Cal é o custe político da Deputación de Ourense para os ourensáns?

microxornal

O xornalixo de Ourense non cesa coa súa campaña de derrube a Gonzalo Jácome. Vaille a vida, é dicir, a bolsa, no intento. O curioso é que un dos argumentos máis manidos é o gasto en persoal de confianza, os mal chamados asesores polos xornalistas da verdade de perogrullo. Que para algo son xornalistas, non ía ser para elaborar información.

Imos ver o caso da Deputación de Ourense, esa administración que paga, como ten que ser, o imposto revolucionario, para ter boa prensa. De feito, fai décadas que o xornalixo, en creba técnica, tería desaparecido destas terras esquecidas de non ser polos bos pagadores. Iso si, pagan cos cartos de todos, que sempre doe menos ao pagador, co que nos quitan ao resto (en servizos, fundamentalmente).

Na actualidade a Deputación de Ourense conta con 26 asesores (tivo máis), que cobran dende 29.915.48 € ao ano, ate un máximo de 70.376.14 €/ anos. Amais, conta con dous directores que cobran 59.935,68 euros ano, a Directora Xeral de RRHH, e 67.894,4 euro/ ano o Director da Área de Transparencia.

Só o custo de persoal de confianza custa a tódolos ourensáns nestes intres 1.092.053,06 euros ao ano. Antes de romperse o pacto de goberno con DO era bastante máis.

A Deputación de Ourense está composta por 25 deputados, elexidos de forma indirecta polos seus partidos (a dedo, vaia) dos cales, 10 deputados provinciais están cobrando unha dedicación exclusiva, dende a máis modesta dos deputados sen competencias, de 41.000 euros brutos anuais, ate os 72.325,26 do presidente, pasando polos 48.000 euros anos dos deputados do PP con delegacións de competencias.

O que lle custa a tódolos ourensáns o salario bruto dos políticos provinciais (lembremos, xente posta a dedo polo seu partido), nestes intres, son 476.162,14 euros/ano, correspondendo máis da metade  aos 5 deputados que conforman o grupo de goberno: 271.162,14 euros. Si, cinco! Tampouco é que 5 sexan moito máis que tres.

A todo isto hai que sumar o que custa ao herario ourensán os grupos: 900 euros por grupo, máis 900 euros por cada deputado ao mes. É dicir 313.200 euros ao ano (aforramos os ourensáns 900 euros cada mes ao ser Miguel Caride un tránsfuga, un non adscrito e, por tanto, non ter dereito a estes recursos).

Só estes gastos fixos supón para os ourensáns 2.009.245,28 euros cada ano… pero hai máis, hai outros gastos que poden variar segundo a asistencia a plenos, a comisións, xunta de voceiros, reunións,… que case poden considerarse un gasto fixo pois a excepción, dado o ben pagadas que están, adoita ser non ir.

E todo este custe político faino unha administración cun orzamento en 2020 de 85,7 millóns de euros, coma sempre, con homenaxe ultra a Juanito.

Mais, o xornalixo quererá convencerte que o staff caro é o do Concello de Ourense, moito máis reducido en número de persoal, con salarios máis baixos, resultando ser tanto cuantitativa como cualitativamente (a Deputación de Ourense consume un 2,34% do seu orzamento só neses gastos fixos do persoal político) un goberno máis barato, xa que o orzamento do Concello de Ourense en 2020 bnon só é moito máis elevado,  103.126.170,09 euros, senón que o gasto que supón o persoal político é moito máis reducido que o do ente provincial.

Iso si, entre tanto, o xornalixo respecto ao gasto da Deputación de Ourense non di nada, nin antes, nin agora, nin mentres goberne Baltar. A chave? As transferencias directas do Pazo Provincial as contas do xornalixo.

Se as deputacións non existisen e as súas competencias fosen asumidas por Xunta e concellos, os ourensáns disporíamos de máis de 2 millóns de euros para as nosas necesidades, isto sen contar o gasto en propaganda (imposto revolucionario) que nos custa a súa simple existencia.