Comparto a filosofía de Julian Assange, a súa rebeldía ante a inxustiza social que comete quen ostenta o poder político e económico. Ese é o principal efecto da rebelación dos cables publicados por Wikileaks: a fin da sumisión ao poder do imperio dominante. Julian Assange fixo o que ningún goberno do mundo puido facer, dende os máis democráticos aos máis autoritarios, fuxir do xugo dos EEUU, e darlle onde máis lle doe, pondo ao descuberto o seu maior tesouro: a información. Nos últimos tempos tódolos gobernos do mundo están tomando medidas para limitar a libre información na rede ao tempo que xurden cada vez máis voces na defensa da neutralidade da rede. É unha ameaza seria da que a sociedade aínda non é consciente; trátase dun ataque directo a liberdades fundamentais, a liberdade de expresión e a liberdade de información. Sorprende, como manifestou o aínda presidente do Brasil, Lula da Silva, que os gobernos democráticos garden silencio neste asunto, que non exista unha soa condena firme -agás a súa e a do goberno australiano- polos representantes destes pobos, disque democráticos.
WikiLeaks deixa núa a diplomacia estadounidense e a da maioría dos estados do mundo. WikiLeaks déixanos ver como os nosos dirixentes son capaces de axeonllarse por unha simple foto cos falcóns americanos e como estes sacan proveito desa necesidade dos mediocres gobernantes de occidente. O que mantén viva esa interrelación de favores é o seu secretismo e agora sabémolo todos. Sabemos como actúan, o cal é moito máis importante que as accións e informacións reveladas.
A falla de transparencia é o que mantén ao poderoso, xa sexa nun marco global, xa no marco local. Como cren que se manten vivo o caciquismo en Galiza? Polo silencio de quen o sofre. Si cada un dos que somos vítimas dunha cacicada o sacásemos a luz esta inxustiza social que arrastramos dende fai séculos remataría axiña. Cumpren persoas como Julian Assenge, persoas que recollan esa información, a analicen, a contrasten e a fagan pública. Pero sobre todo cumpre unha sociedade disposta a transferir esa información, porque poucos, neste país, somos alleos a algunha cacicada.
Dende hoxe este blog aloxa tamén tódolos cables publicados por WikiLeaks (máis de 54000 arquivos) no dominio http://moendo.net/wikileaks converténdose nun -entre os miles xa- dos sitios que albergan esta información, demostrando así que o ataque aos sites que albergan os cables de WikiLeaks e as presións que sobre as empresas proveedoras para que os pechen é unha manobra absurda que o único que está conseguindo e amplificar a velocidade coa que se transmite a información.