Cando un proxecto se esgota…

Probablemente, cando isto sucede, é porque realmente non existía un proxecto. Cando un empresa non ten claramente definido ate onde quere chegar e como quere facelo está abocada ao fracaso.

Unha situación socioeconómica favorable pode levar ao éxito temporal pero cando, como na actualidade, se vive unha situación de crise económica, saen a relucir as carencias de cada proxecto e ao non ter ese proxecto ben definido (visión e misión), nin se fai do xeito adecuado (estratexia, obxectivos, xestión do talento,…), e imposible sobrevivir nestas situacións críticas.

Talento é un dos vocábulos que máis se repiten hoxe en día entre os responsables de persoal das empresas e un dos recursos (o talento, non as persoas) dos que máis carece Galicia na actualidade ao sufrir unha cadea histórica de fuga de talento. Abofé que na actualidade moitas empresas –esaxero- o botan de menos; outras –a maioría- nin se formulan esa cuestión; consideran a situación actual como algo coxuntural e, polo tanto, non paran a reflexionar sobre cal é a súa parte de responsabilidade. As achegas públicas a determinados sectores axudan a non realizar autocrítica, a ignorar as debilidades internas responsabilizando as ameazas externas do seu fracaso actual.

Estas ameazas están causando a desaparición de proxectos febles, que poden ser salvados temporalmente por unha equivocada política económica; sen embargo, as debilidades que acusan causarán a súa morte futura, ao non ser remediadas no seu tempo. E este é un problema que afecta de xeito fundamental a Galicia, pola fuga de talento antes sinalada, pero tamén por carecer dunha base estratéxica clara. Moitas das empresas e proxectos que temos non saben a onde queren ir, entre outras cousas, porque non saben o que son pero, sobre todo, por como si son –pese a descoñecelo- e actúan. A realidade é teimuda e preséntanos unha Galiza que o que máis valora é “de quen ves sendo”, isto é, premiase o amiguismo, o parentesco,… e a afiliación política sobre outras características do traballador. A pregunta que me fago é: serve algunha desas calidades para resolver situacións críticas? Lamentablemente, a resposta é si. Si porque grazas a esas “cualificacións” a empresa terá acceso a beneficios das administracións públicas, xa sexa en forma de axudas ou subvencións, avais ou concesións.

O obxectivo das nosas empresas non pasa por sobrevivir por si mesmas, pola súa capacidade para crear produtos ou servizos, como é o natural, senón por esgotar os recursos da cidadanía, ter a conta do que outros deixan de ter.

O lóxico é que cando un proxecto se esgota cumpre se reinvente, comece dende o principio, e redefina o que quere ser, facer e ter; por este orden. Cumpre atoparlle un novo sentido. Soamente así se poderá reconducir un proxecto cara o éxito (ter), sabendo o que se é e para que se é (ser) e como e para quen se fai (facer). O habitual nestas terras -máis na que me toca, Ourense- cando unha empresa se atopa en problemas é solicitar recursos das administracións –que lle los dan- sen arranxar os problemas internos que poida padecer nin a súa forma de relacionarse co exterior.

Unha empresa son as persoas que o conforman, persoas que habitan no contexto social no que se establece, por iso a mellor forma de acadar unha boa sintonía coa sociedade é comezar por un mesmo,polas persoas da empresa.