Manifesto pailán

ORACIÓN DE CELSO EMILIO POR NÓS, POLOS PARVOS

Señor Deus ten piedade dos pobres parvos
que non sabemos nada de xeometría
e embobados na música celeste
esquecemos a fórmula
do binomio de Newton
Imos andando a trancas e barrancas
aprendendo as cousas tristemente
por este mundo adiante que fixeches
en sete días só, según os libros
Eu son un pouco parvo, ben comprendo.
Nunca poiden saber para que serven
moitas cousas oscuras que consintes
Humildemente quixen preguntar
preguntas pequeñinas coma seixos
sobre os grilos que cantan incansables
e os amores dos peixes,
pero sempre chegaban uns homes
carregados de textos
e mazacotes grises sapientísimos
con datas rigurosas, datos certos,
horriblemente certos, abafantes
Mais ninguén me dicía dos paxaros
dos cágados, das flores, e desas nubes
que pousaches, Señor, sobre o meu teito
Perdoanos, Señor, tanta parveza
e ten piedade de nós, dos pobres parvos
que andamos os camiños das estrelas
cos ollos encendidos
na bebedeira tépeda das fábulas
(…)

Cadanseu ao seu. É o que ten ser de esquerda. Un votante un voto. Un militante un partido. Conforma a esquerda actual un rebumbio de forzas, sensibilidades e egos, sobre todo egos, que alimentar; caros de alimentar. Porca esquerda! Os egos dunha presa de persoas que un día se encerran nun hotel para redactar manifestos para rexenerar a súa propia organización para, ao seguinte, abandonala. Alcaldiños namais. Conservadores de bon comer que non buscan máis que preservar seu posto ou acadar outro poleiro mellor. Persoeiros sen personalidade. Medorentos canallas que non escoitan a cidadanía máis alá dos seus lindes e, en moitos casos nin iso, nin no seu concello, nin no seu grupo municipal. Pailáns, pailanciños, que silencian a crítica, perséguena, acósana, apágana. Mestres da manipulación alxebraica. Caudilliños en potencia que non entenden as regras da democracia. Ben si ganan, mal se perden. Os escindidos, os desbandados que acoden aos bramar do líder beta da nova grea, perdedor outra vez na contenda. Débil estratega escornado ferido, malferido. Representantes electos dunha moral low cost, imaxe viva do noxo, posuídos dun ideal dexenerativo. Manifesto antimanifesto e viceversa. Dentro ou fora non son esquerda, son porca esquerda! Profesionais da polis a conta dos nosos tributos onde antes, ate non fai moito tempo, tíñamos tribunos da plebe, afeizoados, nobres servidores a maioría. Políticos con soldada, mercenarios farturentos coa gula por bandeira nun pobo onde se pasa fame, onde agroma outra vez a necesidade e onde, agardo, lles explote a carraxe, tanto tempo contida, nos seus fuciños fascistas, no epicentro da ansia viva do poder, na maseira.

Bos e xenerosos

Que un fascista con centos de desaparecidos nas súas costas se lle sele a súa lápida cun “Bo e xeneroso” pode formar parte da normalidade no mundo que Orwell imaxinaba; ou que ao máis sectario dos caciques se lle recorde, polo seu fillo herdeiro, claro, como “bo e xeneroso”; amor paterno. Sen embargo, o que está sucedendo agora mesmo no mundo real é a materialización do fantástico, a transformación terreal daquel mundo imaxinado polos máis ultras, fanáticos e exaltados seguidores do totalitarismo, canciños agradecidos, cochos baleiros de miolos que renden homenaxes de infima moralidade baixo o teito protector do fascismo: a igrexa católica. Tocaron as campás por tódolos recunchos de Galicia, santificando a ruindade e a avaricia, dando a esquecemento a inxuria e o desprezo por esta terra, convertendo en mito a quen como demócrata destruíu aos desherdados por el mesmo na ditadura fascista. Agora son bos e xenerosos os ignorantes e feridos e duros, imbéciles e escuros. Morreu o porco e fíxoo destrozando os símbolos que nunca entendeu, os nosos símbolos.

Eu xa non quero ser nin bo nin xeneroso.

Os desbandados

Homes parásitos que non poden vivir sen chupar o sangue dos débiles, dotados dun espíritu retorcido, sen posibilidades de sandar e sen vontade de mellorar; xentalla que non posúe ningún valor para seguir vivindo neste mundo. 1Q84 Haruki Murakami

Parasitaron no BNG ao acubillo do esforzo e entrega duns poucos militantes. Nunca destacaron pola súa dedicación á organización. Facían política de cabaret nas tabernas rurais divagando entre viño e viño. Debuxaban sobre o ar proxectos imposibles que realizar no suposto de gobernar (nunca como financialos… as administracións sempre ten cartos e cando non, sempre ten créditos, pensan). Gobernaron sen que o pobo os elixise para semellante cometido. Foi un período breve suficientemente amplo para deixar ao descuberto as súas carencias, capacidade infinita para facer novos amigos e deixar na cuneta a vellos compañeiros, gastando cartos de todos para o beneficio duns poucos, ora a cambio de postos de traballo, ora a cambio de substanciosas subvencións a cativos empresarios incapaces de competir nun mercado libre mais valentes emprendedores baixo o paraugas das administracións públicas. Son especialistas en crear empresas que sangran as nosas institucións. Durante décadas gobernaron o BNG co beneplácito da UPG. É un dicir. En realidade eran seus monicreques.

Ideas

Chegaron a XIII AN do BNG cun proxecto alternativo ao que soamente renunciarían si lle deixaban vía libre para executalo dende dentro: renunciar a transformación social e deixarse levar en volantas pola corrente. É o que o nacionalismo pailoco chama “saber escoitar” que, na novafala, ven sendo algo así como “xa che miro o teu”. Si. Durante o goberno bipartito esta caste de funcionarios públicos que chegaron a gobernar o país descubriron o caciquismo, sentíronse cómodos nese novo papel: facendo favores e recibindo contraprestacións; mellorou o seu status social e seu nivel de vida, atoparon emprego os desempregados da súa corda, caeron millóns en axudas e subvencións públicas para empresarios subsidiados, etc. É duro volver a crúa realidade, despoxados do poder polas mesmas persoas que un día llelo deron: nós os votantes nacionalistas de esquerda. Si,… a esquerda que os pariu! Ou malpariu! O caso é que para debater ideas nesta Asemblea aparaceron a terceira parte dos militantes inscritos. Para a elección de cargos estaban presentes máis dos dous tercios dos inscritos. Quedou ben claro a que andan tanto uns coma outros (máis os uns que uns que os outros).

Ser ou non ser esquerda

Traizón! Traizón! Esta xente xa non son dos nosos, xa non son esquerda, xa non procuran a xustiza social, xa non procuran a igualdade senón manter a súa superioridade, xa non perseguen a ecuanimidade senón defender seus propios privilexios, xa non entenden o que é ser galego en Galicia nin fora dela, xa os botamos e, pobres babecos, non se decataron de cal foi a razón pola que foron rexeitados: vender aos galegos, vender Galicia. Esta xente vai ao seu, namais. Queren o poder para seu proveito non para mellorar a sociedade a que pertencen, exercicio este que se lle supón á política e aos políticos. Saben que para acadar unha pequena cota de poder que lles permita vivir por riba do resto da sociedade abonda con ter unha pequena forza, sempre que esta teña a capacidade de mudar maiorías cara un lado ou cara outro. Ese é o seu obxectivo: ser pouca cousa pero suficiente para decidir. Non entenden que os que decidimos somos nós: os cidadáns. Non entenden que os cidadáns nos manifestamos de forma maioritaria en cada comicio electoral por dúas razóns fundamentais: dunha parte para que gobernen uns, da outra para que non gobernen outros. Cando votamos manifestamos ambas cousas a un tempo: a quen queremos e a quen non queremos, quen se aproxima as nosas convicións e quen se afasta delas. Ocultarse baixo peles de diferentes animais pode levar a engano a curto prazo, pero a largo, en política todos son espelicados. Nas elites do BNG existe unha rede caciquil conservadora, non moi diferente da de outras organizacións, pero quizais con peores maneiras. Iso non é esquerda ou é unha merda de esquerda!

Democracia e capacidades

Na derradeira AN do BNG os militantes do BNG manifestaron democraticamente quen queren que gobernen seu partido e agardábase que quen participa na contenda, sempre que se define como demócrata, aceptase o resultado. Liscar agora sería igual de estúpido que decidir marchar de Galicia si a sociedade non decide darlles unha maioría absoluta (e mira que tiveron ben oportunidades para facelo), pero tampocuco pode pedírselle a estes cerebros moita coherencia, nin accións intelixentes en canto a estratexia política, xa que durante os últimos anos tiveron unha maioría absoluta interna nos órganos de dirección do seu partido e foron incapaces de reconducilo cara onde querían. Que van facer agora sen ela? Que van facer agora fora desta organización? Cometer os mesmos erros, sen dúbida.

Elites

Són élite, seres notables, privilexiados que toman decisións por si e polos paifocos que os siguen e que lle renden cultos coma santos ataviados aínda coa aureola do poder. Si que lles dura. Eles deciden manifestos, listas, proxectos (deses de taberna que falaba),… que ninguén mira nin le, mais asinan. Cumpre ser moi estúpido para crer que neles está a solución aos problemas que nos atinxen – Moito! – cando non fan máis que falar do que lles ocupa a eles. Algunha desas persoas creou, por exemplo, un só posto de emprego? Dubido (menos sen subvención de por medio). Algunha desas persoas tomou algunha iniciativa para frear un só ataque a nosa natureza? Tampouco, e ollade que non temos ocasións neste país: rios sucios, montes depredados, costas cementadas, ar fedorento,… Estas minorías selectas non teñen máis capacidade que a de alentar masas de torpes e medorentos galegos fedellando nas súas emocións máis arraigadas: a cultura, os símbolos, a historia. Sérvelle para movilizar unha cantidade importante de xente, por conductos que non son os da razón, para seus propios fins pero, en toda sociedade cega, colectivamente ao igual que os individuos de xeito personalizado, atopa momentos de lucidez.

Desbandados

Abandonan como perdedores logo de escribir as regras de xogo (XII Asemblea). Abandonan logo de demostrar a súa incapacidade política para gobernar unha organización ampla. Abandonan esgrimindo como escusa as ideas que non rebateron na derradeira Asemblea. Abandonan a democracia para instaurarse no seu pequeno totalitarismo. Abandonan a idea democracia participativa que defenden políticamente pero non respectan na súa organización. Os desbandados queren a súa propia hortiña, construir novos valados na nosa sociedade, establecer novos dereitos de paso polos que cobrarnos tributo no futuro… e viviren como dios!