Plan Repulsa Ourense

A CEO percibe que Ourense «perde forza» en Galicia, di o titular da nova onde os empresarios de Ourense confirman a perda de competitividade desta provincia, que é a última de Galicia, e Galicia das últimas de España e España ocupa o posto 42 no mundo, logo de Tunisia. Imos ben! Ese é o resultado do Plan Repulsa Ourense que os empresarios desta provincia teñen activado dende tempos inmemoriais.

Repudiando o talento a favor da mediocridade queren que súas empresas sexan punteiras, competitivas e produtivas, con traballadores sen cualidades para o posto que ocupan, iso si, moi ben recomendadiños todos, que así funciona a captación e selección de persoal na empresa ourensá; certamente crer que ese é o camiño é de tolos e iso é o que temos.

Estou lendo a Jay Elliot, man dereita de Steve Jobs, e no capítulo 4 fala do aproveitamento do talento. Eles si o teñen claro: o talento chama ao talento. Non soamente concordo, senón que engadiría, a mediocridade chama a mediocridade. Soamente así se pode explicar a marcha da economía ourensá. Deste libro teño anotadas moitas citas sobre liderado e creación de equipos, sería difícil quedarme con unha, pero dado o contexto no que me atopo, un país de caciques, fago boa a seguinte: “unha das cousas de atopar xente boa é que se converten nos mellores recrutadores”. Esa xente boa debe atoparse, por suposto, dende o cumio da pirámide. Non é o caso das empresas desta provincia.

Outra actitude moi mal valorada, neste pais atrasado e retrasado, é a crítica, sen embargo, para os equipos de Apple son necesarias persoas “que pensen diferente”, estes, din,  son a chispa da empresa. Aquí o que prevalece é o mamoneo e os equipos de dirección das empresas desta provincia están compostos por verdadeiros mamóns, literalmente. Non hai máis que ler a nova que encabeza este artigo. Cal é a solución dos empresarios de aquí? Máis inversión das administracións públicas, máis estradas, máis vías,… para que? Para apañar máis fondos públicos para ás súas facendas particulares. O beneficio está na subvención, na axuda pública. Para que máis fondos, si non teñen a capacidade de sacar rendemento a nada do que se lles ofrece?

Xa falara doutra do negocio da Formación Ocupacional e Continua. Aí está a CEO tamén, formando traballadores empregados e desempregados con recursos públicos, traballadores que forma e logo nunca emprega en ningunha das súas empresas, sinxelamente porque para acceder a ese posto concreto o necesario non é a formación, senón unha boa recomendación. Actualmente estou realizando o curso de Técnico/a de Formación. Cando se lles pregunta a confederación cantas empresas están interesadas en contratar a un traballador destas características a resposta é: ningunha.

Suponse, iso di a teoría, que os cursos de Formación Ocupacional responden a unhas necesidades formativas previas por parte do mercado laboral. Mentira! Non existe tal estudo de necesidades formativas nin empresario que o avale. É todo un negocio que serve, unicamente, para afundir diñeiro público nun pequeno número de entidades, todas elas de carácter privado.Si ate ASPANAS que non ten unhas instalacións adecuadas para impartir cursos oferta cursos AFD, ou iso di a persoa responsable, Rosa Carrera Carballo, nun dos seus emails: “…en canto ao proxecto formativo non reunimos requisitos de aulas e medios para a homologación”. Agora si? Outro tanto sucede coa maioría dos centros que aparecen nesta lista… Todos se arranxa enchendo o cazo dalgún inspector. E a empresa, a gran perxudicada, nin chio, soamente laios. Así nos vai.

De patético peloteo pode describirse o artigo que hoxe asina a editorial de La Región, gabando as andanzas da CEO e do seu presidente e calificando de certeiro a análise da situación actual realizada pola entidade. Será sobre todo para que continúen inserindo anuncios neste xornal a conta de fondos públicos… todo ten o seu porqué.

A única análise certeira para acadar metas é a que fai Steve Jobs: “tes que ter moi boa xente. Tes que construir moi bos produtos. Necesitas crear un espiritu espontáneo e de celebración do éxito”. Os editores de La Región o único que celebran neste bochornoso artigo é a análise do fracaso e o alento da mendicidade.