Arroutada
Superado pola indignación, a furia e a nostalxia sae esta entrada. Si, indignado polo panfleto mercantilista de Stéphane Hessel, “indignádevos“, que moi indignado está o vello… pero non tanto como para ceder a chantaxe do mercado e adícarse vender a súa indignación. Indignado si, pero se lle saca uns cartiños a súa indignación, tanto que ben, non?
Pululan nestes tempos de crise moitas iniciativas deste tipo… é doado sinalar ao inimigo, moito máis que por solucións por riba da mesa. É moi doado proferir verbas de indignación e revolta agora mesmo, moito máis que cando as vacas gordas. Incluso, co difícil que resulta poñernos a todos de acordo, resulta doado falar de utopías, por máis irrealizables que resulten. Leo Bassi dálle o nome de “Utopía” a súa derradeira obra, mais non se albisca nela utopía algunha, tan só unha crítica cómica -necesaria- a deriva social e económica que vivimos. É acaso a utopía xogar cos medos da xente? Aí veñen os neofascistas de novo a chucharnos o sangue! Que … van chuchar si xa no lo quitaron todo, digo eu.
Concordo coa crítica, dende logo, a actitude desta dereita mediocre a que llelo deixaron todo feito outras xeracións, aproveitándose da inercia dunha máquina -o capitalismo- que asoballa todo a seu paso, deixando unha paisaxe de terror, como a que deixaría unha praga de lagostas nun eido de millo, a lava dun volcán no pobo do outeiro e un tsunami na costa, todo a un tempo. Tal é a infamia que estamos a sufrir nestas datas…
Queixarse disto nestas terras de Ourense cos acontecementos que neste tempo se suceden ao largo e ancho do mundo: revolucións, desastres naturais, corrupcións e crise financeira, explotación dos países pobres coa conseguinte fame, epidemias liortas e migracións que causan, falar da ineptitude dos axentes sociais -todos- que rexen as nosas vidas pode resultar algo heavy.
Si, son moi consciente.
Xurde esta entrada lendo a “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”, de Lois Pereiro, obrigándome a parar nada máis rematar o primeiro parágrafo, onde di: ¿De que parte que non sexa sempre a das novas vítimas, dos novos vencidos doutras guerras, podemos estar xa? Isto obrígame a debullar os miolos e escribir… indignado!
Non sei si o autor desta modesta proposición estaría moi conforme cos 12 € que me … polo libro. Seguro que si algún esqueleto pasa pola súa tumba ou o del pola de outros e lle contasen, decatándose do que está ocorrendo co seu nome como escusa, cuspiría a súa indignación dende o máis fondo dos seus osos inxectados de veleno, mortos xa antes de morrer, cuspindo e berrando ate quedar sen folgos. Abofé! Porque si vivise Lois Pereiro nestes tempos seguramente colgase os seus textos nun blog, en scribd, no facebook, ou tweet a tweet… sen máis.
E este abuso sufrímolo cada día… empresas de contratación que publican ofertas inexistentes só para gañar visitas nas súas webs ou entidades aparentemente sen ánimo de lucro finxir unha labor social que lle permita financiar empregos amigos con cartos públicos, malgastar cartos en formación de traballadores desempregados para uns postos de emprego que non demanda o mercado -isto dimo a voz da experiencia-, cada día aparece nas librarías un novo libro que che explica paso a paso como facerte rico en tres meses e non esvaecerse no intento, documentais, películas, obras de teatro,… moita reivindicación, si, pero pasando por caixa. A indignación cotiza a alza. Ate a anunciada revolta se está mercantilizando. Non sei si me dá mais noxo que asco.
… non sei …
Ourense é o paradigma perfecto do triunfo da ineptitude. Os estudos económicos, rexistros estatísticos e enquisas avalan todo o que afirmo. Ah! E as novas que leo a diario, deprimentes todas elas. Vivimos nun Ourense herdado por herdeiros tan torpes como truáns, que non lle chegan aos calcañares aos que llelo deixaron todo feito. Empresarios e políticos juniors toman agora o control das nosas vidas… aviados estamos!
Leo nun xornal local que a primaza do Presidente da Xunta di logo dunha manifestación da cidadanía desta cidade a favor do mantemento da sanidade pública que todo este movemento está politizado. A ver… Unha de dúas: ou o pailán son eu ou o é ela. Politizado está o seu cargo que o ocupa non polo poder do pobo nin por designio divino -moito menos por méritos-, senón porque un político -seu primo- a puxo aí onde está a dedo, sen mirar máis aló do seu parentesco co mandamais de Galicia.
Política é, por definición, o que lle afecta ao pobo e como a sanidade pública, ao igual que moitos outros asuntos -todos-, nos afecta é lóxico que estea politizada… cumpre ser moi lelo para afirmar nunha rolda de prensa que determinada manifestación do pobo con esa actitude crítica e altiva. Vivimos nunha democracia -máis que lles pese- e toda cuestión pública que nos afecta como pobo é POLÍTICA!
Leo no mesmo xornal que os comerciantes están que botan fume e que a crise é cada vez unha ameaza máis seria… prevendo o peche de centos de pequenos comercios. Habería que ver en que invisten estas organizacións (asociacións de comerciantes, confederacións de empresarios, cámaras de comercio, asociacións de autónomos,…) os cartos que o contribuínte , ou sexa, nós o pobo, lles dá para a contratación de técnicos que estuden novos eidos de negocio, formadores que formen aos traballadores para seren máis produtivos, etc. Onde están os resultados dese investimento público? Probablemente en contratar ao máis pailán do lugar, claro, recomendado por algún dos mesmos políticos aos que agora critican, e claro, agora botan as mans a cabeza.
Neste pobo esquecido coinciden conxunturalmente a mediocridade dos representantes políticos coa dos empresarios e claro… o resultado é ser o pechacancelas de tódolos indicadores macroeconómicos deste estado, que é tamén un dos máis atrasados a escala mundial en competitividade. Non entendo porque se estrañan tanto, o resultado das súas accións, o que está acontecendo, é o máis lóxico; sería para exclamar cun aturuxo imperecedoiro coa ledicia si o que sucedese fose o contrario. Como senón se pode entender que a organización dos empresarios máis mediocres do estado (a CEO) tente dicirlle a este como debería actuar en cuestións que non son da súa competencia (caso AVE, que non sei para que … o queremos) e viceversa, administracións públicas anunciando a instalación de grandes empresas en polígonos inexistentes coa conseguinte creación de miles de postos de traballo (caso Xero) cada vez que se aveciña un periodo electoral.
Reflexión
Certamente… vivimos nun país insólito, case exótico, abocado ao fracaso onde triúnfa unha miscelánea elite e personaxes que cohabitan nun mundo fedorento, cerrado e intransixente con quen non vai da súa corda, alimentándose do suor dunha maioría silente e submisa, na que non se albiscan síntoma algún dunha viraxe.
O silencioso estrondo co que empresas, emprendedores, inversores, persoal cualificado,… abandona a provincia é tal que, tan só os que directamente a sofren se decatan. Os demais, esa elite inútil e paleta forxada no berce do caciquismo, seguirá tranquilamente a vivir e gozar da súa acomodada posición social… ignorantes eles, pobriños, que a fuxida á que antes me refería será o alicerce da súa propia morte.
Chegarán aves que non nos levan a ningures porque na plataforma das nosas estacións non haberá xa ninguén para ir outro lar. Verémolos voar polos nosos vales e penetrar as nosas as montañas sacras a alta velocidade sen parar nin respectar, iso si… presentindo o ruidoso horror de que, cicais unha vez máis, estea agardando alguén disposto a subirse a ese tren para nunca máis volver a soportar a crueldade desta sociedade tan atrofiada como retrasada, perdida na neboenta espesura do pensamento individual, fixado na teimosa supervivencia propia, xente cobizosa que ignora e nega calquera outra achega ao colectivo no que se asenta, nunha sociedade murcha xa da falla dos nutrientes mínimos para poder vivir.
O proído que esta xente provoca en min é tal que me obriga a rascar, a rebelarme indignado. Indignado ate contra os que cobran por esa chamada á indignación… A miña vai aí:
DE BALDE!
GRATIS!
FREE!