Un lobo con pel de cordeiro

Onte acudín a asemblea comarcal do BNG da comarca de Allariz-A Limia na que se votaba a lista pola circunscrición de Ourense. Teño que dicir que foi unha asemblea cun debate animado, mágoa que houbese que cortalo de súpeto para poder acudir a presentación do libro “Vontade de nación”… pois tería dado para outra hora máis.

As críticas á lista oficial centráronse, como non, na escasa representatividade que a comarca ten nelas, algo co que non concordo, pois tanto o candidato a vicepresidente como o cabeza de lista pola provincia son naturais de Allariz, aínda que se presenten por outros lares. Tamén se fixo fincapé na escaseza democrática do proceso e, niso, si que estou acordo. Pode dicirse que o proceso é participativo porque todos podemos participar, si, pero non democrático porque non existe a máis mínima posibilidade de decidir por parte dos afiliados ó BNG na configuración final dunha lista, como moito, existe unha pequena posibilidade de influír mediante a proposta previa de candidatos, pero escasa.

A falta de democracia no proceso de elaboración das listas quedou de manifesto na asemblea celebrada o pasado sábado cando moitos dos participantes non se nos deu a oportunidade de votar. O que pasou é algo insólito; xeralmente preséntase unha lista e vótase a favor, en contra ou abstención. Como se presentaban dúas listas trala proposta do responsable local de Xinzo de Limia de incluír ó portavoz do BNG na vila no posto número 7 o responsable comarcal decidiu que se votaría a favor de unha (a oficial, con 27 votos) ou de outra (a emendada, con 13) deixando a todos aquelas persoas -eu diría que a maioría dos alí presentes- que querían absterse ou votar en contra sen dereito a exercer o voto.

O certo é que, finalizada a asemblea -polas presas- o responsable comarcal aínda me pregunta que como podo por en dúbida a calidade democrática do proceso! En fin, creo que algúns precisan revisar o significado deste concepto.

Tamén quedou de manifesto a falta de renovación das listas, cos nomes de sempre en posición de saída,… como si non houbese ninguén máis con valía suficiente dentro da organización. Non é así, pero é a imaxe que trasladamos ó exterior. Este motivo e a sempiterna sobrerrepresentación da UPG nas listas son motivo máis que suficiente para votar en contra; a UPG é unha formación que practica dende hai tempo unha política sectaria dentro da organización interna do partido, cara as demais posturas ideolóxicas e, sobre todo, cara os independentes, unha maioría invisible. Dentro do nacionalismo haberá que pararse a reflexionar sobre quen se presenta en realidade a estas eleccións: o BNG ou a UPG coa pel do BNG?.

Tamén se falou das virtudes do conselleiro e, como non, dos defectos. Persoalmente paréceme un acto irresponsable poñer na cabeza de lista a un candidato que é irrespectuoso cos dereitos dos traballadores, un conselleiro que coñece e permite xornadas de traballo superiores as 40 horas máximas establecidas estatutariamente, non respecta os descansos mínimos semanais, conxela salarios e prima a inestabilidade e precariedade laboral sobre o traballo fixo (para mostra, SEAGA). Todo un exemplo de Responsabilidade Social Empresarial. É unha irresponsabilidade por un candidato así en calquera momento, máis nun partido de esquerdas, e máis aínda, no contexto social no que vivimos, do que non fai falla que diga nada.