Sobre os discursos do emprendemento

O emprendemento está de moda, emprender é super cool. Non hai tertulia de emprego, curso de formación, noticias sobre economía, etc. na que non se fale de emprendemento. Non hai dúbida… alguén trata de convencernos de que a única saída laboral é o emprendemento ou a emprendizaxe. Recomendo a lectura destes dous artigos, dos cales xurde parte dos razoamentos que vou a expor:

Non debería pasarnos inadvertido a facilidade coa que nos colocan no discurso os conceptos de “autónomo” e “emprendedor” como si foran sinónimos. A propia lexislación recoñéceos como iguais, sinala J.J. González, a efectos de Seguridade Social. Unha persoa pode ser un traballador por conta propia e non ser un emprendedor e, viceversa, pode haber traballadores por conta allea que son emprendedores. Polo tanto, dita afirmación non é certa. O artigo de J.J. González fala do auxe dos traballadores autónomos e, ao mesmo tempo, da moda do emprendizaxe, reforzando este concepto con datos de altas de autónomos, estudios sociais sobre preferencias dos mozos (“Actualmente un de cada tres mozos españois aspira a ser funcionario, outro a emprendedor e o terceiro desexa ser traballador por conta allea[1]”), etc. Por iso, pregúntome se, cando falamos de emprendedores, sabemos de que falamos.

O discurso do emprendizaxe é constante en calquera acción divulgativa relacionada coa economíae o emprego: formación ocupacional, seminarios, xornadas informativas, artigos de opinión, etc. É obvio que existe una estratexia para crear unha cultura do emprendizaxe nas sociedades occidentais. Entre esas acciones, cabe destacar a continua presentación nos medios de masas a estes emprendedores destacados que triunfan en grandes empresas, como é o caso que nos ocupa máis abaixo. Son as figuras modelo que nos tratan de impor. Non acostuman a ser noticia aquelas persoas que se lanzaron á aventura do emprendizaxe e se arruinaron ou sobreviven precariamente, persoas que crearon o seu propio traballo precario.

“Innovación e risco” son as dúas palabras clave que usa o Presidente de IBM España, J.A. Zufiria, para explicar o éxito desta empresa; conceptos estes que serven, entre outros, como “audacia” ou “ambición”, para definir a un emprendedor. Seguro que este traballador, por conta allea, considerase a si mesmo un emprendedor. Zufiria, amais, representa como ninguén a filosofía thatcherista ao manifestar que “a posibilidade de resolver a crise está en cada un de nós”. Recordemos que para M. Thatcher “Non hai alternativa, a sociedade non existe, só existen os individuos. Só son pobres os que queren selo[2]”. O neoliberalismo persigue a individualización do social e estao conseguindo a medida que vai transformando o traballo asalariado por traballo autónomo (a maioría, economicamente dependentes dun pagador).

Ser emprendedor implica, amas de posuír as características citadas anteriormente, “descubrir, avaliar e explotar oportunidades para introducir novos produtos e servizos, novas formas de organización, mercados, procesos e materias primas” (Shane e Venkataraman, 2000)[3]. Sen embargo, a maioría dos autónomos non cumpren estas premisas, posto que os traballos que pasan a desempeñar acostuman a ser os mesmos que anteriormente realizaron por conta allea nunha empresa, iso si, agora pasan a ser eles mesmos quen deben buscar os clientes, que poden ser un ou varios. Por exemplo, o fontaneiro que pasa a selo seu propio xefe, polo feito de ser autónomo non ten traballo, debe buscar persoas ou empresas que precisen dos seus servizos, o cal xa supón un coste engadido (como o de xestionar a súa empresa). Por iso non pode falarse de emprendedores cada vez que un traballador decide traballar por conta propia.

Moitos destes novos autónomos van atopar a súa oportunidade de traballo nas empresas que buscan enfraquecer a súa estrutura interna. Claro que, estas empresas o que pretenden é abaratar custes (case sempre que falamos de abaratar custes, referimonos a reducir a masa salarial que abona unha empresa, e non precisamente ao salario dos seus directivos), de modo que procurarán contratar estes servizos moi por debaixo do que anteriormente lle costaba manter no cadro de persoal aos seus propios profesionais, coa vantaxe de que agora non estarán suxeitos a ningún convenio laboral. Pode dicirse que as empresas atoparon na subcontratación (outsourcing) o filón de ouro para vencer o dereito á negociación colectiva dos traballadores, pois estes novos empresarios, lonxe de chegar a acordos entre eles, compiten no mercado por ofrecer mellores servizos a prezos máis baixos para conseguir carga de traballo. Así, danse situacións como o traballo gratuíto ou remuneracións inferiores ao salario mínimo, non dispor de vacacións ou o dereito a ser remunerado ao estar de baixa. Un autónomo non pode enfermar, non pode ter vida persoal, non pode descansar; el é a súa empresa e debe estar sempre a disposición do seu cliente. Amais, coas novas tecnoloxías, desconectar do traballo faixe cada vez más difícil. Sen embargo, e en relación co prezo do servicio prestado, é curioso que a lexislación  permita aos traballadores por conta allea negociar colectivamente (Estatuto do Traballador, artigos 82 e adiante), algo que a todos nos parece algo natural, pero que llo prohibe cando estes mesmos traballadores se converten en autónomos, ao ser estes asimilados a empresarios (Lei de Defensa de la Competencia, artigo 1: “. Entón, de que ferramenta dispón un profesional autónomo para defender os seus dereitos laborais? A folga?

Nin sequera a folga é un recurso útil para un autónomo. Si un día un profesional non traballa, o traballo estarao agardando ao día seguinte, no mellor dos casos. Pode suceder que o cliente prescinda dos seus servicios, por incumprimento de contrato, sen ningún tipo de indemnización, a diferencia do que ocorrería de ser un traballador por conta allea, cando estaba protexido polo dereito de folga. Pero, que efecto pode ter una folga realizada por un traballador invisible para a sociedade que, en moitos casos, nin sequera dispón dun centro de traballo ao que faltar? De facer folga, na maioría de casos pasaría totalmente desapercibida para a sociedade, como se apunta en “La Huelga Invisible”

A estratexia de enfraquemento das empresas non parece que vaia remitir. Na actualidade unha empresa non está concibida de arriba cara abaixo para producir un produto; na actualidade, deseñase o produto para, a posteriori, buscar terceiras empresas que fabriquen as pezas, outras para o transporte, outras para ensamblar, outras para a distribución, outras para o marketing, etc. Diferentes empresas traballan realizando diferentes tarefas para a realización do produto final, baixo a dirección da empresa que  ideou o produto. Por iso se fala de reorganización da produción, de división do traballo entre empresas, especialmente, de división espacial do traballo. Esta distribución da man de obra en diferentes empresas, distribuídas por diferentes países, divide a man de obra necesaria para a elaboración do produto, baixo diferentes empresarios e lexislacións, rompendo a unidade de acción dos traballadores respecto ao empregador. Vemos pois, que a defensa dos dereitos do traballador por conta allea, debido ás políticas de deslocalización da produción tamén se fai complicada no marco da economía global.

É esta situación a que empurra a moitas persoas a emprender ou traballar por conta propia, a desenvolver un proxecto propio, persoal, que non dependa das decisións que unha multinacional tome en calquera outra parte do mundo, allea ás súas necesidades de empregabilidade. O problema que van a ter estas persoas é que se meten nun mercado sen protección algunha á parte débil, a diferenza do traballador por conta allea que, pese ás diferencias entre lexislacións entre estados, no dereito comparado acostuma a estar protexido dado que calquera relación entre empresario e traballador non é recoñecida como unha relación entre iguais senón entre dúas partes, unha forte e outra máis débil. Sen embargo, o traballador autónomo que accede ao mercado laboral na mesma situación de debilidade que o traballador por conta allea, non dispón da mesma protección ante os abusos das grandes empresas. É máis, moitas veces este traballador autónomo atopase ante unha situación de debilidade respecto aos traballadores que poida contratar, pois estes van ter a seu favor unha lexislación que lle outorga unha forza perante un empregador, o autónomo, moi débil. Por riba, dende os poderes fácticos alentase a súa división, potenciase o seu individualismo, premiase ao máis competitivo.

O futuro do traballo por conta propia pasa, inevitablemente, por equilibrar forzas entre grandes empresas, pequenas empresas, autónomos ou emprendedores. Aquelas persoas que venden a súa forza de traballo de forma individual ou a través de pequenas sociedades necesitan a mesma protección que calquera outro traballador, necesitan negociar o prezo da súa forza de traballo de forma colectiva, necesitan, sobre todo, unha administración que vele polo cumprimento dos acordos, pois só o peso das administracións públicas ten capacidade para facer fronte ás grandes corporacións.

Conseguir todo isto pasa por repensar o actual modelo social, reformular o obxectivo dos sindicatos, que tradicionalmente marxinaron ao traballador autónomo, fortalecer as asociacións de traballadores autónomos dende todos estes pequenos movementos que van xurdindo con carácter sectorial ou territorial ao largo da xeografía, e viceversa, dende estas asociacións dar apoio loxístico, xurídico ou económico a estes incipientes movementos que ten unha gran importancia na concienciación das persoas nas distancias curtas, única fórmula para superar a constante propaganda institucionalizada nos medios de comunicación de masas que, faise necesario lembrar, están en mans das mesmas corporacións multinacionais coas que competimos no mercado de traballo e contra os que é moi difícil competir coas mesmas ferramentas, a pesar do avance das novas tecnoloxías.

[1]Autónomos por obligación. Quienes antes soñaban con ser funcionarios, hoy quieren ser sus propios jefes

[2] “Culturas de la innovación y el emprendizaje.” Cassián, Nizaiá. . FUOC. 2015.

[3] “Culturas de la innovación y el emprendizaje.” Cassián, Nizaiá. . FUOC. 2015.
[4] Ley 15/2007, de 3 de julio, de Defensa de la Competencia
[5] La Huelga Invisible, 2012