Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (e VI- o prezo da enerxía)

Dende o primeiro día que son consumidor de Nosa Enerxía, primeiro con GOIENER, logo coa propia Coop., o que notei era que pagaba máis de enerxía ca nunca. Un pode soportar uns prezos máis altos durante un período de tempo, procurando e agardando que o proxecto se afiance, pero sería imperdoable acostumarse a isto e pagar por vicio a enerxía máis cara do mercado a cambio de nada: os meus electrodomésticos non van render mellor, as lámpadas da casa non van ter un brillo superior, a comida non será máis saborosa, nin o calor do fogar vai ser máis envolvente por consumir a enerxía de NOSA ENERXÍA, verdade? Pois, considero que, dende mediados de novembro de 2014, aguantando este sobrecusto, chegou o momento de dicir basta!

Nosa Enerxía gusta de definirse como unha sociedade sen ánilmo de lucro, pero a realidade é que alguén se ten que estar lucrando si a enerxía é máis cara que noutros lados. Levo máis dun ano loitando para que todos os socios-consumidores paguemos o mesmo polo servicio que se nos presta dende a Coop., isto é, por facturarnos a luz cada mes, por resolver as incidencias que xurdan, etc. O prezo de mercado pono o mercado, que é onde competimos, e hai compañías que ofrecen a luz a prezo de custe máis 3 € polo servizo (ao que antes me refería). Incluso hai empresas que ofrecen o servizo máis barato… e son empresas con ánimo de lucro.

Pero, canto pagamos nós? Nas nosas facturas non aparece reflectido o custo do servizo, tan só o prezo da enerxía. Significa isto que non se nos cobra o servizo? Non, significa, simplemente, que non se nos di cal é o custo do servizo, pero cobrar si que se nos cobra, e, malia prestarnos a todos o mesmo servizo, exactamente o mesmo servizo, non se nos cobra a todos por igual. Porque? Porque ese custo é un sobreprezo (que pode ser dun 5/6% ou máis, depende ao final do que se achegue a estimación do prezo da enerxía ao prezo real) sobre o prezo da enerxía estimado para ese trimestre, de modo que unha persoa que consuma uns 50 € ao mes de enerxía poderá pagar de servizo entre 2,5 € ou 3 € ao mes polo servizo, si consume menos non paga os gastos de facturación, dende logo, pero os que consumimos máis, entre outras razóns, porque non consumimos enerxías fósiles que venden empresas da competencia (gas ou gasaoil), isto é, que todo nos nosos fogares é eléctrico, as nosas facturas poden chegar a superar os 400 € varios meses ao ano, de modo que os que somos mellores clientes, os que non consumimos combustibles fósiles nas nosas casa, ao final acabamos sendo penalizados pagando un servizo máis caro: entre 20 e 30 € por factura algúns meses. Isto é inadmisíbel!

Pero aí non queda todo… se aínda os prezos se axustasen ao que ofrecen outras comercializadoras de semellantes características, falo de cooperativas, por exemplo, ou empresas que comercialicen exclusivamente enerxía renovábel, podería ter un pase, pero non é así. Calquera pode facer a proba con un simple clic no comparador de prezos da enerxía da Comisión Nacional do Mercado da competencia (a CNMC, a mesma que nos multou).

A diferencia de prezos, asegúrovos, é moito máis grande do que pode resultar a primeira vista, onde se comparan tarifas estándar pero, en cooperativas como SOM ENERGIA, que ofrecen unha tarifa específica para os inversores de Generation Kw, as diferencias poden superar o 60% nalgúns tramos da factura. Ollade as diferencias nos contratos máis comúns, nos 2.0:

A situación da Coop. e os prezos da enerxía que cobra aos seus usuarios gardan unha relación semellante a que existe entre un ovo e unha galiña. A diferencia é que aquí, sabemos o que foi primeiro. Todo o relatado nos artigos anteriores levan a que a día de hoxe NOSA ENERXÍA sexa a comercializadora máis cara do mercado, con diferencia. Co consumo anual que se fai no meu fogar, e cunha tarifa estandar 2.0 DHA NOSA ENERXÍA sáeme 500€ máis cara ao ano… pero é que cunha tarifa para inversores, a Generation Kw, ese aforro podería chegar ate os 1500 € máis os descontos polas accións enerxéticas financiadas.

E preocupa o prezo da enerxía aos usuarios? E tanto! A intelixencia artificial, unha das patas da industria 4.0 que algún se afana en demostrar o seu descoñecemento, permítenos saber que é o que máis visitan os usuarios da nosa web, da vella, que a nova sigue aí, varada… As páxinas das tarifas aparecen entre o máis visitado da web, tamén como o sitio onde máis abandonos se producen. Non se aprecia, en ningún caso, no coportamento dos visitantes, unha liña que os leve dalgunha tarifa a “contratar enerxía”. Tremendo!

O prezo é un factor importante. Determinante. Como é posible que como usuarios que mercan a enerxía conxuntamente non sexamos capaces de mellorar os prezos do mercado? Para que serve logo unha cooperativa de usuarios? Que máis pode agardar alguén que é socio de NOSA ENERXÍA dende 2013, cliente dende o primeiro minuto, despois de todo o visto ao longo deste ano? Sinceramente, e logo de darlle moitas voltas nas últimas semanas, antes agardo outra multa que ver a coop. producindo enerxía, pois nin para ser produtores temos licenza; antes agardo liortas polos intereses persoais duns poucos no Consello Reitor que un Consello Reitor libre de todo interese persoal, pois vétanse os réximes estritos de incompatibilidades dos conselleiros;  antes agardo ver os meus interese como socio recoñecidos nun tribunal (o dereito a non cargar coa falla de dilixencia doutros) a que mo recoñeza un órgano de garantías propios; antes agardo o caos organizativo que unhas bases xurídicas sólidas e protocolos de actuación, pois non hai vontade algunha de facer reformas que permitan avanzar neste sentido. Nin vontade nin talento. Só mediocridade. Eis a diferencia: onde hai talento son 50.000 socios, onde non o hai 500. Non é cuestión de galegos vs. cataláns.