Comezou a anterior lexislatura escoitando do concelleiro do BNG, Fernando Varela, que era “el niño que no pinta nada aquí”. Dende logo, non tivo un bo comezo. Poida que necesitara tempo para familiarizarse co novo entorno no que se ía a mover, coñecer o funcionamento da administración local, as normas que a rexen, as persoas que moven os fíos,… Pero, pasado ese momento de adaptación, a fera, adaptada xa, comezou a ser quen máis pintaba alí, cando menos, quen máis aireou os trapos que os partidos do goberno, presentes (PSOE e BNG) e pasados (PP), trataban de agochar. Foi quen de marcar a axenda ao resto de grupos, tanto aos que gobernaban, como aos que non.
Concordo con el en que esa non é a verdadeira labor da oposición; tamén en que esa labor corresponde aos covardes órganos xudiciais (xuíces e fiscais) e policiais. Covardía, cando non complicidade, demostrada. Non foi en Ourense onde se descubriron, por actuacións xudiciais, casos de corrupción política na nosa administración local, senón dende fóra, en investigacións levadas a cabo por xuíces de A Coruña, Lugo ou Vigo. Aquí, os de aquí, están por estar… Quizais, cando non gobernen os de sempre, os seus, para que volten, comezarán a funcionar. Quizais…
O éxito de Gonzalo Jácome nas eleccións municipais é indiscutible: triplicando os votos cuadriplicou os concelleiros. Seu éxito non pode illarse desa canle de TV local que o ten presente as 24h do día, sete días da semana, 365 días ao ano, ao estilo norcoreano. Era, antes do 24M, o candidato máis coñecido, sen ser, iso si, o máis valorado. Fíxose bo o dito “máis vale malo coñecido…”. Ese éxito tamén ten que ver co fracaso da confluencia cidadá. Fracaso ou torpedeo, non sei, case isto último. O certo, é que unha maré de xente do común, ben organizada, sen siglas partidarias, sen leas internas, puidera terlle roubado a Gonzalo Jácome todo ese protagonismo, como sucedeu noutras cidades galegas. Pero, un par de grupiños, como foron Anova e Compromiso por Galicia, non se resistiron a impoñer, polas bravas, as súas siglas por diante do proxecto común, utilizando medios pouco ortodoxos para erguer aos seus artificialmente. Si, artificialmente, porque o liderado destes ía contra natura, contra a lóxica organizativa, contra os principios fundacionais de Ourense en Común. E o éxito de Gonzalo Jácome está tamén no fracaso do Bloque Nacionalista Galego, un Bloque descoñecido, rancio, incapaz de atopar conexións coa realidade política e social na que convive.
Mais o éxito de Gonzalo Jácome non foi completo. Non foi a forza máis votada, senón a segunda, polo tanto, non é quen para autoproclamarse alcalde, nin moito menos, sen a autoridade que ten os votos das outras opcións políticas. Resulta cómico proporlle a forza máis votada, o PP, que lle ceda a alcaldía, aínda que sexa media lexislatura. Non menos cómico podería resultar unha coalición co PSOE, a forza a que atacou e ridiculizou durante catro anos. E non se trata só do trato que dispensou aos seus representantes no Concello, senón aos seus votantes… Que ían pensar si Gónzalo Jácome, logo de todas as tropelias, acaba alcalde de Ourense cos seus votos, os do PSOE… Ou viceversa, Vázquez Barquero cos de DO. Pero o máis triste da situación é que aquí o único que realmente se está negociando é a alcaldía duns e outros… xa os programas políticos pasan a un segundo plano, xa as promesas son esquecemento. Alcaldía a cambio de concellarías, reparto do pastel, bo, enorme, manexar un orzamento de 100 millóns de euros. Lamentable…
Gonzalo Jácome dá mostras de desesperación por ser Alcalde da cidade. Como xa o dixo nunha ocasión, “como si hai que pactar con el diablo”. O mesmo lle presenta un pacto ao PP, como acusa a estes de ter xa un “pacto pola corrupción” co PSOE, como acto seguido convida a PSOE e OUeC a formar un tripartito para gobernar a cidade, con el de Alcalde. Para el, todo pasa por ser el alcalde… Ser tan teimudo non é unha cualidade que deba reunir un bo alcalde, por non falar da falla total de coherencia. Todo isto, en canto ao fondo.
As formas tampouco son as máis axeitadas. Mentres se produce un proceso negociador pola alcaldía, non ten moito sentido estar criticando a quen pretendes ter como socio. E esta crítica é constante. Non ten sentido para quen, irremediablemente, necesita o entendemento con alguén (PP ou PSOE) e cando, para estes, o entendemento con el non é unha necesidade, caso do PP. Crerse o gañador nunhas eleccións onde tan só pode proclamarse como tal quen acada unha maioría absoluta resulta rídiculo. Por ser, non é sequera, como segundo, o primeiro dos perdedores. Tampouco resulta moi apropiado saltarse os procesos internos das organizacións a que un se dirixe… Si en OUeC consta no seu código de gobernanza que non se vai a proceder a un reparto de cadeiras con ninguén, resulta insultante que che presenten unha proposta nese senso, ofrécendoche cadeiras, namais. Debería OUeC incumprir os seus documentos para facer a Gonzalo Jácome Alcalde? Nin un só dos votantes de OUeC o comprendería e moito menos o perdonaría. A carencia de cualidades na negociación tamén se evidencia co PSOE, saltandose a súa estrutura, dirixíndose ao PSdeG directamente, obviando a dirección local. E isto faino el, que tanto critica que os partidos clásicos non fagan máis que seguir directrices de órganos superiores. Por estas razóns, e moitas máis, que me obrigarían a escribir un libro no lugar dun artigo, é que considero que Gonzalo Jácome, máis que dar o perfil de Alcalde, encaixa perfectamente no de Antialcalde, pois acumula moitas das eivas que xamais debería reunir a figura dun Alcalde, cando menos a do Alcalde que eu quero para miña cidade.