O código dos mortos

Moitas persoas toman decisións non en función do que ven, do que consideran bo ou malo, senón en función do que cren, das súas conviccións, do que o biólogo evolutivo e etólogo británico Richard Dawkins denominaba código dos mortos: pautas de conduta excelentes fai miles de anos, que deixaron de ser útiles e que, non obstante, seguen vixentes.

Viaxe ao Poder da Mente, Eduard Punset

Esas pautas de conduta ancestrais fan que se produzan situacións onde dúas persoas que estean vendo o mesmo partido de fútbol pero que sexan seareiros de diferentes equipos sexan incapaces de ver a mesma realidade que sucede ante os seus ollos no intre en que o árbitro, no desconto, e con empate no marcador, sinaliza un penalty. Para un será unha falta clara, dentro da área grande. O outro afirmará ter visto como o atacante se deixa caer dentro da área ante a presenza dun defensa. Os dous estarán absolutamente seguros do que din.

Sucédenos o mesmo nas actividades máis cotiáns, nas discusións familiares, no posto e traballo ou nas discusións sobre política. Gastamos máis enerxía en construír unha realidade a medida e segundo o noso propio desexo que en interpretala existente; tamén o fan os dirixentes dos partidos, conscientes como son de que eles non só constrúen a súa propia realidade, senón tamén a de aqueles cidadáns que se rexen polo código dos mortos. Estes desafortunadamente son a maioría dos que acoden a votar. Os que deciden quen nos goberna.

Di E. Punset que os seres humanos “non queremos cambiar de opinión, ao contrario que os monos e outros cerebros sofisticados”, tal é o poder asoballador das conviccións propias, fronte á percepción real dos sentidos. Podemos cambiar de opinión, mais odiamos facelo.

Ensináronos que cambiar de opinión é unha frivolidade, un síntoma de inestabilidade e debilidade; polo contrario -“votar sempre ao mesmo partido”- manter unha posición é un sinal de cordura e lealdade. O importante é non cambiar, si o fas estás perdido: serás rexeitado pola sociedade e, probablemente, por ti mesmo. O camiño fácil é decidir unha vez: de neno decides de que equipo de fútbol es, decides a relixión que profesarás (ámbalas cousas case sempre dependen da influencia dos proxenitores), na puberdade decides a túa sexualidade e ao cumprir os dezaoito anos a quen votarás o resto da túa vida sen ser consciente da transcendencia que terá de aí en diante. O importante é non cambiar.

Dende afora, pode apreciarse o compoñente absurdo destas paixóns. Alguén que non foi a votar en toda a súa vida dirá que a crispación actual da vida política “non ten ningún sentido” mentres que, os que están imbuídos polo remuíño político, polo deportivo, polo relixioso, polo cultural, … estas cousas non lle pasan tan desapercibidas.

Sen embargo, ao largo da vida preséntansenos disonancias ao entrar en conflito dúas ideas simultáneas e contraditorias que xerarán un gran estrés e desasosego nas persoas. Habitualmente as discordancias nin sequera chegamos a ponderalas, pero cando o facemos e nos vemos na obriga de tomar unha decisión, unha vez tomada é difícil cambiala e, unha vez elixida unha opción, entre varias, máis irrevogable é a decisión e máis chea de sentido é a opción tomada. Cando non hai marcha atrás, máis convencidos estamos de ter a razón.

Que disonancias se nos presentan a moitos nacionalistas na actualidade? Votar ao BNG ou non facelo. Non votar implica que este perderá o poder a favor de outro partido que non nos gusta, o PP, pero facelo significa avalar unha xestión nefasta, con non menos erros e vicios dos que poida cometer o PP. Moitos nacionalistas xa lle viramos as costas nas eleccións galegas do 2009 e logo, moitos máis, nas europeas. O que sucedeu dende entón internamente neste partido non fai máis que confirmar o acertada daquela decisión. Os que prometían cambios para logo das eleccións galegas mentían, pois non foron capaces de levalos a cabo nin sequera despois de perder. Cales son as perspectivas para o nacionalismo nas vindeiras municipais: máis perda de apoio. Lóxico. En que me baseo para afirmalo de forma tan tallante? En que o futuro non se adiviña, pero pode imaxinarse recompoñendo o pasado.