Debate a dous… de momento.

Esta semana abrín unha conta en Facebook. Coñecía esta rede social pero nunca lle fixera moito caso -un xa vai farto de darse de alta nun cento de sitios e ter que memorizar outro cento de contraseñas- ata que o outro día lin un titular na prensa que me impactou, era Nuñez Feijoo, que decía ‘la mia es más larga’. O primeiro que pens… bueno iso non o vou contar. Falaba da lista de amigos en Facebook, evidentemente. Segundo a análise de importantes politólogos, internet foi un factor determinante na victoria de Barack Obama en EEUU, segundo outro estudo internet supera a televisión como medio de comunicación máis consumido en España, pero isto é un dato sen importancia, o relevante é o que pasa ó outro lado do charco -no norte, claro-. Ata tal punto que nalgúns partidos apuróuse ata o último intre para ver si atopaban un candidato de cor, non houbo sorte,… pero arrasaba seguro. Touriño, que tamén caira nisto, adiantou as eleccións a marzo pra evitar que algún aparecese bronceado.

O caso é que me dei de alta nesta rede social e pedín ós tres candidatos, que xa tiñan o seu sitio na rede, que se fixeran amigos meus. Fixéronse Alberto Núñez Feijoo e Anxo Quintana, (en realidade chámase Anxo Manuel Quintana González que algúns xa pensaban que só tiña un apelido, non é certo) que tamén teñen blogs e por iso volos enlazo, Emilio Pérez Touriño non me quere… de momento. Por certo, agora que lla vin a Feijoo -e como sei que tendes curiosidade- tampouco é certo que a teña máis larga, a máis larga é a de Quintana (espero que non se enfaden comigo por revelar este segredo).

Como xa teño demostrado que son unha persoa imparcial -reparto paus pra todos lados por igual- ofrecinme a ‘moderar’ un debate virtual entre estes ‘amiguetes’ e hoxe presenteille a primeira pregunta, ainda sen resposta, pero maña haberá máis preguntas,… a ver si con algúnha se animan. A primeira foi ‘Sobre o concurso eólico’:

Falóuse moito sobre éste tema últimamente, sobre os beneficios que xerará para Galiza -ou non, segundo quen fale- pero moi pouco sobre a repercusión dos muiños na nosa paisaxe, á que afecta, ata tal punto, que pronto non se poderá pintar un monte sen muiños -que si sen pinos ou carballos-. A min gostaríame saber cales son as súas posicións respecto ós argumentos dos grupos ecoloxistas -e non me falen de beneficios, de postos de traballo ou de enerxía limpa-.

Se hai resposta engadiréina aquí…

PARA TODOS

Esta foi unha campaña publicitaria con moito éxito no pasado, con ela Coca-Cola quería achegar o seu produto a toda clase de persoas; pero ben podería ser o anuncio da nova campaña do BNG. Non hai máis que botarlle unha ollada os titulares dos xornais de hoxe:

  • Quintana pide o apoio de todos os galegos [GZNación]
  • O Bloque deseña unha campaña en positivo para ata os que falan español [Galicia Hoxe]
  • Quintana pide o voto galegista [Xornal]
  • O BNG diríxese a todos os cidadáns ‘os que falan galego e aos que falan castelán [Vieiros]
  • O BNG preséntase como ‘alternativa transformadora social’ [A Nosa Terra]. Tamén para os non nacionalistas.

A campaña do BNG podería decir así: Para os de aquí, para os de fora: para os que falan galego, para os que falan castelán; para os que están no paro, para os que traballan; para os empresarios, para os autónomos, para os funcionarios; para os de esquerdas, para os de dereitas, para os de centro; para os novos, para os vellos; para os dependentes, para os independentes; para os independentistas, para os imperialistas; para os ecoloxistas, para os que contaminan; para os do campo, para os urbanitas; para os nacionalistas, para os galeguistas; para os que calan, para os que non se calan; para os que veñen, para os que van, para os galegos; para os sumisos, para os que protestan; para os caciques, para os honestos; para os que nós cren moito, para os que nós cren pouco, para os que non nós cren;… para todos.

Son as vantaxes da perda identitaria dun partido, vantaxes que permiten ó partido dirixir a súa mensaxe a toda unha poboación sen discriminar a ninguén, como se dun produto calquera se tratase. Sen dúbida é moito máis doado de facer isto que tentar, dende a razón, influir e convencer a sociedade dos beneficios que xera para unha rexión un enfoque nacionalista da política; éste é un traballo moito máis complexo, laborioso e duradeiro; pero claro, logo de tantos fracasos, un tras outro, á actual dirección do BNG estánselle acabando as oportunidades e entráronlle as presas -coma ós malos estudantes- para salvar o seu pelexo e, para conseguilo, recurre a busca de apoios fora do nacionalismo. Eu teño as miñas dúbidas que todos esos apoios/votos sexan suficientes para compensar aqueles apoios/votos que se perdan dende o entorno nacionalista que, agora percibe, máis que nunca, a perda de referencias nacionalistas dentro do BNG. Fagan o favor e deixen saír antes de deixar entrar!

Un lobo con pel de cordeiro

Onte acudín a asemblea comarcal do BNG da comarca de Allariz-A Limia na que se votaba a lista pola circunscrición de Ourense. Teño que dicir que foi unha asemblea cun debate animado, mágoa que houbese que cortalo de súpeto para poder acudir a presentación do libro “Vontade de nación”… pois tería dado para outra hora máis.

As críticas á lista oficial centráronse, como non, na escasa representatividade que a comarca ten nelas, algo co que non concordo, pois tanto o candidato a vicepresidente como o cabeza de lista pola provincia son naturais de Allariz, aínda que se presenten por outros lares. Tamén se fixo fincapé na escaseza democrática do proceso e, niso, si que estou acordo. Pode dicirse que o proceso é participativo porque todos podemos participar, si, pero non democrático porque non existe a máis mínima posibilidade de decidir por parte dos afiliados ó BNG na configuración final dunha lista, como moito, existe unha pequena posibilidade de influír mediante a proposta previa de candidatos, pero escasa.

A falta de democracia no proceso de elaboración das listas quedou de manifesto na asemblea celebrada o pasado sábado cando moitos dos participantes non se nos deu a oportunidade de votar. O que pasou é algo insólito; xeralmente preséntase unha lista e vótase a favor, en contra ou abstención. Como se presentaban dúas listas trala proposta do responsable local de Xinzo de Limia de incluír ó portavoz do BNG na vila no posto número 7 o responsable comarcal decidiu que se votaría a favor de unha (a oficial, con 27 votos) ou de outra (a emendada, con 13) deixando a todos aquelas persoas -eu diría que a maioría dos alí presentes- que querían absterse ou votar en contra sen dereito a exercer o voto.

O certo é que, finalizada a asemblea -polas presas- o responsable comarcal aínda me pregunta que como podo por en dúbida a calidade democrática do proceso! En fin, creo que algúns precisan revisar o significado deste concepto.

Tamén quedou de manifesto a falta de renovación das listas, cos nomes de sempre en posición de saída,… como si non houbese ninguén máis con valía suficiente dentro da organización. Non é así, pero é a imaxe que trasladamos ó exterior. Este motivo e a sempiterna sobrerrepresentación da UPG nas listas son motivo máis que suficiente para votar en contra; a UPG é unha formación que practica dende hai tempo unha política sectaria dentro da organización interna do partido, cara as demais posturas ideolóxicas e, sobre todo, cara os independentes, unha maioría invisible. Dentro do nacionalismo haberá que pararse a reflexionar sobre quen se presenta en realidade a estas eleccións: o BNG ou a UPG coa pel do BNG?.

Tamén se falou das virtudes do conselleiro e, como non, dos defectos. Persoalmente paréceme un acto irresponsable poñer na cabeza de lista a un candidato que é irrespectuoso cos dereitos dos traballadores, un conselleiro que coñece e permite xornadas de traballo superiores as 40 horas máximas establecidas estatutariamente, non respecta os descansos mínimos semanais, conxela salarios e prima a inestabilidade e precariedade laboral sobre o traballo fixo (para mostra, SEAGA). Todo un exemplo de Responsabilidade Social Empresarial. É unha irresponsabilidade por un candidato así en calquera momento, máis nun partido de esquerdas, e máis aínda, no contexto social no que vivimos, do que non fai falla que diga nada.

A Voz… de Quen?

Nestes días La Voz de Galicia está realizando unha análise a fondo das consellerías dirixidas polo BNG. Onte tocóulle a Vicepresidencia da Igualde e o Benestar e o desenrolo da Lei de Dependencia en Galiza, hoxe a Consellaría Industria e os Megawatios postos en liza, mañá, xa veremos… Trátase dunha movilización sen precedentes dun diario, o coruñés, que se gaba de ser o único diario independente de Galiza. 

Non existe dúbida algunha que se trata dunha mensaxe politizada xa que estas críticas están circunscritas ó interés privado do editor, Santiago Rey Fernández-Latorre, moi anoxado trala saida a rúa do Xornal de Galicia. Disque agora haberá que repartir máis cachos da mesma torta, a publicidade institucional. Todo isto ocorre no peor momento tanto para uns, que sufren directamente os efectos da crise económica, coma para outros, que se atopan cunhas eleccións a volta da esquina. Non hai nada peor que unha crise económica para a liberdade de prensa.

Sen embargo, para gañar unhas eleccións necesítase, principalmente, unha boa xestión da imaxe e da mensaxe que os medios de comunicación de masas espallan polo país -neste eido as declaracións de Anxo Quintana non axudan moito- e ahí é onde saca vantaxe, polo momento, Santiago Rey, ó ser o editor do diario máis lido de Galiza, unha realidade que non vai cambiar nos vindeiros meses, nin sequera coa aparición do novo xornal. Isto pode supor unha desvantaxe pra os intereses do BNG ó atoparse nuha situación límite, a diferencia de La Voz.

Neste contexto, no que parece reconfigurarse o papel de dous dos actores máis importantes na area sociopolítica, partidos políticos e medios de comunicación, é cando máis queda de manifesto a complexa -e fráxil- relación que existe entre uns e outros. Por un lado, os partidos políticos, que sempre tentarán utilizar os medios como pezas da súa propaganda; polo outro, os medios de comunicación que, invertindo a situación, poden utilizar ós partidos para os seus propios intereses.

Noticias relacionadas:

La Voz é o xornal que máis crece…

A intención de voto do BNG cae 1,3 puntos en 5 meses

A prensa reclama axudas para superar o ‘crash’ publicitario

Eleccións xerais 2008

Finalizada a campaña chega o momento da analise e sobre isto so pode dicerse que os resultados do BNG no noso concello foron moi satisfactorios xa que se superaron os resultados de fai catro anos dun xeito espectacular, subindo o número de votos cerca dun 83% (non estaría mal acadar esta porcentaxe en tódolos concellos) o que supón para a nosa conta 71 votos mais. En total 157.
Pero tamén hai que ver de onde vimos. Si botamos unha ollada a base histórica das eleccións xerais podemos ver que os resultados obtidos polo BNG en Xunqueira de Ambía no ano 2004 foron un verdadeiro desastre xa que a nosa formación perdeu a metade dos votos acadados no 2000 pasando de ter 167 votos neste último ano, sendo entón a segunda forza mais votada no Concello de Xunqueira de Ambía, a colleitar 86 votos. Naquela etapa o BNG viña dunhas municipais nas que acababa de perder o seu único concelleiro tras prescindir de Xosé R. Cabido -a mala elección da candidata tivo boa parte da culpa- e afrontaba a campaña en Xunqueira de Ambía sen contar con ningún tipo de presenza, nin material -cartaces, megafonía, trípticos, etc.- nin humana. Si partimos da base de que o sucedido fai catro anos foi un desastre temos que chegar, obrigatoriamente, a conclusión de que o resultado actual non é tan espectacular, de feito están ainda por baixo dos resultados obtidos nos anos 2000 (167 votos) e 1996 (159 votos), onde o panoráma político non era tan favorabel para o nacionalismo.
Agora xa temos a vista posta nas vindeiras eleccións autónomicas de Galiza e, francamente, temos que mellorar para superar os resultados históricos do BNG no noso Concello e, sobre todo, para voltar a ser a segunda forza política en importancia de votos. Ese é o obxectivo.

MOENDO DO REVÉS

mOendo é unha metáfora do pensamento. Cando algúén está moendo está pensando. Tal vez alguén de vós tivo a sorte de estar preto dun muiño durante a muiñada oíndo o tronador ruido da súa maquinaria. Eses sons, mentres se agarda, dan moito que cavilar.

Estar mOendo do Revés non é o mesmo que ir contra corrente. Hai quen ten esta actitude e non moe, hai quen moe do revés e nunca vai contra corrente. Un exemplo disto último é o caso do paisano que cruzado de pernas, sentado nunha esquina da taberna, escoita a conversa de seus veciños e, sen dicir chío, nega constatemente coa cabeza.

A expresión que da nome a este blog xurdiu un día, cuns amigos, de leria, filosofando sobre política a caron dunha botella de licor café, un deles adicábase a darlle a volta a tódalas argumentacións que facíamos os outros para devolvelas contra nós, levándonos unha e otra vez o punto de partida. Este moía e contradicía. Tiveron que pasar moitos chupitos de licor -así se conta o tempo nestas conversas- ata que alguén se decatou que aquel home, dun pobo de Xunqueira de Espadañedo (Niño d’Aguia), moía do revés.

E o certo é que moitas cousas, para entendelas, hai que velas de un xeito distinto, por iso deben moerse do revés, voltar ó punto de partida, comezar doutro xeito,… ata que quede ben moido. Pois iso e o que pretendo.