Igual que entramos, partidos, saímos

As 06:20 soa o despertador e antes das sete da mañá xa estaba listo para arrear cara Santiago a Asemblea Nacional Extraordinaria. Como os meus compañeiros se atrasan un chisco aproveito para regar o xardín. Coido que foi o máis proveitoso que fixen ó largo do día. Comigo só levo unha cousa, a versión resumida por Gabriel Deville de O Capital, de Karl Marx, un agasallo doutro compañeiro co que máis tarde nos encontraríamos no que reza a seguinte adicatoria: “cousas belas, cousas vellas, de tempos novos para sempre”.

Non acudía a cita con moito optimismo; pensaba -e repetíao ó largo do día- que acudíamos a Asemblea divididos e sairíamos dela igual de divididos. Moitos avogábamos, dende que se puxo en marcha este proceso, por un acordo que respetase a pluralidade do partido, máis iso era unha ilusión que se fora esvaecendo co paso dos días. Son as consecuencias dun proceso, dos que algúns seguen a dicir que foi o máis participativo e democrático da historia do BNG, un proceso que obrigou a militancia a decantarse por unha opción antes da celebración da ANE ou a mirar cara outro lado e ignoralo. Guillerme Vázquez, unha vez elexido Portavoz Nacional alardeaba dunha xornada asemblear de debate aberto e dialogo político entre a xente que conformamos o BNG.

Onde estivo o debate? Tódalas emendas -máis de cen- ó documento político foron sistematicamente rexeitadas; a súa defensa estaba encorsetada polo escaso tempo, permitindo unha réplica por quen defendía o documento político oficial, pero non unha contrarréplica. Este proceso resultou ser tan estéril que moitos optamos por ir dar un paseo aproveitando que aínda facía sol. Foi aí onde me decatei de como cada militante chega ata a Asemblea etiquetado segundo a lista na que concorrese, cando o noso responsable comarcal se dirixe a nós (meus compañeiros eran de ApU) dicindo que non lle gustaba nada o maridaxe que facíamos. Bromas aparte, o certo é que cada un de nós non levabamos a marca do BNG senón a daquela corrente a que pertencemos.

Volvemos para a elección do Consello Nacional. Aínda estaban coas últimas emendas e seguía o ritual: “A emenda número xXx non pasa”. Viva o debate!

A defensa das distintas candidaturas deixou claro as dúas liñas ideolóxicas existentes dentro do BNG: unha, a defendida polo Movemento Galego ó Socialismo, Encontro Irmandiño e UPG, manifestamente de esquerda e soberanista e outra, a defendida polos quintanistas, totalmente desidealizada, na que vale de todo. Fanse chamar +BNG pero ben se poderían chamar PpP (Plataforma polo Poder).

O resultado que saíu das urnas na ANE (UPG: 1101 votos, 45,27%, 23 representantes; +BNG: 896 votos, 36, 84%, 18 representantes; EI: 359 votos, 14, 76%, 7 representantes; MGS: 76 votos, 3,13%, 2 representantes) non defire moito do que saíu das comarcas. Impúxose o mandato imperativo. Impuxéronse tamén os que defendían un BNG de esquerda e soberanisma mais, resulta preocupante, que dentro da nosa formación preto dun 37 por cen votase pola “apertura”  populista que propugna a PpP. Non vou ser eu quen fale da vulnerabilidade ideolóxica ou falla de cultura política dos meus compañeiros pero si é certo que ese resultado prodúcese ó abeiro da inercia social que dá o poder.

Tampouco se pode facer ostentación do diálogo cando os 50 membros elixidos para o Consello Nacional son incapaces de conformar unha executiva por acordo como marca a costume da formación nacionalista (quen non respecta as nosas costumes tampouco nos respecta a nós, os nacionalistas). Existe unha clara disposición por parte dalgúns de borrar as minorías internas do BNG ou, mellor dito, sometelas, porque logo, iso si, esixiranlle lealdade ós seus membros. Internamente, as tendencias dominantes están facendo o mesmo que PSOE e PP no conxunto do Estado onde, cousas do destino, é o BNG o primeiro en empregar este argumento e condenar a asfixia ideolóxica das minorías.

Saín da Asemblea coa mesma sensación coa que entrei, a mesma que me embargou todo o día, coa sensación de estar divididos, máis divididos que nunca, cuns sectores críticos, MGS e EI, que pese a non ter ningunha responsabilidade na deriva ideolóxica do BNG e, polo tanto, na perda de apoio electoral, ven como o seu peso se reduce dun 38% en 2006 a un 18% no día de onte; pero hai outra sensación peor, saber que ó final triunfaron os perdedores do 1 de marzo. E dicir, que as mesmas persoas que gobernaron o BNG nos derradeiros anos e nos conduciron esta desfeita (UPG e quintanistas) aumentaron a súa representatividade dentro do Consello Nacional e copan a totalidade da Executiva Nacional (e do grupo parlamentar galego) logo de perder preto de 100.000 votos nas eleccións galegas de 2005 e 2009. Foron premiados pola militancia pero, fará o mesmo a cidadanía?. Dubídoo moito, pois será difícil convencer a todas esas persoas de que algo mudou dentro do BNG, será difícil facer que algún día volvan votar BNG.

Relacionado:

  • Na web do Encontro Irmandiño: Os responsables da derrota electoral do 1 de marzo, a UPG e o quintanismo, sós, na executiva nacional.

9 comentarios en “Igual que entramos, partidos, saímos”

  1. Ao final, coma sempre, a cidadanía galega, aquela que se fai representar coa forza dos seus votos poñerá a cada quen no lugar que lle corresponda.
    No libro “Alicia no País das Marabillas” hai unha frase que di, máis ou menos, “Hai que correr moito para quedar no mesmo sitio”.
    Moita sorte para o BNG, vaina precisar.

  2. Concordando con moitas das túas afirmacións non podo apoiar o teu argumento de que non hai debate porque as enmendas non pasaban. A iso se lle chama democracia e a maioría da militancia do BNG apoiaba o texto orixinal, sobor de todo porque moitas delas nin tan siquera encaixaban no documento político.

    Esqueceches tamén indicar o número de enmendas aceptadas pola equipa redactora e as transaccionadas.

    Si levar ao plenario máis de 120 enmendas (moitas delas decaidas pola ausencia do enmendante, qué vergonza!) para que 2.500 militantes poidesen decidir, logo de telas tamén debatido nas comarcas é sinónimo de falta de debate, explícame tí cal sería o modelo.

    Porque plantexar un plenario que debatise as enmendas con máis tempo para a defensa e contradefensa nos levaría a ter que organizar unha AN de polo menos tres días. Algo que nos podería levar á crítica fácil, quer dicir, moitos militantes non poderían achegarse á AN tres días porque non viven en Santiago, teñen postos de traballo que atender e familias que non deben esquecer.

    Sempre fun un defensor das AA.NN. asemblearias, pero logo da ANE do día 10 teño mudado considerablemente a miña perspectiva. Somos 9.000 militantes (os delegados supoñen unha representación de algo máis do 28% da militancia) e nas asembleas comarcais participaron entorno a 4.500 deles (de cada 2 militantes que participaron, 1 foi á ANE).

    Para rematar, non podo deixar de criticar actitudes como a que tí practicaches, denunciando falta de debate pero marchando de paseo no tratamento da enmendas. Cómo querías que se aprobasen si nin tan siquera votaches?

    O BNG é unha organización democrática e para nada podo aceptar vincular a falta de debate co rexeitamento maioritario de enmendas. A cantinela da que tí falas: “non pasa” foi cáseque sempre porque se evidenciaba visualmente o rexeitamento ás enmendas. Non falemos de control da “u” (socorrida excusa) cando os delegados de ApU eran o 45% (inzada de independentes).

    Non falemos xa da elección da Executiva Nacional, +BNG foi a que rachou e o orgullo de Beiras impediu crear unha proposta unitaria frente aos que queren o enfrontamento.

    Deixemos de sementar o sentimento imposto desde fora “anti-U” e localicemos o verdadeiro erro e ése é o discurso do “eu” e da social democracia nacionalista.

  3. Grazas por darnos unha “visión” do que se coceu dende dentro do BNG. Xa levo dous anos coma ex-militante, pero aínda así considéremo nacionalista, sen partido.
    A deriva do BNG para min empezouse a fraguar cando se “suprimiu” o asemblearismo e se “impuxo” o congreso, por moito que sigan queréndolle chamar asembleas. Aclarar iso si, que foi “aprobado por maioría”.
    Nesa asemblea tocoume facer de secretario nunha mesa e ao igual que contas, os “oficialistas” derrubaron case todas emendas non “oficialistas” a pesar de que moitas foron defendidas polo compañeiro Beiras. Unha das únicas que prosperou foi o troco de hora, para adaptarnos ao horario acorde con Galiza. Nas outras mesas, en ningunha prosperara.
    Por certo, ao compañeiro Beiras tratárono na miña modesta opinión coma un farrapo, cando ata facía ben pouco o veneraban.
    A outra deriva tamén na miña modesta opinión, veu coas meles do poder. Sentinme horrendamente defraudado, agardaba moito máis e sempre pensei que eramos doutra caste. Iso si, agora algun alcalde do BNG non ten empacho en votarlle a culpa ao bipartito das cousas que non se fixeron no seu pobo: http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2009/05/13/0003_7712858.htm
    Un proverbio árabe di: A primeira vez que me enganes a culpa será túa; a segunda vez, a culpa será miña.

  4. # Pentamaster: O debate non debería estar limitado nin no tempo nin as persoas, nin na Asemblea Nacional, nin nas comarcas, onde o sistema era exactamente o mesmo. Non, non houbo debate, houbo unha defensa apurada das emendas e logo unha réplica na que sempre se dicía que “non é o momento de introducir modificacións estatutarias” cando non se estaba facendo, senón modificar o documento, ou “iso xa esta recollido noutro apartado”,… Non sempre era certo pero, claro, non se podía dicir nada.

    O PP ben de ter un Congreso de 2 días, con 2000 compromisarios, si eses mesmos os que sempre acusamos de teren unha organización pouco democrática, onde cada compromisario ten que buscarse os seus avais para poder asistir sen ser filtrados nunhas listas cerradas, na súa comarca. Necesitaron dous días para por a andar a súa organización e iso que non tiñan que amañar ningunha desfeita.

    Coido que deberíamos adicar só un día da ANE para redifinir conceptos: debate, diálogo, soberanía, esquerda, democracia, fronte, partido,…

    Estes dous últimos son fundamentais. Nunha fronte de partidos, e iso é o BNG nos seus orixes, non se pode permitir que os partidos e correntes que a forman se sintan illados, minorías, oposición, porque iso é coma dicirlle as persoas que o compoñen “ídevos daquí”. Nun sistema frontista existen certas decisións que compren tomarse por unanimidade, non por maiorías. Que sentido ten formar parte dunha fronte si non tes capacidade para representala en tódolos seus órganos, nas institucións e, como non, nos documentos políticos que marcan a súa ideoloxía?

    O sistema frontista ten un paralelismo co funcionamento da Unión Europea, onde si se toman decisións por maioría, pero outras requiren a unanimidade. Alguén se imaxina que algún estado estivese disposto a formar parte desta institución si sistematicamente se adoptan decisións, por maioría, contra el?

    Cada vez o termo “ditadura da democracia” toma máis peso dentro do BNG, por iso compre reconsiderar por parte desas minorías, que se integraron voluntariamente no proxecto do BNG, para ser un máis, si ten sentido seguir aí dentro. Non se pode estar só para financiar e para aportar votos a unha organización que te ignora. Non ten moito sentido, non.

    E segundo os meus datos apenas superamos os 8000 militantes (isto tampouco pode deixarse a subxectividade, falamos de datos, non de ideas), porque durante estes anos de bipartito, non só perdemos votos, senón moitos militantes, coma Paco. Dá que pensar.

    Este novo sistema asemblear restrinxe a voz da militancia. Como é posible que despois dos resultados catastróficos acadados a liña oficial do 2006 aumentase a súa representación? Algo terá que ver este novo sistema. Insisto, o de “democrático” é un concepto a revisar.

    Concordo con Toño Randeeira, en política, hai que traballar moito só para manterse, e o BNG leva tempo inmóbil, pasmado ante a perda continua de votos. Non sei si servirá de moito a sorte.

  5. Xa hai + ou – 10 anos estou fora do BNG, ainda que sin animo de presunción, na miña vila sigo a ser referente do Bloque e este mantén certa relación conmigo enviandome cartas cando eles consideran necesario, que veñen da Capital.Dito o anterior para que teñades unha idea da miña situación, querovos decir que si colaboro é por ter ainda o verme da política, pero é esporadicamente e máis ben a título persoal.A representación que ten hoxe o meu concello e só de 1 concelleiro cando chegamos a ter 3, a baixada de votos foi espectacular, mesmo nas autonómicas houbo 200 votos máis.Escribo isto por entender eu que nesta web sodes de EI, e decir Beiristas.A min persoalmente Beiras gústame e coido que ningún nacionalista pode facer crítica de Beiras, outra cousa é o seu entorno, mesmo Beiras foise de EN onde estaba con Alberte Feixó do cal non gosto, e con Beiras foronse militantes de EN que agora son de EI, no caso da miña vila son estes os que levaron ao BNG a unha situación de “cuasi” desaparición e por eles me tiven que ir do BNG, xa que non son ó meu entender militantes activos, no senso en que son de oficiña e pouco máis.Lamento que Beiras non esté no máximo organo do BNG, pero a xente que eu coñezo Beirista, teñen todos “titulitis” en detrimento dos que non a temos, ainda que señamos máis coñecidos socialmente e de contrastada ética nacionalista.
    Todos queredes poder, cando entendo que o poder é de quen nos vota e nosoutros os seus representantes, e debemos facer política para quen nos vota, non para medrar dentro do BNG, neste sentido non comparto a campaña do propio Beiras, como non entendo que este recolla militancia de “cartel”, que neste caso da miña vila, pasou o que pasou.
    En todo caso, sigo a creer no BNG en tanto non apareza outra cousa millor, lidere quen o lidere, e esté ou non de acordo cós seus representantes.Coido que é a mentalidade que hai que ter para conquerir unha Galiza ceibe e popular, se cadra con máis ansia hoxe que nunca.Todos sabemos que a unión é a forza.

  6. Comprendo perfectamente o que queres dicir, Xoan. Eu son dunha vila, Xunqueira de Ambía, onde os militantes de toda a vida foron abandonados nas cunetas polos donos do BNG da comarca (que ninguén malinterprete a metáfora). Non lles valían. Hai dous anos, cando acudimos xunto a eles a pedirlle o seu apoio para por en marcha unha candidatura municipal, dixéronnos que non querían saber nada do BNG. Vendo como a organización tratou a militancia nos derradeiros anos, non me estraña a súa resposta. Agora comprendo perfectamente a súa postura e, nalgúns casos, a súa carraxe. O BNG estase convertendo nunha organización elitista, aleixada da milatancia, da base social e do pobo galego en xeral.

  7. Xustamente xOsse dorrío, diches perfectamente no ferro.É precisamente o que o BNG ten que recuperar primeiro, pois somos, (os de toda a vida), os que transmitimos á sociedade o que o BNG é ou debe ser.Supoño que non hai ningún militante de antes que renegara da súa postura e que non faiga individualmente apoloxía do BNG.
    É moi evidente que o BNG ten un tronco común, a partires do cal se foron creando grupos á esquerda e dereita; tenme moita coña os que se definen Beiristas ou Quintanistas, que sairon a raiz de que se apoiaron en Beiras ou Quintana, unha vez estes tiveron poder.
    Non coñezo a día de hoxe entre a militancia de base, xente que como no meu caso, nos presentamos á sociedade galega có BNPG-ANPG en listas electorais nas primeiras eleccións após a morte de Franco, xogandonos en moitos casos a nosa supervivencia por non ser “funciionarios” e ter un pequeno negocio; e non penses que somos tan avanzados en idade pois mesmo Guillerme ten seis anos máis que eu.
    E moito menos que xa non valemos, senon todo o contrario, e adaptándonos aos tempos como é natural.Creo incluso que temos máis capacidade de análise, pois hai moitos militantes activos que non sabian explicar a política do BNG no Goberno en determinados casos, que realmente eran dificiles, pero que había que dar respostas con certa congruencia.
    Agardo que teñamos de agora en diante un BNG máis ideolóxico nas medidas a tomar cara un futuro máis nacionalista, e gañas de GOBERNAR, así con maiusculas.

Os comentarios están pechados.