Falaba Anxo Quintana nunha primeira reflexión feita logo das eleccións galegas do 1 de marzo que o BNG non soubera ler a realidade política e social de Galiza. Dando por bo este argumento só queda por en dúbida todas as demáis interpretacións e analises feitas por aqueles que logo da xornada electoral descubriron unha nova Galiza.
Unha desas análises, a elaborada polo Consello Nacional do BNG para avaliar os resultados electorrais, fala da fraxilidade ideolóxica da base electoral do nacionalismo sinalando que o retroceso do BNG ten a súa causa principal na desafección dos sectores electorais máis críticos e esixentes que á súa vez móstranse claramente vulnerábeis. Só lle quedou decir que somos parvos, que somos parvos por defender a nosa paisaxe (GNSV), ós nosos traballadores (CIG), ós nosos gandeiros e agricultores (SLG),… por defender o que sempre se defendeu dende o nacionalismo: a nosa terra. Que esperaban? Esperaban que dende estas organizacións se mirase para outro lado mentres se apoiaba o Plan Acuicola, a Reganosa, a explotación de canteiras ilegais ou as concentracións parcelarias salvaxes; esperaban aplausos e palmadiñas mentres se cerraban acordos coa CEG ou se puñan a disposición das empresas que crean o emprego máis precario de Galiza (por exemplo, as textís) millóns de metros cadrados e millonarias subvencións sen esixir melloras para os traballadores; … é máis, dende algunha consellería practicouse un neoliberalismo tan agresivo, como ben denuncia a CIG sobre SEAGA, que se chegou incluso a presionar a algún sindicato para que non defendesen a traballadores despedidos por aquela.
Pese ás críticas feitas nas Asembleas Comarcais esas desafortunadas verbas volven a reiterarse no documento político que se debatirá na Asemblea Nacional Extraordinaria do 10 de maio (pregúntome si de verdade os Responsables Comarcais cumplen a súa función de elevar ó Consello Nacional o discutido nas comarcas. Pode que esa sexa a causa do descoñecemento que boa parte dos seus membros tiñan da realidade galega); pero non abonda con iso, pois, ó mesmo tempo que se fala da súa “vulnerabilidade” contemplase para o futuro máis colaboración e cordinación coas organizacións sindicais, socio-profisionais, empresariais, culturais e ecoloxistas. E todo isto sen asumir responsabilidade algunha, nin facer unha mínima autocrítica e, moito menos, sen que ninguén pida desculpas. Como se pode falar dunha relación fluida e constante cos movementos sociais por quen ata fai pouco os consideraban “inimigos do nacionalismo”, “desleais con Galiza”, “traidores da patria”,…?
Estas declaracións de intecións recollidas no documento político non resultarán cribeis para quen escribe mentres os que verteron lixo sobre estas organizacións sociais, mentres os que realmente resultaron vulnerables ideolóxicamente, non se desulpen e asuman as responsabilidades políticas.
2 comentarios en “A vulnerabilidade ideolóxica do nacionalismo, onde está?”
Os comentarios están pechados.