Secuelas da desamortización de ZP

As superestruturas económicas internacionais (FMI, BM, BCE,…) fai décadas que viñan avisando: as caixas de aforros eran un encordio para a libre competencia amoucando os beneficios das grandes financeiras mundiais. Os directivos das caixas axiña captaron a mensaxe, cumpría que afundisen, cumpría quebralas ou, cando menos, que o parecese. Así poderían seren absorbidas polo gran capital financeiro, polas grandes fortunas de aquí e de acolá, os verdadeiros decisores do sistema oligárquico que nos goberna, os que mandan non soamente sobre o pequeno capital, senón tamén sobre as persoas, nós en quen seica reside a soberanía, e ao que eles chaman capital humano. No fondo todo e capital (económico e humano). E ao final, chegará o día, non da rebolta senón no que nos obrigarán a axeonllarnos ante eles por térennos salvado.

O capital que nos goberna atopou na crise financeira o escenario perfecto, unha cicloxénese económica explosiva onde cadran no mesmo tempo e lugar a ambición duns poucos co arrombamento doutros e a desesperación e angustia dos que máis, o escenario perfecto, dicía, para espoliarnos a todos: primeiro, aos estados solicitándolle axudas para sanear a súa ineptitude (como si iso tivese cura), axudas que, pola contra, xamais serían concedidas a un simple cidadán en circunstanciais iguais; e segundo, forzando unha desamortización do patrimonio do pobo, acadado a base de suor, sangue e lágrimas por cada recuncho do mundo. Falo do erario baldeiro que contiña os impostos que pagamos, endebedándonos a nós e ás xeracións vindeiras. Falo do patrimonio das nosas caixas, das nosas empresas, das nosas edificacións, do noso aforro persoal e colectivo. Grandes cousas se construíron coas remesas chegadas de onde for que estivesen nosos paisanos, acompañados sempre pola señardade dos emigrantes cara súa terra, unha terra que querían levantar financiando grandes e pequenos proxectos. Máis dos primeiros, pois o acceso ao financiamento daquela como agora tamén estaba restrinxido aos máis podentes. Ao usuario común dábaselle o necesario para poder investir no produto que puña no mercado o usuario excelente, financiándolle, polo xeral, a compra dunha vivenda baixo a usura duns intereses que superaban o quince por cento. Prestamos que servían tamén para calmar ao movemento obreiro, que ao estaren endebedados deixaron de ser feros a converterse na xente mansa que somos xaora. Cartos enviados por milleiros de emigrantes obrigados pola mesma presión caciquil que se fixo dona aquí do seu traballo no alén, usando eses cartos para soster e fornecer á organización criminal caciquil que agora segue a explotar aos seus propios paisanos, aos fillos daqueles pobres que fuxiran entón, obrigándonos a unha nova e irremediable escapada sen retorno… deixalos aí, que se coman entre eles, que se fodan os uns aos outros. Inconscientes de nós! que diría a raposa que nos garda.

Mirade si os tempos mudaron: agora mexan por nos e dicimos que e cocacola, tragamos ese líquido noxento e dourado e dicimos que é negro e sabe ben, tomamos outro trago e gabamos a textura esponxosa e burbullante que nos deixa no padal. Queima pero refresca. Apuramos o mexo pola gorxa abrindo a comisura dos beizos ate o seu límite para apouvigar a excitación do desacougo. E entón acougamos sentados na cadeira dalgunha terraza agardando quizais que nos cuspan na cara o fume tranquilizante que lle sobra a algún fumador. Si. Agora todo vai ben.