Concurso de verán 2010

presidente bombeiro

Lembran a imaxe da dereita. Que tempos aqueles … en que o Presidente da oposición, Alberte Núñez Feixóo arrimaba o seu ombreiro para arranxar os problemas que padecíamos tódolos galegos. Daquelas -verán do 2006- sufríamos unha vaga de lumes incontrolados e o Sr. Feixóo non dubidou, iso si, vestido para a ocasión (a gracia é de escolar, a foto tamén) en colaborar do mesmo xeito que o fixemos milleiros de galegos: cun sacho, cun pestoiro de xestas, co batelume, coa auga das nosas piscinas,… co que fora. Había que rematar con aquela longa noite de san xoan coa que xa se adiviñaba Galiza dende as estrelas. Por iso, dende  mOendo do Revés, que amais de revirado, tamén temos un punto  gracioso, quero propor un concurso para este verán, co ánimo de amosar a nosa clase política ate onde a xente de a pé estamos dispostos a deixalo todo para botarlle unha man a un veciño que o está pasando mal pola ameaza do lume.

Bases do concurso:

Para participar no concurso só teredes que enviar unha foto vosa apagando nun lume, iso si, preparados para ocasión. Por exemplo, que vas bailar a muiñeira na festa do teu pobo, pois nada, colle un batelume e a apagar co traxe tradicional galego; que vas de voda e, por riba es a noiva,… nin o penses, non terás mellor foto para o recordo que esa, ti e un mangado de xestas mallando no lume;… por suposto, obedecede sempre as consignas da persoa que estea ao mando. Si alguén as saltou, quedará descalificado.

As fotos deberedes mandalas á caixa de correo que se agocha detrás do sobre que aparece na cabeceira deste blog, identificando as persoas que aparecen nela, que non teñen porque ser os que envíen a foto. Imaxinade (cumpre ter moita imaxinación así que si non é o voso caso podedes saltarvos estas liñas) que vos atopades a Pachi Vázquez abrindo cortalumes cun buldocer prestado polo goberno central, esa foto vale -e moito, son escasos eses aparellos por aquí-; ou a Francisco Rodríguez prendendo lume a un monte de eucaliptos,… pois non, esta non valería (os contralumes só pode realizalos unha persoa especializada). Ten que ser fotos de xente colaborando na solución dun problema colectivo, non que ande a crealos.

As fotos irémolas publicando a medida que as vaiades achegando. O día límite para o envío será o 14 de setembro (festas en A Sainza). Podedes engadir os comentarios que vos pareza e, dende logo, os dereitos das mesmas pertencerán as persoas que as envíen (sendo responsabilidade súa a non autoría).

Premio:

O premio será para a persoa autora da foto que máis votos reciba nunha enquisa que se realizará entre o 15 de setembro e o 30 de setembro.  E cal é o premio? Esta estupenda mangueira de rego de goma de ate 50 metros de lonxitude! Con esta si, poderás logo realizala foto da túa vida.

mangueira de rego