Este é o camiño a seguir

As mozas e mozos do Encontro Irmandiño ven de renunciar a participar no proceso de elección da Dirección Nacional de Galiza Nova na Asemblea Nacional que hoxe comeza. Persoalmente, unha das calidades que máis valoro nunha persoa ou grupo de persoas é a capacidade de renunciar a un posto xa que deixa as claras o que realmente se persegue, o que persegue cada quen.

Agora que, esa renuncia, debería facerse extensible aos órganos do BNG, xa que a presenza de membros do Encontro Irmandiño no Consello Nacional da mostra de certas incoherencias no discurso.

Razons? O proceso pre-asemblear do BNG foi un filtro que deixou fora a moitas minorías, unhas porque non recibiron apoios suficientes, outras porque se negaron a participar no mesmo, un proceso dirixido por cargos e carguiños, ex-altos-cargos e ex-altos carguiños, logo non se pode afirmar que ese órgano represente a totalidade e pluralidade do nacionalismo. Esa totalidade, esa pluralidade, está fora e aí é onde hai que estar e non nun Consello de gurús que levou a formación ao seu punto máis baixo dos últimos tempos… e sen perspectivas de remuda, nin ideolóxica, nin de persoas.

As razóns que levan a mocidade do EI a renunciar a presentar unhas listas para o Consello Nacional seguen sendo as mesmas que esgrimimos os irmáns maiores na derradeira Asemblea Nacional -o anquilosamento das institucións do BNG e o seu afastamento da realidade sociopolítica das galegas e galegos-. Entendo que entón se optou por presentar unha lista agardando que a militancia sacase do seu foro interno ese punto de rebeldía que a tradicionalmente nos caracterizou. Non saíu mais agárdaselle.

Agárdaselle aquí fora, a outra veira pois, a ese outro lado é tal o férreo control que sobre a militancia exerce o caciquintanismo e a upega, que xamais se atreverán ao máis mínimo xesto de disidencia e, cando algún organismo se escapa do seu control, como é o caso do SLG, crean outro novo. Quen goberna o BNG non entende o significado dos principios democráticos, uns principio que xurdiron hai séculos en Galiza, nas revoltas irmandiñas, ao berro de ninguén por riba de nos, prevalecendo nos seus órganos unha aristocracia que, pensan, é superior ao resto de irmáns galegos, nacionalistas e non nacionalistas. Iso, efectivamente,  non callou nin callará nunha sociedade que leva tan dentro os principios da igualdade, irmandade e liberdade.