Mar 02 2009

Vas caer!

Para anunciar caidas logo de producirse os galegos non temos prezo. Sempre estamos aí á espreita, e zas!, en canto alguén da cos fuciños no chan soltámolo: vas caer!

Lendo e escoitando as análises políticas da a impresión de que todo o mundo o vía vir pero, que casualidade, ninguén dixo nada. Porque? É obvio, porque advertindo a caida antes de producirse podían correxir o comportamento do receptor, podían facer cambiar o rumbo que estaba seguindo e, con este cambio, evitar o tropezón. E claro, ó cambiar o seu comportamento o receptor, o emisor equivocaríase na súa predición. Ese é o problema de dicir vas caer! antes de tempo: o receptor terá máis coidado, evitará a caída e deixará en mal lugar a quen deu o aviso.

Outros tomamos máis riscos, probablemente porque éramos conscientes de que non nos ían facer caso algún e, polo tanto, o resultado final ía producirse de tódolos xeitos.  Despois das eleccións xerais de 2008 percibíronse claros síntomas de descontento (ese contentamento descontente o que se refire Manuel Rivas) entre o nacionalismo -e tamén no socialismo- coa perda de apoios en tódalas grandes cidades de Galiza, onde o BNG cogoberna. Déuseme entón por escribir esta carta a Anxo Quintana. Nin mu!

Pasaron os meses e en outubro celebróuse unha Asemblea Nacional de pseudodelegados que nombrou ó Sr. Quintana candidato a Presidencia. Ninguén quixo escoitar a voz dunha base que pedía estar nesa Asemblea. Mentres tanto, a cidadanía sufría unha crise económica de dimensións nunca antes vista, e os responsables políticos adicábanse a tirar fogos de artificio, pensando máis en encauzar a campaña electoral que en enfrontar o problema en si e provocando, deste xeito, a desconfianza na poboación. En decembro convocáronse as eleccións e en xaneiro cerráronse as listas provinciais cunha clara falla de democracia interna, provocando máis malestar entre a militancia. As Asembleas Comarcais do BNG resultaron ser órganos onde se fala moito e se escoita pouco, especialmente, por quen ten a obriga de escoitar.

O Sr. Quintana arrincou a precampaña anunciando un resultado histórico… e tivémolo! As enquisas fixeron rebaixar as espectativas pero, ainda así, resultaron ser máis optimistas do que a realidade marcaría finalmente. Tiña unha explicación lóxica: “hai que ter en conta que as enquisas non serven de nada -ou de moi pouco- cando se dan circunstancias especiais” … “na actualidade estamos vivindo unha situación excepcional, unha crise económica de gran calado”. Efectivamente, a conducta teórica, esa variable que se utiliza para elaborar as enquisas, agochou o resultado final. Incluso as sondaxes a pé de urna foron incapaces de predecir o resultado final.

Algúns vímolo vir e advertímolo pero, como ninguén nos fixo caso, non erramos no noso pronóstico. Fora mellor ser escoitado para, finalmente, trabucarse.

Crear páxina de impresión Crear páxina de impresión

Comments Off

Comentarios cerrados.



Rolda de Rebeldía
Pechar
  • Webs Sociais
  • E-mail
E-mail It