A Política de Emprego (I)

Os que queiran ser funcionarios que apuren para participar nas derradeiras convocatorias. Por que digo isto? Acabo de mirar o calendario electoral: ata o ano 2011 non hai máis eleccións, municipais e autonómicas, así que é de esperar que ata entón tampoco se farán máis convocatorias de emprego público, sempre ligadas ós intereses de quen goberna. Sobre este asunto ía a pregunta de hoxe:

Non existe nada máis doado que facer crer a unha persoa naquilo que desexa ferventemente: un posto de traballo; máis na etapa que estamos vivindo, onde as tasas de paro suben a velocidades arrepiantes.

Como xa ven sendo tradicional, agora co bipartito e antes co PP, non sexamos cínicos, en precampaña electoral ofértanse numerosas prazas de emprego público. É unha tracición, como comer turrón no nadal, que se pode comer todo o ano, si, pero só se fai nesas datas.

O que buscan os partidos con estas actuacións non é outra cousa que crear máis expectativas de emprego que postos de traballo reais. A ecuación é sinxela: a máis expectativas máis votos. Si estas convocatorias se fixesen seis meses antes e se resolvesen antes das eleccións a esperanza de moitos cidadáns -votantes- veríanse defradudadas e iso non favorece os partidos do goberno.

Vai facer un ano o responsable comarccal do BNG en Allariz – A Limia, en plena precampa electoral, xuntóunos a responsables locais e a concelleiros para falarnos da convocatoria de peóns que acababa de facer SEAGA, para que fósemos polos pobos e lles ofertaramos ós nosos veciños a posibilidade de traballar nesta empresa nunhas condicións de traballo que logo resultaron ser falasas. Mentímoslle ós nosos veciños, incoscientemente, ó decirlle que lles farían contratos de 7 meses máis vacacións, o primeiro ano, e 9 meses máis vacacións, o segundo; mentímoslles o decirlles que terían salarios superiores a 1000 € (condición que só se daba sumando extras e pluses);… mentímoslle, pero moitas desas persoas acabaron votando o BNG. Mentímoslle porque poucos traballadores dos que se apuntaron nas listas foron finalmente contratados, mentísmolle porque poucos estiveron máis de tres meses e, por último, mentímoslle porque os que foron contratados, no fondo, cobraban menos que un traballador da Xunta coa mesma categoría).

Estas preguntas fágollas ós tres, onde teñen vostedes o límite? Ata onde son capaces de chegar para acadar as súas ambicións persoais? Non lle parece que as súas ambicións, as súas ilusións, ó igual que a liberdade, rematan onde comezan as ilusións dos demáis, as necesedidades dos cidadáns?

Hai que recoñecer que fondo os verdadeiros responsables somos os cidadáns que axiña baixamos a garda ante a mínma esperanza de acadar aquilo que máis prezamos e, como somos humanos, topezamos unha e outra vez na mesma pedra.

Universidade Virtual Galega

Sobre a necesidade dunha Universidade Virtual Galega xa falara antes neste blog e, agora, deben ser os candidatos a Presidencia da Xunta de Galicia quen deben respostar se van dar saída ou non a esta demanda. Dende hoxe xa lle chegan as preguntas ós tres candidatos, logo da aceptación de E. Pérez Touriño no día de hoxe tras facer unha nova solicitude de amizade (quen sabe! o mellor a outra non chegou a quen tiña que chegar…).

Onte, despois dun intercambio de opinións con Xosé Manuel Beiras no Facebook -el ou quen o suplanta ¿?-, el afirmaba que este novo invento de comunicación só servía para que agora os políticos nos mintan a cara. Ante isto eu respostei que grazas a esta ferramenta tamén lle podemos chamar ós políticos mintireiros a cara, non? Ante isto dixo: “En todo caso estaslle chamando mentireiro ó asesor de imaxe que controla o perfil de facebook…” dese político. Todos nos facemos a mesma pregunta verdade, realmente está detrás dese perfil o político que di ser ou, como afirma Beiras, non é máis que un asesor de imaxe? Ben, pois eu a eses asesores de imaxe dígolles que curren un pouco máis e, polo menos se molesten en contestar estas preguntas que lle vou plantexando:

Recentemente saiu nos medios unha nova na que se denunciaba unha anomalía na UNED pola cal non se permitía presentar teses en galego mentres si se permitía facelo en linguas estranxeiras e solícitábaselle ó goberno que realizase as “xestións oportunas” para por fin a esta discriminación. Supoño que ata ahí estamos todos dacordo pois tódolas formacións defenden a liberdade de cada individuo para estudar na lingua que lle pareza.

Pero na realidade iso non é posible. En ningunha Universidade galega presencial é posible estudar integramente en galego, como tampouco o é a distancia na UNED -como xa vimos- nin nun entorno virtual. Resulta paradoxal que calquera individuo do rural galego -ou da cidade- que queira facer estudos universitarios dende a súa casa nun entorno virtual, que lle permita o contacto directo -virtual- cos seus compañeiros e mestres, realizar todo tipo de xestións e probas de xeito telemático, poda facelo en catalán, en castelán ou en inglés, pero non na súa propia lingua.

Pensen nos galegos que viven en pequenas vilas, lonxe das facultades das grandes cidades, pensen nos galegos que están espallados por todo o mundo e pensen, como non, nos beneficios económicos, sociais, políticos, tecnolóxicos,… que aportaría a Galiza. Os galegos necesitamos unha Universidade que pense os problemas do noso país e deseñe as solucións para el en clave galega.

Logo do éxito acadado pola Universidade Oberta de Catalunya (UOC) e logo da posta en marcha, neste mesmo curso, da Universidade a Distacia de Madrid (UDIMA), non lles parece que xa vai sendo hora de que os galegos teñamos a nosa propia Universidade Virtual?

Como podedes ver, na sidebar da dereita aparece dende hoxe unha ligazón para causa: Galiza necesita unha Universidade Virtual Galega. Os candidatos de PP, PSOE e BNG foron convidados a sumarse a esta causa, ningún aceptou ata o de agora; tampouco o fixo o Conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, claro como isto non é innovador -pois xa a teñen en Catalunya dende hai 15 anos-;… ah! e o alemá tampouco, tan comprometido como está coa causa do Bueno é galego… seguro que prefire abrir unha nova causa, xa o vexo “A UDIMA é galega”. Mellor galeguizar que crear algo propio. Quen si se uniu a causa foi Xosé Manuel Beiras, o BNG de Compostela, o BNG de Xunqueira de Ambía, […] Robinho, e Rosa que é quen maís membros e membras leva reclutado. Xa estamos chegando a 100 e levamos pouco máis dunha semana; está moi ben!

Resposta de Anxo Quintana:

Non sei se sabes que o compañeiro Carlos Aymerich fixo no Parlamento de Galiza unha pergunta sobre este tema e que o BNG presentou tamén iniciativas no Estado ao respeito. Desde logo que sería unha moi boa iniciativa unha Universidade Virtual Galega. Temos o “material” necesario e as potencialidades para levalo adiante. Espero que poida facerse nos vindeiros catro anos.
Pido desculpas por non me unir a todos os grupos que se me propoñen, aínda que me parecen interesantes, mais utilizo o facebook máis como canle de comunicación coa xente que como vía para “manifestarme” politica ou persoalmente.
Un saúdo

Problemas estruturais

Si nos pomos a falar de problemas estruturais, novos e vellos, dentro do goberno galego e o fixésemos Consellería a Consellería, a lista sería interminable. O tempo e o espazo son ilimitados… pero non para nós, por iso trato de abreviar ó máximo nas cuestións plantexadas. Ben, a pregunta de hoxe era esta:

Existen grandes problemas estructurais no país que non van deixar de existir por máis que dende os gobernos -o actual e o anterior- nos traten de convencer do contrario. O exemplo máis notable é a Sanidade. Levamos arrastrando este problema dende que eu teño uso de razón e sempre oímos a mesma mensaxe: tanto dende o goberno minorando, coma dende a oposición aumentando.

Eu entendo que vostedes primeiro falan para os seus, para que se reafirmen nas súas conviccións e, segundo, para os que non sufren eses problemas, xa que calquer persoa que teña que acudir a un centro sanitario sabe que as citas de especialidades, para realizar probas, para intervencións,… están moi por encima do que os gobernos din, tanto que os máis anciáns dubidan, moitas veces, si chegarán con vida pra ese día.

Os que se atopan moi mal, e o poden permitir, acuden a centros privados. Outros esquecen as súas citas ou perden os resgardos, co cal o aforro para administración é importante. Non deberían repartir premios por iso.

Un exemplo deses vellos problemas -e que puiden vivir moi de preto- e o dunha persoa que estivo hospitalizada a principios de febreiro e o médico, ó darlle a alta dille que saque cita para consulta para dentro de tres meses pero logo, ó pedila danlla para principios de decembro. Case once meses! Neses días coincide que sae na prensa a Conselleira decindo que non existen listas de espera máis alá de tres meses… e seguramente convenceu a unha boa parte da población. AH! Antes de acudir esa cita esta persoa foi hospitalizada outras dúas veces pola mesma causa.

Outro exemplo, este dos creados polo novo goberno, pois agora para solicitar un grado de minisvalía hai que facelo en Vicepresidencia, e a quen vai alí facelo, a traballadora social dalle un prazo de 5 meses para resolver o expediente cando antes, cando este procedimento se realizaba no Inserso, facíase en menos de un mes. Iso si, logo só queda esperar que se cumpra o prazo.

A vostedes parecelles normal que o malfuncionamento das administracións se esté institucionalizando? A sensación que percibimos os administrados é que a administración pública só é eficiente cando se trabuca.

Ricos e pobres

Hoxe teño que empezar pedindo desculpas porque o inicio deste estrano debate comentei que a lista de amigos de Anxo Quintana era máis grande que a de Núñez Feijoo. O certo é que esa afirmación non é de todo certa xa que a lista coa que eu comparei, que si que é menor que a de Anxo, non é a única conta de Feijoo xa que existe esta outra que si é bastante maior. Porque o candidato do PP ten dúas contas en Facebook? Vai ti saber! A non ser… que o autor da fake sexa Touriño… iso explicaríao todo!

Ben. A pregunta que lles deixei hoxe na súa caixa trata de economía, non da crise, senón da diferencia económica e social entre ricos e pobres:

A fenda entre ricos e pobres ábrese cada vez máis. Logo desta ‘mini’ idade dourada que vimos de pasar esa pequena porcentaxe de galegos que eran moi ricos aumentaron exponencialmente os seus capitais, percibindo, en moitos casos, beneficios que deberían ser estudados como posibles enriquecementos inxustos (un delito), mentres os traballadores perdían capital adquisitivo ano tras ano ó aumentar os seus salarios -cando o facían- por debaixo da suba do IPC. Agora que estamos en crise e, mentres as empresas reparten ainda os beneficios do derradeiro exercicio, despídense traballadores afeito porque non poden soportar os gastos correntes debido a falla de demanda no consumo.

Porque non se obriga as empresas a crear reservas reais para épocas de crise e, sen embargo, se lles permite, cando todo vai rodado, repartir beneficios escandalosos?

Unha das medidas que se tomaron ó respecto -por afectaren de xeito diferente a uns e outros- foi eliminar o imposto de sucesións -non totalmente-, decisión que ademáis de perxudicar as arcas públicas, privilexia a aqueles que mais ten respecto ós que menos ten.

Isto tráeme a memoria o que pasou en EEUU en relación con este imposto. Bush, tras arrasar nas eleccións do 2004 estaba disposto a eliminar este imposto, pero finalmente tivo que botarse atrás pola presión social en contra. E quen financiou as campañas para xerar esa presión? Nin máis nin menos que os máis adiñeirados do país que vían nesa medida un perigo para os seus capitais e o xurdimento dunha xeración acomodada. Iso aquí ninguén o viu.

É por todo isto que eu me pregunto que é o que realmente pensan facer, pois ata o de agora nada se fixo -aí están os resultados- para que os ricos non sexan tan ricos e os traballadores reciban un salario máis acorde co que producen?

As grandes empresas, non só en Galiza, a nivel mundial, estánse comportando como auténticos robber-barons pois, baixo a ameaza da deslocalización, dominan os seus respectivos sectores, acumulando grandes fortunas personais, recollendo tódolos beneficios, nos ciclos dourados, e cargando tódalas perdas os traballadores, en tempos de crise.

Integración Social

Esta é unha desas expresións que nunca fallan nun programa político. Tódolos políticos queren mostrar o seu lado máis amable nunha campaña e iso non é posible sen ter consideración polos máis desfavorecidos nunha sociedade. A miña percepción é que se fala moito máis de integración social do que realmente os políticos están dispostos a integrar, de aí a pregunta que lle plantexei no día de hoxe a Anxo Quintana e Núñez Feijoo. Emilio P. Touriño nin me mira a face, Núñez Feijoo debe andar moi atarefado e Anxo Quintana contestou a pregunta que lle deixara o sábado sobre corrupción política -o tema máis espiñento dos plantexados ata agora-, o cal é de agradecer pois, a bo seguro, anda tan liado coma os demais. É posible que non haxa máis respostas, ainda así, eu plantexarei tódalas as que se me ocorran.

A sociedade, a través dos seus mecanismos de particiapación -movementos sociais- sacou a luz hai xa ben tempo a discriminación que estaban sufrindo moitos colectivos sociais, abocados a unha vida marxinal por falla de recursos, por discapacidade, pola súa orixe ou pertenza a unha etnia minoritaria, por ser muller, etc. A presión destes colectivos fixo que tódolos partidos falen nas súas campañas de integración social…

Pero, ata onde están vostes dispostos a integrar? As mulleres, colectivo marxinal por antonomasia conseguiron un importante avance ó acadar estar ‘visibles’ nas listas dos partidos políticos nos comicios electorais, grazas a unha reforma da lei electoral. Non sucede o mesmo cos discapacitados que, pese a que a lei reserva un cupo mínimo do 5% -que logo será un 7%- no emprego público -e os deputados do Parlamento Galego son traballadores públicos- non acaban de atopar ocos nas listas electorais de ningún partido.

A pregunta de hoxe é para que me digan cantos discapacitados levan nas súas listas con posibilidades de ser elexidos deputados e que porcentaxe de discapacitados prevén contratar para cubrir postos de confianza.

Neste tipo de políticas prodúcese, moitas veces, un fraude por parte das administracións e/ou empresas públicas cando, a sabendas da obligatoriedade da reserva de cupo, convocan un número determinado de prazas dos previstos en diferentes procesos para evitar, de facelo nun só, crear prazas para discapacitados. Este tipo de prazas están destinados para un perfil de cidadáns concretos o que, a miudo, choca coas preferencias do resposable político de turno.

Corrupción política

A corrupción é unha das causas que xeran máis desafectación política no cidadán. Todos somos testigo no día a día desa practica á que ninguen parece quererlle por fin -quen non recorreu algúnha vez a un amigo para que lle sacaran unha multa?, pois iso non é o peor-, pero esta corrupción prodúcese en tódolos niveis da administración e, canto máis alto se produce, máis grande é o botín. Son poucas, non quero arriscarme e dicir ningunha, por medo a trabucarme, as ocasións nas que o responsable político dunha administración denuncie e cese a traballadores ou funcionarios ó seu cargo por este tipo de fraudes, máis ben todo o contrarío, deféndense e cúbrense os uns ós outros. A pregunta do sábado era esta:

Onte Manuel Villoria falou no foro de La Región sobre Corrupción política e liderazgo político -por certo, mágoa que non se acercase por alí ningún político, pois sobre estes asuntos teñen moito que aprender-. A corrupción política é algo que sempre existiu, existe e existirá pola codicia persoal de moitos representantes políticos e tamén, como non, pola perda de valores do sector privado -… e dos políticos-. Pero a corrupción das administracións non se produce soamente por parte dos responsables políticos senón tamén, moitas veces, por funcionarios e traballadores das administracións que contan coa desidia, inxenuidade, ignorancia ou imprudencia daqueles.

Hai unhas semanas fun testigo de como un inspector ofreceu a un administrado a posibilidade de expedir unhas facturas con IVE ou sen IVE -a súa elección-para pagar unhas tasas; claro, ante unha situación así, o que realmente che dan a elexir é entre un proceso ‘administrativo rápido’ ou un ‘proceso administrativo lento’, e, co caro que está o tempo, só queda unha opción.

Estou seguro que isto non é un caso aislado, pasa cada día, e as cantidades son máis elevadas canto máis importante é o capital do ‘administrado’.

Que medidas pensan adoptar vostedes, si tivesen a responsabilidade de conformar o goberno da Xunta de Galicia, para por freo a corrupcción das administracións públicas, tanto por parte de traballadores e funcionarios como por parte de responsables políticos? Ou teremos que ser, unha vez máis, os cidadáns os que acudamos ós xulgados?

Resposta de Anxo Quintana:

Estimado amigo

Vexo que participas dun xeito moi activo nesta nova ferramenta que é o facebook. Agradézoche todas as túas mensaxes, aínda que lamento non ter tempo para respostalas todas.

En calquera caso, considero especialmente relevante o tema que plantexas nesta mensaxe. O caso do que falas, o dun inspector que ofrece facer factura con ou sen IVE é, desde logo, unha situación das que debemos combater desde a Administración Pública. Para comezar, indicar que (sen que isto sirva de xustificación algunha) un inspector non é un político, senón un funcionario público.

A Consellaría de Presidencia iniciou nesta lexislatura un proceso de elaboración dunha nova regulación da Administración Pública pendente aínda de finalizar e que, por desgraza, vemos que fica nas asignaturas pendentes da vindeira lexislatura. Para nós é, dende logo, unha prioridade regular as práticas públicas de xeito claro e nese camiño se encadra a transparencia que aplicamos en todas nosas actuacións. Exemplo disto é o feito de que sexan datos públicos os contratos e soldos de todos os cargos que se poden considerar políticos dentro das Consellarías nas que tivemos responsabilidades.

Para o domingo, por ser o día do señor, e por respeto as minorías creintes, renunciei a facer pregunta algúnha ós candidatos. Espero que non se me anoxe ninguén…

O voto do exterior

O do debate está complicado, leva razón Robinho, porque o que realmente buscan os políticos nos debates non é confrontar ideas ou presentar proxectos, senón, simplemente aparecer máis tempo en prime time para reforzar a súa hexemonía a vez que reflexar a invisibilidade das forzas minoritarias. O subconsciente, que é moi traizoeiro, fixo que algún político, nalgún momento, dixese que el tiña que estar no debate, non que quería debatir. O tema proposto hoxe a Núñez Feijoo e a Anxo Quintana (Touriño pasa de min) era ben interesante: o voto exterior -e/ou emigrante-:

Falar de voto emigrante e unha incorrección, pois a maioría non son emigrantes, viven onde naceron. A actual normativa en materia electoral non establece un método seguro, fiable e inequívoco de identificación do votante no exterior, que non impide a delegación do voto na recollida (un galego enviou 17 votos dende Zürich) nin garante a custodia e vixianza directa por parte da Xunta electoral central. Por estas mesmas razóns foi anulado o voto por correo nas eleccións presidenciais do Real Madrid en Xaneiro de 2007 polo Xuzgado de Primeira Instancia Nº47 de Madrid. (achégolles a ligazón da senteza)

O ano pasado, nas eleccións xerais fun testemuña de como aparecían sobres asinados pola mesma persoa, como mandaban documentación caducada ou de outros países e, incluso, certificados de defunción acompañando ó voto. Si eu vou votar o 1 de marzo teño que estar vivo ese día, ainda que antes vote por correo (o voto é anulable cando o votante -por correo- fina horas antes de abrise as mesas) e teño que ser eu quen entregue a papeleta a presidenta da mesa, e non ningún outro, teño que presentar o DNI ou pasaporte, non valendo si está caducado ou si achego unha fotocopia -nin sequera compulsada-.

Como poden ver non se garante a identificación do votante no exterior, permitese a delegación do voto e a custodia das sacas dos votos non é fiable. Pero o máis grave de todo é que non se cumple un dos principios fundamentais da constitución: a igualdade ante a lei de tódolos cidadáns. A miña pregunta para vostedes é a seguinte: que pensan facer ante este ‘escandalo democrático’? Solicitarán que se anulen tódolos votos da emigración e impedirán o reconto?

Para promover estas accións están lexitimados tódolos partidos políticos que se consideren perxudicados por esta práctica fraudulenta, pero tamén tódolos cidadáns que se vexan perxudicados por unha lei, a electoral, que non trata con igualdade ós cidadáns de aquí e de acolá, porque os de alá ninguén lle esixe estar vivo, cando existen medios de sobra para verificar si o votante vive, por exemplo, a obriga de presentar unha fe de vida ó solicitar votar por correo; tampouco se ven na obriga de identificarse o cal lles permite delegar. Porque non nos permiten a nós facer o mesmo? porque teñen que ir a mesa electoral cada membro dunha familia? Deberíannos permitir que outra persoa votase por nós (pensade nos cartos que se aforrarían, agora que estamos en crise, si todos os caciques puidesen presentar directamente as papeletas nas urnas sen ter que ir casa por casa recollendo vellos); iso sería un trato igualitario.

Como ós partidos dalle moito medo aparecer polos xuzgados -temen que unha denuncia desta magnitude se volva contra eles- teremos que ser nós, os cidadáns, quen tomemos a iniciativa.

Noticia relacionada:

A Xunta Electoral Central esixirá aos emigrantes que acrediten o seu voto co documento de identidade. Isto é unha broma? Non? Logo eu vou facer fotocopias dos DNI de toda a familia e vou ir votar por todos… a ver si podo!