As misteriosas contratacións da Xunta de Galicia

Artigo publicado en MundoGaliza, actualizado.

O 11 de agosto a Consellería de Traballo anuncia un plan de cooperación para entidades sen ánimo de lucro permitirá a contratación de máis de 1.500 desempregados. Poucos días despois publícase na web da Xunta que Traballo promove a contratación de 280 axentes de emprego e desenvolvemento local cun investimento de 6,3 millóns de euros. Isto foi o 18 de agosto.

O primeiro anuncio que fai a Xunta é do enésimo paquete de contratacións de desempregados, desta vez mozos, mediante a concesión de axudas a entidades sen ánimo de lucro; entre estas  contratacións están as de axentes de emprego. O que parece un macropaquete de contratacións non é tal, trátase de envolver nun só paquete todos os anuncios anteriores e posteriores de contratacións, así para os ollos inexpertos semella que as contratación son o dobre. Neste anuncio recente para xuntar os 1500 contratos meteron nun só a unha diversidade de traballadores incomprensible: para realizar servizos de interese xeral e social (?), axentes de emprego e finalmente axentes de unidades de apoio para o fomento do emprego. A semana seguinte fan público outro micropaquete, desta vez só para axentes de emprego.

Como axente de emprego (desempregado) semellante anuncio paréceme unha ofensa aos mozos e mozas galegas desempregadas e a totalidade da cidadanía, especialmente emprendedores aos que, supostamente, van dirixidos os servizos dun axente de emprego.

A cantidade de axentes aumenta cada ano sen que o faga o orzamento, malia as cifras que nos ofrecen. Como se explica? É doado. Contratos que antes tiñan unha duración de un ano agora son de seis ou nove meses. Deste xeito encargase o impulso do emprendemento a persoas sen emprego garantido para máis aló dese período co cal teremos a un traballador que dende o primeiro día no seu posto de traballo terá que buscar emprego para si máis aló da duración do seu contrato, iso ao mesmo tempo que se adapta ao seu posto de traballo, a entidade, realiza diversas análises do ámbito ao que se dirixe e presenta informes a entidade. Para cando teña elaborado un plan de actuación estará xa desempregado. Isto no caso de que sexa a primeira vez que traballa como tal, caso que é factible, posto que esas axudas van dirixidas a contratación preferentemente de mozos -que me expliquen con exactitude isto…-, din. Ao mesmo tempo afirman que servirá para renovar contratos aos que xa están traballando- Serán mozos tamén?

Esta é outra das mentiras máis habituais das políticas de emprego pois, polo xeral, as entidades contratan sempre as mesmas persoas, porque malia tratarse de contratacións de carácter temporal o Estatuto do Traballador recoñécelles a condición de fixos (artigo 15.5 ET) ao levar traballando na mesma entidade máis de vinte e catro meses nun período de trinta meses, situación da que a maioría dos traballadores non son vítimas senón cómplices. Logo non se trata de renovacións senón de adiar o conflito. Deste xeito tamén é un erro falar de 1500 novas contratacións, senón que o máis probable é que sigan no seu posto 1200 persoas que xa estaban traballando e se contraten a dedo eses 300 do diferencial.

No caso de axentes de emprego sinala a nova do 11 de agosto que se prorrogará contrato a 173 e se realizarán 20 novas contratacións. Logo non se contratarán a 193 traballadores desempregados, senón tan só a 20, xa que a maioría permanecerá no seu posto. Sen embargo, si non pasamos do titular da nova creremos que a Xunta realmente contratará a eses 1500 desempregados. E a semana seguinte outros 280 cando se trata dos mesmos. Mais, si se prorrogan contratos onde están os contratos a desempregados dos que falan? Que, como vimos, na realidade tampouco é que se lle prorroguen eses contratos, senón que non lles queda outra. A alternativa é non facelo, mais coa conseguinte denuncia do traballador esixindo a transformación do contrato fraudulento en fixo, o que levaría a Xunta de Galicia a seguinte situación: contratar 173 traballadores desempregados –co cal non poderían ser os que xa están ocupando o posto- e cando finalmente sexa firme unha sentencia que determine a fixeza do traballador no posto, asumila ou indemnizalos e manter a outra persoa contratada ate a finalización do seu contrato. Isto levaría a unha situación de conflito e asfixia económica a moitas entidades de ámbito social, situación por eles buscada e asumida.

Cal é o papel das entidades neste enredo? Ben, si somos moi inxenuos chegaremos a pensar que estas entidades canalizan os recursos que as administracións lles conceden en forma de axudas, subvencións ou convenios cara os fins que perseguen; sen embargo, se somos máis ben maliciosos chegaremos a crer que estas entidades so serven de parvo útil non das administracións públicas, cuxos servizos asumen, senón dos partidos políticos que as gobernan. Unha destas entidades é ASPANAS, en Ourense, da que formei parte na segunda metade de 2009, nunha Unidade de Promoción e Desenvolvemento que contaba daquela coa maioría de membros da mesma cor política (PSOE). A directora da UPD, Nuria Bueno Aizpuru, na súa vida creou máis emprego que o propio. Iso si, isto faino ben. Agora, sen UPD, e ASPANAS cunha Directora de Formación e Emprego, Rosa Carrera Carballo, pro-Feijóo e traidora de Baltar (Roma non paga traidores), a función da entidade segue a sela mesma pero con outra cor: parvo útil de Rogelio Martínez. Das axudas que recibe esta entidade poucas se ven reflectidas nos boletíns oficiais, por exemplo, si se busca “aspanas” no buscador do DOG o resultado para 2011 é “0”. (poden probar aquí, sorte!). Significa iso que non recibiu ningunha cantidade da Xunta de Galicia neste período? Non. Significa soamente que non foi publicado e polo tanto vulnerado o principio de publicidade, pois ninguén se cre que esta entidade non recibise un só euro dende a caída do bipartito. A pregunta é: que interese pode ter a actual Xunta ou a ASPANAS de sempre para que non se saiba que cantidades e en concepto de que recibe axudas? Mellor non sabelo.

Lamentablemente o panfleto no que se anuncian todas estas contratacións, unha información totalmente falsa, foi reproducida polos medios de comunicación sen realizar ningunha análise crítica do mesmo. Todo vale para alimentar a ignorancia do pobo.