Os desbandados andan a reorganizarse para crear un novo proxecto común, xente insípida que mide a súa valía polo tempo entregado ou os cartos aportados (poucos). Seica carecen doutros valores, ideas ou personalidade. Son peóns estáticos, con nulas aspiracións a raiña, cromos repetidos de baixo interese que non ten máis utilidade que a de aumentar o seu mangado para que o neno que os leva na man poida intercambialos todos por un, polo máis buscado, o desexado. Utilizan o engano para sacar vantaxe. Así me sentín eu nesta nova andaina que vén de arrincar, breve para min, que é o chamado “Novo proxecto común” ou “Ecogaleguistas“,… un cromo máis, un peón pegado ao taboleiro con loctite. Non é moi diferente noutros movementos, por así decilo, pois mover móvense, que andan a xuntar cromos polo país para logo polos enriba da mesa. O xogo é sinxelo, o que chegue con máis quédase co supercrack.
O máis detestable e vergoñento é que eses supercracks, os cromos máis buscados e desexados, xoguen máis pola dereita nacional (española) que pola esquerda nacional (galega), na que se acochan. É triste! E patético, patético porque estes gurús embebidos polo seu propio ego non comprende a esta sociedade, que é quen marca as pautas políticas, que de xeito moi intelixente concentrou a dereita nunha soa formación e dividiu a esquerda en varias, na súa forma natural. Estes gurús queren explotar campos inexplorados coa ferramenta menos apropiada, pretendendo acadar o poder en Galicia (o mínimo poder chégalle para obter plusvalías -si, falo de cartos-) presentándose como unha escisión do nacionalismo de esquerda co apoio dun mísero poder económico galego (de dereita, por suposto), non para perseguir o voto da xente do PPdeG, misión imposible, senón para rebuscar na abstención e na esquerda descontenta, co obxectivo de permanecer na atalia do poder e manter uns privilexios, a todas luces, inmerecidos.
Como dicía no día de onte no grupo de “Novo proxecto común” ao que fun adherido, non por petición propia, estes elefantes brancos móvense polos sumidoiros da intelectualidade cara a súa propia morte, son elefantes camiño do cemiterio que agardan a chamada de volta e, de non obtela, arrastrar consigo a toda a grea. Monopolizan o control da información significativa, o cal determina unha situación de alto risco para a clase non informada (peóns, cromos,…) de seren explotados, utilizados. E digo isto porque, precisamente entre eses elefantes ou supercraks non abonda o intelecto e sobra a esgalla os intereses persoais dun grupo moi reducido de persoas. Mentres uns andan, inocentemente, a xuntar cromos outros gardan os seus supercracks no peto ate o momento final. Uns sen os outros non son nada. É o que ten deshumanizar a política.
Así, observando dende a barreira todo o sucedido e agardando polo que está por vir, as liortas dos desbandados entre si para completar a colección (seica lles corre presa completala porque hai eleccións á vista) e, tendo en conta todo o lixo que ten saído do BNG (e o que aínda queda no outro extremo), comezo a ollar con optimismo esta organización.