Universidade Virtual Galega

Sobre a necesidade dunha Universidade Virtual Galega xa falara antes neste blog e, agora, deben ser os candidatos a Presidencia da Xunta de Galicia quen deben respostar se van dar saída ou non a esta demanda. Dende hoxe xa lle chegan as preguntas ós tres candidatos, logo da aceptación de E. Pérez Touriño no día de hoxe tras facer unha nova solicitude de amizade (quen sabe! o mellor a outra non chegou a quen tiña que chegar…).

Onte, despois dun intercambio de opinións con Xosé Manuel Beiras no Facebook -el ou quen o suplanta ¿?-, el afirmaba que este novo invento de comunicación só servía para que agora os políticos nos mintan a cara. Ante isto eu respostei que grazas a esta ferramenta tamén lle podemos chamar ós políticos mintireiros a cara, non? Ante isto dixo: “En todo caso estaslle chamando mentireiro ó asesor de imaxe que controla o perfil de facebook…” dese político. Todos nos facemos a mesma pregunta verdade, realmente está detrás dese perfil o político que di ser ou, como afirma Beiras, non é máis que un asesor de imaxe? Ben, pois eu a eses asesores de imaxe dígolles que curren un pouco máis e, polo menos se molesten en contestar estas preguntas que lle vou plantexando:

Recentemente saiu nos medios unha nova na que se denunciaba unha anomalía na UNED pola cal non se permitía presentar teses en galego mentres si se permitía facelo en linguas estranxeiras e solícitábaselle ó goberno que realizase as “xestións oportunas” para por fin a esta discriminación. Supoño que ata ahí estamos todos dacordo pois tódolas formacións defenden a liberdade de cada individuo para estudar na lingua que lle pareza.

Pero na realidade iso non é posible. En ningunha Universidade galega presencial é posible estudar integramente en galego, como tampouco o é a distancia na UNED -como xa vimos- nin nun entorno virtual. Resulta paradoxal que calquera individuo do rural galego -ou da cidade- que queira facer estudos universitarios dende a súa casa nun entorno virtual, que lle permita o contacto directo -virtual- cos seus compañeiros e mestres, realizar todo tipo de xestións e probas de xeito telemático, poda facelo en catalán, en castelán ou en inglés, pero non na súa propia lingua.

Pensen nos galegos que viven en pequenas vilas, lonxe das facultades das grandes cidades, pensen nos galegos que están espallados por todo o mundo e pensen, como non, nos beneficios económicos, sociais, políticos, tecnolóxicos,… que aportaría a Galiza. Os galegos necesitamos unha Universidade que pense os problemas do noso país e deseñe as solucións para el en clave galega.

Logo do éxito acadado pola Universidade Oberta de Catalunya (UOC) e logo da posta en marcha, neste mesmo curso, da Universidade a Distacia de Madrid (UDIMA), non lles parece que xa vai sendo hora de que os galegos teñamos a nosa propia Universidade Virtual?

Como podedes ver, na sidebar da dereita aparece dende hoxe unha ligazón para causa: Galiza necesita unha Universidade Virtual Galega. Os candidatos de PP, PSOE e BNG foron convidados a sumarse a esta causa, ningún aceptou ata o de agora; tampouco o fixo o Conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, claro como isto non é innovador -pois xa a teñen en Catalunya dende hai 15 anos-;… ah! e o alemá tampouco, tan comprometido como está coa causa do Bueno é galego… seguro que prefire abrir unha nova causa, xa o vexo “A UDIMA é galega”. Mellor galeguizar que crear algo propio. Quen si se uniu a causa foi Xosé Manuel Beiras, o BNG de Compostela, o BNG de Xunqueira de Ambía, […] Robinho, e Rosa que é quen maís membros e membras leva reclutado. Xa estamos chegando a 100 e levamos pouco máis dunha semana; está moi ben!

Resposta de Anxo Quintana:

Non sei se sabes que o compañeiro Carlos Aymerich fixo no Parlamento de Galiza unha pergunta sobre este tema e que o BNG presentou tamén iniciativas no Estado ao respeito. Desde logo que sería unha moi boa iniciativa unha Universidade Virtual Galega. Temos o “material” necesario e as potencialidades para levalo adiante. Espero que poida facerse nos vindeiros catro anos.
Pido desculpas por non me unir a todos os grupos que se me propoñen, aínda que me parecen interesantes, mais utilizo o facebook máis como canle de comunicación coa xente que como vía para “manifestarme” politica ou persoalmente.
Un saúdo

1 comentario en “Universidade Virtual Galega”

  1. E digo, que tens razão!!! Mas eu acho que seria mais revolucionário impulsar uma plataforma de Formação Profissional, potente, para fazer todos os conteúdos teóricos, no mínimo. E dar-lhe uma pancada à chamada formação ocupacional que temos agora, que é pouco acessível e de má qualidade.

    Uma saudação, encantado de te visitar, embora não te conheço e chegasse por acaso. Hei voltar!

    🙂

Os comentarios están pechados.