Que está ocorrendo en Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega? (I- a dimisión)

Este é o inicio dun fío que probablemente nunca debería ter existido se as cousas en Nosa Enerxía se fixeran con transparencia e respecto a tódolos seus socios. O 29 de xuño deste ano presentei a miña dimisión ante o Consello Reitor, malia solicitar que a miña carta de renuncia fose enviada a tódolos socios, non se fixo así. Entendo que existe, pois un clara vontade de silenciar o que ocorre no interior da Cooperativa. A miña carta dicía así:

A través deste correo presento formalmente a miña dimisión do Consello Reitor de Nosa Enerxía coa finalidade de por fin a un bloqueo do mesmo que dura xa máis de seis meses, para facilitar a convocatoria dunhas novas eleccións ao Consello Reitor e por fin a parálise actual da coop. provocada polas continúas ausencias dalgúns dos seus membros e polo incumprimento reiterado de convocalo coa periodicidade acordada no primeiro Consello Reitor que celebramos en Santiago de Compostela o 19 de xuño de 2017.

Sacar adiante os asuntos da coop. polo órgano de goberno, o Consello Reitor, é unha misión imposible se este nin sequera se reúne, cando menos facelo mediante as competencias que nos autooutorgamos no primeiro Consello Reitor celebrado. Son varios asuntos os que están nunha situación de parálise dende fai meses e, mesmo a asemblea xeral ordinaria, foi convocada a última hora, a présa e correndo, para cumprir cos prazos estipulados pola lei.

Tampouco o ambiente do grupo é o máis adecuado para sacar nada adiante. A incapacidade para asumir erros, limitacións, fracasos, responsabilidades,… O apego aos postos fai crer que a coop. fose cousa duns poucos e non de case 550 socios, socios que si, iso si, cargan co custo das neglixencias dos seus directivos e que se pretenden ocultar. O bo funcionamento dun equipo pasa por unha boa organización, por un reparto de tarefas, por asumir cada un as responsabilidades que lle son propias, por respectar as competencias atribuídas ao resto, por confiar no bo facer de cada un, etc. Pero nada disto se dá.

A coop. é hoxe unha organización na que só o seu presidente sabe que ocorre. O resto do Consello Reitor enterámonos, no mellor dos casos, pola prensa, que ocorre. Non sabemos nada da nova páxina web, non sabemos que será da plataforma de facturación, non sabemos que fai o presidente nas organizacións das que formamos parte, Espazo Coop ou Unión Renovables, pois non se nos dá conta de nada, etc. E por suposto, esta situación ten o seu reflexo na marcha da coop. que freou o seu crecemento considerablemente este ano. Onde está a campaña de “trae a un socio” que se ía lanzar de novo entre os socios e que tan bos resultados dera o ano anterior? Bloqueada polas ausencias e non convocatorias do CR.

E o último, as manifestacións de Pablo no derradeiro CR: a exhibición dun documento, que agora covardemente oculta, que di que conten información sobre a miña persoa e das organizacións, políticas, nas que participei, informe que di ter recibido de Espazo Coop, para xustificar a miña non contratación nunha bolsa. Isto, con todas as letras, chámaselle delito contra os dereitos dos traballadores, e Pablo é cómplice disto… E a súa exhibición o outro día non deixa de ser unha conducta máis propia dun gánster da mafia que dun presidente dunha coop. parece mentira que se poida caer tan baixo e se traizoe así o aprecio que sempre lle tiven. Agardo que recapacites sobre este feito e acto seguido solicites a túa dimisión.

Aportei canto puiden sobre a base dos meus coñecementos, que non son mellores nin peores que os de ninguén, pero que, afortunadamente son diferentes. Non tiven boa fortuna a hora da receptividade dos mesmos. A veces todos cremos entender de todo e non é así. Logo vén os problemas. Exemplo: seguimos tendo un auxiliar administrativo con un contrato de “administrativo” e categoría de oficial con titulación universitaria. En comunicación, cada quen fai o que lle peta cando lle peta. O exército de Pancho Villa era máis organizado. Nos textos presentados agradezo as aportación feitas, sempre interesantes, e que abren a vía da dúbida para melloralos, e repudio a falta de aportación doutros nalgo que é tan vital como os textos que deben regularnos… É como si fosen felices no caos, no baleiro. Non o podo entender… Seis anos despois e aínda seguen tan verdes como o primeiro día. E queren seguir aí… Para que? Digo eu…

E fan e din que fan… Traballo non é facer horas, é obter resultados. Calquera traballo feito sen resultados é unha perda de tempo. Eu non estou por perder o meu tempo… Nin gosto ver como outros o perden.

Esta carta pretende ocultar a toda a masa social varias cousas que nela se mencionan e que máis adiante irei detallando:

1- Unha multa da CNMC pola falta de dilixencia do presidente da Cooperariva, Pablo Álvarez (ver)
2- O ineficaz traballo do actual Presidente, que ten paralizada a posta en marcha da nova web da Coop, unha verdadeira aposta pola industria 4.0 e non as entrevistas baldías de contido que se dedica a dar sobre este asunto.
3- O nulo compromiso con decisións estratéxicas adoptados en pasadas asembleas, como a elaboración dun plan de comunicación.
4- O desinterese en dotar a cooperativa dunha regulación máis axeitada a súa natureza: mellorar os estatutos, desenvolver órganos de garantías e recursos para os socias, crear o órgano de intervención de contas, restrinxir o Consello Reitor a quen teñan intereses persoais que defender, etc.
5- O presidencialismo de Pablo Álvarez, que actúa como si o presidente fose un órgano independente da Coop, e non un membro máis dun órgano colexiado, o Consello Reitor, que é quen marca directrices e toma decisións. Todo isto foi usurpado nos últimos meses polo presidente ao resto de membros. Lamentablemente, a algúns, parece non importarlles.
6- Entre esa regulación imprescindíbel, atópase un protocolo de contratación de persoal, necesario para abordar futuras contratacións e, cuxa ausencia, xerou malestar xa no pasado entre socios polo que que consideraron un “tongo” a que deica agora é a única contratación da coop.
7- A incapacidade de prever problemas e resolvelos en tempo e prazo. Isto ocorreu xa coa renovación, precisamente, desa persoa contratada.
8- A filtración aos medios de falsas noticias en momentos importantes, como sucedeu antes da última asemblea xeral ordinaria, como que “Nosa Enerxía vai comezar a producir enerxía” cando nin sequera está aprobado pola asemblea nin polo Consello Reitor realizar a longa e ardua tramitación burocrática, e imprescindíbel, para converterse en produtores.
9- Unha das cousas que máis nos debería preocupar aos socios-consumidores, porque aquí somos fundamentalmente consumidores, é a ineficiencia do Consello Reitor para conseguir bos prezos da luz para tódalas persoas socias, xa que unha vez máis, nos convertemos nunha das comercializadoras máis caras do mercado.