Golpe de Estado dos mercados

Sen blindados na rúa, sen revolta social, sen covardes fuxindo do país, sen declaracións reais, sen condenas internacionais. O golpe de estado perfecto: o dos mercados.

O 2 de Setembro será unha data para lembrar, tanto que debería celebrarse nela o día da Nova Constitución. Entramos pois nunha nova ditadura: a dos mercados.

Os mercados son ese ente difuso ao que non se lle atopa flanco definido polo que atacar, están por todas partes, son todas partes. Son eles, somos nós. Como atacarnos a nós mesmos? Mellor deixalo estar. Os mercados non son de aquí ao tempo que si son de aquí e de alá. Como imos atacar aos de aquí? Mellor quedar quietos. É un bo invento iso dos mercados, agora o inimigo do que defendernos é o mesmo que nos dá de comer, o que nos emprega, o que inviste en nós, o que nos vende produtos, o que leva a plusvalía do noso esforzo, non para a metrópole (España, único inimigo aos ollos do nacionalismo pailán) senón para os seus países de orixe e paraísos fiscais, dende os cales non reinvestirán nada en servizos sociais nin en infraestruturas para o noso pobo colonizado.

Viva o Mercado! Viva España! Viva o Rei!