grans na tulla 'Eleccións Galegas 2009'

Mar 01 2010

O movemento volo deu, o movemento volo quitou

Un ano despois da desfeita do 1M09 os protagonistas daquela xeira parecen non decatarse aínda do que ocorreu. Feijóo segue facendo oposición, agora a Zapatero, Quintana segue andando en coche oficial e sentando cátedra ao seu paso, Touriño… ben, cando menos este soubo retirarse e quedarse nun segundo plano… a tempo.

Cando un ano despois Anxo Quintana aínda afirma que “a campaña sucia funcionou” dime que (a) ou ben non se entera de nada ou (b) é o típico irresponsable que culpa ao primeiro que se lle cruza para non asumir a responsabilidade que lle é propia. Amais, iso si, coa súa actitude lexitima as decisións adoptadas polo goberno de Feijóo logo da vitoria popular: en materia lingüística (o conflito inexistente), enerxética (onde quedou patente a división do bipartito) ou respecto as axudas a La Voz de Galicia (polo sonado dilapidamento e sibaritismo dos altos cargos socialistas e nacionalistas).

Non, nada tiveron que ver a lingua, os audis ou o iate (ver a análise de Fermin Bouza), foi o mal de altura: taponáronselle os oídos e non escoitaron aos seus compañeiros, que estábamos aquí abaixo, onde sempre. Agora só tiñan oídos para eses asesores, ben pagados, e os seus cantos de serea. Estes non lles ían dicir o mal que o estaban facendo, pagábanlle para dicir o contrario. Mentres, era a rúa que berraba, outra vez, cinco anos despois, esta vez coa bandeira de Galiza Non se Vende. Nin a berros!

Lonxe de escoitar ao movemento, ao mesmo movemento que lle dera a vitoria catro anos antes, adoptou unha postura crítica cos críticos, reprochándolle a concesión de espazo aos seus adversarios e acusando de traizón calquera discrepancia. Esta actitude cínica e soberbia acendeu aínda máis os ánimos do movemento, provocando unha bola de neve de rexeitamento cara o goberno bipartito, e especialmente cara o BNG, que crecía cada día.

Moitos aseguraron ir votar co nariz tapado mais moitos decidimos quedarnos nas nosas casas. Esta decisión non foi o resultado de campaña algunha pois xa estaba tomada meses antes polo electorado. Próbao a chamada a participación incluso antes de comezar a campaña, de aí que artellaran unha campaña buscando o voto no centro galeguista. Inocentes! Coñecían polas enquisas a grave desafección da cidadanía e, tendo constancia deste dato, continuaron unha campaña baleira de ideas, de proxectos, sen solucións aceptables para a situación económica que atravesamos,… e sen asumir erros.

Lembro aquel día con ledicia. Tiven que soportar doce horas sen acercarme ao colexio electoral, onde non iría a votar por vez primeira na miña vida mais, mereceu a pena. Os primeiros sóndeos adiantaban o resultado final, foron unhas horas excitantes que rematou no éxtase cando o bipartito recoñeceu a súa derrota. Non busquen pantasmas, non foron eles. Foi a cidadanía en movemento, fun eu. Eu volo dei (o poder), eu volo quitei (o poder).

Artigo relacionado: deberían as redes activistas do movemento salvar a esquerda? (por Raimundo Viejo, On the Wobbly’s Road)

2 comentarios

Xuñ 25 2009

Algunhas notas sobre o BNG e as eleccións europeas

1.- O resultado das eleccións europeas demostra que, unha vez máis, os responsables do BNG se trabucaron ó facer unha análise da realidade social galega.

2.- Logo das eleccións galegas dicíasenos que fora un erro crer que os cidadáns ían votar ó BNG polo feito de ostentar o poder. Os resultados do 7-X proban todo o contrario, proban que unha parte moi importante dos votos acadados o 1-M chegaron ó BNG por simple inercia social, pola inercia do poder, e perdido este, ese caudal de votos desapareceu. Isto apréciase mellor no medio rural, onde a cultura democrática é menor, aínda que cuantitativamente non o pareza.

3.- Ese voto axudou, amais, a maquillar a perda de votantes dentro do electorado tradicional deste partido, onde a desafección crece de xeito exponencial, cada comicio celebrado, dende que o BNG ocupou posicións de goberno na Xunta de Galiza. Os críticos e desafectos foron desatendidos, ignorados, excluídos e, moitas veces, perseguidos, a sabenzas de que o seu lugar sería pronto ocupado por ese sector social, desidealizado, de baixo perfil cultural, que persegue ó poderoso,… quen queira que sexa.

4.- Perdeuse o poder e con el perdeuse ese caudal de votos e, sen embargo, non se recuperou un só voto entre os máis descontentes do nacionalismo, pese a celebración dunha Asemblea Nacional Extraordinaria (ANE). Porqué?

5.- Acostumo a culpar os dirixentes do partido da deriva ideolóxica do BNG, pero logo da derradeira ANE teño as miñas dúbidas, vexo máis responsables. Agora creo que tamén teñen unha parte importante de responsabilidade os militantes que, en moitos casos, venden o seu voto, os seus principios, a súa dignidade,… ós seus compañeiros, por unha paparota ou por una favorciño persoal -só así se pode entender que na ANE se premiara ós que nos levaron a esta situación e castigara ós que non tiñan responsabilidade algunha no sucedido-. Por certo, a que vos lembran estas prácticas políticas?

6.- Baltar e o baltarismo. Hai uns meses quedei cun compañeiro do EI aquí na comarca -de Allariz- e pregunteille si coñecía algo desta zona para darlle algunha referencia. Díxome que si, pero que non viña por aquí dende que Xardón se convertera ó baltarismo (e isto seica sucedera nos seus inicios como alcalde de Vilar de Santos). Resulta cómico, non?

7.- Agora chamámoslle quintanismo, pero este neoloxismo non é máis que un xeito máis noso de referirnos a aquel outro. No fondo e na forma, baltarismo e quintanismo, son a mesma cousa.

8.- Foi precisamente o quintanismo quen máis fobia amosou polo que eles denominaron “grupos ultraminoritarios” e os que máis forte apostaron por converter ó BNG nun partido de masas.

9.- A falta dunha concreción do que significa para o quintanismo o concepto “ultraminoritarios” e tomando como referencia a sociedade galega -o que vota a sociedade galega-, é o BNG quen corre un serio risco de acabar formando parte deste grupo, pois dun censo electoral de dous millóns e pico de persoas o BNG acadou pouco máis de 100.000 votos  (nin medio pico) o que representa escasamente un 4,5 por cen dos que tiñan dereito a exercer o sufraxio activo. Non sei si resultará máis cómico que tráxico.

Todas as utopías socialistas comezan a tambalearse

tan pronto como a boa comida abunda en todas as casas”

Werner Sombart, Mohr, 1906.

3 comentarios

Abr 23 2009

A vulnerabilidade ideolóxica do nacionalismo, onde está?

Falaba Anxo Quintana nunha primeira reflexión feita logo das eleccións galegas do 1 de marzo que o BNG non soubera ler a realidade política e social de Galiza. Dando por bo este argumento só queda por en dúbida todas as demáis interpretacións e analises feitas por aqueles que logo da xornada electoral descubriron unha nova Galiza.

Unha desas análises, a elaborada polo Consello Nacional do BNG para avaliar os resultados electorrais, fala da fraxilidade ideolóxica da base electoral do nacionalismo sinalando que o retroceso do BNG ten a súa causa principal na desafección dos sectores electorais máis críticos e esixentes que á súa vez móstranse claramente vulnerábeis.  Só lle quedou decir que somos parvos, que somos parvos por defender a nosa paisaxe (GNSV), ós nosos traballadores (CIG), ós nosos gandeiros e agricultores (SLG),… por defender o que sempre se defendeu dende o nacionalismo: a nosa terra. Que esperaban? Esperaban que dende estas organizacións se mirase para outro lado mentres se apoiaba o Plan Acuicola, a Reganosa, a explotación de canteiras ilegais ou as concentracións parcelarias salvaxes; esperaban aplausos e palmadiñas mentres se cerraban acordos coa  CEG ou se puñan a disposición das empresas que crean o emprego máis precario de Galiza (por exemplo, as textís) millóns de metros cadrados e millonarias subvencións sen esixir melloras para os traballadores; … é máis, dende algunha consellería practicouse un neoliberalismo tan agresivo, como ben denuncia a CIG sobre SEAGA, que se chegou incluso a presionar a algún sindicato para que non defendesen a traballadores despedidos por aquela.

Pese ás críticas feitas nas Asembleas Comarcais esas desafortunadas verbas volven a reiterarse no documento político que se debatirá na Asemblea Nacional Extraordinaria do 10 de maio (pregúntome si de verdade os Responsables Comarcais cumplen a súa función de elevar ó Consello Nacional o discutido nas comarcas. Pode que esa sexa a causa do descoñecemento que boa parte dos seus membros tiñan da realidade galega); pero non abonda con iso, pois, ó mesmo tempo que se fala da súa “vulnerabilidade” contemplase para o futuro máis colaboración e cordinación coas organizacións sindicais, socio-profisionais, empresariais, culturais e ecoloxistas. E todo isto sen asumir responsabilidade algunha, nin facer unha mínima autocrítica e, moito menos, sen que ninguén pida desculpas. Como se pode falar dunha relación fluida  e constante cos movementos sociais por quen ata fai pouco os consideraban “inimigos do nacionalismo”, “desleais con Galiza”, “traidores da patria”,…? 

Estas declaracións de intecións recollidas no documento político non resultarán cribeis para quen escribe mentres os que verteron lixo sobre estas organizacións sociais, mentres os que realmente resultaron vulnerables ideolóxicamente,  non se desulpen e asuman as responsabilidades políticas.

2 comentarios

Mar 06 2009

Ninguén por riba de nós

Sería unha tarefa larga atopar tódalas causas que fixeron posible a derrota do bipartido nas pasadas eleccións ó Parlamento de Galiza. Unha desas razóns podería ser a mesma “mentalidade xusticeira e antiseñorial” da sociedade galega a que fai referencia Carlos Barros ó referirse ó auxe do movemento irmandiño.

A sociedade galega, farta de ser asoballada, mobilizouse polo cambio en 2005, sendo os movementos sociais os grandes precursores do cambio de goberno. O bipartito, nestes anos de goberno demostrou non entender nada do que os galegos votaron naquel momento. Cando Galiza berraba na rúa NUNCA MÁIS non se refería só os petroleiros, senón tamén ós políticos deshonestos, autocráticos, sectarios,… referíase, como non, ó caciquismo e ó nepotismo. E non berraban só contra o poder político, senón tamén contra o poder económico e mediático: un porque expolia os nosos recursos e destrúe a nosa paisaxe; o outro porque garda silencio, no mellor dos casos.

Cando Galiza botou ó PP das institucións quería botar tamén esa economía invasora e destructora, sen embargo, o bipartito non fixo outra cousa fornecer ese poder económico para gañarse o seu favor. Galiza votou por uns medios públicos e plurais, farta da manipulación informativa da RTVG da era Fraga e dos distintos medios privados do país, todos inclinados cara o mesmo lado. Do dito o feito… a radio e televisión públicas foron postas ó servizo dos partidos do goberno, especialmente do PSOE e Touriño, mentres se tratou de acadar “apoio mediático” das cabeceiras traicionais de Galiza. Foi así como, a costa do bipartito, o poder económico e mediatico da dereita chegou vivo ata as eleccións galegas de 2009 e, posuindo estes poderes, como ben diría Ignacio Ramonet, “facerse co poder político non é máis que un simple trámite”.

Tampouco foron as campañas suxas as responsables da desfeita, non foi a crise económica, non foi a españolización dos comicios, non foi pola traición da sociedade,… foi por non cumplir o prometido, foi por favorecer “os de sempre” e pola súa traición, foi pola transformación dos responsables políticos e pola non transformación de Galiza, por transformárense en seres egocéntricos e abandonaren o altruismo, por voltar o nepotismo e clientelismo, por narcisitas, primando a súa imaxe persoal sobre a das súas formacións políticas, por recorrer ó populismo e minimizar a ideoloxía, unha ideoloxía de esquerdas que defende, coma ningunha outra, a igualdade entre cidadáns.

Estes responsables políticos unha vez que ocuparon os seus cargos de “poder” esqueceron esa igualdade, puxerónse por riba dos cidadáns e incluso dos seus propios compañeiros de partido. Perderon a noción da realidade e adicábanse a “autoconvencerse” de que todo ía ben. Os que estábamos aquí, cos pes na terra, sabíamos que non era sí e, coma irmandiños na loita berrámoslle, alto e claro: ninguén por riba de nos!

Oiron?

6 comentarios

Mar 04 2009

O BNG é dos militantes e non dos burócratas que se aferran á poltrona

Dimisión XA de tódolos membros da Executiva Nacional e se convocatoria dunha Asemblea Nacional Ordinaria para toda a militancia, unha Asemblea que “non pode ser organizada e, polo tanto, controlada polo mesmo aparato vertical de poder que provocou a catástrofe que estamos vivindo. Sería un fraude a militancia”.

5 comentarios

Sig »

Rolda de Rebeldía
Pechar
  • Webs Sociais
  • E-mail
E-mail It