Crise e transformación dos partidos políticos

Os partidos políticos recibiron, dende sempre, abundantes críticas procedentes de tódolos horizontes ideolóxicos. Reprochóuselles que son un factor de división social ou de clase, e acúsaselles de constituír instrumentos de opresión do individuo. Máis recentemente, denúnciase que os partidos –obsesionados polos procesos electorais– amósanse incapaces ou pouco eficientes para a elaboración de políticas públicas que respondan ás verdadeiras necesidades da cidadanía, mudando a súa natureza orixinaria, deixando de ser organizacións sociais con un interese prioritario cara os seus afiliados para adquirir trazas propias das institucións políticas.

O BNG non é alleo esta transformación xa que tamén reorientou as súas actividades e preocupacións en consonancia co papel que xoga nas distintas institucións públicas. Estas funcións -claramente representativas- resúmense, de xeito efectivo, en dúas:

  1. Formar e proporcionar elites políticas para loitar polo poder.
  2. Ocupar o goberno no caso de gañar ou pasar a oposición no caso de perder.

A tendencia irrefreable das organizacións cara o elitismo, a menor dependencia das súas bases para sobrevivir economicamente, a falla de identificación entre clases sociais e un partido político concreto e a influencia dos avances tecnolóxicos nunhas organizacións, como os partidos, que dependen da comunicación social, explica que os partidos perdan militancia e/ou sexa menos activa e, sobre todo, que perdan crédito ante a opinión pública fronte ó papel dos outros actores colectivos: grupos de interese, organizacións non gobernamentais, medios de comunicación, etc.

Os partidos que sucumbiron estas novas esixencias son os partidos de electores (denomidados por Otto Kircheimer en 1966 como catch-all parties, literalmente “partidos que buscan atrapalo todo”) e que responden as seguintes características:

  1. Non se dirixen a un electorado concreto
  2. Programas políticos pouco definidos
  3. Carencia dunha estrutura organizativa orientada cara a militancia
  4. Reprodución de estruturas burocráticas dos partidos de masas para a selección de candidatos
  5. Buscar ter un líder que os identifique con claridade ante a sociedade -xa que o programa non o fai- e monopolice a súa imaxe pública.

Estas características lembran moito ó BNG que perdeu as eleccións o pasado 1 de marzo e que, algúns sectores da organización, queren manter cara o futuro. Dos seus perigos xa advertira nun artigo pasado: para todos. A adopción deste sistema tamén levou a perda de receptividade sen gañar nada en control.

Pérdese receptividade, primeiro, porque o partido non se concentra en artellar e defender unhas peticións concretas, senón en propor uns programas amplos, moitas veces abstractos, difundidos a través dos mass media e, segundo, porque viven máis pendentes das enquisas e estudos de opinión que da súa militancia. Pérdese en control xa que, ó ser cada vez menos receptivos cas demandas dos seus afiliados, redúcese a transparencia e aumenta a corrupción.

Tamén compre recoñecer o efecto negativo da excesiva presencia que ten os partidos que, ó ocupar case en exclusiva o escenario político-institucional, dificultan, nalgunhas ocasións, a comunicación entre a sociedade e o goberno, en lugar de facilitala. En Galiza sobran exemplos: CIG, SLG, GNSN, FSGal,… O BNG non pode aspirar a  monopolizar a interlocución de tódolos sectores do nacionalismo galego.

O BNG ten o deber de reformar algúns dos aspectos desviados do seu funcionamento interno e facerse, así, máis permeable ós cambios sociais e xeracionais xa que, hoxe en día, ábrense novos espazos de debate político e de intervención social, aproveitando as novas condicións sociais e tecnolóxicas, que permiten unha participación máis activa da militancia. Con este obxectivo, e como ven suxerindo a ciencia política ós partidos, compre por en marcha iniciativas para limitar os mandatos dos cargos a dirixentes, como xa se fixo noutras etapas, facilitar a participación dos simpatizantes na súa designación, facer máis transparente o financiamento,…

Chegados esta encrucillada, é lícito preguntarse si pasou xa o seu momento e si hai algunha alternativa ós partidos, sen embargo, a mellor alternativa ós partidos na súa condición actual non pode ser a súa eliminación, senón que debe ser a súa transformación. O BNG contou historicamente cun sistema asemblear directo, participativo, moi efectivo de cara a sociedade. Os cambios introducidos nos derradeiros anos non demostraron vantaxe algunha na implantación do nacionalismo nesa mesma sociedade, máis ben todo o contrario. Por iso, unha sociedade como a nosa, na actualidade moito máis complexa e con demandas máis diversificadas que dificultan a formulación dun discurso global propio dun partido de masas, continúase reclamando a presenza de mediadores entre sociedade e institucións que –sen ter a exclusiva desta mediación– articulen algunhas das grandes propostas de carácter integrador. Esa é tarefa que desenrolou o BNG nos seus primeiros vinte anos de historia e a que ten que volver no futuro. De aí a necesidade refundación.

Actualización do 22 de maio: a opinión de Iñaki Gabilondo sobre a crise social dos partidos políticos.

3 comentarios en “Crise e transformación dos partidos políticos”

Os comentarios están pechados.