A Podemos non lle está dando moi bo resultado iso de deixar de ser revolucionarios… eso unha. Outra: tampouco lle está dá moi bo resultado dicir que non son de dereitas nin de esquerdas; si hai que escoller, mellor quedar cos que afirman, en positivo, que son de esquerdas e de dereitas, xa que recollen políticas que pertencen a unha ou outra banda. Ao final, a elección é escoller entre ideoloxía, a que sexa, ou ese baleiro ideolóxico que propón Podemos, tal vez, tentando empatizar cunha parte da sociedade carente de ideoloxía que, eu coido é pouca. E poida que iso se estea volvendo contra eles, poida que moita xente comece a sentirse ofendida por eses programas carentes de ideoloxía, por esas frases baldeiras que nunca responden ao que se lle pregunten, por unha infinidade de contradicións nas que comezan a incorrer cada vez que din algo. Unha mágoa! Por un momento moitos comezamos a crer nun mundo sen PP e sen PSOE, aínda sendo recelosos con podemos… e dificilmente vai poder ser. Este non é un Estado para mesías…
esquerda
A nova esquerda común
Os desbandados andan a reorganizarse para crear un novo proxecto común, xente insípida que mide a súa valía polo tempo entregado ou os cartos aportados (poucos). Seica carecen doutros valores, ideas ou personalidade. Son peóns estáticos, con nulas aspiracións a raiña, cromos repetidos de baixo interese que non ten máis utilidade que a de aumentar o seu mangado para que o neno que os leva na man poida intercambialos todos por un, polo máis buscado, o desexado. Utilizan o engano para sacar vantaxe. Así me sentín eu nesta nova andaina que vén de arrincar, breve para min, que é o chamado “Novo proxecto común” ou “Ecogaleguistas“,… un cromo máis, un peón pegado ao taboleiro con loctite. Non é moi diferente noutros movementos, por así decilo, pois mover móvense, que andan a xuntar cromos polo país para logo polos enriba da mesa. O xogo é sinxelo, o que chegue con máis quédase co supercrack.
O máis detestable e vergoñento é que eses supercracks, os cromos máis buscados e desexados, xoguen máis pola dereita nacional (española) que pola esquerda nacional (galega), na que se acochan. É triste! E patético, patético porque estes gurús embebidos polo seu propio ego non comprende a esta sociedade, que é quen marca as pautas políticas, que de xeito moi intelixente concentrou a dereita nunha soa formación e dividiu a esquerda en varias, na súa forma natural. Estes gurús queren explotar campos inexplorados coa ferramenta menos apropiada, pretendendo acadar o poder en Galicia (o mínimo poder chégalle para obter plusvalías -si, falo de cartos-) presentándose como unha escisión do nacionalismo de esquerda co apoio dun mísero poder económico galego (de dereita, por suposto), non para perseguir o voto da xente do PPdeG, misión imposible, senón para rebuscar na abstención e na esquerda descontenta, co obxectivo de permanecer na atalia do poder e manter uns privilexios, a todas luces, inmerecidos.
Como dicía no día de onte no grupo de “Novo proxecto común” ao que fun adherido, non por petición propia, estes elefantes brancos móvense polos sumidoiros da intelectualidade cara a súa propia morte, son elefantes camiño do cemiterio que agardan a chamada de volta e, de non obtela, arrastrar consigo a toda a grea. Monopolizan o control da información significativa, o cal determina unha situación de alto risco para a clase non informada (peóns, cromos,…) de seren explotados, utilizados. E digo isto porque, precisamente entre eses elefantes ou supercraks non abonda o intelecto e sobra a esgalla os intereses persoais dun grupo moi reducido de persoas. Mentres uns andan, inocentemente, a xuntar cromos outros gardan os seus supercracks no peto ate o momento final. Uns sen os outros non son nada. É o que ten deshumanizar a política.
Así, observando dende a barreira todo o sucedido e agardando polo que está por vir, as liortas dos desbandados entre si para completar a colección (seica lles corre presa completala porque hai eleccións á vista) e, tendo en conta todo o lixo que ten saído do BNG (e o que aínda queda no outro extremo), comezo a ollar con optimismo esta organización.
Manifesto pailán
ORACIÓN DE CELSO EMILIO POR NÓS, POLOS PARVOS
Señor Deus ten piedade dos pobres parvos
que non sabemos nada de xeometría
e embobados na música celeste
esquecemos a fórmula
do binomio de Newton
Imos andando a trancas e barrancas
aprendendo as cousas tristemente
por este mundo adiante que fixeches
en sete días só, según os libros
Eu son un pouco parvo, ben comprendo.
Nunca poiden saber para que serven
moitas cousas oscuras que consintes
Humildemente quixen preguntar
preguntas pequeñinas coma seixos
sobre os grilos que cantan incansables
e os amores dos peixes,
pero sempre chegaban uns homes
carregados de textos
e mazacotes grises sapientísimos
con datas rigurosas, datos certos,
horriblemente certos, abafantes
Mais ninguén me dicía dos paxaros
dos cágados, das flores, e desas nubes
que pousaches, Señor, sobre o meu teito
Perdoanos, Señor, tanta parveza
e ten piedade de nós, dos pobres parvos
que andamos os camiños das estrelas
cos ollos encendidos
na bebedeira tépeda das fábulas
(…)
Cadanseu ao seu. É o que ten ser de esquerda. Un votante un voto. Un militante un partido. Conforma a esquerda actual un rebumbio de forzas, sensibilidades e egos, sobre todo egos, que alimentar; caros de alimentar. Porca esquerda! Os egos dunha presa de persoas que un día se encerran nun hotel para redactar manifestos para rexenerar a súa propia organización para, ao seguinte, abandonala. Alcaldiños namais. Conservadores de bon comer que non buscan máis que preservar seu posto ou acadar outro poleiro mellor. Persoeiros sen personalidade. Medorentos canallas que non escoitan a cidadanía máis alá dos seus lindes e, en moitos casos nin iso, nin no seu concello, nin no seu grupo municipal. Pailáns, pailanciños, que silencian a crítica, perséguena, acósana, apágana. Mestres da manipulación alxebraica. Caudilliños en potencia que non entenden as regras da democracia. Ben si ganan, mal se perden. Os escindidos, os desbandados que acoden aos bramar do líder beta da nova grea, perdedor outra vez na contenda. Débil estratega escornado ferido, malferido. Representantes electos dunha moral low cost, imaxe viva do noxo, posuídos dun ideal dexenerativo. Manifesto antimanifesto e viceversa. Dentro ou fora non son esquerda, son porca esquerda! Profesionais da polis a conta dos nosos tributos onde antes, ate non fai moito tempo, tíñamos tribunos da plebe, afeizoados, nobres servidores a maioría. Políticos con soldada, mercenarios farturentos coa gula por bandeira nun pobo onde se pasa fame, onde agroma outra vez a necesidade e onde, agardo, lles explote a carraxe, tanto tempo contida, nos seus fuciños fascistas, no epicentro da ansia viva do poder, na maseira.
A esquerda acomodada
Pensei en titular este post como “a esquerda adormecida” mais ao longo do mesmo funme decatando de que o problema non era ese, pois anda ben esperta. Uns máis que outros.
Teño lido moitos artigos sobre o que lle acontece a esquerda social nos últimos tempos, pensadores que se preguntan que “como é posible que sufra coa crise provocada polo neoliberalismo salvaxe?”, pensadores que non se explican porque son os defensores destas teses neoliberais os que máis rédito político lle están sacando a crise. A min tamén me gustaría ter unha resposta lóxica pero probablemente acabe atopando máis preguntas.
Temos oído falar de renovacións, refundicións, rebeldías, novos referentes,… mais, todo segue igual. O mesmo discurso, do século pasado, as mesmas prácticas (xeralmente, incoherentes co dito).
Nun momento no que a clase política é unha das preocupacións máis importantes da cidadanía, estes, os políticos puxéronse a facer o propio, non sen falla de razón, coa clase sindical. Si a pregunta do CIS fose: “en quen confía máis: partidos políticos ou sindicatos?” sairían os dous igual de malparados.
Que razóns nos levan a ter esa crenza: o denominador común que existe entre uns e outros, a castes políticas e sindicais que se van fornecendo co tempo, creando elites de políticos e sindicalistas que chegan a súa xubilación sen saber o que é traballar,… nin o que é estar desempregado. Son estes, os acomodados na burocracia interna de partidos políticos e sindicatos, os que nin coñecen a esixencia do traballo ou a desesperanza do desemprego, aos que lle imos encomendar a solución do principal problema desta sociedade?
É esa actitude conservadora e individualista o que fai a actual esquerda irrecoñecible. Si, falo de conservar, conservar o seu status quo. Preguntábase o profeta do nacionalismo galego “ula esquerda conservadora?” nun artigo tan noxento que, si fose escrito sobre pétalos de margaridas, nin os porcos o tragarían. Ula esquerda conservadora? Ula esquerda acomodada? No mesmo lugar dende fai décadas, vivindo na estructura de partidos políticos e de sindicatos. Ula esquerda transformadora? Fora, tentando crear novos instrumentos de defensa e representación dos seus ideais.