O debate da globalización trata, en realidade, sobre as vantaxes ou desvantaxes da implantación das políticas económicas neoliberais a escala mundial, coincidindo a súa vez, co clásico debate entre dereitas -a favor da globalización- e esquerdas -en contra-. Estas novas políticas promoven a desregulación (o termo máis correcto sería re-regulación, xa que o que se fai e unha regulación a medida das multinacionais, non unha eliminación daquela) dos mercados internacionais para permitir o trafico de mercancías e empresas –non de persoas- con total liberdade polos diferentes países do mundo. Para Manuel Castells [1] “a interdependencia dos mercados financeiros é a expresión máis determinante da globalización, permitida polas novas tecnoloxías da comunicación e favorecida pola desregulación e a liberalización dos mercados”. A crise financeira que afecta o mundo na actualidade está directamente relacionada coa globalización da economía.
A orixe do problema
A orixe desta crise está en EEUU. Alí, os bancos, que ven reducido o seu negocio pola caída de tipos de xuro, o pasar nun período moi corto do 6.5% ó 1%, deciden dar préstamos máis arriscados polos que cobrar máis xuros. Os beneficiarios deste tipo de préstamos van ser os NINJA (no income, no job, no assets; ou sexa, persoas sen ingresos fixos, sen emprego fixo, sen propiedades) [2]. Estas persoas ían ser beneficiarios de hipotecas por encima do valor das suas casas porque “os bancos pensaron que o perigo quedaba mitigado pol feito de que o prezo das súas vivendas estaba subindo: si algún día teñen problemas, pensaron, as familias poderán vender a casa a un prezo superior ó da hipoteca, o que lles permitirá devolver o diñeiro” [3]. Os bancos concederon tantas hipotecas que o seu número chegou a alcanzar o límite estipulado pola convención de Basilea, que restrinxe os créditos concedidos a unha determinada proporción do seu capital. Para solucionar esta situación os bancos crean uns fondos de inversión -solución permitida pola regulación de Basilea- que comprarán os seus propios créditos, estes empaquetarannos -tecnicamente: titularizarannos- xuntando nun mesmo paquete hipotecas prime (as boas) e subprime (as hipotecas lixo), para logo vendelas a outros inversores por todo o mundo como produtos seguros e altamente rendibles, produtos que, previamente, obtiveran ratios de calificación elevados polas Axencias de Rating. O problema chegou cando o prezo de la vivenda, de forma inesperada, empezou a caer, e o titular dunha hipoteca encontrouse ante a disxuntiva de ter que pagar unha hipoteca de 100.000 dólares para quedarse cunha casa que vale 60.000 ou deixar de pagar a hipoteca e devolver a casa ó banco. A decisión habitual dos NINJA foi esta última disparando os índices de morosidade entre os posuidores de hipotecas subprime. Os activos que contiñan este tipo de hipotecas foron declarados tóxicos pero cambiaron de mans tantas veces que ninguén sabía cantos habían no mercado ni quen os tiña, de modo que as entidades financeiras empezaron a desconfiar unhas das outras, deixando de prestarse diñeiro entre elas. Isto provocou a repentina subida dos índices interbancarios, en Europa o Euribor, que son a referencia para a actualización de xuros hipotecarios, o cal repercutirá nas familias ó aumentar a cota mensual da sua hipoteca e, por conseguinte, o aumento da morosidade entre os titulares de hipotecas prime en todo o mundo. É así como a ambición duns bancos estadounidenses acabou nunha crise de dimensión mundial.
Defensores y críticos
Os axentes defensores dunha e outra posición obedecen a identidades moi diferenciadas. Os que defenden a globalización solen ser institucións internacionais patrocinadas polos estados máis poderosos do planeta, como o Banco Mundial (BM), a Organización Mundial do Comercio (OMC) ou o Fondo Monetario Internacional (FMI), partidos políticos de dereitas ou fundacións ligadas a estes -por exemplo, FAES, estreitamente ligada ó PP- e as grandes multinacionais; mentres que os que se posicionan en contra solen ser os novos movementos sociais constituídos en forma de organizacións non gobernamentais ou asociacións, xeralmente de carácter local e/ou temático, cuxos recursos son aportados polos membros do grupo, persoas individuais. Mentres que os que se mostran a favor da globalización forman un conxunto de actores homoxéneo con vocación internacional, aqueles que están en contra son unha diversidade de movementos que defenden intereses variados -económicos, climáticos, biolóxicos, pacifistas, feministas, etc.- unhas veces con carácter local e, outras, internacional. Entre os movementos máis representativos pódese citar Acción Global dos Pobos, ATTAC, Fitty Years is Enough, Marcha Mundial das Mulleres, Black Bloc o Anticapitalista Bloc. Moitos destes movementos estanse unindo actualmente entorno ó Foro Social Mundial. En Galicia celebrouse recentemente, días 5, 6 e 7 de decembro, o I Foro Social Galego (FSGal).
A FAES cre na liberdade económica e defende a propiedade privada, a economía de mercado e o libre comercio como elementos indisociables da liberdade e motores de prosperidade e progreso. José María Aznar, na clausura do Curso FAES 2007 dicía: “aquí defendeuse unha economía aberta nunha España aberta. Reclamáronse leis claras, sinxelas e iguais para todos. Denunciáronse arbitrariedades que tanto danaron a competencia e tanto crédito restaron a España no exterior” [4]. Defende o Pte. da FAES no seu discurso a política económica liberal do seu goberno, unha política aberta ó mundo, privatizadora e re-regularizada contrapóndoa coas políticas que o precederon, segundo el, máis cerradas, dominadas pola empresa pública e intervencionista na privada.
A pesar da súa marcada ideoloxía liberal, a FAES recoñece que as medidas intervencionistas realizadas por distintos gobernos son necesarias para evitar o colapso financeiro, se ben advirte ós goberno sobre os perigos de tratar de dirixir a política inversora dos bancos; “son os bancos os que se dedican a prestar e os que o saben facer mellor” conclúe [5]. Non se advirte nos traballos que puiden ler crítica algunha ó sistema regulatorio dos diferentes estados.
Para o FSGal [6] a orixe da actual crise é a regulación neoliberal dominante no mundo, un sistema que impulsa a concentración de riqueza nas mans dunha minoría de persoas, en detrimento das retribucións dos traballadores; un sistema que rebaixa o poder adquisitivo dos traballadores o mesmo tempo que trata de manter o consumo mediante un endebedamento continuado no tempo. Consideran que fronte ó discurso ideolóxico do neoliberalismo “existen alternativas posibles, alternativas elaboradas dende unha teoría democrática e socialista que aposte polo progreso social, a soberanía dos pobos e a defensa ecolóxica da natureza”.
Entre os pensadores que se posicionan a favor ou en contra da globalización financeira ou, dicho doutro modo, os que se amosan a favor ou en contra dunha regulación máis ou menos estrita para os operadores internacionais dos mercados financeiros encóntranse Xavier Sala i Martín [7] e Paul Krugman [8], este último premio Nobel de Economía de 2008.
X. Sala i Martín alerta sobre os perigos das intervencións que os estados están realizando para salvar a actual crise financeira. Defende que xa existía unha regulación suficiente para evitala á vez que admite a existencia dunha regulación financeira, en referencia a Convención de Basilea, que permite a práctica da enxeñería financeira por estas entidades; aquí encontro certa incoherencia no seu discurso: ou existe unha regulación restritiva -non aplicada polas administracións- ou existe una permisiva; as dúas á vez non ten sentido. O autor pon de manifesto as virtudes do actual sistema regulatorio en EEUU fronte ás restricións existentes en España para levar a cabo inversións máis arriscadas. Fala dos fondos de capital risco que, a diferenza dos fondos que contiñan hipotecas lixo, si se sabe o que contén, son transparentes, e os que inverten neles son coñecedores do risco ó que se están expondo. O colapso dun destes fondos xamais afectaría á confianza entre entidades financeiras. Sen embargo, non se pode dicir o mesmo dos fondos que deron orixe esta crise, pois ninguén coñecía en realidade lo que contiñan, é máis, as hipotecas –prime e subprime– eran “empaquetas” en paquetes que se fan chamar MBS (Mortgage Backed Securities, ou sexa, Obrigacións garantizadas por hipotecas) […] rebautizados como CDO (Collateralized Debt Obligations, Obrigacións de Débeda Colateralizada), como se lles podía dar outro nome exótico [9]. Este engano deu orixe á desconfianza entre entidades financeiras, freando o negocio interbancario e, posteriormente colapsando o mercado financeiro.
Paul Krugman, ó igual que X. Sala i Martí, realiza una mirada retrospectiva para sinalar a orixe desta crise; apuntando directamente á crise das puntocom, intre no que debería terse regulado un sistema financeiro que empezaba a dar mostras de fraxilidade en lugar de optar por solucións a curto prazo. P. Krugman acusa ós dirixentes políticos de estar excesivamente preocupados por sair desta crise ó mesmo tempo que intúe que, unha vez superada, todos -políticos, economistas, inversores,…- estarán demasiado eufóricos para acordarse de adoptar medidas para evitar a seguinte crise, como xa pasara no pasado. Considera que é agora, cando hai que dar os primeiros pasos para evitar novas turbulencias financeiras. O que se deduce das palabras do Nobel é que ós reguladores dos mercados lles interesa esta flutuación dos mercados, pois non amosan o máis mínimo interés en crear un novo marco regulatorio.
“…chegamos á convición de que hoxe máis que nunca hai que “virar a mesa”, darlle a volta ao taboleiro, porque levamos moitos anos soportando burbullas e burbullas que ao final o único que xeran é o enriquecemento dunha fracción moi pequena da poboación e un distanciamento cada vez maior dos dous polos da poboación, dos ricos e dos pobres” [10].
[1] El País, Manuel Castells, 24/07/2001, Globalización e antiglobalización.
[2] Leopoldo Abadía, A Crise Ninja, 2008
[3] La Vanguardia, Xavier Sala i Martí, 13/10/2008, Crise (1): que pasou.
[4] FAES,Intervención de José María Aznar no Campus FAES 2007
[5] FAES, A crise financeira: orixes e solucións, octubre 2008.
[6] FSGal, Alfredo I. Diéguez, O neoliberalismo ten alternativas.
[7] La Vanguardia, X. Salas i Martín, 17/11/2008, Crise (3): neointervencionismo
[8] El País, Paul Krugman, 30/11/2008, Para que non esquezamos
[9] Leopoldo Abadía, A crise Ninja, 2008
[10] Xavier Vence, A crise do sistema neoliberal, 2008
Para que van regular máis se o que existe é positivo para eeles…algo cheira mal na política economica. Saúdos e apertas
Certo. O mundo está diseñado para que o que ten o poder económico e político o siga conservando.
Moi boa entrada que explica ben clariño o presente, pasado e futuro deste sistema económico mundial pragado de chupópteros. Parabéns.