Un ano despois da desfeita do 1M09 os protagonistas daquela xeira parecen non decatarse aínda do que ocorreu. Feijóo segue facendo oposición, agora a Zapatero, Quintana segue andando en coche oficial e sentando cátedra ao seu paso, Touriño… ben, cando menos este soubo retirarse e quedarse nun segundo plano… a tempo.
Cando un ano despois Anxo Quintana aínda afirma que “a campaña sucia funcionou” dime que (a) ou ben non se entera de nada ou (b) é o típico irresponsable que culpa ao primeiro que se lle cruza para non asumir a responsabilidade que lle é propia. Amais, iso si, coa súa actitude lexitima as decisións adoptadas polo goberno de Feijóo logo da vitoria popular: en materia lingüística (o conflito inexistente), enerxética (onde quedou patente a división do bipartito) ou respecto as axudas a La Voz de Galicia (polo sonado dilapidamento e sibaritismo dos altos cargos socialistas e nacionalistas).
Non, nada tiveron que ver a lingua, os audis ou o iate (ver a análise de Fermin Bouza), foi o mal de altura: taponáronselle os oídos e non escoitaron aos seus compañeiros, que estábamos aquí abaixo, onde sempre. Agora só tiñan oídos para eses asesores, ben pagados, e os seus cantos de serea. Estes non lles ían dicir o mal que o estaban facendo, pagábanlle para dicir o contrario. Mentres, era a rúa que berraba, outra vez, cinco anos despois, esta vez coa bandeira de Galiza Non se Vende. Nin a berros!
Lonxe de escoitar ao movemento, ao mesmo movemento que lle dera a vitoria catro anos antes, adoptou unha postura crítica cos críticos, reprochándolle a concesión de espazo aos seus adversarios e acusando de traizón calquera discrepancia. Esta actitude cínica e soberbia acendeu aínda máis os ánimos do movemento, provocando unha bola de neve de rexeitamento cara o goberno bipartito, e especialmente cara o BNG, que crecía cada día.
Moitos aseguraron ir votar co nariz tapado mais moitos decidimos quedarnos nas nosas casas. Esta decisión non foi o resultado de campaña algunha pois xa estaba tomada meses antes polo electorado. Próbao a chamada a participación incluso antes de comezar a campaña, de aí que artellaran unha campaña buscando o voto no centro galeguista. Inocentes! Coñecían polas enquisas a grave desafección da cidadanía e, tendo constancia deste dato, continuaron unha campaña baleira de ideas, de proxectos, sen solucións aceptables para a situación económica que atravesamos,… e sen asumir erros.
Lembro aquel día con ledicia. Tiven que soportar doce horas sen acercarme ao colexio electoral, onde non iría a votar por vez primeira na miña vida mais, mereceu a pena. Os primeiros sóndeos adiantaban o resultado final, foron unhas horas excitantes que rematou no éxtase cando o bipartito recoñeceu a súa derrota. Non busquen pantasmas, non foron eles. Foi a cidadanía en movemento, fun eu. Eu volo dei (o poder), eu volo quitei (o poder).
Artigo relacionado: deberían as redes activistas do movemento salvar a esquerda? (por Raimundo Viejo, On the Wobbly’s Road)
Bom artigo, umha aperta irmandinha
Paréceme unha análise moi boa do que pasou fai un ano. Noraboa!
Mais, tampouco hai que esquecer outras cousas:
Para min o abandono do PSOE no comezo da campaña, só centrado naquela altura no País Basco foi determinante. Na derradeira semana tentaran recuperar terreo pero non lles foi suficiente.
E a campaña sucia do PP tamén ten que levar parte do seu.
Estes tres puntos son (o que ti ben analizas con respecto ó Bloque) as pedras angulares de porque temos hoxe unha Xunta do PP.
Saúdos!