Sobre o circo ese da Fiscalía de Ourense (I)

Acaba de saír no xornalixo unha noticia que me afecta. Unha noticia cuxo titular di: “La Fiscalía denuncia al exasesor de Jácome por la acusación de pedofilia”.

Primeiro, como se pode ver na frase o obxecto do ataque é Jácome. O obxectivo da noticia é por a Jácome no foco… vai ti saber se tamén é o obxectivo da Fiscalía.

Segundo, aparece ben clariña a expresión “acusación de pedofilia”, buscando un titular ambiguo que confunda a quen non coñece a intrahistoria e pareza que aquí a quen se acusa de pedofilia é a min.  Coida as túas fillas de quen protexes nos teus artigos, Galán…

Galán é así! Fai meses titulaba: “Un asesor de Jácome investigado por injurias tras una acusación falsa”. Outra vez Jácome no centro do titular. Outra vez unha mentira, outra vez un titular ambiguo: como que investigado? Pero xa estaba investigado antes de que se presentase denuncia ou querela?

Este impresentable é así. Que o karma se cebe con el.

Por suposto, da noticia pouco máis hai que decir, coma sempre, cargada de mediocridade, medias mentiras, imprecisións froito da ignorancia… pero que máis lle dá a este. Págalle quen lle paga para soltar estas cousas. Evidentemente, é unha cuestión de pasta.

O curioso deste caso son as filtracións, como van e vén. Primeiro, filtracións de funcionarios da Fiscalía se se confirma a noticia, pois eu non teño nova algunha deles. De feito, ollade que traballo tan preciso, que a min nin me chamaron a declarar. Segundo, a filtración que fai o xornalista, quen lle filtra a noticia a unha funcionaria do Concello (unha desas mulleres e homes de Paco que chegaron ao concello daquela maneira), unha funcionaria, Tamara Iglesias, que, curiosamente ten un expediente aberto por filtrar informacións a prensa, algo moi habitual nesta institución e da que se alimenta diariamente o xornalixo.

Esta señora, antes de que o xornalixo publicase a noticia, na madrugada do día de hoxe, xa estaba anunciando no seu twitter, onte ás 8.03 h. unha querela da fiscalía. Filtracións de ida e volta.

De feito, fai moitos meses puxen unha denuncia na Fiscalía, con probas que o demostraban, de filtracións aos medios. As filtracións eran algo serio: o que se estaba (ou está) filtrando aos medios eran todos os decretos que asina o alcalde. Todos.

Que contén todos estes decretos? Todo aquilo que asina o alcalde tanto de solicitudes de particulares desta cidade, empresas e, como non, dos traballadores de Ourense. Con datos persoais de todos a rabear… de feito, quen teña nas mans eses decretos sabe que persoas solicitan unhas dietas, unhas axudas para gafas ou para libros, incluso se seus fillos, con nomes e apelidos, aprobaron, para poder acceder a esas axudas, quen ten persoas con discapacidade na casa, quen pide un adianto do seu salario… é dicir que un traballador do Concello pode ir pola rúa e un xornalista miralo e pensar: “este anda a dúas velas”.

Ese compendio de decretos que se envía aos grupos políticos para que fiscalicen ao goberno, ignoro porque razón, chega tamén ao gabinete de prensa do Concello. E do gabinete de prensa directo a unha lista de correo de medios de comunicación.

Algún xornalista denunciou esta filtración? Como van denunciar, se viven dos delitos que outros cometen…

Pois ben, neste caso, di a Fiscalía, asina Eva Regueiro, “no se ha acreditado la publicación de nada que pudiera ser constitutivo de delito por afectar a aspectos íntimos o personales de nadie”. Non sei que pensarán todos aqueles veciños e veciñas que solicitaron algo ao Concello…

Estades lendo ben. Agora, distribuír eses decretos nunha lista de correo con ducias de persoas dentro, non é dar publicidade. Si o foi no seu día o caso dunha nai que criticou a unha profesora nun chat de “mamis”. Igual nese chat había menos persoas que na lista de correo do Concello. Entón si houbo publicidade. En fin! Parece que a Fiscalía de Ourense non lle parece mal que os xornalistas de Ourense saiban as vosas/nosas intimidades… mentres non as publiquen nos seus medios.

Por suposto, descartaron investigar nada: nin cantas persoas forman parte desa lista, nin quen son os destinatarios, nin se recibiron esa información máis veces, … Nin quen mandou eses correos. NADA!

Total, só tiñan copia duns mails nos que se pode ver como dende o gabinete de prensa do concello se envían os decretos de varios meses aos xornalistas que forman parte da lista. Case nada…

Pero o máis simpático de todo é que tan só afirmen que “es posible que exista algún tratamiento irregular o inapropiado de los datos manejados por el ayuntamiento”. E di tamén: “y aunque se hubiera hecho dicha remisión irregular de los decretos, lo cierto es que tan pronto como se advirtió se dejaron de enviar, como consta (non sei onde coño consta iso) lo que sin duda hace decaer el dolo del delito si lo hubiere”. Resulta tan simpático como afirmar “no ha sido posible determinar la autoría de los hechos” sen realizar ningunha dilixencia de investigación. Mira que era complicado: ou foi A, ou foi B.

Isto é como se a un asasino en serie lle dis: “oes, que matar é delicto. Vai parando!”. Entón deixa de matar e decae o dolo do delito. Xa non se investiga máis.

Disto, que tamén sabía algo algún sindicato do concello, estou seguro de que nin dixo nin fixo nada ao respecto.