa, desta chega contaminada, amoreando restos de aquí e acolá, río arriba ate a Limia Alta absorbendo as augas, veleno e xurro do ramal de canles que enxugan as húmidas areas da Lagoa de Antela, asolagada fai xa 50 anos. Nunca a vin; soamente a soñei como ma contaron meus avós e aí bule na memoria soportando a deformación dos recordos.

Deformes eran entón as cortiñas, nabais, lameiros e arameos, carballeiras e poulas convertidos agora en “panteón das preocupacións dos pobos que a habitaron” (Benito Bicetto, 1861), convertidos agora en cuadrículas uniformes onde medran a base de auga fósil patacas, trigo millo e polos. Tamén os polos. Os polos que cOren planta en ringleiras de a un arrombando a ZEPA aos veciños con maledicencia caciquil. Unha enchenta de rinquleiras de cemento pobre fitan a pedra alta, noutra era símbolo de prosperidade, mentres remelándoa verten a súa incontinencia feita xurro na branca e húmida area na que se asentan palafitos de polos que a tinguen da cor do noxo. Como está húmida, semella non notarse do xeito en que si o fai ese fedor invasor que chega co vento do Sur mesturado de xurro asado nunha incineradora revestida de entroideiro Centro Tecnolóxico Mediambiental que, dito así, dan ganas de comela a bicos coma un parruliño.

Así e todo, non nos queda outra que, ante a pasividade das contaminadas administracións, que sempre viron con bo ollo aos Franqueira, dende tempos do ditador Franco –que pouco cambiou o mundo nestas terras esquecidas que agora aínda lle fan homenaxes- , seguir respirando ese enxendro de ar velenoso cargado coa bacteria É.cOren e sulfatos que nos alimentan –o emprego sempre foi unha boa xustificación para matar o medioambiente, para matarnos a nos mesmos- cada día, cada día ate que non quede máis que unha terra esgotada, cheirenta e deshabitada. Cara alá imos, cara o día en que xa non quede auga, nin ar, nin terras.