Riscos e fraude laboral en Ribadavía

Comezo pedindo desculpas, desculpas por non ter publicado isto antes, isto é, no mesmo intre en que tiven coñecemento do que pasaba. Cando se trata de riscos laborais, actuar de inmediato pode evitar un accidente, non facelo pode converterte en cómplice, por omisión, si finalmente acaba por producirse. Tamén é certo que tentei poñelo en coñecemento por outras vías para remedialo mais, enseguida me dixo  a directora, Nuria Bueno Aizpuru, que iso non era asunto meu, nin da UPD, ó tempo que me advertían que tivese coidado co que facía pois podía ‘caerme o pelo’. Non é iso o que máis me preocupa: o dereito a vida e a integridade física das persoas está moi por encima de calquera outro dereito e deber e, por suposto, por riba do deber de confidencialidade.

O pasado luns fun dar un curso de Prevención de Riscos Laborais a Ribadavia a un obradoiro organizado por este Concello. En principio o curso era para o módulo de xardinería, aínda que logo se unirían os outros módulos do obradoiro: carpintería e albanelería. Os primeiros en sorprenderse foron os compoñentes do obradoiro ó ver un manual adicado a uns riscos específicos dunha materia que nada tiña que ver co que eles facían.

Do que sucedeu nesta xornada fixen un informe e entregueino na UPD coa intención de que ‘fixeran algo ó respecto’, así llo dixen. Sobra dicir que ninguén fixo nada.

O artigo 2 da Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras para os programas de escolas obradoiro indica cal é a finalidade das mesmas: ‘emprego e formación‘.

Tratándose da realización dun traballo, quen o realiza ten os mesmos dereitos e obrigas que calquera outro traballador; o mesmo se pode dicir respecto ó empresario, e dicir, o Concello de Ribadavía, pero a inversa. Como veredes, no informe que presentei a violación de dereitos é flagrante:

Informe sobre prevención de Riscos Laborais no Obradoiro ABOBRIGA promovido polo Concello de Ribadavia.

O módulo de prevención de risos laborais estaba enfocado a prevención de riscos en xardinería. Amais dos alumnos de xardinería sumáronse a clase os de carpintería e albanelería.

No primeiro contacto decátome que este módulo non poderá ser explicado de xeito específico para ningún dos grupos xa que os de xardinería me din que están realizando traballos forestais e non de xardinería (o máis curioso é que ó largo do día vin uns traballadores nun parque e ó preguntar si eran os xardineiros respondéronme que non, que eran da brigada forestal do Concello -de feito tamén son os membros do Grumir, de Protección Civil,… mozos para todo!-). Trátase non só dun fraude a Xunta de Galicia, que é quen financia o obradoiro, senón tamén, e principalmente, ós propios traballadores.

En canto a materia, acabamos vendo os riscos xerais e finalmente analizando, vía debate, os demais riscos que lles afectaban a cada un dos colectivos. Coido que, neste senso, a clase foi moi interesante, ó percibiren os alumnos numerosas anomalías no desenvolvemento da súa actividade. Son as seguintes:

  • Gafas protectoras de baixa calidade que reducen a visibilidade
  • Botas de seguridade que pasan auga
  • Inexistencia de botas de seguridade anticorte para a manipulación de desbrozadoras e motoserras
  • Tampouco dispón de mandil e manguitos para realizar estas mesmas tarefas.
  • Fundas de baixa calidade xa que destinguen, non protexen dunha simple picadura de ortigas, non son cerradas nas extremidades nin no pescozo (dándose caso de picaduras de insectos con elas postas), etc.
  • Amais, algúns alumnos, din que lles falta a parte superior da mesma, outros a inferior, algúns camisetas, botas,…
  • Non dispón de equipo de protección para o frío, agora que polas mañás xa fai falla.
  • Aseguran ter traballado na vía pública -e en curvas perigosas- sen ningún tipo de sinalización, pois non dispón da mesma.
  • Tampouco teñen a roupa de alta visibilidade esixida para este tipo de labores.
  • No obradoiro escasean os arneses véndose na obriga de compartilos entre os distintos grupos (albanelería e xardinería, ou mellor dito: forestal)
  • Traballan con maquinas que fan ruído (especialmente en carpintería e forestal) sen que ninguén dispoña de tapóns ou cascos para os oídos para protexerse dos trastornos que este pode provocar.
  • Outras máquinas, fonte de ruído, como un compresor, non permanece illadas.
  • Nos traballos de deforestación as mulleres cargan con pesos superiores ós permitidos para mulleres, de xeito continúo (as desbrozadoras pesan máis de 15 Kg., carga de rastrollos, etc.)
  • As luvas que utilizan tamén son de baixa calidade, non protexendo suficientemente das arestas ou das picaduras da vexetación.
  • Dispón dunha caseta (módulo de obra) sen ventilación e sen vestiarios (sobra engadir que non hai vestiarios para ámbolos dous sexos, non hai para ninguén)
  • O grupo de albanelería di ter traballado con materiais perigos como o amianto, sen dispor dos equipos necesarios para estes traballos nin, por suposto, a formación, xa que este tipo de labores están reservadas para empresas especializadas.
  • Non dispón de medidas de extinción de incendios (un extintor para poder apagar unha máquina que se poña a arder, por exemplo) nin, moito menos, nocións básicas de como se manipulan este tipo de aparellos.
  • As caixas de urxencias están incompletas (algunhas delas o único que contén é unha botella de alcohol e auga osixenada)
  • Moitas veces, o grupo que realiza traballos forestais, están incomunicados, O monitor acércaos a obra e déixaos alí, non dispondo de ningún medio para desprazarse no suposto dunha emerxencia.
  • Etc.

O máis lamentable de todo isto é a escusa que dende o Concello lle dan ós traballadores para non proporcionarlle o material necesario: a escaseza de recursos económicos. Como é posible? Si a Xunta de Galicia proporciona recursos suficientes a todo Concello para equipar e formar a eses traballadores, u-los cartos?