Manifesto pailán

ORACIÓN DE CELSO EMILIO POR NÓS, POLOS PARVOS

Señor Deus ten piedade dos pobres parvos
que non sabemos nada de xeometría
e embobados na música celeste
esquecemos a fórmula
do binomio de Newton
Imos andando a trancas e barrancas
aprendendo as cousas tristemente
por este mundo adiante que fixeches
en sete días só, según os libros
Eu son un pouco parvo, ben comprendo.
Nunca poiden saber para que serven
moitas cousas oscuras que consintes
Humildemente quixen preguntar
preguntas pequeñinas coma seixos
sobre os grilos que cantan incansables
e os amores dos peixes,
pero sempre chegaban uns homes
carregados de textos
e mazacotes grises sapientísimos
con datas rigurosas, datos certos,
horriblemente certos, abafantes
Mais ninguén me dicía dos paxaros
dos cágados, das flores, e desas nubes
que pousaches, Señor, sobre o meu teito
Perdoanos, Señor, tanta parveza
e ten piedade de nós, dos pobres parvos
que andamos os camiños das estrelas
cos ollos encendidos
na bebedeira tépeda das fábulas
(…)

Cadanseu ao seu. É o que ten ser de esquerda. Un votante un voto. Un militante un partido. Conforma a esquerda actual un rebumbio de forzas, sensibilidades e egos, sobre todo egos, que alimentar; caros de alimentar. Porca esquerda! Os egos dunha presa de persoas que un día se encerran nun hotel para redactar manifestos para rexenerar a súa propia organización para, ao seguinte, abandonala. Alcaldiños namais. Conservadores de bon comer que non buscan máis que preservar seu posto ou acadar outro poleiro mellor. Persoeiros sen personalidade. Medorentos canallas que non escoitan a cidadanía máis alá dos seus lindes e, en moitos casos nin iso, nin no seu concello, nin no seu grupo municipal. Pailáns, pailanciños, que silencian a crítica, perséguena, acósana, apágana. Mestres da manipulación alxebraica. Caudilliños en potencia que non entenden as regras da democracia. Ben si ganan, mal se perden. Os escindidos, os desbandados que acoden aos bramar do líder beta da nova grea, perdedor outra vez na contenda. Débil estratega escornado ferido, malferido. Representantes electos dunha moral low cost, imaxe viva do noxo, posuídos dun ideal dexenerativo. Manifesto antimanifesto e viceversa. Dentro ou fora non son esquerda, son porca esquerda! Profesionais da polis a conta dos nosos tributos onde antes, ate non fai moito tempo, tíñamos tribunos da plebe, afeizoados, nobres servidores a maioría. Políticos con soldada, mercenarios farturentos coa gula por bandeira nun pobo onde se pasa fame, onde agroma outra vez a necesidade e onde, agardo, lles explote a carraxe, tanto tempo contida, nos seus fuciños fascistas, no epicentro da ansia viva do poder, na maseira.