Nosa Enerxía: de mal en peor

Logo do relato feito neste blog fai pouco pouco máis dunha semana, celebrouse a Asemblea Extraordinaria de Nosa Enerxía coa finalidade de substituír á metade do anterior Consello Reitor.

Tal como tiña previsto -e anunciado-, ao comezar propuxen emprender unha acción de responsabilidade contra os membros do Consello Reitor que non dimitiron e outros que formaban parte do anterior Consello Reitor pola responsabilidade destes en actos que prexudican seriamente a actividade da Coop. Cando me dispuña a explicar as razóns levantou a man un dos supertacañóns de Espazo Coop, Tino Gago, presentes por vez primeira nunha asemblea, para pedir ao Presidente, que nin presidente é, que seguise coa orde do día e este, así o fixo, seguindo coa orde do día e impedíndome exercer un dereito recoñecido por lei e estatutos a calquera socio dunha cooperativa.

Que alguén que é xerente de Espazo Coop, a Unión que máis cooperativas aglutina en Galiza, interveña para impedir a un socio que exerza os seus dereitos, pode explicar porque esta unión de cooperativas esmorece e son cada vez menos os que a conforman.

Pero hai máis, no Consello Reitor no que se preparou esta asemblea, pediuse por activa e por pasiva que houbese proxector na sala, pois algúns tiñamos preparadas presentacións que podían ser relevantes para que os socios presentes coñecesen como funciona a coop. coas persoas que permanecen nos seus cargos: incumprindo a lei e estatutos, mentindo aos socios, ocultando datos, etc. etc. Esta era a miña presentación para promover a acción de responsabilidade:

Notas Para Exercer a Acción de Responsabilidade by xose dorrio on Scribd

Celebrouse pois a elección de novos conselleiros sen que puidera antes presentarse a devandita acción, que podía provocar, de ser aprobada, incluso sen ser aprobada, o cese doutros dos membros do Consello Reitor non dimitidos.

Na miña presentación, como podedes ver, por extractos quitados da Lei de Cooperativas de Galiza e dos Estatutos de Nosa Enerxía, explicaba en que consistía a acción de responsabilidade, quen é competente, calquera socio; en que circunstancias pode facerse, a falta de dilixencia dos conselleiros; como pode facerse, sen necesidade de estar na orde do día; como debe facerse, mediante voto segredo;… amosaba as comunicacións da CNMC onde esta se deixa ben clariño a falta de dilixencia, o que foi a multa e o que puido ser, desde 600.000 a 6.000.000 de euros si non chega a recorrerse, entre outras cousas que veremos máis polo detalle máis adiante. Agora imos parar coa multa.

Cumpre subliñar que moi poucos dos socios dos presentes emitiu queixa algunha polo feito de non seren informados desta multa nin as circunstancias que nos levaron a ela… tampouco se criticou a falta de dilixencia do anterior Consello Reitor. Iso si, os mesmos que calan ante esta desinformación queixanse logo de que se teñan publicado neste blog… como si se tratase dun asunto confidencial. Ignorantes! As multas da CNMC son de dominio público.

Ángel, daquela secretario, pide a palabra e explica que ocorreu coa multa. Di que recibiron a comunicación da CNMC e decidiron asesorarse antes de facer nada (o que se lle pidía era que rexistraran a Coop. no REMIT, un ficheiro de operadores no mercado de enerxía), é dicir, que preguntaron a ENARA, anterior provedor de enerxía, e a GOIENER, o actual proveedor, logo do cal e segundo o consello destes, decidiron non rexistrar a Coop. Ninguén lle deu consello por escrito. Casualidade? Non. Por iso resulta pouco crible esta versión.

Si o que che pide a CNMC é que vaias a unha páxina web e insertes os datos da Coop. para que figure como un operador máis do mercado, isto é, a acción que che esixen consiste en meter uns datos nun ficheiro, sen custe algún para Coop., que sentido ten realizar dúas accións de asesoramento para determinar si se inscribe ou non a Coop. nese rexistro? O que non contan é que ao tempo tiñan o certificado dixital caducado. Outra falta de dilixencia… e van…

Podería entenderse esa solicitude de asesoramento si ese rexistro tivese un alto custe para a Coop. Xa digo, o custo era cero. Podería entenderse a procura de asesoramento si esa solicitude de rexistro viñese dun ente estraño. Xa digo, viña da CNMC. Sen dúbida, a versión máis crible, é que non fixeron nada cando recibiron esa comunicación. Nada. Absolutamente, nada.

Por iso é que a Asemblea debería, primeiro aceptar esta solicitude, e logo votar a favor de exercer a acción de responsabilidade dos conselleiros, pois o que fixeron foi cometer unha falta moi grave. E que o que estes fixeron foi unha falta moi grave, non o digo eu, que tamén, dio a propia multa. Debería terse votado, si, tal e como recoñeceu, máis tarde, na propia asemblea, a outra supertacañona de Espazo Coop, Rosa Álvarez, iso si, quedou sen votar e os dereitos deste socio, e de tódolos socios, foron botados ao lixo grazas a un presidente neglixente e ao consello interesado (eles defenden o seu cheque de 600 € anuais, para min un atraco a man armada) dos membros de Espazo Coop. En fin…

Outra das cousas que pretendía denunciar nesta acción é o mal funcionamento do Consello Reitor, que non funciona como tal e que, malia ser o único órgano de goberno dunha Cooperativa, enterevámonos de moitas cousas a través da prensa, como que o Presidente estaba probando un coche eléctrico en Alemaña. Pretenderá agora colarnos a tódolos socios os custes dunha viaxe na que non contou coa aprobación do Consello Reitor? Pois seguramente,… e non sería a primeira vez.

Pablo Álvarez é un presidente viaxeiro, tocaio daquel papa que percorría o mundo a conta do cepillo dos seus feligreses. Este faino a conta do recibo da luz dos clientes de Nosa Enerxía (entre os que el non se atopa, para máis colmo). Seguro que aquel papa tampouco botaba moedas no cepillo…

O que me demostrou neste tempo no que compartimos Consello Reitor é que se trata dunha persoa autoritaria que actúa ao marxe do órgano de administración, controla toda a información que entra a Cooperativa entre el e Ángel, administrando a dirección física da Coop., que é o seu propio domicilio, os enderezos de correo electrónico públicos e a liña de teléfono da propia Coop. O resto de membros do Consello Reitor só accedemos a información que a eles lle convén, ou cando lle convén, cando procuran axuda por unha metedura de zoca súa, claro. Así nos enteramos dalgunhas cousas que se publican aquí, senón, nin iso, seguiríamos ignorando tanta inutilidade…. como que Nosa Enerxía apoiou a reforma duns estatutos da Unión Renovables sen consultar nada cos seus socios e conselleiros, simplemente porque así o quixo Juan Pablo “O viaxeiro” ou que, sen consultar con ninguén, unha vez máis, Nosa Enerxía entra no Consello Reitor de Espazo Coop, porque a el lle ofreceron ese posto. A cambio, ocúltase aos socios que nos suben a cota anual de 96 € a 600 €. Normal que o dúo cómico desta Unión que acudiu a última asemblea extraordinaria estivese tan interesada en que esta acción, nin sequera fose presentada. Vaia elementos! Pero todo isto non é nada novo, esa actitude “presidencialista” de Pablo Álvarez non é nada nova, vén… de sempre, vaia, dende a primeira Asemblea de Nosa Enerxía:

 

 

Nesta última asemblea, presentáronse a formar parte do Consello Reitor, entre outr@s, dous socios cos que a Coop. ten obrigas, Brais de En Común, e Asier de Ítaca. Aproveitei para lembrarlle a estes dous socios, e o resto de soci@s presentes, que non se pode usar o Consello Reitor para defender intereses persoais, que calquera obrigación que nace entre a Cooperativa e calquera membro dun Consello Reitor debe ser aprobada pola asemblea (ver páxina 15 da presentación), non por eles mesmos. A verdade, non agardaba que se presentasen socios con intereses persoais na Coop., cando esta foi unha das fontes de conflito no Consello Reitor que viña de presentar a súa dimisión. Parece que non aprendemos nunca…

O anterior Consello Reitor decidiu contratar a Ángel Montero, membro do Consello Reitor, malia a prohibición da Lei de Cooperativas de Galicia. Así o lembrei nesta Asemblea Extraordinaria.

A miña capacidade de sorpresa non deixa de verse desbordada coa capacidade que ten para mentir o Presidente “que non é presidente” desta Coop. Teño que subliñalo… É impresionante a súa capacidade para o engano, a frialdade con que o fai, a tranquilidade coa que minte, sen desviar a mirada, sen expor ante o público xesto algún que poida por en dúbida a súa versión. Crédeme que incluso chegou a convencerme a min cando afirmou: “A contratación de Ángel foi aprobada pola asemblea do ano pasado”.

Como puido afirmar tal cousa cando nin na orde do día desa asemblea figuraba tal cousa nin, eu que estaba alí, vira que a persoa aludida en ningún momento se ausentara daquela asemblea, como é obriga cando se trata dun asunto que afecta a un dos seus membros? Como puido afirmar que na Asemblea que se celebrou o 24 de xuño de 2017 se votou a contratación deste membro do Consello Reitor, cando seu contrato di que foi asinado un mes antes, a finais de maio de 2017? Así trata aos socios este elemento, con desprezo… e os seus compañeiros de viaxe, José Ramón, Ángel e Geni, tamén, apoiandoo.

Cales son as consecuencias dun feito coma este? Para os que din que canto eu afirmo son opinións, recoméndolles que lean un chisco máis. Aos que son conselleiros, nin debería dicirllo, pero deberían saberse a lei e os estatutos de memoria, especialmente aos que xa levan anos nisto… pero nada. Eles ignórana, no mellor dos casos, sáltana noutros… e queren que @s soci@s de Nosa Enerxía non saiban nada. Non é unha opinión dicir que a Lei de Cooperativas de Galiza afirma que tódolos actos realizados nestas circunstancias “sen a mencionada autorización (da Asemblea) son nulos de pleno dereito”… “e darán lugar ó cesamento do Conselleiro”. Pois si amigos… na pasada asemblea tiñamos que elixir a un Conselleiro máis, polo menos, porque Ángel Montero debería ser cesado ipso facto! Grazas aos cómicos de Espazo Coop, isto non puido facerse, pois bloquearon a miña acción, que debía ser tratada previamente a renovación de cargos.

Pero se este feito, un feito, non unha opinión, é motivo do cese deste Conselleiro, tamén é motivo para esixir responsabilidade ao resto de membros do Consello Reitor, e polo tanto, o seu cese fulminante.

Non é doado sacar iniciativas así adiante cando a maioría das persoas que participan neste tipo de asembleas conforman un grupo de amigos e/ou forman parte da mesma organización política… Si, ás malas prácticas da política ás que algún membro tivo a pouca gallardía de aludir fai unhas semanas nas redes, pero que eles ben que practican. Lembremos pois, é preciso, que esta persoa contratada por Nosa Enerxía é coportavoz de Equo Galicia, que os membros do tribunal de selección para o devandito posto de traballo eran de Equo, e que el non era o único integrante do Consello Reitor membro desta organización política. Logo virá o Sr. Mandaio a falar de golpes de estado doutras organizacións políticas,… e digo eu, da súa propia, el confesoume que pertencía a esta, non ten nada que dicir?

Falaba máis arriba do Presidente que non é presidente. Non o dicía de broma (ver diapositiva 16 da presentación): “o Presidente e o Vicepresidente deben ser elixidos pola asemblea xeral, agás que os estatutos dispoñan expresamente que poderán selo polos membros do Consello Reitor”. E que din os Estatutos de Nosa Enerxía? Diapositiva seguinte (a 17): “Os cargos do Consello Reitor (todos) serán elixidos pola asemblea xeral”. E como foron elixidos todos os cargos? Pois ao xeito en que Nosa Enerxía fai as cousas: incumprindo a lei e os estatutos, isto é, foron elixidos polos membros do Consello Reitor.

Vale que a maioría de socios cheguen a unha asemblea descoñecendo estas normas. É pasable! O que non ten pase algún é que ningún membro do Consello Reitor collera a Lei e os Estatutos e fixera cumprilos… e si non se fixo foi porque os membros do Consello Reitor, membros que levaban anos nos seus cargos, descoñecían completamente as normas polas que se rexen.

Dicía tamén, neste mesmo post, que Pablo, o Presidente que non o é, é un mentirao de altura. Velaquí outra das razón polas que secuestraron o proxector na sala onde se celebrou a última asemblea, para que os socios non puideran ver o que pasou na Asemblea Xeral do 30 de xuño:

Brais, de En Común, presenta as contas. Ao finalizar hai unha rolda de preguntas, na que intervén varios socios. Tamén eu.
Pregunto: Porque non levamos unha contabilidade separada entre clientes que son socios e terceiros clientes (os que non son socios)?
Respóndeme: Que eu saiba non temos clientes non socios.
Retruco: si temos.
Respóndeme: Primeira noticia que teño.
Retruco: Non pode ser, comenteino varias veces no Consello Reitor e a Pablo, persoalmente, para que cho dixeran.
[Pablo, o presidente viaxeiro e mentirao nega visiblemente coa cabeza]

E ante isto só queda mostrar, en aras de esclarecer a realidade, os rastros que quedaron destas manifestacións nas nosas conversas (obviamente, das conversas telefónicas non quedan rastro, nin nas de skype, nin nas presenciais, nalgunha das cales tamén lle recordei todo isto)

A min que me mintan non me gusta nada… pero a algúns/has soci@s parece que lle agrada. A solución non creo que sexa botar ao xestor que fixo mal as contas, como dicía Geni nun alarde de hipocrisía no último Consello Reitor ao que asistín, a solución pasa por facer unha limpa xeral na Coop. que non deixe rastro algún de tantas irregularidades, ilegalidades, neglixencias, falta de dilixencia, nepotismo, mediocridade, etc. que, como xa dixen noutra ocasión, só poden conducir a que pagues a enerxía máis cara do mercado, cando a renovábel é a máis barata. Ou, que outra cousa se pode agardar dun grupo de xente así?

Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (e VI- o prezo da enerxía)

Dende o primeiro día que son consumidor de Nosa Enerxía, primeiro con GOIENER, logo coa propia Coop., o que notei era que pagaba máis de enerxía ca nunca. Un pode soportar uns prezos máis altos durante un período de tempo, procurando e agardando que o proxecto se afiance, pero sería imperdoable acostumarse a isto e pagar por vicio a enerxía máis cara do mercado a cambio de nada: os meus electrodomésticos non van render mellor, as lámpadas da casa non van ter un brillo superior, a comida non será máis saborosa, nin o calor do fogar vai ser máis envolvente por consumir a enerxía de NOSA ENERXÍA, verdade? Pois, considero que, dende mediados de novembro de 2014, aguantando este sobrecusto, chegou o momento de dicir basta!

Nosa Enerxía gusta de definirse como unha sociedade sen ánilmo de lucro, pero a realidade é que alguén se ten que estar lucrando si a enerxía é máis cara que noutros lados. Levo máis dun ano loitando para que todos os socios-consumidores paguemos o mesmo polo servicio que se nos presta dende a Coop., isto é, por facturarnos a luz cada mes, por resolver as incidencias que xurdan, etc. O prezo de mercado pono o mercado, que é onde competimos, e hai compañías que ofrecen a luz a prezo de custe máis 3 € polo servizo (ao que antes me refería). Incluso hai empresas que ofrecen o servizo máis barato… e son empresas con ánimo de lucro.

Pero, canto pagamos nós? Nas nosas facturas non aparece reflectido o custo do servizo, tan só o prezo da enerxía. Significa isto que non se nos cobra o servizo? Non, significa, simplemente, que non se nos di cal é o custo do servizo, pero cobrar si que se nos cobra, e, malia prestarnos a todos o mesmo servizo, exactamente o mesmo servizo, non se nos cobra a todos por igual. Porque? Porque ese custo é un sobreprezo (que pode ser dun 5/6% ou máis, depende ao final do que se achegue a estimación do prezo da enerxía ao prezo real) sobre o prezo da enerxía estimado para ese trimestre, de modo que unha persoa que consuma uns 50 € ao mes de enerxía poderá pagar de servizo entre 2,5 € ou 3 € ao mes polo servizo, si consume menos non paga os gastos de facturación, dende logo, pero os que consumimos máis, entre outras razóns, porque non consumimos enerxías fósiles que venden empresas da competencia (gas ou gasaoil), isto é, que todo nos nosos fogares é eléctrico, as nosas facturas poden chegar a superar os 400 € varios meses ao ano, de modo que os que somos mellores clientes, os que non consumimos combustibles fósiles nas nosas casa, ao final acabamos sendo penalizados pagando un servizo máis caro: entre 20 e 30 € por factura algúns meses. Isto é inadmisíbel!

Pero aí non queda todo… se aínda os prezos se axustasen ao que ofrecen outras comercializadoras de semellantes características, falo de cooperativas, por exemplo, ou empresas que comercialicen exclusivamente enerxía renovábel, podería ter un pase, pero non é así. Calquera pode facer a proba con un simple clic no comparador de prezos da enerxía da Comisión Nacional do Mercado da competencia (a CNMC, a mesma que nos multou).

A diferencia de prezos, asegúrovos, é moito máis grande do que pode resultar a primeira vista, onde se comparan tarifas estándar pero, en cooperativas como SOM ENERGIA, que ofrecen unha tarifa específica para os inversores de Generation Kw, as diferencias poden superar o 60% nalgúns tramos da factura. Ollade as diferencias nos contratos máis comúns, nos 2.0:

A situación da Coop. e os prezos da enerxía que cobra aos seus usuarios gardan unha relación semellante a que existe entre un ovo e unha galiña. A diferencia é que aquí, sabemos o que foi primeiro. Todo o relatado nos artigos anteriores levan a que a día de hoxe NOSA ENERXÍA sexa a comercializadora máis cara do mercado, con diferencia. Co consumo anual que se fai no meu fogar, e cunha tarifa estandar 2.0 DHA NOSA ENERXÍA sáeme 500€ máis cara ao ano… pero é que cunha tarifa para inversores, a Generation Kw, ese aforro podería chegar ate os 1500 € máis os descontos polas accións enerxéticas financiadas.

E preocupa o prezo da enerxía aos usuarios? E tanto! A intelixencia artificial, unha das patas da industria 4.0 que algún se afana en demostrar o seu descoñecemento, permítenos saber que é o que máis visitan os usuarios da nosa web, da vella, que a nova sigue aí, varada… As páxinas das tarifas aparecen entre o máis visitado da web, tamén como o sitio onde máis abandonos se producen. Non se aprecia, en ningún caso, no coportamento dos visitantes, unha liña que os leve dalgunha tarifa a “contratar enerxía”. Tremendo!

O prezo é un factor importante. Determinante. Como é posible que como usuarios que mercan a enerxía conxuntamente non sexamos capaces de mellorar os prezos do mercado? Para que serve logo unha cooperativa de usuarios? Que máis pode agardar alguén que é socio de NOSA ENERXÍA dende 2013, cliente dende o primeiro minuto, despois de todo o visto ao longo deste ano? Sinceramente, e logo de darlle moitas voltas nas últimas semanas, antes agardo outra multa que ver a coop. producindo enerxía, pois nin para ser produtores temos licenza; antes agardo liortas polos intereses persoais duns poucos no Consello Reitor que un Consello Reitor libre de todo interese persoal, pois vétanse os réximes estritos de incompatibilidades dos conselleiros;  antes agardo ver os meus interese como socio recoñecidos nun tribunal (o dereito a non cargar coa falla de dilixencia doutros) a que mo recoñeza un órgano de garantías propios; antes agardo o caos organizativo que unhas bases xurídicas sólidas e protocolos de actuación, pois non hai vontade algunha de facer reformas que permitan avanzar neste sentido. Nin vontade nin talento. Só mediocridade. Eis a diferencia: onde hai talento son 50.000 socios, onde non o hai 500. Non é cuestión de galegos vs. cataláns.

Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (V- o emprego)

Baixo a expresión “creación de emprego” parecen ocultarse tódolos males do capitalismo moderno. En Nosa Enerxía tamén usamos moitas veces esa máxica expresión para correr un tupido velo: creamos emprego directo e indirecto, contratamos persoal e contratamos con terceiros, contribuímos a afortalar o tecido social galego, etc. etc. Como o facemos… iso é outro cantar. Deica agora, Nosa Enerxía lanzou unha única oferta de emprego.

A contratación de persoal ou servizos debe obedecer a unha necesidade da Coop., unha necesidade que pode xurdir en calquera órgano ou grupo de traballo, que debe ser analizada, estudada e aprobada polos órganos de goberno da Coop., baixo un estrito protocolo de contratación. Protocolo co que tampouco contamos e sen o cal , calquera contratación pode quedar baixo sospeita. Neste ámbito tamén propuxen usar o protocolo de contratación de GOIENER, moi ben elaborado e, por suposto, xa testado na súa propia cooperativa. Tampouco quedou moi claro que se ansíe un documento deste tipo… así como contar un estudo detallado das competencias precisas para poder acceder a un posto de traballo en Nosa Enerxía, xenéricas e específicas, segundo as necesidades do momento, competencias relacionadas co universo “on line” no que se desenvolve boa parte da actividade da Coop. Iso si sería dar pases de xigante na Industria 4.0 e non soltar frases baleiras de  contido coas que acostumamos a agasallar moitas veces a quen nos entrevista.

Como dicía nun post anterior, somos usuarios, consumidores de enerxía, non emprendedores, máis isto non quita que, unha vez posto en marcha un proxecto empresarial, unha cooperativa é unha empresa, xurdan a necesidade de contratar profesionais que realicen esas tarefas. O que non poden confudirse xamais, son as lexítimas espectativas de emprego que poidan ter uns, coas espectativas que como consumidores temos todas, que son as que deben primar sempre, sen vicios e/ou intereses particulares en contra, sobre o resto. De feito, nos Estatutos da Coop. xa se fala da figura do socio traballador, por algo será… sen embargo, o traballador que figura en nómina non o é en condición de socio traballador, senón persoal contratado por conta allea. Algo fallou aquí, unha vez máis, pois non está desenvolvida regulamentariamente esta figura. Existe unha clara confusión entre ser socio da coop. como consumidor e ser socio como traballador, figuras que non son equiparables, e que responden a diferentes obrigas e dereitos (por exemplo, a aportación ao capital social dun socio traballador acostuma a ser maior noutras Coops., por exemplo, en SOM ENERGIA, a aportación é de 500€). Ocorre o mesmo co socio colaborador, que ocupa un lugar distinto respecto aos outros dous, pois, por exemplo, a Coop. non pode ser presidida ou vicepresidida por un/unha destes/as socios/as.

Cando se sinala a figura de “socio traballador” nos estatutos estásenos dicindo que o persoal que contrate a Coop. no futuro deberían ser “socios traballadores”, non socios da Coop., que son cousas distintas. Un socio traballador a proba, non pode, por exemplo, estar no Consello Reitor, porque así o prohibe a Lei de Cooperativas de Galicia… sen embargo, o actual traballador da Coop. puido acceder ao Consello Reitor estando a proba como traballador na Coop., non como socio traballador, claro, simplemente como traballador, cando non debería ser así. Que unha decisión así fose adoptada polo órgano de goberno da Coop, non a converte en máis ou menos válida. Os órganos de representación ou de goberno dunha sociedade poden impor, en base a “maiorías lícitas” acordos abusivos que logo poden ser recorridos por calquera socio na xurisdición mercantil ou penal. Lembremos que non temos Comité de Recursos.

Cando tocou abordar a renovación do administrativo advertín, tamén, que non me parecía apropiada a categoría: administrativo oficial de primeira con estudos universitarios. Efectivamente, si tivésemos un traballador desta categoría non precisaríamos subcontratar a contabilidade a un terceiro, pois supónselle a ese traballador suficientes competencias para facelo el mesmo. Sen embargo, non é así… porque a titulación universitaria do traballador non ten nada que ver coa rama administrativa a que está adscrito. Malia advertencia, no seu día, todo sigue igual… e isto tamén supón un custo extra para tódolos socios na Coop. e que contribúe a engordar, unha vez máis, a nosa factura da luz. Unha vez máis se configuraron unhas “maiorías lícitas” que, a meu entender, adoptan un acordo abusivo e lesivo para a Coop. Por non falar do rexeitamento ético que merece o feito de que un Conselleiro vote a favor dunha medida que o favorece directa e persoalmente. Imaxinan que isto ocorre no ámbito da política? Un comportamento así en calquera pleno dun concello sería motivo de ser calificado como prevaricación, delito que existe porque se dá un rexeitamento ético na sociedade a quen mira máis polo seu ben particular que polo xeral.

No Consello Reitor tamén nos encontramos con enormes cambadelas para fiscalizar o traballo deste empregado, que lembremos, é un posto que se desempeña a distancia. Malia pedir reiteradamente que se nos envíe un informe semanal sobre as tarefas realizas, poucas foron as veces que isto sucedeu. Esta información, non só podería resultar útil para a fiscalización, senón para a adopción de decisións relativas a futuras contratacións ou ampliación de horas… e deste xeito, todo, como case todo, se fai a cegas sen análises rigorosas.

Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (IV- os egos)

Nunha organización ampla, ou que pretenda selo, os relevos deben estar a orde do día. De feito así é nas cooperativas deste ámbito que mellor funcionan, onde os cargos non acostuman a durar máis de dúas lexislaturas consecutivas. Unha das miñas propostas de actualización dos estatutos de Nosa Enerxía ía por ese camiño: duración máxima nos cargos de dúas lexislaturas, de dous anos cada unha, renovación por metades dos cargos, para non dar lugar a cambios traumáticos dos órganos de goberno, e unha relación de incompatibilidades das persoas electas para estes cargos que garantan que as persoas que os ocupan só teñan un interese: a cooperativa e os seus socios usuarios. Somos unha cooperativa de usuarios e a defensa dos seus intereses non é só un obxectivo, é unha obriga.

Para a miña sorpresa, esta reforma de estatutos que limitan a permanencia nos órganos da Coop. só foi mal acollida por aqueles que máis tempo levan ocupando postos no CR, mentres que foi ben acollida polos que acababamos de chegar (e hoxe dimitidos). Para o meu asombro, ao falar sobre o fondo da cuestión deste asunto, algún dos que levan tempo no seu cargo chegou a dicir que a renovación dos cargos é necesaria, pero que noutras Coops. as persoas que pasaron por estes cargos acabaron contratados na súa cooperativa, é dicir, entenden que o cargo, voluntario, é un mérito, por si, para acabar sendo persoal laboral da Coop. Lamentable. Si ben, explica un pouco o que sucedeu coa primeira oferta de emprego de Nosa Enerxía, da que falarei no seguinte artigo.

Entendo que as persoas que no seu día formaron parte dos consellos reitores de GOIENER e SOM ENERGIA -sináloas porque eran as Coops. ás que se refería- están contratados hoxe en día nas súas organizacións polo bo traballo que fixeron, non polo feito de estar no seu CR. Repito, estas persoas foron contratadas polas súas organizacións polo bo traballo feito, non polo feito de estar nun cargo. Lembremos GOIENER ten arredor de 9000 socios, SOM ENERGIA 50.000. Algo farían ben eses conselleiros que non se fixo en Nosa Enerxía.

As cooperativas están gobernadas por un órgano colexiado, o Consello Reitor. Así o establece a Lei de Cooeprativas de Galicia. As funcións do presidente son escasas: presidir a Coop., presidir o Consello Reitor, representar a Coop., conducir a Asemblea Xeral, convocar ao Consello Reitor, que non decidir a orde do día, como chegou a suceder recentemente, negando a un conselleiro a introdución de puntos na orde do día… e pouco máis. Sen embargo, Nosa Enerxía é unha Coop. totalmente presidencialista: todo pasa lo presidente e practicamente todo o decide el.

Fai máis dun ano someteuse a consulta dos socios a que asociación de cooperativas queríamos sumarnos. Había tres opcións: ESPAZO COOP, REAS e RESCOOP. Gañou a primeira. Na información que se achegaba sobre cada unha das cooperativas dicíase cal era o custe de sumarse a unha ou outra: os socios elixiron a máis barata, si ben o precio definitivo no era o que se deu: informabase que o custo estimado sería de 72 €/ano, cando rematou a constitución definitiva de Espazo Coop, puxeron unha cota de 96 €… pero este ano acabamos pagando 600 €, iso si, sen sometelo a consulta dos socios nin do Consello Reitor.

Outro asunto que o presidente non someteu ao Consello Reitor nin aos socios é a pertenza, aprobación e/ou reforma de estatutos da Unión Renovables. Iso si, o seu custo, 900 € ao mes, pagámolo todos do noso peto. Dous chiringuitos máis que nos encarecen o recibo da luz, pero que nos aportan pouco como consumidores da nosa Coop.

Por certo, puiden estar presente na última reunión da Unión Renovables que se celebrou no Concello de Moaña e tódolos socios da Unión traían instruccións do que debían votar en cada punto da orde do día, dadas polos seus consellos reitores e/ou asembleas xerais. Soamente o representante de Nosa Enerxía chegou a esta reunión sen facer consulta algunha aos socios ou ao seu Consello Reitor. Inaudito! Aínda a día de hoxe non se nos achegou acta da reunión ou copia dos estatutos da Unión Renovables que, como socios, tamén nos obriga. Entre estas obrigas da Unión Renovables está a paridade dos seus representantes na mesma, é dicir, debe enviarse un representante de cada sexo as súas reunións. Isto obrigaríanos a facer modificacións estatutarias, obrigando a que presidente e vicepresidenta ou presidenta e vicepresidente, representen aos nosos socios na Unión… e non como consta agora mesmo, onde só a presidencia é a representante legal, ou a vicepresidencia na súa ausencia. É dicir, dun xeito totalmente personalista adóptanse decisións que afectan a toda a nosa estrutura como Coop. sen consulta previa algunha e logo restrínxese a posibilidade de presentar modificacións estatutarias, estas si, someténsoas ao parecer d@s soci@s.

Do mesmo xeito, dende o Consello Reitor non temos coñecemento algún de que asuntos se tratan no Consello Reitor da Unión Espazo Coop. nin cal é o sentido do voto do noso representante, descoñecemos pois como defende os intereses da nosa Coop. nestas organizacións, si é que os defende, ou está a outra cousa.

Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (III- o caos)

Cando decidín presentarme ao Consello Reitor tiña curiosidade por saber porque Nosa Enerxía non funcionaba como outras cooperativas coas que compartía proxecto, o mesmo proxecto: consumidores de enerxía que procuran a súa propia enerxía, renovábel, en forma de cooperativa. A escusa é sempre que Catalunya ou Euskadi son diferentes, que imos moi por detrás, etc. etc.

Como a min eses argumentos non me convencen acerqueime máis a coñecelas a volta de clic, por onde realmente se coñecen as organizacións, polos textos que os regulan. A diferencia é brutal! Goiener e SomEnergía dan moito máis poder de fiscalización ao socio: dispón de órganos de recursos e de intervención independentes do Consello Reitor, aos que calquera socio pode recorrer no caso de ter algún problema. En Nosa Enerxía só nos queda acudir ao xulgado si algún socio se sinte agraviado.

Mais, esa carencia de textos legais propios, máis aló de escaso desenvolvemento dos estatutos, afecta ao día a día da cooperativa. Non dispor dun Regulamento de Réxime Interno implica, por engadido, non dispor dun réxime de funcionamento do Consello Reitor e o resto de órganos, sequera previstos estutariamente, como son o Comité de recursos ou o Órgano de intervención, non dispor dun réxime de sancións, nin dun protocolo de contratación de persoal, nin dun regulamento de elección de cargos, etc. de modo que, cando toca realizar algunha desas accións todo queda sometido a improvisación. Este sábado toca elixir a membros para o Consello reitor, como se fará? Pois non sabemos, xa a asemblea decidirá.

O 30 de xuño celebrouse a última Asemblea Xeral Ordinaria. Dos tres puntos da orde do día que se levaban tan só puido debaterse e aprobarse o primeiro, as contas da Coop., aprobadas en precario pois, formalmente, non se poden presentar tal e como se presentaron, malia levar meses advertindo un problema de forma: as contabilidade dunha cooperativa de usuarios debe ser dobre, por un lado a facturación a socios, polo outro a facturación a persoas non socias. O asesor afirmou que descoñecía que se facturase a terceiros. Ninguén lle dixo nada? É responsabilidade do asesor ou da Coop. ter un lista de clientes socios e outra de clientes non socios? Existe esa lista? Dubido que a día de hoxe se corrixira este despropósito que só serve para que acabemos apandando con outra multa máis.

Pero, ao que ía, quen puido asistir a esta asemblea, e a anterior, e a anterior,… amais de comprobar a falta de participación dos socios, puido comprobar a escasa organización da mesma (deica agora, nin se acreditou que as persoas asistentes sexan socios), falta de temporización e de tempo para abordar os asuntos, o que obriga logo a deixalos de tratar porque, literalmente, nos botan do lugar,… xa non falamos de levar un regulamento de funcionamento da propia asemblea ou, como mínimo ter a man estatutos sociais e lei de cooperativas para resolver incidencias. Claro que chegar a unha asemblea require un traballo previo do Consello Reitor que, si nen sequera é que de reunirse, dificilmente pode facelo.

A sensación que me deixa Nosa Enerxía é a dunha comuna hippy mal organizada (porque as hai ben organizadas) e non a dun proxecto empresarial en forma de cooperativa para os seus socios e clientes.

E dentro dese desorde é onde quero colocar os proxectos que acompañaban ao plan de traballo de 2018 de Nosa Enerxía porque, si non se ten en conta o marco legal que ordena unha actividade, calquera proxecto relacionado coa mesma, nace no caos.

Isto é un proxecto de xeración de enerxía (PDF e web) e isto non pasa de ser un bosquexo do que algún día podería ser un proxecto de enerxía (PDF). A diferencia entre o que é un proxecto é o que non salta a vista; coa lectura dos índices abonda para ver as carencias de Nosa Enerxía en materia enerxética, económica, legal, social, estratéxica, etc. E outro tanto se podería dicir do que se deu en chamr “proxecto”, sen selo, “de mobiidade de Nosa Enerxía” (PDF). Ambos bosquexos esconden a clara intención de desviar cartos do sobrecusto do prezo da enerxía que pagan os socios -e non socios- para o beneficio duns poucos, pois… como se pode compartir, materialmente, un coche eléctrico, entre máis de 500 socios, moitos deles separados por centos de kilómetros? Esta e moitas outras preguntas fíxenllas ao relator dos bosquexos, o presidente Pablo Álvarez. A súa resposta foi: “está todo controlado”. Xa puidemos velo no artigo anterior.

Atención a isto:

Eu son unha das persoas que afirmou que estaría disposta a investir nun proxecto de xeración. Era a resposta a unha pregunta aberta, non sobre un proxecto concreto. Desas 140 persoas, moi poucas coñecían o proxecto que se lles ía presentar. Pero é que, responder a unha pregunta así, aínda coñecendo o proxecto, que non era o caso, é unha cousa e outra poñer os cartos. Volvamos ao principio…  a esas outras sociedades máis avanzadas, Catalunya: Som Energía con 50.000 socios, cun proxecto de xeración que xenera 10Gw de enerxía/ano, cantos inversores ten? Podedes velo aquí: Generation Kw. Non chegan a 3.500 persoas, é dicir, non chega o número de inversores nin ao 10% da súa masa social, eles, que son os que van por diante nisto todo. Con estas contas, cun proxecto serio, Nosa Enerxía podería ter uns 40 potenciais inversores… pero con este bosquexo, nin iso. Outra cousa é que se pretenda trasladar fondos do sobreprezo da comercialización de enerxía a proxectos de xeración. Pois xa veremos até onde a xente está disposta a pagar a enerxía máis cara do mercado.

I´M OKAY!

Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (II- a multa)

Unha das taras máis grandes de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega é a participación. Na última Asemblea Xeral Ordinaria non chegabamos a 40 persoas presentes, que con votos delegados sumabamos un total de 69 socios. 69 de 550 socios non é moito para un acto, o de asistir, que é obrigatorio para todo socio polo mero feito de selo. Claro que as facilidades de participación son poucas (período estival, longos desprazamentos,…).

É por iso que a maioría dos socios descoñecen moitas das cousas que ocorren na súa Coop., porque se lle nega esta información malia que algún membro do Consello Reitor solicite o envío desta. É o caso da multa que comentaba no post anterior. A día de hoxe podemos dicir que a cantidade é irrisoria (1.800 €) pois a primeira comunicación estimaba unha multa entre 600.001 euros e 6.000.000 de euros. Finalmente a multa foi de 3.000 € e quedou reducida nun 40% por pronto pago. É evidente que non poderíamos facer fronte a multa mínima coa que nos ameazaban na primeira comunicación cos fondos da Coop. e que, de non ser polo recurso presentado, probablemente, a día de hoxe a Coop. tería que por fin a súa actividade.

Tanto na carta na que se nos comunica a incoación do procedemento (tamén na CNMC)como na carta na que se nos confirma a sanción da CNMC, queda de manifesto a falta de dilixencia dos responsables da Coop. e, nomeadamente, do seu presidente, en cuxo domicilio figura a sede da Coop. e onde é que esta recibe a correspondencia. Esta falta de dilixencia evidenciase no feito de que a carta na que se nos advirte a necesidade de inscribir a Coop. nos rexistros da OMIE xamais apareceu, por máis que se lle insistira ao presidente para poder preparar o recurso axeitadamente. Xamais!

Comunicación da incoación do procedemento sancionador pola CNMC

 

Comunicación da sanción a Nosa Enerxía por parte da CNMC

Esta non é a primeira multa que recibe a Coop. Descoñezo as circunstancias en que se produciron as outras multas anteriores, pois xamais aos socios se nos presentaron as devanditas resolucións, pero si sei por esta, cando menos por esta, a pouca dilixencia coa que actuaba o anterior Consello Reitor. O problema para Coop. non son agora mesmo eses 1800€ que tivemos que pagar os socios pola falla de dilixencia do Presidente, o problema é ter un presidente que pretende ocultarnos estes feitos, tanto a multa como as circunstancias nas que se produce: un descarada falta de dilixencia. O problema, insisto, é que esa forma de proceder se repita no futuro como xa se repitiu no pasado.

Outro caso que deixa de manifesto tanta indolencia é o feito de que, unha vez preparado o recurso e ante a obriga de presentalo na sede electrónica da CNMC, encontrámonos con que tiñamos o certificado dixital caducado. Tivemos que recorrer a un terceiro, a Coop. En Común, para que o presentase por nós.

Como comentaba máis arriba non é a contía dunha multa asumible pola Coop., senón as circunstancias nas que se producen e que, atendendo a feitos recentes, como a presentación de novos proxectos por parte da Coop., sen memoria económica, sen ter estudado o marco legal no que se van a desenvolver, custa crer que esteamos libres de novas multas no futuro. A modo de exemplo, preséntase un proxecto de produción de enerxía solar en Paradela, con data de inauguración e todo para este mesmo mes, cando nin sequera se iniciaron por parte da Coop os trámites burocráticos para ser produtores, trámites que requiren un longo período até sermos autorizados para producir enerxía. Unha autorización que é indispensábel! Autorización que tamén é necesaria para ser simplemente intermediarios… e nese proxecto tamén se fala de que seremos intermediarios. Todo un despropósito que obriga a por en dúbida a viabilidade de Nosa Enerxía, pois dubido que as autoridades reguladoras do mercado eléctrico non sempre van ser tan condescendentes connosco como o foron coa multa que aquí se relata.

A comunicación desta multa tiña que chegar a tódolos socios xunto coa convocatoria da asemblea extraordinaria, tal e como solicitei no derradeiro Consello Reitor, sen que ninguén se opuxese a isto, é máis, entendo que co apoio maioritario dos presentes, si ben é algo que non chegou a votarse. A miña sorpresa é que non aparece este documento nin na convocatoria nin na seguinte corrección de erros, onde se achegan documentos que non se van tratar nesta convocatoria.

O motivo da miña petición é o anuncio no derradeiro Consello Reitor da presentación dunha acción de responsabilidade (artigo 51 da Lei de Cooperativas de Galicia) contra o Presidente e o resto de membros do anterior Consello Reitor con motivo desta multa e para que todos os socios tivesen de antemán toda a información relativa ao asunto. Unha vez máis, a resposta do presidente é censura ao conselleiro discrepante e ocultación de información aos socios. Pero isto non é todo…

Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (I- a dimisión)

Este é o inicio dun fío que probablemente nunca debería ter existido se as cousas en Nosa Enerxía se fixeran con transparencia e respecto a tódolos seus socios. O 29 de xuño deste ano presentei a miña dimisión ante o Consello Reitor, malia solicitar que a miña carta de renuncia fose enviada a tódolos socios, non se fixo así. Entendo que existe, pois un clara vontade de silenciar o que ocorre no interior da Cooperativa. A miña carta dicía así:

A través deste correo presento formalmente a miña dimisión do Consello Reitor de Nosa Enerxía coa finalidade de por fin a un bloqueo do mesmo que dura xa máis de seis meses, para facilitar a convocatoria dunhas novas eleccións ao Consello Reitor e por fin a parálise actual da coop. provocada polas continúas ausencias dalgúns dos seus membros e polo incumprimento reiterado de convocalo coa periodicidade acordada no primeiro Consello Reitor que celebramos en Santiago de Compostela o 19 de xuño de 2017.

Sacar adiante os asuntos da coop. polo órgano de goberno, o Consello Reitor, é unha misión imposible se este nin sequera se reúne, cando menos facelo mediante as competencias que nos autooutorgamos no primeiro Consello Reitor celebrado. Son varios asuntos os que están nunha situación de parálise dende fai meses e, mesmo a asemblea xeral ordinaria, foi convocada a última hora, a présa e correndo, para cumprir cos prazos estipulados pola lei.

Tampouco o ambiente do grupo é o máis adecuado para sacar nada adiante. A incapacidade para asumir erros, limitacións, fracasos, responsabilidades,… O apego aos postos fai crer que a coop. fose cousa duns poucos e non de case 550 socios, socios que si, iso si, cargan co custo das neglixencias dos seus directivos e que se pretenden ocultar. O bo funcionamento dun equipo pasa por unha boa organización, por un reparto de tarefas, por asumir cada un as responsabilidades que lle son propias, por respectar as competencias atribuídas ao resto, por confiar no bo facer de cada un, etc. Pero nada disto se dá.

A coop. é hoxe unha organización na que só o seu presidente sabe que ocorre. O resto do Consello Reitor enterámonos, no mellor dos casos, pola prensa, que ocorre. Non sabemos nada da nova páxina web, non sabemos que será da plataforma de facturación, non sabemos que fai o presidente nas organizacións das que formamos parte, Espazo Coop ou Unión Renovables, pois non se nos dá conta de nada, etc. E por suposto, esta situación ten o seu reflexo na marcha da coop. que freou o seu crecemento considerablemente este ano. Onde está a campaña de “trae a un socio” que se ía lanzar de novo entre os socios e que tan bos resultados dera o ano anterior? Bloqueada polas ausencias e non convocatorias do CR.

E o último, as manifestacións de Pablo no derradeiro CR: a exhibición dun documento, que agora covardemente oculta, que di que conten información sobre a miña persoa e das organizacións, políticas, nas que participei, informe que di ter recibido de Espazo Coop, para xustificar a miña non contratación nunha bolsa. Isto, con todas as letras, chámaselle delito contra os dereitos dos traballadores, e Pablo é cómplice disto… E a súa exhibición o outro día non deixa de ser unha conducta máis propia dun gánster da mafia que dun presidente dunha coop. parece mentira que se poida caer tan baixo e se traizoe así o aprecio que sempre lle tiven. Agardo que recapacites sobre este feito e acto seguido solicites a túa dimisión.

Aportei canto puiden sobre a base dos meus coñecementos, que non son mellores nin peores que os de ninguén, pero que, afortunadamente son diferentes. Non tiven boa fortuna a hora da receptividade dos mesmos. A veces todos cremos entender de todo e non é así. Logo vén os problemas. Exemplo: seguimos tendo un auxiliar administrativo con un contrato de “administrativo” e categoría de oficial con titulación universitaria. En comunicación, cada quen fai o que lle peta cando lle peta. O exército de Pancho Villa era máis organizado. Nos textos presentados agradezo as aportación feitas, sempre interesantes, e que abren a vía da dúbida para melloralos, e repudio a falta de aportación doutros nalgo que é tan vital como os textos que deben regularnos… É como si fosen felices no caos, no baleiro. Non o podo entender… Seis anos despois e aínda seguen tan verdes como o primeiro día. E queren seguir aí… Para que? Digo eu…

E fan e din que fan… Traballo non é facer horas, é obter resultados. Calquera traballo feito sen resultados é unha perda de tempo. Eu non estou por perder o meu tempo… Nin gosto ver como outros o perden.

Esta carta pretende ocultar a toda a masa social varias cousas que nela se mencionan e que máis adiante irei detallando:

1- Unha multa da CNMC pola falta de dilixencia do presidente da Cooperariva, Pablo Álvarez (ver)
2- O ineficaz traballo do actual Presidente, que ten paralizada a posta en marcha da nova web da Coop, unha verdadeira aposta pola industria 4.0 e non as entrevistas baldías de contido que se dedica a dar sobre este asunto.
3- O nulo compromiso con decisións estratéxicas adoptados en pasadas asembleas, como a elaboración dun plan de comunicación.
4- O desinterese en dotar a cooperativa dunha regulación máis axeitada a súa natureza: mellorar os estatutos, desenvolver órganos de garantías e recursos para os socias, crear o órgano de intervención de contas, restrinxir o Consello Reitor a quen teñan intereses persoais que defender, etc.
5- O presidencialismo de Pablo Álvarez, que actúa como si o presidente fose un órgano independente da Coop, e non un membro máis dun órgano colexiado, o Consello Reitor, que é quen marca directrices e toma decisións. Todo isto foi usurpado nos últimos meses polo presidente ao resto de membros. Lamentablemente, a algúns, parece non importarlles.
6- Entre esa regulación imprescindíbel, atópase un protocolo de contratación de persoal, necesario para abordar futuras contratacións e, cuxa ausencia, xerou malestar xa no pasado entre socios polo que que consideraron un “tongo” a que deica agora é a única contratación da coop.
7- A incapacidade de prever problemas e resolvelos en tempo e prazo. Isto ocorreu xa coa renovación, precisamente, desa persoa contratada.
8- A filtración aos medios de falsas noticias en momentos importantes, como sucedeu antes da última asemblea xeral ordinaria, como que “Nosa Enerxía vai comezar a producir enerxía” cando nin sequera está aprobado pola asemblea nin polo Consello Reitor realizar a longa e ardua tramitación burocrática, e imprescindíbel, para converterse en produtores.
9- Unha das cousas que máis nos debería preocupar aos socios-consumidores, porque aquí somos fundamentalmente consumidores, é a ineficiencia do Consello Reitor para conseguir bos prezos da luz para tódalas persoas socias, xa que unha vez máis, nos convertemos nunha das comercializadoras máis caras do mercado.